Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 20 de xullo de 2001 Páx. 9.918

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de xullo de 2001 pola que se modifica a do 6 de xullo de 2001 pola que se establece o procedemento para a concesión das subvencións aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001 para as obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001.

A Orde do 6 de xullo de 2001, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establece o procedemento para a concesión das subvencións aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia de 5 de xullo de 2001 para obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001, establecía no último parágrafo do punto segundo e nos puntos terceiro e cuarto tanto os prazos de presentación de solicitudes e da documentación que debía aportarse, segundo o disposto na propia orde, como os prazos de resolución pola Consellería de Economía e Facenda.

Os prazos de presentación de solicitudes e documentación fixáronse de acordo cos establecidos na orde do Ministerio de Administracións Públicas do 10 de maio de 2001, xa que a documentación que debía remitirse a ámbalas administracións públicas era a mesma. Tendo en conta que a Administración do Estado concedeu unha prórroga para a remisión da documentación establecida no apartado cuarto da dita orde, cómpre ampliar tamén os prazos concedidos na Orde do 6 de xullo de 2001, da Consellería de Economía e Facenda.

Por todo o exposto

DISPOÑO:

Primeiro.-Modifícase o último parágrafo do punto segundo da Orde do 6 de xullo de 2001, que quedará redactado do xeito seguinte:

«A Consellería de Economía e Facenda, á vista da citada relación e do programa de financiamento, asignaralles as subvencións correspondentes a este punto segundo, ás deputacións provinciais, non máis tarde do 30 de setembro de 2001».

Segundo.-Modifícase o punto terceiro da Orde do 6 de xullo de 2001, que quedará redactado como segue:

«As solicitudes, así como o resto da documentación que deba achegarse segundo os puntos anteriores,

deberá ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda, con data límite do 10 de setembro de 2001».

Terceiro.-Modifícase o parágrafo primeiro do punto cuarto da Orde do 6 de xullo de 2001, que terá a seguinte redacción:

«A Consellería de Economía e Facenda, á vista da documentación recibida, resolverá a concesión individualizada das subvencións correspondentes ó punto primeiro desta orde, non máis tarde do 30 de setembro de 2001».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2001.

Jose Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda