Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de xullo de 2001 pola que se articulan axudas no marco do Programa de Mellora Gandeira de Galicia.

De acordo coas liñas marcadas no Programa de Mellora Gandeira de Galicia, é preciso regular deter

minadas axudas destinadas a presta-lo apoio técnico ó sector agrario co que se consegue mellora-la eficacia e a profesionalidade do sector na Comunidade, contribuíndo á súa viabilidade a longo prazo e afectando en moi escasa medida as condicións da competencia; así mesmo, é preciso regula-las axudas para fomenta-lo mantemento e a mellora da calidade xenética da cabana gandeira de Galicia.

Polo que se refire ó apoio ós libros xenealóxicos e ó control de rendementos, a experiencia adquirida desde que se puxo en marcha o Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX) e o desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia do sector do gando vacún dentro da renda agraria da Comunidade Autónoma de Galicia, aconsellan continua-las accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación ó sector gandeiro de novos criterios de manexo e de mellora xenética. As novas orientacións a nivel nacional e internacional no desenvolvemento destes programas fan das asociacións e agrupacións de productores unha canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garantía da súa viabilidade futura.

Os libros xenealóxicos son a base de tódolos programas de mellora xenética, ó seren os arquivos dinámicos oficiais que conteñen a información xenealóxica e productiva dos animais inscritos, permitindo estima-lo seu mérito xenético e servindo para toma-las decisións sobre cómo orienta-la mellora xenética en cada raza.

Nun mercado máis profesionalizado, os animais inscritos acadan un valor económico maior, contribuíndo por unha parte a aumenta-los beneficios derivados da súa comercialización, e por outra a estimula-la recría de animais selectos que prestixian o labor dos seus criadores e, por ende, do proceso de selección.

A comprobación dos rendementos do gando en Galicia ten por obxecto o estudio e a determinación dos parámetros productivos necesarios para documenta-los programas de mellora xenética e de manexo. Cumpre dúas funcións, por unha banda achega unha valiosa información sobre aspectos productivos, reproductivos e sanitarios dos animais, que unha vez procesados permiten a súa utilización na xestión técnica da granxa. E por outra a información dos datos productivos é fundamental, xunto coa cualificación morfolóxica, para realiza-las avaliacións xenéticas dos animais.

A aplicación a nivel de explotación de programas innovadores na cría animal é unha vía para incorpora-las novas tecnoloxías en materia de producción animal ás explotacións galegas. En relación ás razas de gando vacún de maior productividade da nosa Comunidade (Frisona e Rubia Galega); estes programas fundaméntanse na necesidade de aplica-las tecnoloxías punteiras en materia de xenética animal para que os gandeiros galegos estean á vangarda no progreso xenético e na optimización no manexo dos rabaños. No caso das seguintes razas autóctonas galegas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Cabalo de Pura Raza Galega, Ovella Galega, Porco Celta e Galiña de Mos, este tipo de programas de características innovadoras en materia de fomento e conservación destes recursos xenéticos xustifícanse para evita-la erosión xenética, a perda de bio

diversidade e o aumento de consanguinidade, de xeito que se poida facer unha promoción orientada a mante-la adaptabilidade ó medio, servindo así para a utilización de recursos naturais de difícil aproveitamento.

A realización de programas zoosanitarios de xestión zootécnica, selección e reproducción animal, formación de técnicos e de gandeiros, manexo da explotación, etc., son algunhas das actividades que permiten acada-la mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios cunha clara repercusión na economía da explotación, sendo as agrupacións de gandeiros a vía axeitada para a realización de actividades que garantan a viabilidade das explotacións e a competencia dos seus productos no mercado.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto:

a) Convocar e regula-las axudas de apoio ós libros xenealóxicos de gando frisón e das razas autóctonas de Galicia.

b) Convocar e regula-las axudas para a realización do control de rendementos neste gando.

c) Convocar e regula-las axudas para a realización de programas innovadores de cría.

d) Convocar e regular axudas para programas de xestión zootécnica e de planificación zoosanitaria.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Finalidade.

Os fins que se pretenden acadar con esta orde son os seguintes:

a) O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas mediante o desenvolvemento de programas de mellora xenética baseados no estudio e a determinación de parámetros productivos.

b) A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética e producción animal tralo desenvolvemento de programas innovadores de cría establecidos para tal fin. A instauración destes programas nas razas autóctonas ten como obxectivo fundamental o fomento, a conservación e a promoción delas para mellora-la súa adaptación ó medio de cara a aumenta-la eficiencia no aproveitamento dos recursos naturais.

c) A mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios e das calidades nas súas produccións baseadas na xestión zootécnica e planificación zoosanitaria dos rabaños.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas os gandeiros, as asociacións ou agrupacións de gandeiros e as súas federacións recoñecidas oficialmente. Tamén enti

dades locais e outras entidades sen ánimo de lucro relacionadas co sector agrario, formalmente constituídas, que desexen realizar actividades encamiñadas á mellora da eficacia dos sistemas productivos e das calidades nas súas produccións, ou apoien a realización deste tipo de programas, e que presenten un programa de actuación de acordo co contido desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (en diante consellería), ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, de acordo cos modelos dos anexos I, II, III ou IV.

