Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2001 pola que se lle dá publicidade ó acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as centrais sindicais CSI-CSIF, CIG, UGT, SPJ-USO e CC.OO., con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a mellora do funcionamento da xustiza no marco do artigo 12 do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as centrais sindicais representativas do persoal ó servicio da Administración de Xustiza, no marco da mesa sectorial de negociación deste colectivo, negociaron determinados programas de actuación e a correlativa contraprestación retributiva no marco do vixente artigo 12 do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino.

Como froito da citada negociación a Consellería de Xustiza, Interior y Relacións Laborais e as centrais sindicais CSI-CSIF, CIG, UGT, SPJ-USO e CC.OO, e logo de información ás asociacións profesionais, acordaron os obxectivos e plans de actuación que, escoitado o Consello Xeral do Poder Xudicial, se porán en vigor nos termos acordados e que por medio de anexo se fan públicos.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2001.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Directora xeral de Xustiza

ANEXO

Acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as centrais sindicais CSI-CSIF, CIG, UGT, SPJ-USO e CC.OO., con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a mellora do funcionamento da xustiza no marco do artigo 12 do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro.

Polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, prodúcese o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza, funcións e servicios que asume a Comunidade Autónoma polo Decreto 438/1996, do 20 de decembro, asignándoas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, con efectividade do 1 de xaneiro de 1997.

O aspecto retributivo deste persoal está regulamentado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, e mais polo Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios dos corpos de médicos forenses, técnicos facultativos do Instituto de Toxicoloxía, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, técnicos especialistas, auxiliares de laboratorio do Instituto de Toxicoloxía

e axentes de laboratorio a extinguir do Instituto de Toxicoloxía.

O vixente artigo 12 do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios implicados, establece que polo cumprimento de obxectivos establecidos nos programas concretos de actuación que determine o, como sería o caso, órgano equivalente á Dirección Xeral de Relacións coa Administración de xustiza na Comunidade Autónoma con competencias asumidas, poderán percibir ata un máximo de 16 puntos mensuais. Estes programas determinaranse logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas e asociacións profesionais, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, e dentro das cantidades asignadas orzamentariamente para eles.

O cumprimento dos programas esixe o establecemento dunha serie de obxectivos concretos, tales como sobrecargas de traballo, diminución de atrasos, posta en marcha de proxectos informáticos, atención ó público nas linguas propias das comunidades autónomas, así como outros que poidan establecerse, necesarios para a consecución daqueles, que poderán cifrarse ou non na realización dunha maior xornada e que serán avaliados mensual, trimestral ou semestralmente.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co obxectivo de acadar unha racionalización dos cadros de persoal dos órganos xudiciais galegos, logo de negociación coas organizacións sindiciais, iniciará o proceso normativo da súa modificación, tendendo á adaptación da Administración de xustiza ás necesidades derivadas das novas normas procesuais e de organización. A medida en ningún caso significará reducción do total dos funcionarios existentes na actualidade.

Neste senso, e coa finalidade de acadar unha mellora no funcionamento da Administración de xustiza, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e as centrais sindicais representativas do persoal ó servicio da Administración de xustiza no marco da Mesa Sectorial de Negociación deste colectivo, acadaron un acordo no ano 2000, que quedou en suspenso en xaneiro deste ano, iniciándose novamente a negociación de determinados programas de actuación e a correlativa contraprestación retributiva. Como froito da citada negociación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e as centrais sindicais CSI-CSIF, CIG, UGT, SPJ-USO e CC.OO,

ACORDAN:

Primeiro.-O ámbito obxectivo do presente acordo consiste no establecemento dun complemento no marco do artigo 12 do Real decreto 1909/2000, coa finalidade de acadar unha mellora no funcionamento da Administración de xustiza, e polo que atinxe ó ámbito subxectivo, segundo permite a citada disposición, serán os integrantes dos corpos funcionariais ó servicio da Administración de xustiza, tanto

titulares como interinos destinados en agrupacións de forensías, órganos xudiciais e fiscais da Comunidade Autónoma galega que, voluntariamente, decidan participar neste programa.

Segundo.-A mellora do funcionamento da Administración de xustiza, pola súa incidencia xeral, céntrase entre outros aspectos no fomento da presencia efectiva no posto de traballo, evitando ausencias que respondan a causas non xustificadas, polo que deberán acreditarse as ausencias totais ou parciais ó posto de traballo mediante un parte ou informe médico xustificativo. Este xustificante será esixido desde o segundo día de ausencia total ou parcial.

Cando, segundo o citado parte ou informe, a enfermidade se prevexa dunha duración superior ós cinco días de ausencia, deberá tramitarse, así mesmo, a correspondente solicitude de licencia por enfermidade.

Terceiro.-Ademais, vinculados á atención ó cidadán e a mellora-lo rendemento, os seguintes obxectivos:

a) A implicación do funcionario no labor común do centro de traballo, así como o apoio mutuo en momentos determinados para a realización de tarefas equivalentes, todo isto co fin de propicia-lo impulso dos expedientes e a mellora na atención ó cidadán. Procurarase especialmente que as curtas ausencias dun ou varios funcionarios por enfermidade ou outros motivos afecten o mínimo posible o rendemento da oficina, evitando acudir a reforzos e interinidades.

b) A colaboración e cumprimento das instruccións dos órganos competentes en materia de organización do traballo, especialmente no eido dos programas e actuacións para a optimización do gasto corrente dos xulgados e tribunais, con principal atención naqueles tendentes á racionalización do gasto en comunicacións telefónicas e telegráficas, locomocións por medio de taxis, material consumible e outros.

c) A implicación do persoal da Administración de xustiza no eido da normalización lingüística e en garanti-lo cumprimento dos dereitos lingüísticos dos usuarios.

d) A implicación na utilización das novas tecnoloxías.

e) A identificación do funcionario de cara ó cidadán en cumprimento da normativa vixente.

f) Potencia-la creación de servicios comúns (tales como os de tramitación e apoio, atención ó cidadán, atención á víctima), que redunden nunha mellor organización e aproveitamento dos medios materiais e do persoal ó servicio da Administración de xustiza.

As peculiaridades destes servicios (protocolos de actuación, complementos e horario), serán obxecto de negociación, logo da súa entrada en funcionamiento, coas organizacións sindicais.

Cuarto.-Tódolos funcionarios quedan incorporados ó ámbito do programa establecido polo presente acordo, salvo que expresamente manifesten o contrario, sen que a dita manifestación impida a súa incorporación futura.

Para a debida acreditación en nómina será necesaria unha certificación inicial do titular ou secretario do órgano xudicial, fiscalía ou xulgado cabeceira da agrupación de forensía.

Co obxecto da actualización e seguimento do programa, os titulares ou secretarios remitirán, se é o caso, mensualmente certificación coas alteracións das circunstancias do mesmo, xa sexa por cambios de destino dos funcionarios ou baixa voluntaria no programa; así mesmo, a certificación reflectirá o caso dos funcionarios que incumpriran o programa.

A certificación enténdese sen prexuízo das facultades de inspección do seguimento do programa polos órganos competentes.

O incumprimento do programa que resulte da certificación ou do resultado da inspección dará lugar á non percepción do complemento retributivo do mes correspondente e a suspensión da aplicación do programa. O incumprimento reiterado, entendendo por tal o que teña lugar en dous meses consecutivos ou tres alternos nun período de seis meses, dará lugar a exclusión do funcionario implicado da aplicación do presente programa, sen que poida admitirse de novo a el antes de transcorreren outros seis meses.

No caso de baixas ou licencias regulamentarias, percibirase igualmente o dito complemento.

Os funcionarios implicados nestas medidas acreditarán na súa nómina a contía de:

1. No período comprendido entre xullo do ano 2001 ata decembro do ano 2001, ambos inclusive, o complemento económico será de 6.000 pesetas/mes.

2. No período comprendido entre xaneiro do ano 2002 ata decembro do ano 2002, ambos inclusive, o referido complemento será de 10.106 pesetas/mes.

O devengo económico das cantidades anteriores, ou da parte proporcional no caso de reducción de xornada, será mensual na nómina do funcionario, iniciándose o seu aboamento no mes de xullo do ano 2001, todo isto sen prexuízo de que, constatada a baixa voluntaria, traslado forá da Comunidade Autónoma ou incumprimento en meses polos que se tivese aboado o complemento, detraeranse da nómina as cantidades indebidamente percibidas.

Quinto.-O presente acordo entrará en vigor a partir do 1 de xullo do ano 2001, trala correspondente tramitación, e estenderá a súa vixencia de xullo do ano 2001 a decembro do ano 2002, ambos inclusive; sendo prorrogable durante os primeiros seis meses do ano 2003, prazo durante o que se negociará un novo acordo.

Para o suposto de variación da regulamentación de calquera orde no réxime xurídico ou sistema retributivo do persoal ó servicio da Administración de xustiza afectado polo presente acordo, que supoña modificación á alza das retribucións básicas, quedará o presente acordo resolto con efectividade do mes seguinte á vixencia da nova norma retributiva.

Respecto das modificacións nas retribucións complementarias fixas, agás as que estean en tramitación na actualidade ou pendentes da súa publicación no día da data, os ditos incrementos poderán ser absorbidos minorándose ás cantidades previstas no punto cuarto do presente acordo.

En todo caso, respectaranse as modificacións retributivas derivadas da variación da Lei de orzamentos xerais do Estado.

Sexto.-Constituirase unha comisión de seguimento formada por un membro de cada organización sindical asinante do acordo, podendo ter cada un deles o correspondente substituto, e un número igual de representantes da Administración, con funcións de información, seguimento e asesoramento no que atinxe á aplicación do complemento retributivo fixado no presente acordo.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2001.

Pola Administración autonómica, Antonio Pillado Montero, Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Polas organizacións sindicais asinantes: CSI-CSIF, Manuel Díaz Mato; CIG, Delimio Durán Garrido; UGT, Pedro Galán Horro; SPJ-USO, Manuel Pena Ridavadulla e CC.OO., Ángel Garmendia Díaz.