Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 20 de setembro de 2001 Páx. 12.522

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de efectos ambientais do 25 de febreiro de 2000 do proxecto de selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns, no concello de Pontevedra, promovido pola mancomunidade para o servicio do vertedoiro de residuos sólidos urbanos dos concellos de Pontevedra e Sanxenxo.

Antecedentes.

Segundo o previsto no Programa de Rexeneración de Espacios Degradados recollido na Resolución do 28 de outubro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, pola que se acorda facer pública a adaptación do Plan de Xestión de RSU de Galicia, calquera actuación de clausura e selaxe de vertedoiros requirirá unha declaración de efectos ambientais se o volume dos residuos é superior a 300.000 m.

Tendo en conta que o volume de residuos no vertedoiro do Rapadiño supera os 300.000 m, o seu proxecto de selaxe foi cualificado como sometido á tramitación establecida no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia (DOG do 15 de outubro), que establece a obriga de formular declaración de efectos ambientais (DEA), con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade obxecto do proxecto.

O proxecto de construcción do vertedoiro do Rapadiño foi aprobado en sesión plenaria do Concello de Pontevedra con data 22 de xuño de 1985, presentándose o proxecto para o seu selaxe perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en data 25 de setembro de 1998.

O proxecto ten como obxectivo reorganiza-la actual masa de RSU, estabilizando as súas ladeiras, para o que se ocuparán terreos situados entre a estrada PO-224 e o actual vertedoiro. Ademais, prevé a impermeabilización da súa superficie para evitar infiltracións de augas pluviais minimizando a producción de lixiviados que serán recollidos e evacuados a unha planta de tratamento físico-químico. Formula tamén a extracción e queimado dos gases

xerados na masa de RSU e a rexeneración da cuberta mediante a súa revexetación.

Actualmente, o vertedoiro está cuberto en parte por matogueira, e os regos cercanos atópanse afectados pola contaminación producida polos lixiviados.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas correctoras previstas no estudio de efectos ambientais presentado.

En data do 23 de outubro de 1998 solicítase ó promotor que presente un estudio de efectos ambientais do proxecto de selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns, estudio que se presenta axeitadamente o 28 de outubro de 1999.

En cumprimento do establecido no artigo 2 punto 4º, do Decreto 327/1991, e con data 10 de xaneiro de 2000 (DOG nº 5), someteuse a información pública o estudio de efectos ambientais do proxecto de selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns mediante Resolución do 3 de decembro de 2000. O resultado deste trámite recíbese o 18 de febreiro de 2000, tendo constancia da presentación dunha alegación por parte de Juan Martínez Fernández. No anexo II aparece un resumo do contido desta alegación.

A alegación presentada, concretamente o referente ós efectos ambientais sobre as augas superficiais, foi tida en conta no punto 1.4. da presente declaración.

O 10 de decembro de 1999, consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública, non téndose recibido informe no prazo en que se solicitou.

Sobre o contido do proxecto e do estudio de efectos ambientais presentados, e os resultados de información pública, este órgano ambiental impón no condicionado desta DEA as medidas e condicións que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

Realizada a tramitación, conforme se establece no artigo 2 punto 5º do Decreto 327/1991, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de efectos ambientais do Proxecto de Selaxe do Vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns no Concello de Pontevedra, promovido pola mancomunidade para o servicio de vertedoiro de residuos sólidos urbanos dos Concellos de Pontevedra e Sanxenxo.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas correctoras.

O anexo II inclúe resumo da alegación presentada no trámite de información pública.

Declaración de efectos ambientais.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor:

-Proxecto: selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns. Ano 1998.

-Estudio de impacto ambiental. Proxecto: selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns. Outubro 1999.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de efectos ambientais as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental presentado, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, e co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o establecido no estudio ambiental presentado e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Condicións xerais.

1.1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de efectos ambientais refírese en exclusiva ó proxecto de selaxe do vertedoiro do Rapadiño, situado na parroquia de San Vicente de Cerponzóns, no concello de Pontevedra (Pontevedra).

1.2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Tanto na fase de realización das obras de selaxe, na que se realizarán voaduras, como na fase posclausura, na que funcionarán as bombas para a extracción de lixiviado, rexerá o dispoto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG de 20 de agosto), así como o disposto, se é o caso, nas ordenanzas municipais ó respecto.

Tendo en conta que para a realización da plataforma de estendido de RSU realizarase excavación e voadura da ladeira da montaña, deberá presentarse perante esta dirección xeral o estudio acústico indicado no punto 2.1. da DEA e, de acordo co disposto no artigo 11 do capítulo III do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, conterá unha memoria ténica, o seu orzamento e unha serie de planos:

No caso de ruído aéreo:

-Definición do tipo de actividade.

-Horario previsto.

-Niveis sonoros de inmisión.

-Identificación das fontes sonoras máis destacables da actividade e valoración do seu nivel acústico.

-Localización e descrición das características da zona máis probable de recepción do ruído orixinado na actividade, sinalando expresamente os límites de ruído legalmente admisibles na devandita zona.

-Valoración, en función dos datos anteriores, da necesidade do illamento acústico ó ruído aéreo.

-Deseño, se é o caso, da instalación acústica proposta, con descrición dos materiais utilizados e detalles constructivos da súa montaxe.

-Xustificación analítica da validez da instalación proposta.

Planos:

-Plano de situación da actividade, en relación con vivendas, instalacións sanitarias ou edificios docentes.

-Planos de illamento acústico 1/50, con detalles 1/5 dos materiais, espesores e xuntas.

1.3. Sobre a calidade do aire.

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisións de po á atmosfera, especialmente durante a fase de realización dos traballos de selaxe, debidas á acción da maquinaria e ós movementos de terra e residuos, deberase cumprir cos límites establecidos no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico, para o que se procederá á humectación das zonas de explanación nos períodos de seca, coidando de non xerar verteduras líquidas.

En canto ás emisións de vehículos e maquinaria pesada a empregar durante a fase de obra, reduciranse mediante o seu axeitado mantemento.

Terase especial coidado coa xeración de olores debidos ó movemento e compactación dos residuos, e ó biogás evacuado a través dos pozos de desgasificación durante a fase posclausura do vertedoiro. Para iso terase en conta a influencia da climatoloxía na xeración de olores, intentando que no momento de realiza-los movementos de residuos, as condicións sexan de baixa temperatura, ausencia de vento e pluviosidade mínima.

Durante a fase de obras, en tódolos procesos de escavación de residuos procederase á súa aireación, co fin de evitar explosións que poderían ser debidas á xeración de atmosferas explosivas.

Disporanse os elementos necesarios para garantir que a recollida e tratamento do biogás durante a fase posclausura se leve a cabo de forma que se reduza ó mínimo o dano ou deterioración do ambiente e o risco para a saúde humana. Con este fin, a cuberta do vertedoiro incluirá unha capa de drenaxe de gases por debaixo da lámina de impermeabilización, debendo adecua-los pozos de desgasificación para a extracción do gas recollido nesta capa drenante.

No referente ó control do bo funcionamento do sistema de extracción de gases, vixiaranse as condicións de funcionamento do sistema de desgasificación e da planta de tratamento de biogás, comprobándose a eficacia destes sistemas e controlándose as emisións do facho de queimado co fin de valora-la súa incidencia no ámbiente atmosférico.

Ademais, realizarase unha analítica semestral que sexa representativa da composición do biogás extraído do vertedoiro, determinando a concentración dos seguintes compostos e o caudal de gas queimado:

ParámetroUnidades

Metanomg/Nm

Monóxido de carbono mg/Nm

Dióxido de carbonomg/Nm

Sulfhídricomg/Nm

1.4. Sobre as augas.

Para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía de leitos, consecuencia da realización do proxecto, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia, o que deberá ser tido en conta ó estar o rego Pozo Negro moi preto da localización.

Durante a fase de obras, as augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos destinados ós operarios conduciranse a un sistema de depuración de augas fecais que garanta o seu axeitado tratamento.

Terase en conta na súa execución dos movementos de terras e residuos que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de encharcamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das gabias de intercepción proxectadas, e co fin de asegurar que a súa incorporación ó medio se realice sen producir fenómenos erosivos, dispoñéndose elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura. Nestes puntos, os valores límite de vertedura, para os parámetros que se indican a continuación, serán os seguintes:

Parámetro (unidades)Valor límite

pH5, 5-9, 5

Sólidos en suspensión (mg/l)80

Materiais sedimentables (ml/l)0,5

Sólidos grososAusentes

Durante a etapa posclausura do vertedoiro garantirase o axeitado tratamento dos lixiviados enviándoos á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Pontevedra, segundo o indicado no estudio ambiental. Estes lixiviados deberan controlarse mediante medida do seu volume e análise semestral dos parámetros indicados na seguinte táboa:

ParámetroUnidade

pH

Sólidos en suspensión mg/l

Materias sedimentables ml/l

Sólidos grosos mg/l

ParámetroUnidade

D.B.O. mg/l

D.Q.O.mg/l

Cor Estimada sobre 10 cm

de mostra diluída

Ferro mg/l

Cobre mg/l

Cincmg/l

Cloruros (mg/l)mg/l

Sulfuros (mg/l)mg/l

Sulfitos (mg/l)mg/l

Sulfatos (mg/l)mg/l

Fósforo total (mg/l)mg/l

Nitritos mg/l

Nitratosmg/l

Amoníaco non ionizadomg/l

Amoníaco ionizadomg/l

Aceites e graxas (mg/l)mg/l

ConductividadeS/cm

Nas augas superficiais do rego Barbeita (afluínte do río Rons) e do rego Pozo Negro (afluínte do río Granda), que están afectadas polo vertedoiro, efectuarase unha analítica semestral dos parámetros indicados na seguinte táboa. Os puntos de toma de mostra en cada un dos cursos afectados serán representativos da súa calidade, e situaranse un augas arriba do vertedoiro e outro augas abaixo.

ParámetroUnidades

TemperaturaºC

Osíxenomg/lO

pH

Sólidos en suspensiónmg/l

D.B.O. mg/l

D.Q.O.mg/l

Fósforo totalmg/l P

Nitritosmg/l/NO

Nitratosmg/l NO

Amoníaco non ionizadomg/l NH

Amonio totalmg/l NH

Cloro residual totalmg/l

Cinc totalmg/l Zn

Cobre solublemg/l Cu

ConductividadeS/cm

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de bombeo de lixiviados, garantíndose o correcto estado do depósito de lixiviados e das estructuras asociadas.

1.5. Sobre o solo.

A impermeabilización do vertedoiro cumprirá co establecido no anexo II do Decreto 260/1998 polo que se regula a autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e a inscrición no Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos.

Disporanse os elementos necesarios para realizar un adecuado control do asentamento do vertedoiro (sinalizacións topográficas).

Queda expresamente prohibido depositar calquera residuo fóra dos terreos do vertedoiro.

As materias sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente, debendo dispor o promotor da correspondente documentación acreditativa. No caso de pertencer ós clasificados como non perigosos, e non poderse eliminar no propio vertedoiro, dispoñeranse os medios necesarios para a súa recollida en contedores axeitados que se entregarán a un xestor autorizado, que se fará cargo deles. Mentres non se produza a entrega ó xestor, estes contedores almacenaranse nun lugar debidamente sinalizado.

1.6. Sobre a restauración.

En relación coa restauración, teranse en conta as seguintes consideracións:

As achegas de terra vexetal deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas.

A profundidade mínima da capa superficial de terras no selaxe será de 100 cm, dos que como mínimo os 40 cm superiores serán de terra vexetal.

En toda a superficie do vertedoiro (51.500 m), procederase á realización dunha sementeira de protección cunha mestura de sementes de gramíneas e leguminosas en proporción 80:20, e cunha dose de sementeira de 150-200 kg/ha, de xeito que se acade unha protección suficiente contra a erosión pola auga e o vento e se minimice a infiltración da auga de choiva.

Plantaranse tamén nesta superficie arbustos de dúas savias de especies autóctonas de fácil arraigamento e rápido crecemento tipo rubus, ulex, cytisus, vinca, etcétera.

Co fin de acada-la integración paisaxística do vertedoiro revexetado, a distribución dos arbustos realizarase formando bosquetes agás nos bordos e pés dos noiros nos que será lineal. A densidade mínima de plantación será de 0,5 ud/ha.

Os labores de sementeira realizaranse en outono ou primavera, en función dos ecotipos seleccionados, mentres que a plantación das especies arbustivas levarase a cabo a finais do inverno ou principios de outono dependendo das precipitacións e o risco de xeadas (coincidindo coa parada vexetativa).

Ata asegura-la viabilidade da plantación procederase á rega regular e a fertilización mineral de reforzo anual e a resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas. E no caso de que a porcentaxe de marras supere o 10% procederase á súa reposición.

1.7. Sobre a protección e control de accesos.

Ademais da caseta metálica do equipo de bombas e de cerramento de protección do facho de queimado, previstos no proxecto, realizarase un cerramento perimetral do vertedoiro que permita controla-lo libre acceso de persoas durante a execución das obras e con posterioridade dificulta-la aparición de novas verteduras. O sistema de control de accesos deberá incluír un programa de medidas para detectar e disuadi-la vertedura ilegal na localización.

2. Documentación adicional.

Previamente ó inicio de obras, presentarase diante da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dúas (2) copias da documentación na forma e cos contidos referidos a continuación:

2.1. Estudio acústico, de acordo co indicado no punto 1.2., no que se determine o nivel sonoro existente antes das obras obxecto da presente DEA.

2.2. Plan de revexetación da superficie do vertedoiro, que conterá o indicado no punto 1.6. da presente DEA e no que se expliciten: especies vexetais que se van empregar, densidade de plantación e dose de semente, aboado, fertilización, regas, técnicas empregadas na implantación da vexetación e calquera outro dato que se considere necesario para defini-la revexetación. O plan incluirá o orzamento correspondente.

2.3. Planos:

a) Plano de detalle no que quede especificada a solución dada ás augas evacuadas pola capa de drenaxe de pluviais a pé de noiro.

b) Novo plano de detalle dos pozos de desgasificación tendo en conta a necesidade de extrae-los gases da capa de drenaxe imposta no punto 1.3. desta DEA.

c) Plano en coordenadas UTM, a escala 1:2.500, no que se indique a localización dos puntos de mostraxe de augas superficiais segundo o punto 1.4., e xustificación da elección destes puntos.

2.4. Análise das augas superficiais nos puntos de mostraxe de acordo co indicado no punto 1.4. desta DEA. Os resultados desta análise servirán como branco para o seguimento da calidade destas augas.

2.5. Estudio de viabilidade económica do aproveitamento do biogás producido polos residuos do vertedoiro, que é enviado ó facho de combustión.

Será necesaria a aprobación dos planos, estudios e informes recollidos neste punto, por parte desta dirección xeral, quen consultará cos organismos competentes sobre a súa adecuación. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o resultado, non podendo proceder ó inicio da actividade ata contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Ademais, o promotor deberá presentar nun prazo mínimo de 48 horas antes do inicio das obras de construcción o plan de obras indicando a data exacta para o seu inicio.

3. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio de efectos ambientais e do condicionado xeral e específico da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas problemáticas xurdidas.

O obxectivo do programa de vixilancia que se expón a continuación é o de procurar incorporar na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor.

A continuación indícase a perodicidade e documentación que deberá ser presentada perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, co fin de cumpri-lo PVSA.

3.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Resultado das medicións do nivel de ruído de acordo co estudio acústico que se vai presentar.

b) Data de finalización das obras.

c) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control (chemineas, sinalizacións topográficas para controlar posibles asentamentos ...).

d) Reportaxe fotográfica das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos.

e) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos producidos durante a obra, e que non poidan ser obxecto de depósito no vertedoiro.

f) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras.

3.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será como mínimo o seguinte:

a) Control dos seguintes datos meteorolóxicos: volume de precipitación (diario e mensual), temperatura media mensual mínima e máxima, evaporación diaria e mensual, e media mensual da humidade atmosférica.

b) Reportaxe fotográfica semestral, na que se reflicta a evolución do vertedoiro selaxe.

c) Resultado da inspección visual do terreo, estudiando o seu asentamento e o da capa de selaxe, referenciandoo ós sinais construídos para o efecto.

d) Estado da gabia de intercepción das augas de escorrega, e actuacións de mantemento.

e) Para gases emitidos: análises semestrais realizadas por un laboratorio homologado, incluíndose información sobre caudais de gases e composición segundo o indicado no punto 1.3. da presente declaración. Ademais, informarase sobre as condicións de funcionamento do sistema de desgasificación e do sistema de tratamento do biogás.

f) Para as augas superficiais: realizarase unha toma de mostra en cada un dos puntos de mostraxe, e analizaranse os parámetros que se indican no punto 1.4. da DEA.

g) Para os lixiviados: realizarase un control mensual do volume de lixiviados xerados e semestralmente unha toma de mostra no depósito de recollida analizándose os parámetros segundo o indicado no punto 1.4. desta DEA.

h) Documentación que acredite a entrega a xestor autorizado dos lixiviados recollidos no depósito e, se é o caso, dos lodos que se poidan acumular no depósito de lixiviados.

i) Resultado da inspección da revexetación do vertedoiro, e actuacións de mantemento levadas a cabo.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Condicións adicionais.

As condicións sinaladas nesta Declaración de Efectos Ambientais son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitara á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o Órgano Ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

Calquera cambio na documentación avaliada do Proxecto de selaxe do vertedoiro de San Vicente de Cerponzóns deberá ser notificado explicitamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar, en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións impostas nesta DEA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime a empresa promotora de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

A empresa promotora queda obrigada a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto e das medidas correctoras

Situación e descrición

LocalizaciónParroquia de San Vicente de Cerponzóns, concello de Pontevedra

Superficies41.700 m a impermeabilizar e 51.500 m a revexetar

Volume (m) RSU) 300.000 m

Tipos de RSU (normal/mixto)RSU

Tipo de vertedoiroEn terraplén

Tempo de utilizaciónDesde 1985

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosDrenaxe perimetralSi

Fondo impermeabilizadoGranitoGranito

Situación

actual

Proxecto

Drenes lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonBombeo e traslado para tratamento en EDAR

GasesDrenes de gasesNonSi

Captación de gasesNonSi

TratamentoNonSi, facho de queimado

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNonSi

VexetaciónParte cuberta de matoSi

Estabilidade
Pendente1H:1V3H:1V

Accesos
Posibilidade de accesosSiImposto na DEA

Resumo das medidas correctoras

Na fase de execución das obras propoñen:

Regar axeitadamente a superficie das terras e áridos, co fin de impedir ou minimiza-la emisión de po.

As emisións de augas da zona de RSU ocasionadas por posibles choivas durante a execución das obras, poden ser recollidas na súa maior parte na gabia perimetral actual do vertedoiro e conducidas á súa balsa de lixiviados, onde se poden transportar á EDAR.

Na fase posterior a execución do selaxe do vertedoiro propoñen:

Levar a cabo o programa de vixilancia ambiental proposto no estudio ambiental.

ANEXO II

Resumo da alegación recibida

Juan Martínez Fernández, veciño da zona baixa do lugar de Liborei, pertencente á parroquia de San Vicente de Cerponzóns, fai as seguintes alegacións:

1. O afluente de augas públicas chamado Rons atópase por debaixo do terreo do vertedoiro, e posiblemente os residuos que baixen coas choivas e o vento afectarán ás súas augas. Ademais, este afluínte ten o seu percorrido en baixada de aproximadamente cinco quilómetros e medio ata a súa desembocadura no río Gándara, no lugar de San Caetano de Alba, augas que pasan pola xunqueira de Lérez e chegan á ría de Pontevedra.

2. As augas máis afectadas por este vertedoiro é o rego de Barbeita, que a moi corta distancia baixa coas súas augas en vertente ó vento oeste, recibindo a maior parte destas impurezas. Estas augas son recibidas polo río Gándara nas inmediacións de Pozo Negro que tamén na súa baixada de aproximadamente seis quilómetros e medio une as súas augas co antes mencionado afluente Rons, en San Caetano,

continuando cinco quilómetros máis no seu percorrido augas abaixo.

3. A zona máis perigosa do vertedoiro é a zona oeste, esta parte está fronte ó camiño e frecuentemente saen na parte máis baixa augas de cor café moi negro, aumentando cando está o tempo de choivas, o que se pode observar na gabia do camiño que por alí pasa. O vertedoiro está en zona alta e fronte a unha grande vertente, polo tanto se chega a cae-lo lixo, poden producirse desgracias en persoas e o lixo estenderíase polo monte e propiedades privadas e coas intensas choivas produciríanse lodos baixando polo río Gándara, zona de Castrado, San Caetano, Xunqueira, e ría, por todo isto, nesta zona debe terse especial coidado.

4. As augas contaminadas do vertedoiro O Rapadiño prexudicaron plantas preto das marxes do río Gándara, por iso pódese probar que este río está moito máis prexudicado polos residuos do vertedoiro e os seus lixiviados que o nomeado afluente Rons, polo tanto o referido como Rons e o rego Barbeita, que leva todo o que baixa en líquidos, ata o río Gándara que non se menciona no proxecto. Materiais e traballo con garantía.

5. O proxecto técnico está elaborado por persoa experta e de bo prestixo persoal. Debe rexerarse o río Gándara. O río Gándara e rego Barbeita deben facerse constar como os máis afectados.

6. Para maior divulgación da información pública era conveniente que directamente se notificara á Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Cerponzóns, xa que actualmente sería necesaria a ampliación do prazo. (Xúntase mapa sinalando en cor verde o río Gándara e cor rosa o Rons).

Suplícanse a admisión destas alegacións para os efectos procedentes e dar información no seu día da resolución expresa que se estime conveniente.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental