Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de xuño de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación para a Defensa dos Consumidores (Fundeco) e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio.

Con data do 26 de febreiro de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 7 de febreiro de 2001, pola que se clasifica como de interese social a Fundación para a Defensa dos Consumidores (Fundeco) e se adscribe á Consellería de Industria e Comercio, que terá que exerce-lo protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade a) Fomenta-lo coñecemento e a difusión dos dereitos dos consumidores e usuarios. b) Contribuír á formación e información dos consumidores e usuarios. c) Promover a través de tódolos medios de actuación posibles o desenvolvemento e progreso dos consumidores e usuarios, así como velar pola súa protección contra os riscos que poidan afecta-la súa seguridade, saúde e patrimonio. d) A correcta formación, información e educación ós consumidores e usuarios sobre temas de interese colectivo e, de maneira especial, fomenta-las pautas de consumo que impliquen unha utilización racional dos recursos naturais e sexan respectuosos con tal fin. e) Contribuír ó estudio e á investigación das formas de participación dos consumidores e usuarios nos programas e accións de protección, cooperación e defensa dos seus dereitos económicos e sociais. f) Velar polo dereito dos consumidores e usuarios e polo

seu dereito a ser reparados os danos e perdas que se lles causen con ocasión do consumo. g) A participación nos procedementos de elaboración de disposicións xerais que afecten directamente ós intereses dos consumidores e usuarios. h) A protección xurídica, administrativa e técnica nas situacións de inferioridade, subordinación ou indefensión. i) Promover e realizar toda clase de actividades e servicios de orientación, asesoramento en materia fiscal, eco

nómica e xurídica dos consumidores e usuarios, así como realizar actividades de colaboración neste campo con outras entidades que teñan similares fins de defensa de interese colectivo.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para a Defensa dos Consumidores (Fundeco) ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para a Defensa dos Consumidores (Fundeco) na sección do Rexistro de Fundacións da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio