Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xullo de 2001 pola que se amplía o prazo para a elaboración e para a presentación de solicitudes ó abeiro da Orde do 27 de abril de 2001, pola que se establece o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, e se engade unha nova disposición adicional.

No ano 2001 instrumentouse un programa específico de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral establecido na orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 27 de abril de 2001 (DOG número 92, do 14 de maio), coa finalidade, como se di no artigo 1 e no preámbulo da orde, de impulsa-la aceleración do incremento da estabilidade nun enfoque global de cambio estructural do emprego temporal en indefinido, a partir da media acadada a nivel de Galicia e na empresa no ano 2000, co obxecto de favorece-la consolidación do emprego estable e de calidade no conxunto das empresas galegas.

Para corrixi-las disfuncións que levará consigo unha interpretación literal do artigo 5.1º a) da Orde do 27 de abril, contraria ó espírito e finalidade da norma cunha orientación clara de apoio á creación e consolidación do emprego fixo para impulsa-lo incremento da taxa de estabilidade en Galicia, considerouse necesario engadir unha nova disposición adicional que clarifique a inclusión no ámbito de

aplicación dos incentivos a aquelas empresas que prevexan un incremento do cadro de persoal fixo que leve consigo unha taxa de estabilidade na execución do plan do 100% e que, por teren unha taxa de estabilidade na media do ano 2000 superior ó 97%, non poden superala en 3 puntos.

Esta clarificación dos supostos incentivables, acorde cunha interpretación finalista e sistemática da Orde do 27 de abril, non prevé novas inclusións aínda que si aconsella unha ampliación do prazo para a elaboración dos plans e para a presentación de solicitudes ata o 31 de xullo de 2001, o que, por outra parte, ó tempo que modifica as bases establecidas na anterior, determina a necesidade de dictar unha norma de carácter xeral con rango de orde.

Por todo o exposto e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Disposición adicional sexta.

Engádese unha nova disposición adicional á Orde do 27 de abril de 2001, pola que se establece o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, co texto seguinte:

«Disposición adicional sexta: Poderán acollerse ós incentivos previstos nesta orde as empresas cunha taxa de estabilidade superior ó 97%, na media do ano 2000, que prevexan a través do plan un incremento do cadro de persoal fixo que implique acadar ou manter unha taxa de estabilidade do 100%, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria do programa».

Artigo 2º.- Ampliación do prazo para a elaboración dos plans e para a presentación de solicitudes.

O prazo para a elaboración dos plans empresariais de incremento da estabilidade laboral e para a presentación de solicitudes ó abeiro da Orde do 27 de abril de 2001, pola que se establece o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral (DOG número 92, do 14 de maio), se amplíase ata o 17 de agosto de 2001.

Na súa consecuencia, quedan modificadas as mencións ó dito prazo recollidas, entre outros, nos artigos 2º, 5º e 8º, da Orde do 27 de abril, que deben entenderse referidas ó 17 de agosto de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude