Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

CIRCULAR do 11 de outubro de 2001 pola que se procede á interpretación do artigo 21 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, que regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, que regula as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público destaca na exposición de motivos e consagra no seu articulado a evolución destas entidades que, de simples organizacións de asistencia mutua, pasaron a converterse en organizacións de colaboración coa Administración e representantes de intereses profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro (artigo 3). Trátase de organizacións encadradas no artigo 52 da Constitución española que ampara a regulación de organizacións profesionais na defensa dos intereses económicos que lle son propios.

En concreto, os socios integrantes das confrarías están vinculados a este carácter profesional polo que poderán ser socios os armadores ou os titulares dunha habilitación administrativa que faculte para o exercicio dos labores extractivos.

O Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, que regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores, vincula igualmente a cualidade de socio ó desenvolvemento de actividades empresariais ou laborais no sector da pesca ou marisqueo e dentro do ámbito territorial da confraría (artigo 21). A condición de membro atribúe a plenitude e igualdade de dereitos e obrigas ós socios, salvo en materia de dereito de sufraxio pasivo e activo que está suxeito a uns requisitos específicos e determinantes para ser electores e elixibles (artigos 21.2º e 3º).

O réxime electoral e os requisitos para ostentar un cargo nos órganos rectores da confraría é substancialmente diferente ó réxime electoral xeral para acceder a cargos públicos que está amparado polo artigo 23.2º da Constitución e que recoñece a todos o dereito a acceder en condicións de igualdade ós cargos públicos. Pero a configuración legal como corporacións de dereito público e a natureza dos cargos da corporación non produce o efecto de comprendelos entre

os de carácter público a que se refire o artigo 23.2º da Constitución, tal e como prescribiu o Tribunal Constitucional en relación cos colexios profesionais na sentencia 23/1984, do 20 de febreiro. É dicir, os membros das confrarías están suxeitos a un réxime específico que impón requisitos substantivos determinantes para ser elixibles en función da actividade profesional á que representan.

E, precisamente, tanto a normativa estatal como a autonómica establecen como requisito para ser elixibles o da profesionalización, é dicir, o desempeño da actividade profesional como requisitos substantivos que incluso foron avalados polo Tribunal Supremo (TS). Así, por exemplo, a sentencia do TS do 25 de maio de 1987, entendeu conforme a dereito unha orde estatal que atribuía o dereito de sufraxio pasivo unicamente «ós que se dediquen a actividades de traballador de pesca ou armador de buques e incapacitando para ostentar cargos rectores nas confrarías ós que exerzan actividades distintas ás indicadas (...)». Estima o TS que é lóxico e racional que «se lles atribúa o carácter de elixible para os ditos cargos ás persoas que viven coa máxima intensidade os problemas do sector».

O Tribunal Constitucional alegou o principio de profesionalidade como condición obxectiva para adquiri-la cualidade de seren electores e elixibles, en materia de cámaras agrarias polo que «para seren electores e elixibles deben ser profesionais do sector agrario, así como as regras nas que se establezan os requisitos fundamentais para ser elector e elixible que resulten indispensables para garanti-lo referido principio de profesionalidade» (STC 22/1999).

E a normativa reguladora das confrarías establece tamén un réxime especial para ser electores e elixibles. O Decreto 79/1998, e tamén os estatutos das confrarías, prevé que tódolos pensionistas poderán mante-la súa condición de membros da confraría, sen embargo establece expresamente que non terán dereito a seren electores nin elixidos, salvo nos casos en que poidan desenvolve-la actividade profesional. É dicir, está directamente vinculada a condición de elixibilidade á condición de profesional do sector e á efectiva práctica da súa actividade profesional. A propia Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca do Estado, cando regula as confrarías de pescadores, di que «tódolos cargos serán elixidos entre os membros da confraría mediante sufraxio libre, igual e secreto» (artigo 48.1º), lei que entende por membros das confrarías os armadores e os traballadores do sector extractivo (artigo 45.3º). Este artigo é lexislación básica polo que a normativa autonómica debe ser interpretada en función

desta lei.

En virtude de todo o anterior, en exercicio da tutela que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura exerce sobre as confrarías de pescadores segundo o artigo 1 da Lei 9/1993, de confrarías de pescadores de Galicia, o artigo 21 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, debe ser interpretado do seguinte modo:

No caso de que algún membro dos órganos de goberno incorra nalgunha das situacións de inhabilitación profesional ben porque acada a condición de xubilación, ou porque abandona a actividade pesqueira ou marisqueira para dedicarse a outros intereses ou ben porque perde o seu permiso de explotación ou non cumpre as condicións para a súa renovación, nestes casos e dado que foi elixido en virtude da condición de profesional do sector, incorre automaticamente no incumprimento dun dos requisitos esenciais para ser membro de goberno das confrarías.

En virtude do disposto nesta circular deberán cesa-lo día seguinte ó da publicación da presente circular

tódolos membros de goberno das confrarías e federacións de confrarías que incorran nos supostos de inhabilitación profesional antes citados, debendo procederse no prazo máximo de cinco días á cobertura das vacantes deixadas a través dos suplentes. Naqueles supostos onde non existan suplentes para cubri-las vacantes deberá procederse no dito prazo á convocatoria de eleccións.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001.

Enrique López Veiga

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura