Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 20 de novembro de 2001 Páx. 14.863

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 291/2001, do 8 de novembro, polo que se configuran as categorías de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías de información.

A complexidade das funcións que se desenvolven nas institucións sanitarias, outorga cada día máis, un maior protagonismo ás tecnoloxías da información e ás técnicas que permitan desenvolver e manter sistemas de información axeitados ás necesidades de xestión.

A implantación, desenvolvemento e mantemento das aplicacións informáticas, a elaboración de plans de calidade sobre os sistemas de información, a análise funcional e técnica das aplicacións, a programación de soporte e a asistencia técnica ó usuario, son tarefas que teñen substancialidade propia e que deben ser desenvolvidas por persoal non sanitario capacitado tecnicamente para elas.

A Orde do 5 de xullo de 1971 pola que se aproba o Estatuto do persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias, non recolle estas funcións como propias dalgún dos grupos, escalas e categorías reguladas na citada norma, ben que veñen sendo desenvolvidas en distintos centros nas categorías de grupo técnico, técnico superior, grupo de xestión ou administrativo.

Por outra banda, debe de sinalarse a posta en marcha do plan de actuacións sobre os procesos de provisión e selección de persoal estatutario das IISS do Sergas, asinado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial do Persoal Sanitario. Neste ámbito, o Decreto 309/1998, do 6 de novembro, polo que se regulan os procesos de selección para o acceso a prazas de persoal estatutario, sanitario non facultativo e non sanitario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, explica, na súa exposición de motivos a necesidade de levar a cabo unha análise profunda sobre determinadas categorías que permita a súa amortización e transformación noutras que cohonesten mellor cos actuais requirimentos da organización, facendo expresa mención ó persoal informático.

As circunstancias anteriormente descritas poñen de manifesto a oportunidade de dotar de categorías específicas de persoal non sanitario ás que se lle encomenden a responsabilidade de desenvolve-las funcións propias do persoal informático, satisfacendo así dun xeito máis racional as demandas das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.

A posibilidade de modificación e creación de novas categorías estatutarias que se inclúan no estatuto pertinente, vén explicitamente recollida na disposición adicional cuarta da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, na que se dispón que «A creación, supresión ou modificación de categorías se podrá efectuar, en cada Administración pública, mediante a norma que en cada caso proceda, adoptada logo do negociación na correspondente Mesa Sectorial».

Con base na antedita lei e na competencia dos órganos de Goberno desta Comunidade Autónoma, procédese a dicta-lo presente decreto polo que se crean as categorías de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías de información no Sergas, e prevese a integración e transformación nesta dos profesionais que veñen desempeñando as súas funcións nas institucións sanitarias do Sergas.

Por iso, díctase o presente decreto, na elaboración do cal se aplicaron as previsións sobre a capacidade de negociación colectiva no ámbito do sector público incorporadas pola Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola Lei 7/1990, do 19 de xullo. Así mesmo, trasladarase ó Ministerio de Sanidade e Consumo e ó Consello

Interterritorial para a homologación das novas categorías, con outras análogas do Sistema Nacional de Saúde, de acordo co previsto na citada Lei 30 /1999 de provisión e selección.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame nº 584/2001 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación na Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito subxectivo.

Créanse as seguintes categorías :

a) Técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información que se inclúe dentro das de persoal non sanitario que integran o grupo A segundo o establecido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións de persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde.

b) Técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información que se inclúe dentro das de persoal non sanitario que integran o grupo B segundo o establecido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro , sobre retribucións de persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde.

c) Técnico especialista en informática que se inclúe dentro das de persoal non sanitario que integran o grupo C, segundo o establecido no antedito real decreto lei.

Para o acceso nestas categorías é requisito indispensable, estar en posesión da titulación académica esixida para cada grupo retributivo de acordo co previsto no artigo 3 do citado Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.

Para o acceso na categoría de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, a titulación esixida será a correspondente á do grupo de clasificación A: título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

Para o acceso na categoría de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, a titulación esixida será a correspondente á do grupo de clasificación B: título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

Para o acceso na categoría de técnico en informática a titulación esixida será a correspondente do grupo de clasificación C: formación profesional de segundo grao rama informática, formación profesional específica de grao medio en informática, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Artigo 2º.-Rexime xurídico aplicable.

Ás categorías que se crean neste decreto seranlle de aplicación ó réxime xurídico previsto para o personal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias no ámbito do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 3º.-Funcións do persoal técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información.

As funcións que desenvolverá o persoal incluído nesta categoría serán as seguintes, propias de dirección, execución e estudio de carácter técnico encomendadas pola dirección da institución sanitaria:

a) Elaboración dos plans de necesidades de tecnoloxías da información e dos protocolos e procedementos de actuación.

b) Actuarán como responsables da implantación de novas tecnoloxías de acordo coas directrices dictadas polos servicios centrais do Sergas.

c) Dirixi-los proxectos de desenvolvemento e mantemento das aplicacións.

d) Responsabilizaranse das auditorías informáticas, do control de calidade e da seguridade informática.

e) Aqueloutras que se lle encomenden en relación coas anteriores, ou que sen estaren directamente relacionadas, teñan contido material ou funcional de índole informática propias do grupo de clasificación da súa categoría.

Artigo 4º.-Funcións dos técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información.

Serán as seguintes, propias de apoio técnico:

a) Análise funcional das aplicacións informáticas.

b) Análise técnico das aplicacións e control dos desenvolvementos informáticos.

c) Serán os responsables da explotación e dispoñibilidade dos sistemas informáticos do centro de referencia.

d) Mantemento das aplicacións en explotación, administración do software de base e da administración da base de datos, así como da execución dos plans de seguridade e xestión da rede interna, (LAN), encomendándoselle as relacións co centro de xestión de rede de servicios centrais.

e) Aqueloutras que se lle encomenden en relación coas anteriores, ou que, sen estaren directamente relacionadas teñan contido material ou funcional de índole informática propias do grupo de clasificación da súa categoría.

Artigo 5º.-Funcións dos técnicos especialistas en de sistemas e tecnoloxías da información.

As súas funcións desenvolveranse principalmente a través de tres grupos de tarefas:

a) Programación: para o soporte da implantación e mantemento operativo das aplicacións informáticas.

b) Operacións: realizando tarefas de coordinación para a petición de melloras e accións correctivas.

c) Asistencia técnica ó usuario: incluíndo a recepción seguimento e resolución das incidencias.

d) Aqueloutras que se lle encomenden en relación coas anteriores, ou que, sen estaren directamente relacionadas, teñan contido material ou funcional de índole informática propias do grupo de clasificación da súa categoría.

Artigo 6º.-Retribucións.

1. O persoal incluído nas categorías creadas pola presente norma será remunerado de conformidade co réxime retributivo contido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento.

2. As retribucións das categorías creadas no artigo 1º: técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, serán as recollidas nos anexos a esta norma.

Disposición transitoria

Primeira.-O persoal con vínculo temporal en praza vacante en categoría non sanitaria, que o seu contido funcional corresponda coas funcións descritas nos artigos 3º, 4º ou 5º, sempre que posúan a titulación esixida para cada unha delas, poderán transformarse en prazas das categorías correspondentes: técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información. Unha vez transformada a praza, expediráselle un novo nomeamento da mesma natureza na categoría correspondente, a favor dos profesionais que continúen a desempe-las citadas funcións.

Segunda.-O Servicio Galego de Saúde poderá convoca-los procesos de integración, nas categorías que se crean mediante o presente decreto, do persoal estatutario fixo que desempeñe postos de traballo nas institucións sanitarias do Sergas o contido funcional dos cales se corresponda coas funcións descritas nos artigos 3, 4 ou 5, de conformidade co previsto na Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de Saúde.

Disposicións derrogatorias

Quedan derrogadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Retribucións do persoal incluído no grupo Técnico Superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información.

O persoal que se inclúa neste grupo, será retribuído de acordo cos seguintes conceptos e nivel.

Grupo: A.

Nivel: 22.

S. Base: 164.410.

Destino: 65.122.

Específico: 65.028.

Anual: 3.993.784.

O P.R.D. de quendas aboarase nas contías correspondentes ó grupo A segundo o réxime de quendas no que se desenvolva a prestación de servicios.

ANEXO II

Retribucións do persoal incluído no grupo técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información.

O persoal que se inclúa neste grupo será retribuído de acordo cos seguintes conceptos e nivel.

Grupo: B.

Nivel: 20

S. base: 139.540

Destino: 56.164

Específico: 24.859.

Anual: 3.038.164.

O P.R.D. turnicidade aboarase nas contías correspondentes ó grupo B segundo o réxime de quendas no que se desenvolva a prestación de servicios.

ANEXO III

Retribucións do persoal incluído no grupo técnico especialista en informática.

O persoal que se inclúa neste grupo será retribuído de acordo cos seguintes conceptos e nivel.

Grupo: C.

Nivel:17.

S. base: 104.017

Destino: 47.556

Específico: 17.441.

Anual: 2.331.314.

O P.R.D. de quendas aboarase nas contías correspondentes ó grupo C segundo o réxime de quendas no que se desenvolva a prestación de servicios.