Á solicitude xuntaráselle a documentación requirida de acordo co tipo de axuda que se solicite, e que será a que se cite no capítulo VI.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, salvo:

a) Para os programas de planificación zoosanitaria, que será de 90 días naturais.

b) Para os gandeiros de raza Frisona que se incorporen ó control leiteiro ó longo deste ano, que presentarán a súa solicitude de subvención no mes de outubro deste ano.

O expediente será resolto polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria ou polo director do Ilgga, segundo proceda. A consellería comunicará, no prazo de cinco meses, contados a partir do día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a aprobación ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no dito prazo entenderase desestimatoria das peticións de axuda.

As resolucións do conselleiro poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación; ou ben poderán ser impugnadas directamente perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación.

As resolucións do director do Ilgga non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá presentarse recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación.

Artigo 6º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto. En calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes

ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 7º.-Criterios de adxudicación e control da execución dos programas.

Os servicios técnicos da consellería poderán establece-los índices e baremos necesarios para a mellor tramitación das axudas reguladas por esta orde, en función do número de explotacións e reses amparadas polos programas e dos previsibles beneficios derivados do desenvolvemento deles.

Artigo 8º.-Modificación das axudas.

As subvencións ás que se refire esta orde serán consideradas como subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, en función da realización dos programas propostos, por limitacións orzamentarias ou cando exista concorrencia doutras axudas oficiais.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Artigo 9º.-Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Xustificacións.

Os beneficiarios deberán comunica-la finalización da execución do programa antes do 15 de novembro, preferentemente á delegación provincial da consellería, xuntando os xustificantes de investimento e unha memoria explicativa sobre a súa realización, se é o caso.

Para poder percibi-la axuda, o beneficiario terá que acreditar que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A consellería poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias co obxecto de comproba-la realización das actuacións subvencionables.

Artigo 12º.-Financiamento.

As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo ós seguintes conceptos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de

Galicia para o 2001, aprobados pola Lei 4/2000, do 27 de decembro:

a) 09.03.613-A.760.0 Programas sanitarios especiais: 8.000.000 de pesetas.

b) 09.03.613-A.771.0 Agrupacións de defensa sanitaria: 228.765.985 de pesetas.

c) 09.03.614-A.771.0 Plan integral de mellora xenética: 255.000.000 pesetas.

d) 09.03.614-A.775.0 Fomento da mellora tecnolóxica e mecanización común: 190.750.000 pesetas.

e) 09.03.614-A.781.0 Programa de mellora gandeira: 267.392.000 pesetas.

f) 09.03.712-A.773.0 Apoio á eficacia dos sistemas productivos: 137.000.000 de pesetas.

g) 09.60.614-A.782.0 Mellora da eficiacia dos sistemas productivos: 40.000.000 de pesetas.

Estas axudas son cofinanciadas pola Unión Europea.

Capítulo II

Artigo 13º.-Axudas de apoio ós libros xenealóxicos e de apoio técnico ó sector agrario.

Establécense axudas destinadas ás asociacións e ás súas federacións de criadores de gando frisón e das razas autóctonas de Galicia para apoia-los libros xenealóxicos, e axudas de apoio técnico ó sector agrario.

a) Co fin de fomenta-lo mantemento e a mellora da calidade xenética do gando da nosa comunidade, concederanse axudas para a creación e o mantemento dos libros xenealóxicos que poderán acada-lo 100% dos custos administrativos correspondentes, de acordo co disposto no punto 15.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C 28/02) (en diante directrices).

b) Concederanse, así mesmo, axudas para actividades de organización de competicións, exposicións e feiras, incluíndo os custos derivados da participación neles, de ata o 100% dos custos, de acordo co disposto no punto 14.1 das directrices.

c) Concederanse axudas á educación e formación de ata o 100% dos custos subvencionables de acordo co punto 14.1 das directrices.

As asociacións beneficiarias deberán estar recoñecidas oficialmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Artigo 14º.-Axudas destinadas ó control de rendementos.

Establécense axudas destinadas ós gandeiros e ás súas asociacións e federacións recoñecidas oficialmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para apoia-lo control de rendementos do gando frisón e da raza Rubia Galega.

Concederanse axudas para o desenvolvemento das probas destinadas a determina-la calidade xenética

ou o rendemento do gando, que poderán acada-lo 70% dos custos de acordo co disposto no punto 15.1 das directrices.

Capítulo IV

Artigo 15º.-Axudas destinadas á realización de programas innovadores de cría animal.

Establécense axudas para os gandeiros, asociacións e as súas federacións, que desenvolvan programas innovadores de cría animal establecidos pola asociación de criadores ou a súa federación, se é o caso, da raza considerada, e que deberán ser supervisados polos técnicos da consellería.

Establécense axudas para a implantación a nivel de explotación de técnicas ou prácticas innovadoras no ámbito da cría de animais de ata o 40% dos custos subvencionables, de acordo co punto 15.1 das directrices.

Capítulo V

Artigo 16º.-Axudas destinadas a programas de xestión zootécnica e planificación zoosanitaria.

Establécense axudas destinadas ás agrupacións de gandeiros, ás súas federacións e ás entidades relacionadas co sector agrario formalmente constituídas, así como outras entidades, tales como as locais e aquelas sen ánimo de lucro, para prestaren apoio técnico ó sector agrario co obxecto da mellora da súa eficacia e profesionalidade mediante programas de xestión zootécnica e planificación zoosanitaria, que contribúan á súa viabilidade a longo prazo. A porcentaxe da axuda poderá acadar ata o 100% dos custos destas actividades, segundo o punto 14.1 das directrices.

As actividades subvencionables son as seguintes:

a) Servicios de xestión técnica na explotación agraria.

b) Educación e formación: considéranse custos subvencionables os custos reais de organización do programa de formación.

c) Organización de competicións, exposicións e feiras, así como outras actividades de divulgación de novas técnicas.

As contías das axudas para os programas serán proporcionais os seguintes parámetros:

a) Número de explotacións e efectivos incluídos nos programas.

b) No caso de programas de xestión zootécnica no gando vacún, terase en conta a porcentaxe de explotacións leiteiras no control leiteiro. Non obstante, non se subvencionará ningún programa que non inclúa un tercio das súas explotacións en control leiteiro oficial, salvo que a súa orientación sexa a producción de carne.

Os requisitos para que as agrupacións ou federacións poidan acceder a estas axudas son os seguintes:

a) No caso de programas de xestión zootécnica:

-Presentación dun programa zootécnico que deberá ser aprobado pola consellería. Debido á especial

situación epizootiolóxica actual, éste deberá sempre ir xunto cun programa sanitario.

-Dispor de alomenos un facultativo responsable contratado con dedicación exclusiva para o desenvolvemento do programa.

b) No caso de programas de planificación zoosanitaria:

-Que a agrupación estea recoñecida pola consellería como agrupación de defensa sanitaria.

-Presentar un programa sanitario común aprobado pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

-Dispor de alomenos un facultativo veterinario contratado responsable de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados, e que este estea recoñecido pola Comunidade Autónoma.

Artigo 17º.-Contía máxima de determinadas axudas.

A contía máxima das axudas concedidas de acordo coa sección 14 de apoio técnico ó sector agrario das directrices, concretamente as incluídas nas letras b) e c) do artigo 13, e en tódolas letras do artigo 16 desta orde, non poderán supera-los 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres anos ou, tratándose de axudas concedidas a explotacións que respondan á definición de pequenas e medianas empresas da comisión, non poderán superar un 50% dos custos subvencionables, segundo cál sexa a cifra máis favorable. Para o cálculo da contía da axuda considerarase que o beneficiario é a persoa á que se lle prestan os servicios.

Capítulo VI

Artigo 18º.-Documentación.

Ás solicitudes xuntaráselles, ademais da documentación específica de cada programa, se é o caso, a seguinte:

18.1. Para as axudas ós libros xenealóxicos e á comprobación de rendementos:

18.1.1. Para as agrupacións:

-Solicitude segundo anexo I.

-Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante e os seus estatutos, se é o caso.

-Fotocopia do código de identificación fiscal.

-Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso da axuda.

-Memoria do programa que se pretende desenvolver e medios humanos e materiais necesarios, se é o caso. Obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

-Avaliación económica do investimento que se vai realizar.

-Avaliación económica da subvención solicitada.

18.1.2. Para as ganderías individuais:

-Solicitude segundo anexo II.A para gandeiros en control leiteiro oficial e segundo o anexo II.B para gandeiros da raza Rubia Galega.

-Fotocopia do CIF ou NIF, se é o caso.

-Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso da axuda, se é o caso.

18.2. Para as axudas destinadas á realización de programas innovadores de cría animal:

-Solicitude segundo anexo III.

-Fotocopia do DNI/NIF ou CIF, segundo o caso.

-Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso da axuda.

-Fotocopia cotexada da folla de saneamento gandeiro en vigor, se procede.

-Memoria do programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

-Certificación emitida polos técnicos responsables do programa do grao de cumprimento técnico do programa, se é o caso.

-Certificado emitido por cada un dos respectivos libros xenealóxicos dos animais inscritos, se é o caso.

18.3. Para as axudas a programas de xestión zootécnica e planificación zoosanitaria.

-Solicitude segundo o anexo IV.

-Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

-Relación informatizada segundo a estructura da base de datos indicada no anexo V no que se inclúan os datos das explotacións de gando acollidas ós programas de xestión zootécnica ou de planificación zoosanitaria.

-Fotocopia do código de identificación fiscal.

-Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

-Memoria do programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

-Contrato dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso.

-Fotocopia cotexada do título dos técnicos, se é o caso.

-Declaración xurada de exclusividade dos técnicos responsables dos programas de mellora, se é o caso.

-Factura pro forma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria