Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 24 de agosto de 2001 Páx. 11.350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de xullo de 2001 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro privado Aprevar de Lugo, para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de carrocería.

Examinado o expediente instruído por instancia de Luis Abelleira Mayor, solicitando autorización para a apertura e funcionamento do centro privado Aprevar, de Lugo, para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de carrocería.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de otubro), de ordenación xeral do sistema educativo; Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31 de xaneiro) pola que se regulan determinados aspectos relativos á autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995 do 10 de maio (Diario Oficial de Galicia do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia 15 de decembro), que desenvolve o antedito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento do centro privado Aprevar de Lugo, para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de carrocería, segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Para as ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento adecuado para imparti-las ditas ensinanzas.

Terceiro.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Cuarto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Lugo.

Concello: Lugo.

Localidade: Lugo.

Enderezo: estrada de Vegadeo nº 56.

Código do centro: 27020641.

Denominación: centro privado Aprevar.

Titular: Aprevar.

Ensinanzas que se autorizan:

Familia profesional: mantemento de vehículos autopropulsados.

1 ciclo formativo de grao superior de carrocería (2 unidades, 20 postos escolares/unidade).