Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 05 de decembro de 2001 Páx. 15.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Un dos obxectivos prioritarios da política da Xunta de Galicia é a utilización racional da enerxía, xa que a dispoñibilidade enerxética constitúe un factor fundamental no desenvolvemento económico e na mellora da calidade de vida, e é desde este punto de partida desde o cal se ten que interpreta-la competencia que se recolle no artigo 27.13º e 28º do Estatuto de autonomía; competencia que debe entenderse desde a normativa básica estatal, contida na Lei 54/1997, do 27 de novembro, reguladora do sector eléctrico e no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, de producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, residuos ou coxeración, que constitúen a plasmación do mandato contido no artigo 149.1º, puntos 22 e 25, da Constitución.

Desde outro punto de vista, non se debe ignorar que a situación internacional actual se enmarca nun escenario que vén determinado polo cumio de Kioto sobre limitación de emisión de gases contaminantes á atmosfera, polo Libro branco das enerxías renovables da Unión Europea que pretende que no ano 2010 o 12% da demanda enerxética primaria estea cuberta por enerxías renovables, ou máis recentemente e no ámbito puramente estatal, o Plan de Fomento das Enerxías Renovables, e, xa no autonómico, o Libro branco da enerxía que estima que a producción de electricidade procedente das enerxías renovables en Galicia acadará no dito ano 2010 1.574 kteps, prevíndose, así mesmo, que a potencia enerxética instalada será de 6.067 megavatios.

Estes ambiciosos obxectivos só se poderán conseguir cun desenvolvemento racional dos distintos tipos de enerxías renovables, que no que se refire á enerxía eólica, vén auspiciando a Xunta de Galicia desde 1995 a través do Decreto 205/1995, de aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, no que tendo en conta a privilexiada orografía e o adecuado clima da Comunidade Autónoma intenta unha ordenación axustada da oferta promotora, cada vez maior, integrándoa nun marco limitado tanto estructural como territorialmente, tendo en conta tamén o necesario respecto ó ambiente, e modulando o impacto que sobre o mesmo teñen as instalacións productoras, ó esixirse para a expedición da autorización o cumprimento da normativa ambiental en vigor.

Desta forma, encontrámonos ante unha enerxía moderna, limpa e cunha alta aceptación social, que considera os parques eólicos como instalacións e empresas limpas, sen consecuencias ambientais negativas e que polo contrario implica unha independencia enerxética respecto ós combustibles

importados, xera emprego, non contamina, crea riqueza e mellora as infraestructuras, o que dá un balance extraordinariamente positivo, que serve de apoio á implantación paulatina deste tipo de fonte de enerxía.

Como se expuxo con anterioridade, o desenvolvemento eólico de Galicia tivo como norma de articulación práctica o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, regulador do aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, que entre moitos outros acertos tivo como principal contribución a creación da figura do Plan Eólico Estratéxico, que cambia a súa denominación neste decreto pasando a denominarse Plan Eólico Empresarial, optándose polo cambio co fin de reforza-lo carácter de iniciativa empresarial que ten na nova regulación.

Malia o ata agora exposto, é tamén certo que o grao de desenvolvemento acadado polos plans eólicos estratéxicos aprobados, así como a experiencia práctica do día a día puxeron de manifesto unha serie de circunstancias e situacións non previstas no momento da promulgación do Decreto 205/1995, que fan conveniente e necesario abordar unha nova regulación na que se dea resposta a aquelas cuestións que nacen de niveis de evolución máis avanzados.

Desta forma elaborouse unha nova regulación a través dun decreto con sete capítulos. No primeiro que leva por título Disposicións xerais, introdúcense como novidades as definicións dos conceptos básicos da presente norma.

No capítulo segundo desenvólvense por vez primeira os principios básicos que rexerán a planificación, co obxectivo de conseguir unha evolución coherente e estructurada do Plan Eólico de Galicia, peza angular da que parte toda a programación que hai que realizar, e do que se intenta sexa un documento con vocación de permanencia aínda que sen nega-la posibilidade da súa revisión cando as circunstancias así o recomenden.

O capítulo III recolle a regulación á que se someten os plans eólicos empresariais, concepto que é sucesor do anterior de Plan Eólico Estratéxico, por ser máis descritivo en relación co seu contido vinculante da administración e da empresa promotora ó recolle-las actuacións que esta se compromete a levar a cabo ó longo da vixencia do plan e proporcionándolle a cambio un dereito nas áreas de investigación aprobadas. Debido ó alto desenvolvemento acadado polo Plan Eólico de Galicia, considérase necesario establecer criterios racionais para a autorización dos plans eólicos empresariais, que garantan a efectiva viabilidade dos xa aprobados, polo que se establecen prazos de presentación de solicitudes destas iniciativas. Establécense tamén unha serie de determinacións que ata o momento se adoitaban recoller como condicións a cumprir polo promotor nas resolucións de autorización.

O capítulo IV regula o procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos establecendo unha clara diferenciación entre

os requisitos que deberán cumpri-las solicitudes dependendo de se o parque corresponde a un plan eólico empresarial ou non está incluído no seu desenvolvemento. Para a autorización establécense dúas fases, unha de admisión das solicitudes, co obxecto de que só cheguen a tramitación administrativa aqueles parques que sobre a base dunha minuciosa valoración sexan en principio os que garantan un harmónico desenvolvemento do plan eólico galego, e outra posterior, na que se realizará a tramitación propiamente dita coa presentación da documentación requirida na norma.

O capítulo V intenta dar resposta a unha lagoa observada na anterior normativa, que non era outra que a ausencia de regulación de parques eólicos singulares, que se conciben como instrumentos de autoconsumo e de mellora da calidade da subministración de enerxía das pequenas e medianas empresas no ámbito rural, dentro dunha nova concepción que trata dalgún modo achega-la xeración ó consumidor final.

O capítulo VI volve recoller, ó igual que o Decreto 205/1995, unha das características propias deste tipo de instalacións: a posibilidade de acollemento ó réxime especial de instalacións de producción de enerxía eléctrica, que ten como principal consecuencia práctica a obtención dunha prima específica por verte-la enerxía producida á rede na procura dun fomento efectivo deste tipo de enerxías renovables.

O capítulo VII adapta a regulamentación eólica anterior ás novas circunstancias e situacións dimanantes da nova normativa reguladora do sector eléctrico no referente a expropiacións e servidumes, remitíndose ó Plan Eólico de Galicia a determinación das superficies máximas de terreo que poden ser afectadas por cada aeroxerador e os elementos necesarios para o seu funcionamento coa intención de afectar única e exclusivamente o terreo estrictamente necesario para a implantación das infraestructuras.

Dentro das disposicións adicionais créase unha comisión de seguimento na que existirá representación de tódalas consellerías con competencias de tramitación para o efecto de conseguir unha maior axilidade no desenvolvemento dos procedementos administrativos.

Para finalizar e con respecto ó réxime transitorio, distínguese entre a tramitación de plans e parques eólicos. Con respecto a ambos respéctase o procedemento regulado no Decreto 205/1995, para todas aquelas solicitudes que se presentaran con anterioridade á entrada en vigor da nova norma. Non obstante, tendo en conta que un número altamente significativo dos parques eólicos que encontran na actualidade en tramitación derivan de plans eólicos estratéxicos aprobados establécese unha peculiaridade na autorización destes nas dúas primeiras anualidades de planificación, xa que a autorización destas solicitudes estará subordinada ós límites anuais de potencia que se fixarán polo órgano competente, establecéndose en beneficio dos promotores a posibilidade de que nas dúas primeiras convocatorias poidan autorizarse os parques nos que o procede

mento de tramitación sexa o establecido na anterior norma, denegándose a autorización no suposto de non incluírse na orde que debe dicta-lo conselleiro en aplicación do artigo 17 da nova norma. E todo iso salvando o dereito do promotor a presentar unha nova solicitude respecto ó mesmo parque en posteriores anualidades.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de conformidade co dictame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de outubro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto a regulación dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de:

a) A planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan Eólico de Galicia e dos plans eólicos empresarias, así como da infraestructura, tanto eléctrica como industrial, necesaria para a súa implantación.

b) O procedemento para a autorización administrativa das instalacións de producción de electricidade a partir da enerxía eólica, calquera que sexa o seu réxime de explotación, así como o recoñecemento, de se-lo caso, da utilidade pública desas instalacións, suscitado polo promotor dun parque eólico.

c) As condicións técnicas, socioeconómicas, ambientais e de eficiencia enerxética que deberán respectarse en todo caso para a implantación das ditas instalacións.

d) Establecemento dun procedemento para os efectos da declaración de utilidade pública das instalacións nos procedementos de expropiación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos de interpretación deste decreto, teranse en conta as seguintes definicións:

-Plan Eólico de Galicia: documento no que se recollen as accións que se deben desenvolver en determinadas áreas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia relacionadas coa enerxía eólica, planificando a investigación e desenvolvemento dos recursos eólicos aproveitables, así como a infraestructura tanto eléctrica como industrial necesaria para a súa implantación e a potencia global que se desenvolverá.

-Plan eólico empresarial: proxecto de investigación autorizado a un promotor pola administración, para levar a cabo nun tempo determinado a avaliación do potencial eólico de determinadas áreas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que deberá contempla-la infraestructura eléctrica e os investimentos industriais necesarios para a

implantación dos parques eólicos que poidan derivarse da investigación realizada, así como a súa posible repercusión social, económica, tecnolóxica e ambiental.

-Parque eólico: establecemento industrial de producción de enerxía eléctrica constituído por un conxunto de aeroxeradores interconectados electricamente que comparten instalacións comúns polas que se trasvasa a enerxía á rede de transporte ou distribución.

-Parque eólico singular: parque eólico destinado principalmente ó autoconsumo da enerxía producida nel, que poderá ser municipal, doméstico, industrial ou de servicios. Terán tamén este carácter os parques destinados á mellora da garantía e calidade da subministración das PEME distribuidoras de enerxía no medio rural de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Quedan sometidos ó disposto neste decreto aquelas instalacións de producción de electricidade obtida da enerxía eólica nas que a potencia eléctrica instalada sexa igual ou inferior a 50 MW para as instalacións acollidas ó réxime especial de producción eléctrica e sen limitación de potencia para as de réxime ordinario.

Artigo 4º.-Competencia.

A consellería competente en materia de enerxía tramitará e resolverá, como órgano con competencia principal, as solicitudes que se presenten ó amparo do disposto neste decreto, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros órganos das administracións públicas.

Capítulo II

Planificación do aproveitamento da enerxía eólica

Artigo 5º.-Plan Eólico de Galicia.

1. A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, así como as súas revisións parciais, será realizada polo Goberno da Comunidade Autónoma a través da consellería que teña as competencias en materia de enerxía, atendendo ós seguintes criterios:

a) Estimación do potencial eólico do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a base dos estudios xa realizados así como ós obtidos a través dos plans eólicos estratéxicos e parques eólicos establecidos.

b) Infraestructura eléctrica necesaria para absorbe-la enerxía producida, planificada de forma que incida favorablemente na estructura de distribución eléctrica das áreas afectadas pola explotación dos recursos eólicos.

c) Impacto sobre o tecido industrial de Galicia e o desenvolvemento socioeconómico, tecnolóxico e ambiental.

d) Desenvolvemento harmónico dos proxectos de implantación de parques eólicos que permitan unha implantación das infraestructuras eléctricas e industriais.

2. O resultado desta planificación plasmarase no denominado Plan Eólico de Galicia, que abarcará aquelas áreas nas que se estime, logo do informe do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a existencia de recursos eólicos aproveitables, e que terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operen no sector.

3. O Plan Eólico de Galicia será tramitado como plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, establecéndose nel a potencia global que hai que desenvolver e revisándose en períodos de tres anos.

No caso de que as circunstancias baixo as que se aprobou o Plan Eólico de Galicia sufrisen variacións significativas, poderanse efectuar revisións parciais que non modifiquen substancialmente os parámetros fixados naquel.

4. Non se poderán aprobar plans eólicos empresariais nin autorizar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Eólico de Galicia, salvo no suposto especial regulado no capítulo V relativo ós parques eólicos singulares.

Capítulo III

Plans eólicos empresariais

Artigo 6º.-Alcance.

1. Deberá tramitarse unha solicitude de autorización dun plan eólico empresarial nos seguintes supostos:

a) Cando pretenda solicitarse autorización de máis dun parque eólico por un mesmo promotor, ou en caso de empresas, pola súa empresa matriz ou calquera das súas filiais.

b) Cando pretenda solicitarse autorización dun só parque eólico por un promotor que teña autorizada a instalación doutro parque eólico ó amparo deste decreto ou ó amparo do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, sen encadrarse, neste último caso, na execución dun plan eólico estratéxico.

2. No suposto de solicitudes de autorización de parques eólicos presentadas por promotores titulares de plans eólicos, sempre que estes parques non se encontren en áreas dos ditos plans, deberán solicita-la súa incorporación ós correspondentes plans eólicos, de acordo cos procedementos establecidos nos artigos 11º e 12º deste decreto. Para estes efectos, terán a consideración de promotores os socios partícipes das empresas titulares de parques eólicos.

3. A consellería competente en materia de enerxía establecerá cada tres anos, mediante a oportuna orde publicada no DOG, na que se especificarán as condicións mínimas de planificación que deberán cum

pri-los solicitantes, o prazo de presentación das solicitudes de aprobación ou de ampliación ou modificación dos plans eólicos empresariais.

Artigo 7º.-Solicitude de plan eólico empresarial.

1. Os promotores de plans eólicos empresariais interesados solicitarán ante a consellería competente en materia de enerxía, dentro do prazo ó que alude o artigo 6º, a aprobación do seu plan, segundo o modelo do anexo I, cos requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común á que se xuntará a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade do promotor e, se é o caso, escritura de constitución da sociedade peticionaria, así como as súas posibles modificacións.

b) Participación do promotor noutros plans eólicos empresariais ou estratéxicos, parques eólicos e, se é o caso, grao de participación.

c) Área ou áreas que hai que investigar, convenientemente identificadas, expresadas en coordenadas UTM.

d) Documentación xustificativa da capacidade técnica e financeira da entidade peticionaria.

e) Proxecto de investigación eólica no que se farán constar:

-Actuacións que se levarán a cabo na área ou áreas que se van investigar, coas súas técnicas de investigación e investimentos previstas.

-Material, instalacións e equipo técnico dos que se disporá para a realización da investigación.

-Cualificación e experiencia do persoal que realizará a investigación.

-Duración prevista da investigación e o seu desenvolvemento por anualidades.

f) Plan tecnolóxico industrial que se realizará cunha estimación do investimento anual para cada unha das actuacións seguintes susceptibles de valoración:

-Tecnoloxía que se utilizará nas diferentes fases de execución do plan eólico e posterior desenvolvemento de parques eólicos con indicación da súa contribución ó nivel tecnolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia.

-A incidencia socioeconómica do proxecto na Comunidade Autónoma, emprego directo e indirecto que se vai xerar e impacto económico que terá o proxecto sobre a súa área de implantación ó longo da vida del.

g) Previsións do desenvolvemento do plan eólico relativas a:

-Potencial eólico das áreas solicitadas e estimación dos posibles parques eólicos que se instalaran, así como a súa programación no tempo.

-Infraestructura eléctrica necesaria para a implantación de posibles parques eólicos.

-Incidencia ambiental e sobre a ordenación do territorio.

-Plan de actuacións relativas á ocupación de bens e dereitos necesarios para a implantación de plans eólicos.

2. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos no anterior punto, requirirase o interesado para emendala, con indicación de que se así non o fixese entenderase desistido da súa petición.

Artigo 8º.-Aprobación dos plans eólicos empresariais.

1. As solicitudes recibidas e debidamente formalizadas someteranse ó trámite de información pública no Diario Oficial de Galicia durante un prazo de vinte días.

2. O conselleiro competente en materia de enerxía, por proposta da dirección xeral con competencia en enerxía e vistos, se é o caso, as alegacións presentadas, dictará no prazo máximo de seis meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, as resolucións que procedan, aprobando ou denegando as solicitudes presentadas, baseándose nos seguintes criterios:

a) Viabilidade do plan tecnolóxico industrial e previsións de desenvolvemento.

b) Investimentos previstos e tempo de execución destes.

c) Capacidade técnica e financeira do promotor.

d) Contribucións e efectos industriais, socioeconómicos, tecnolóxicos e ambientais do plan.

e) Desenvolvementos vinculados a terreos e concellos afectados.

3. No suposto de que transcorrido o prazo disposto neste artigo para dictar resolución, non fose esta dictada, o silencio terá o carácter de negativo, debendo o interesado entender desestimada a solicitude para os efectos establecidos na Lei 30/1992.

4. Cando dous ou máis solicitudes acaden idéntica valoración, darase preferencia á que tivera entrada con antelación nun rexistro dependente da consellería con competencias en materia de enerxía.

Artigo 9º.-Efectos da aprobación dun plan eólico empresarial.

A aprobación dun plan eólico empresarial habilitará e dará dereito ó seu promotor á:

a) Realización dos estudios de avaliación do potencial eólico encamiñados a defini-la posible implantación dun ou varios parques eólicos dentro do perímetro ou perímetros aprobados e por un tempo determinado, de acordo co proxecto de investigación eólica presentado polo promotor.

b) Solicitude de recoñecemento do dereito exclusivo á autorización de parques eólicos nas áreas solicitadas, durante o período de duración do plan sempre que o promotor cumpra as actuacións incluídas no plan eólico empresarial e a implantación dos parques se leve a cabo dentro da programación prevista no plan tecnolóxico industrial presentado polo promotor.

c) Solicitude de recoñecemento de ampliacións ou modificacións de plans eólicos empresariais previamente aprobados.

Artigo 10º.-Execución do plan eólico empresarial.

1. O promotor do plan eólico empresarial deberá comeza-los traballos de investigación dentro do prazo de tres meses contados desde a data de aprobación do plan e estará obrigado a desenvolvelo coa intensidade programada no proxecto de investigación. Para estes efectos deberá comunica-la iniciación dos traballos á dirección xeral competente en materia de enerxía.

2. O promotor con periodicidade semestral, desde a aprobación do plan e durante a súa vixencia, deberá presentar por duplicado ante o referido organismo unha memoria cos resultados da investigación realizada e que como mínimo deberá te-lo seguinte contido:

a) Áreas onde se levaron a cabo as investigacións eólicas e persoal e medios utilizados.

b) Investimento efectuado para a realización da investigación.

c) Medidas de potencial eólico obtidas.

d) Estudio da infraestructura eléctrica das zonas afectadas

e) Estudio técnico-económico da posible implantación de parques eólicos.

f) Valoración de efectos ambientais e de ordenación do territorio.

g) Desenvolvementos vinculados a terreos e concellos afectados.

h) Información sobre o desenvolvemento do plan tecnolóxico industrial do plan eólico empresarial.

Artigo 11º.-Ampliación de plans eólicos empresariais.

1. Os titulares de plans eólicos empresariais aprobados poderán solicita-la ampliación do seu plan, segundo o modelo do anexo IV, sempre que acrediten os beneficios socioeconómicos, tecnolóxicos e ambientais nas súas áreas de influencia que aquela poida producir.

2. No suposto de que o promotor, durante a execución efectiva do plan, superase a potencia total prevista en menos áreas das concedidas, non poderá realizar novos proxectos nas restantes, sen prexuízo de que se garanta un posterior dereito preferente de adxudicación das ditas áreas, sempre e cando presente solicitude de ampliación do dito plan eólico empresarial na convocatoria inmediatamente posterior.

3. A solicitude de ampliación poderase realizar durante o período que se estableza para a presentación de novas solicitudes de plans eólicos empresariais, na forma prevista no punto 3 do artigo 6º.

Artigo 12º.-Modificación de plans eólicos empresariais.

1. Os titulares de plans eólicos empresariais poderán tamén solicita-la súa modificación, segundo o modelo do anexo V, cando se acredite documentalmente a imposibilidade de desenvolver actuacións previstas na forma programada. Esta modificación poderá consistir na substitución de áreas de investigación ou de parte do terreo comprendido na súa área de investigación. No caso de solicita-la substitución de áreas, a renuncia ás áreas que se substitúan deberá constar de forma expresa.

2. A solicitude de modificación do plan, se leva consigo a adxudicación de novas áreas, deberase realizar durante o período que se estableza para a presentación de solicitudes para a aprobación de plans eólicos empresariais.

3. Así mesmo, e co obxectivo de optimiza-lo recurso eólico, o promotor poderá solicita-la substitución de parte do terreo comprendido na súa área de investigación por outra equivalente exterior a ela, sen que neste caso se poidan supera-los parámetros seguintes:

a) 10% de variación da área.

b) Franxa paralela á poligonal de delimitación a 500 metros.

c) 10% de aeroxeradores fóra da área.

Para a realización desta solicitude non se establece ningún período concreto.

Artigo 13º.-Transmisión da titularidade de plans eólicos empresariais.

A consellería competente en materia de enerxía poderá autoriza-la transmisión dun plan eólico empresarial, sempre que o novo titular reúna os requisitos mínimos esixidos ó transmitente no referente a capacidade técnica e financeira, que será analizado polo órgano competente para concede-la transmisión, que será o mesmo que aprobou o plan.

O novo titular subrogarase expresamente en tódalas obrigas e dereitos do cedente, derivados do plan eólico aprobado.

Artigo 14º.-Revogación da aprobación dun plan eólico empresarial.

O incumprimento grave das obrigas que dimanen dun plan eólico empresarial ou a modificación deste sen autorización suporá a revogación da súa aprobación por parte da Administración concedente.

En todo caso, o incumprimento das obrigas establecidas no artigo 10º dará lugar á revogación.

Capítulo IV

Autorización administrativa das instalacións

de parques eólicos

Artigo 15º.-Desenvolvemento do Plan Eólico de Galicia.

1. A consellería competente en materia de enerxía, convocará anualmente, mediante orde, a presenta

ción de solicitudes para a instalación de parques eólicos, dos cales se seleccionarán aplicando os criterios establecidos no artigo 17º, os admitidos a tramitación. Na orde determinarase a potencia en megavatios que se concederán no ano, así como as previsións de potencia que se adxudicará no bienio seguinte.

2. Así mesmo, poderá contemplarse a posibilidade do establecemento de sectores de programación conxunta que serán aqueles para os que se acorde e autorice a compatibilidade e localización das infraestructuras comúns de evacuación e de transporte respecto dos parques eólicos solicitados por varios promotores.

Artigo 16º.-Presentación de solicitudes.

1. Unha vez anunciada a convocatoria á que se fai referencia no artigo anterior, as solicitudes para a autorización dun parque eólico presentaranse durante o mes seguinte ó da súa publicación, con indicación dos promotores de se desexan acollerse ó réxime xeral ou ó réxime especial.

2. Na solicitude que cumprirá os requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluirase:

a) Instancia dirixida ó director xeral competente en materia de enerxía segundo modelo do anexo II.

b) Municipio ou municipios nos que se pretende realiza-la instalación de aproveitamento eólico.

c) Memoria descritiva das obras e instalacións que se realizarán con indicación da superficie afectada expresada en coordenadas UTM e da potencia que se vai instalar, achegando un programa ou previsión de desenvolvemento.

d) Orzamento da instalación.

3. Como complemento á documentación citada no parágrafo anterior, para a solicitude de parques eólicos non incluídos en plans eólicos empresariais, o solicitante presentará, a seguinte documentación:

a) Datos de explotación:

-Medidas eólicas: forma de obtención, resultados e análise. Xustificación documental da súa realización, que non será inferior a un período de 18 meses, obtidos mediante estación meteorolóxica situada na zona do parque. Para demostra-las medidas eólicas poderase substituí-lo requisito anterior por un certificado expedido por unha entidade de recoñecido prestixio nas mencionadas actuacións.

-Determinación de potenciais eólicos.

-Estimación producción media anual.

-Estudio de eficiencia enerxética.

-Estudio técnico-económico de viabilidade.

-Posible punto de evacuación da enerxía producida, coa súa xustificación.

-Relación de instalacións acollidas ó réxime especial da súa titularidade.

b) Documentación xustificativa da capacidade técnica, económica e financeira do solicitante.

Para a capacidade técnica valorarase a experiencia individual dos solicitantes, no campo das enerxías renovables e/ou no sector eléctrico.

Para a financeira presentarase documentación suficiente que confirme que a persoa física ou xurídica solicitante posúe individualmente ou a través das súas compoñentes, fondos propios que supoñan, como mínimo, o 20% do investimento necesario para a realización do dito parque eólico.

No caso de que a petición a realice un concello, xustificación de ter realizado os trámites previstos no artigo 309 da Lei de administración local de Galicia.

c) En caso de existir, acordos e/ou convenios con entidades públicas e/ou administracións territoriais, e/ou propietarios de terreos afectados no caso da súa existencia.

d) Avaliación dos efectos tecnolóxicos e socioeconómicos do parque na comarca de implantación.

e) Xustificación de coordinación con plans de ordenación do territorio e/ou urbanísticos.

f) Previsión do adecuado cumprimento das condicións de protección do ambiente e a minimización dos impactos ambientais.

4. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos no anterior punto, requirirase o interesado para emendala, con indicación de que se así non o fixese entenderase desistido das súa petición.

Artigo 17º.-Admisión das solicitudes.

1. Concluído o prazo citado no artigo 16º e no prazo dun mes, o conselleiro con competencias en materia de enerxía, oído o Inega, emitirá resolución, na que se recollerán as solicitudes de autorización admitidas a tramitación, que deberá ser notificada ós interesados.

2. A resolución aplicará como criterios de valoración:

a) Eficiencia enerxética da instalación.

b) Desenvolvemento e execución efectiva dos plans tecnolóxicos e industriais asociados ós plans eólicos empresariais e/ou actividades relacionadas coa enerxía eólica.

c) Influencia no desenvolvemento da rede eléctrica de distribución ou transporte.

d) Efectos ambientais.

e) Capacidade técnica e financeira do solicitante.

f) Desenvolvementos vinculados a terreos e concellos afectados.

g) Prazo de execución do parque.

h) Outros factores que se establecerán de maneira particular en cada orde anual.

Artigo 18º.-Autorización do parque.

1. Unha vez determinados os parques admitidos a trámite, no prazo dun mes os solicitantes presen

tarán ante a dirección xeral con competencias en materia de enerxía, a seguinte documentación:

a) Proxecto de execución subscrito por técnico competente, con separatas, de se-lo caso, para os organismos afectados.

b) Estudio ambiental que corresponda segundo a lexislación vixente, así como unha simulación gráfica do impacto visual.

c) Punto de evacuación da enerxía producida, xunto coa conformidade da empresa receptora desta.

d) Proxecto sectorial, xunto coa documentación esixida no artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

e) Relación de bens e dereitos afectados, caso de solicita-la expropiación, con relación actualizada do número de acordos previos acadados.

No caso de solicitar acollemento ó réxime especial de producción eléctrica deberá o promotor presentar solicitude expresa para o efecto, acreditando ademais do cumprimento dos requisitos xerais, as principais características técnicas e de funcionamento da instalación, así como a realización dunha avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida, de se-lo caso, á rede.

2. Os proxectos presentados, determinada a avaliación ambiental que corresponda segundo o establecido no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, pola que se modifica o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, someteranse, na súa totalidade, á información pública por parte da delegación provincial correspondente, para tódolos efectos e durante un prazo de trinta días hábiles, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, taboleiros de anuncios dos concellos afectados, ós que se lles dará audiencia, e nun dos diarios de maior circulación da provincia ou provincias afectadas.

3. Finalizada a información pública e recibidas, se é o caso, as alegacións ás que houbese lugar, a delegación provincial correspondente emitirá informe sobre a adecuación do proxecto á normativa de instalacións industriais e eléctricas, ordenará o contido das alegacións presentadas, e remitirá o expediente á dirección xeral competente en enerxía.

4. A dirección xeral competente en materia enerxética remitirá á consellería con competencias en urbanismo o proxecto sectorial coas súas alegacións, para o informe previsto no artigo 13 do Decreto 80/2000 e á consellería competente en materia de ambiente o expediente para a formulación da declaración de impacto ou efectos ambientais.

5. Formulada a declaración ambiental, e emitido o informe da Consellería de Política Territorial, a dirección xeral competente en materia de enerxía dará audiencia ó interesado para os efectos establecidos no artigo 84 da Lei 30/1992. Realizado este trámite dictarase resolución respecto do proxecto de execución, sendo o órgano competente o director xeral en materia de enerxía, salvo no suposto previsto na alínea c) do punto primeiro do artigo

único do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, en que a dita competencia corresponderá ó Consello da Xunta de Galicia.

6. O Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en enerxía, aprobará, se procede, definitivamente o proxecto sectorial coas modificacións ou correccións que estime convenientes.

Artigo 19º.-Garantías.

1. Co fin de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, o promotor ou a entidade beneficiaria deberá constituír, no prazo dun mes a partir da comunicación da resolución de autorización do proxecto de execución, unha fianza polo importe do 2 por cento do orzamento das instalacións.

A falta de constitución da fianza ou a súa constitución inadecuada dará lugar á revogación da autorización.

2. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Artigo 20º.-Transmisión da titularidade de parques eólicos.

1. A consellería con competencias en materia de enerxía poderá autoriza-la transmisión dun parque eólico acollido ó réxime especial, sempre que o novo titular reúna os requisitos mínimos esixidos neste decreto, o que deberá ser analizado polo órgano competente para concede-la transmisión, que será o mesmo que autorizou o parque.

No suposto de parques eólicos acollidos ó réxime ordinario será de aplicación o establecido no artigo 21.1º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

O novo titular subrogarase expresamente en tódalas obrigas e dereitos do cedente.

Capítulo V

Parques eólicos singulares

Artigo 21º.-Condición de parque eólico singular.

Para que un parque eólico poida te-lo cualificativo de singular para os efectos deste decreto requirirase que cumpra as seguintes condicións:

a) A instalación deberá ter unha potencia non superior a 3 MW.

b) Nos parques destinados preferentemente ó autoconsumo de enerxía, deberase acreditar que polo menos o 30% da producción anual se dedica á dita forma de abastecemento ben de forma directa ou indirecta, podendo neste caso verterse a enerxía excedentaria á rede, sempre e cando esta teña capacidade de absorción e non se modifiquen as súas características. No suposto de parques municipais só se deberá acreditar un 10%.

c) Nos parques destinados á mellora de calidade da subministracción das Pemes distribuidoras, a producción anual no superará o 50% da enerxía nece

saria para abastece-los seus consumidores. En todo caso, a conexión realizarase exclusivamente ás redes da PEME distribuidora da zona.

d) A evacuación da enerxía producida á rede deberase realizar a través dunha liña de tensión máxima de 20/kv.

Artigo 22º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dun parque eólico singular destinado preferentemente ó autoconsumo da enerxía producida poderán ser realizadas por calquera persoa física ou xurídica.

Cando as solicitudes se refiran a instalacións conectadas á rede das Pemes de distribución, estas deberán ser realizadas por persoas xurídicas con participación maioritaria da Pemes propietaria das redes de distribución eléctrica da zona.

2. A solicitude de autorización administrativa dun parque eólico singular cumprirá os requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e realizarase mediante instancia dirixida ó director xeral competente en materia de enerxía, segundo modelo do anexo III, á que se deberá xunta-la seguinte documentación, por triplicado exemplar:

a) Proxecto da instalación no que se incluirá:

-Memoria descritiva, incluíndo para autoconsumo a xustificación da mellora que se producirá coa potencia que se vai instalar e acordo, se é o caso, coa empresa distribuidora para a absorción da enerxía excedentaria; nos casos de parques conectados á rede dunha PEME, informe dela xustificando a mellora de calidade.

-Plano de situación a escala 1:25.000.

-Plano de planta a escala 1:1.000 e se é o caso plano de superficie vinculada a 1:10.000.

-Plano de planta a 1:10.000 da liña de interconexión coa empresa distribuidora.

b) Normativa urbanística de aplicación ó espacio onde se sitúe o parque.

c) Estudio ambiental, caso de instalarse nun espacio natural protexido.

d) De se-lo caso, xustificación de PEME da empresa distribuidora de enerxía eléctrica da zona.

e) Xustificación de compatibilidade con plans eólicos empresariais aprobados. Os parques eólicos singulares poderán instalarse dentro das áreas de investigación de plans eólicos empresariais aprobados, sempre e cando medie acordo co promotor do plan, acreditando que se sitúan fóra dos ámbitos dos parques eólicos que os desenvolven.

f) Prazo de execución.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos no anterior punto, requirirase o interesado para emendala, con indicación de que se así non o fixese entenderase desistido da súa petición.

Artigo 23º.-Tramitación.

1. As solicitudes presentadas someteranse a unha única información pública para os efectos de auto

rización das instalacións eléctricas e do trámite ambiental correspondente, de acordo co establecido no artigo 5 da Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia, nos prazos establecidos no artigo 18º deste decreto.

2. A autorización do parque será competencia do director xeral competente en materia de enerxía, debendo existir con anterioridade de forma preceptiva informe favorable da delegación provincial onde se sitúe territorialmente o parque.

3. A licencia municipal de obras será outorgada polo concello, unha vez obtida a autorización prevista no artigo 77.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Capítulo VI

Inclusión no réxime especial e inscrición

no rexistro

Artigo 24º.-Inclusión no réxime especial.

A condición de instalación de producción de enerxía eléctrica no réxime especial rexerase polo establecido no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, residuos e coxeración, será outorgada pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio.

Para que un parque eólico poida acollerse ó réxime especial, ademais de acredita-lo cumprimento dos requisitos referidos no Real decreto 2818/1998, deberase indica-las principais características técnicas e de funcionamento da instalación, así como a realización dunha avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida, se é o caso, á rede.

Artigo 25º.-Inclusión no rexistro.

1. Para a aplicación á dita instalación do réxime especial será requisito necesario a súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Réxime Especial da Consellería de Industria e Comercio.

2. A inscrición poderá ser solicitada polo titular da instalación conxuntamente coa condición de instalación acollida ó réxime especial ou ben unha vez outorgada a mesma. No primeiro caso, a inscrición será simultánea ó outorgamento da condición de instalación acollida ó réxime especial. No segundo caso, poderá entenderse inscrita se transcorre un mes desde a solicitude sen que o órgano competente resolva.

3. A data de inscrición no rexistro, que se notificará en debida forma ó solicitante, determinará o comezo da aplicación do réxime especial á instalación de que se trate.

Artigo 26º.-Coordinación interadministrativa.

A Comunidade Autónoma dará conta á Administración xeral do Estado das autorizacións de parques que se acollan ó réxime especial, para os efectos da debida formalización das inscricións rexistrais previstas nos artigos 4, 11 e 12 do Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción

de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, residuos e coxeración.

Capítulo VII

Expropiación e servidumes

Artigo 27º.-Declaración utilidade pública.

1. Para os efectos previstos no título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito deste decreto, será acordado polo director xeral competente en materia de enerxía, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia en caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

Para o dito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite simultaneamente coa autorización das instalacións, incluíndo no proxecto presentado para o efecto unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

2. A petición someterase a información pública e solicitarase informe dos organismos afectados.

3. A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación de bens e adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e concordantes da Lei do sector eléctrico.

Artigo 28º.-Concorrencia de utilidades públicas.

Se solicitado o recoñecemento da utilidade pública polo promotor do parque eólico, se opuxese á declaración da mesma o titular doutro dereito ou interese público radicado no mesmo espacio territorial, por entender que a autorización e subseguinte instalación do parque eólico os prexudicaría, procederase á apertura en peza separada dun trámite procedemental no que se decidirá acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados, decantándose, se é o caso, pola prevalencia dun deles.

Artigo 29º.-Trámite de compatibilidade.

O trámite de compatibilidade de utilidades públicas será iniciado polo organismo tramitante en canto teña coñecemento da existencia de aproveitamentos que poidan resultar incompatibles.

Ó dito coñecemento poderase chegar de oficio, ou por instancia de parte realizada en calquera momento anterior á resolución na que se autorice o proxecto e se declare a utilidade pública.

Artigo 30º.-Procedemento.

O órgano tramitador dará audiencia das alegacións presentadas polo titular do dereito ou interese afectado ó solicitante por un prazo de 15 días; emitirá informe acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos, que se elevará xunto co resto do expediente administrativo ó órgano competente para dictar resolución.

Artigo 31º.-Órganos competentes.

1. Cando a compatibilidade ou prevalencia se suscitase entre aproveitamentos nos que sexa competente para a súa autorización a consellería con competencias en materia de enerxía, a resolución do procedemento de autorización da instalación e declaración de utilidade pública realizaraa o conselleiro competente en materia de enerxía.

2. No suposto de que as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellería, a eventual autorización e declaración de utilidade pública do parque eólico serán realizadas polo Consello da Xunta ó que se remitirá o expediente con informe das consellerías afectadas.

3. En ámbolos casos as resolucións que se dicten declararán qué aproveitamento é de maior interese ou utilidade pública, que será o que se considere prevalente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Superficies afectadas polos parques eólicos.

O Plan Eólico de Galicia establecerá os criterios para determina-las superficies máximas de terreo que resultarán afectadas pola instalación de cada aeroxerador; na dita superficie consideraranse incluídos os elementos necesarios para o funcionamento e mantemento do aeroxerador, como subestacións, vías e demais zonas de servidume.

Segunda.-Comisión de seguimento.

Para garanti-lo adecuado cumprimento do Plan Eólico de Galicia, así como das sucesivas planificacións parciais crearase unha comisión de seguimento.

A comisión comporase de representantes das consellerías con competencias nas materias de enerxía, ambiente e urbanismo.

A comisión reunirase como mínimo unha vez ó mes e a súa composición e funcións, que se concretan no control da execución das planificacións que se realicen, desenvolveranse mediante orde da consellería competente en materia de enerxía.

Terceira.-Concepto de promotor.

Mediante orde da consellería competente en materia de enerxía determinaranse os supostos nos que por aplicación do disposto no artigo 6º.2 deban considerarse promotores os socios partícipes de empresas titulares de parques eólicos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Titulares de plans eólicos estratéxicos.

Os titulares de plans eólicos estratéxicos consideraranse para tódolos efectos como titulares de plans eólicos empresariais conservándoselles tódolos dereitos adquiridos pola aprobación do seu plan.

Non obstante, no prazo de dous meses os promotores terán que presentar ante a dirección xeral competente en materia de enerxía os datos das investigacións realizadas nas áreas autorizadas.

Nos datos presentados deberá constar como mínimo a información requirida no artigo 10º deste decreto.

Segunda.-Expedientes de plans eólicos en tramitación.

Os expedientes de solicitude de plans eólicos estratéxicos que no momento da entrada en vigor deste decreto se encontren en tramitación administrativa, seguirán tramitándose ó amparo do procedemento establecido no Decreto 205/1995.

A partir da entrada en vigor deste decreto non se poderán presentar novas solicitudes de aprobación de plan eólico ata que se produza a publicación da orde referida o artigo 6º.3.

Terceira.-Expediente de parques eólicos en tramitación.

Os expedientes de solicitude de parques eólicos que no momento da entrada en vigor deste decreto se encontren en tramitación administrativa, seguirán tramitándose ó amparo do procedemento establecido no Decreto 205/1995.

Malia o anterior, os ditos expedientes incluiranse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas por cada promotor á primeira convocatoria anual regulada no artigo 15º que se realice, no suposto de que publicada esta aínda non dictase resolución o órgano competente para outorga-la autorización.

A non-inclusión destes parques na resolución, que en aplicación do artigo 17º deste decreto deberá dicta-lo conselleiro competente en materia de enerxía, levará consigo de forma automática a inclusión da solicitude na segunda convocatoria anual que se realice. No suposto de non ser de novo estimada e incluída dentro da resolución que determina os parques que se tramitarán anualmente, a resolución do procedemento de autorización tramitado ó amparo do Decreto 205/1995, deberá ser denegatoria.

A pesar do exposto, o solicitante aínda no suposto sinalado poderá reitera-la solicitude en seguintes anualidades, tramitándose de acordo co procedemento que nese momento sexa o aplicable, conservándose, en caso de ser admitida á tramitación, toda a documentación presentada con anterioridade polo interesado obrante no inicial expediente administrativo.

Todo solicitante que iniciase un procedemento de autorización ó amparo do procedemento establecido no Decreto 205/1995 poderá solicitar que lle sexa de aplicación o procedemento establecido nesta norma, o que terá que realizar no momento de presentación de solicitudes para a planificación anual.

Cuarta.-Compatibilidade con Rede Natura 2000.

O Plan Eólico de Galicia que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, na medida en que afecte a

espacios incluídos na rede natura, deberá axustarse ás prescricións establecidas para a protección destes de acordo coa súa normativa reguladora.

Mediante orde conxunta das consellerías competentes en materia de enerxía e ambiente determinaranse as condicións para a compatibilidade das instalacións de parques eólicos aprobados coas zonas propostas para a súa inclusión na Rede Natura 2000.

Quinta.-Plan Sectorial Eólico.

O Plan Sectorial Eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 10 de xullo de 1997, manterá a súa vixencia ata a aprobación do novo Plan Eólico de Galicia, no que se integrará.

As actuacións en trámite axustaranse ás determinacións contidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia mentres non se aprobe o novo Plan Eólico de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Sen prexuízo da súa aplicación como norma de réxime transitorio, queda derrogado o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior rango no que se contradigan ou se opoñan ó presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normativa aplicable.

En todo o non previsto no presente decreto serán de aplicación a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración e demais normativa aplicable, en canto non se opoña ó disposto na citada Lei 54/1997, do 27 de novembro.

Segunda.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase o conselleiro competente en materia de enerxía para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de outubro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio