Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 20 de novembro de 2001 Páx. 14.861

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 290/2001, do 31 de outubro, polo que se crea a categoría de médico de urxencias hospitalarias.

O incremento progresivo da demanda asistencial nos servicios de urxencia dos centros hospitalarios do Sistema de Saúde operada durante os últimos anos levou á vinculación continua de profesionais médicos de formación e especialización diversa. Así, un número importante de profesionais médicos vén reforzando a asistencia sanitaria nas áreas de urxencias hospitalarias nos hospitais e complexos hospitalarios do Servicio Galego de Saúde.

O marco normativo existente non amparaba explicitamente este colectivo de profesionais. A categoría de médico de urxencias declarouse en extinción, a través da Orde do 7 de febreiro de 1983 do Ministerio de Sanidade e Consumo, unha vez solucionada a problemática dos médicos residentes asistenciais que carecían de programa docente. A citada norma dispoñía a amortización de prazas e a desaparición de médicos non especialistas dos centros hospitalarios.

E por iso tal actuación normativa, a realidade asistencial e, por conseguinte, a indefectible necesidade de seguir reforzando a cobertura de urxencias por insuficiencia de persoal facultativo con especialidade para este cometido, obrigou a seguir cubrindo a área de urxencias con profesionais médicos específicos.

Xa que logo, a organización asistencial ordenouse de conformidade cunha normativa que regulamentaba a execución das urxencias hospitalarias baseada fundamentalmente na preeminencia dos médicos especialistas, co establecemento dunha prestación a través do sistema de gardas médicas nas distintas especialidades. Todo isto sen menoscabo de que o anterior sistema convivise, con carácter xeral, coa atención directa ós usuarios nas áreas de urxencia por médicos propios dese servicio.

A situación descrita -co respecto e mantemento dos dous sistemas apuntados, que de xeito harmónico propenden á plena cobertura das situacións de urxencia e emerxencia nos distintos centros- impele a unha conformación máis axeitada do sistema organizativo e, como corolario do anterior, á creación da categoría profesional adecuada ós aludidos requirimentos asistenciais, así como á resolución da situación xurídica dos profesionais médicos que veñen prestando servicios nas urxencias hospitalarias.

Na realidade organizativa vixente no Sergas, o servicio de urxencias hospitalarias establécese como área de actividade médico-asistencial dotada de plena virtualidade e adscríbese ás direccións médicas dos hospitais. Deste xeito, o servicio de urxencias

hospitalarias configúrase como un servicio máis da área médica hospitalaria.

Coas anteriores premisas cómpre configura-la categoría específica de médico de urxencias hospitalarias no ámbito do Sergas, e dipoñe-la regulación das condicións retributivas e de traballo dos profesionais que presten servicios nestas áreas.

A configuración e creación da categoría de médico de urxencias hospitalarias que se aborda nesta norma así como as demais condicións que se dispoñen teñen como lóxico alicerce as normas reguladoras dictadas para o resto do persoal estatutario facultativo das institucións sanitarias nesta Comunidade Autónoma, coa necesaria adaptación ás particularidades da súa prestación.

Así mesmo, a presente norma terá que aborda-la adaptación do réxime dos actuais profesionais médicos que prestan servicios nas urxencias hospitalarias en condicións diversas, tanto colexidas do seu vínculo coma da categoría desempeñada, á configuración que resulte desta norma, mediante a vehiculación dos procesos de transformación da súa categoría de orixe. Tamén se proverá o axeitamento do actual dimensionamento dos cadros de persoal dos distintos centros hospitalarios á presente regulación.

A Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, na súa disposición adicional cuarta parágrafo primeiro prevé a creación, supresión ou modificación de categorías de persoal estatutario, integrando no correspondente Estatuto de persoal, mediante a norma que proceda, logo da súa negociación coa mesa sectorial.

Con base na antedita lei e na competencia dos órganos de Goberno desta Comunidade Autónoma procédese a dicta-lo presente decreto, polo que se crea a categoría de médico de urxencias na rede hospitalaria do Sergas e prevese a integración e transformación nesta dos profesionais que veñen prestando servicios nas urxencias hospitalarias.

Por iso, díctase o presente decreto, na elaboración do que se aplicaron as previsións sobre a capacidade de negociación colectiva no ámbito do sector público incorporadas pola Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola Lei 7/1990, do 19 de xullo. Foron oídas tamén, no trámite de audiencia, as asociacións profesionais e organizacións sindicais máis representativas do sector. Así mesmo trasladarase ó Ministerio de Sanidade e Consumo e ó Consello Interterritorial, para a homologación da nova categoría con outras análogas do Sistema Nacional de Saúde, de acordo co previsto na citada Lei 30/1999, de provisión e selección.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia; e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación da categoría.

O presente decreto ten por obxecto a creación da categoría de médico de urxencias hospitalarias no ámbito das institucións sanitarias hospitalarias do Sergas.

Artigo 2º.-Inclusión no persoal sanitario do Sergas.

A citada categoría de persoal médico créase para o desenvolvemento das súas funcións nos servicios de urxencias, nos centros da rede hospitalaria do Sergas.

Artigo 3º.-Funcións.

Corresponderanlle con carácter xeral ós médicos de urxencias hospitalarias as seguintes funcións:

1. Prestar asistencia médica a tódolos pacientes que acoden ó servicio de urxencias do hospital, tanto nas urxencias coma nas emerxencias, cos medios dispoñibles ó seu alcance, en colaboración e coordinación co resto dos servicios hospitalarios na atención da urxencia.

2. Clasificar e prioriza-los pacientes que requiran atención urxente.

3.Segui-la evolución dos pacientes ó cargo do servicio de urxencias mentres se encontren nas áreas de observación deste servicio de urxencias.

4. Elabora-lo informe clínico do doente unha vez finalizada a atención no servicio de urxencias.

5. Informar de maneira completa e continuada o paciente e/ou, se é o caso, ós seus familiares ou achegados, do seu proceso clínico, exploracións complementarias, tratamento e actuacións previstas, así como doutros aspectos que afecten á evolución do dito proceso, mentres o paciente estea a cargo do servicio de urxencias.

6. Participar, nos termos que organizativamente se dispoña en cada centro, no traslado dos pacientes que o precisen, pertencentes ó servicio de urxencias, cando as circunstancias asistenciais o aconsellen.

7. Participar no plan de formación xeral do centro e no específico da súa unidade.

8. Supervisa-lo desenvolvemento do proceso asistencial e formativo do persoal ó seu cargo, logo da organización do sistema de docencia, avaliación e control.

9. Participar nas actividades de mellora da calidade propias da súa unidade e nas xerais do centro, así como colaborar coa súa participación nas comisións e demais órganos de participación que se determinen en cada centro.

10. Participar no desenvolvemento e mantemento dos sistemas de información do centro e os relacionados coa súa actividade, facilitando os datos que sexan necesarios.

11. Participar nos programas de investigación establecidos no centro e nos propios da súa unidade.

12. Cooperar e coordinarse co resto dos dispositivos e servicios de atención á asistencia sanitaria urxente.

13. Presta-la súa colaboración e actuar en coordinación co resto do persoal médico da institución nos termos que se determinen en cada centro.

14. Calquera outra relacionada, por mor do seu contido e finalidade, coas anteriores.

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada ordinaria dos médicos de urxencias hospitalarias será a establecida con carácter xeral para o resto do persoal facultativo de atención especializada do Sergas.

Para a ordenación da xornada terase en conta que a actividade ordinaria no servicio de urxencias é continuada ó longo de todo o día e todo o ano.

Artigo 5º.-Retribucións.

As retribucións que percibirán estes facultativos serán as establecidas tanto no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, que regula o réxime retributivo do persoal estatutario, como nas demais disposicións complementarias, concordantes e de desenvolvemento, aplicables ó persoal facultativo especialista de área nas institucións sanitarias do Sergas.

Artigo 6º.-Selección.

1. O acceso ás prazas de médicos de urxencias hospitalarias na rede hospitalaria do Sergas efectuarase polos procedementos establecidos na Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección de persoal estatutario ou normativa estatal aplicable, e normas de desenvolvemento na Comunidade Autónoma galega.

2. Requisitos de acceso ás prazas:

Posuí-lo título de médico especialista, ou a certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de medicina xeral no Sistema Nacional de Saúde. Nas bases das convocatorias de selección determinarase o título/s da especialidade/s requirida/s para o acceso.

Para o acceso a estas prazas incluirase necesariamente como mérito valorable a experiencia profesional en postos da mesma categoría estatutaria e/ou similar contido funcional que o posto obxecto da convocatoria nas institucións hospitalarias da Seguridade Social. Así mesmo, deberá terse en conta como mérito a formación específica na área de urxencias e emerxencias sanitarias.

Disposición adicional

A selección e provisión de prazas de persoal estatutario na categoría de médico de urxencias hospitalarias nas institucións sanitarias do Sergas terán

carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.

A oferta ou ofertas de emprego público negociaranse na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal das Institucións Sanitarias do Sergas, e o número de prazas que se convoquen nos respectivos procesos de selección e concurso de traslados determinarase trala negociación na dita mesa.

Disposicións transitorias

Primeira.-Situación do persoal médico que desempeña actualmente prazas, postos ou funcións de urxencia hospitalaria.

Trala negociación no seo da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal de institucións Sanitarias do Sergas, vehicularanse os procesos de integración e vinculación na nova categoría, de acordo coas disposicións seguintes:

1. Ó persoal médico con vínculo temporal en praza vacante que preste servicios na data da entrada en vigor deste decreto, nas institucións sanitarias do Sergas, e que veñen desempeñando funcións de médicos de urxencia hospitalaria, serálle transformada a praza, -logo da súa amortización- a prazas da nova categoría de médico de urxencias hospitalarias. Ó aludido persoal que as desempeñe expediráselle un nomeamento estatutario da mesma natureza temporal en praza vacante da nova categoría de médico de urxencias hospitalarias, no cadro de persoal do centro que corresponda. Para os efectos anteriores considerarase en situación de prestación de servicios nas institucións sanitarias do Sergas os profesionais en activo con reserva de praza nalgún servicio de urxencias hospitalarias da rede do Sergas, na data da entrada en vigor deste decreto.

2. Ó persoal médico con praza en propiedade como médico de medicina xeral xerarquizado ou noutras categorías do Estatuto xurídico do personal médico, que preste servicios na data da entrada en vigor deste decreto nas institucións sanitarias do Sergas, e veñan realizando funcións de médico de urxencias hospitalarias no servicio de urxencias, ofertaráselle a opción pola integración na categoría que se crea neste decreto. Para os efectos anteriores, considerarase en situación de prestación de servicios nas institucións sanitarias do Sergas ós profesionais en activo con reserva de praza no servicio de urxencias da rede hospitalaria do Sergas, na data da entrada en vigor deste decreto.

De non optar pola integración, manterán a súa categoría de orixe quedando adscritos orgánica e funcionalmente ó servicio de urxencias. A adscrición funcional dos médicos que non formalicen a integración levará consigo a realización das funcións establecidas no artigo 3º deste decreto. A adscrición orgánica supón a dependencia xerárquica que se estableza para o resto dos facultativos destes servicios e a aplicación das mesmas condicións de traballo que ó resto dos profesionais médicos do servicio.

3. Para os profesionais médicos con praza en propiedade que se integren, e para o persoal médico con vínculo temporal incluído no punto 1 deste artigo, os servicios prestados en funcións de médicos de urxencias hospitalarias serán computados como prestados na nova categoría de médicos de urxencias hospitalarias para os efectos de méritos por experiencia profesional nos baremos de selección e provisión que se realicen no ámbito do Sergas, sempre que resulten debidamente acreditados polas xerencias dos centros hospitalarios.

Segunda.-No primeiro proceso selectivo que se vehicule no Sergas para a selección de prazas da categoría de médico de urxencias hospitalarias, convocaranse tódalas prazas básicas vacantes existentes coa secuencia que se determine tralo proceso negociador que se leve a efecto, xa sexa en única convocatoria ou sucesivas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Socias, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais