Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 05 de decembro de 2001 Páx. 15.472

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de novembro de 2001 pola que se establecen os requisitos e o procedemento de autorización das boticas anexas.

A Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, dispón, na súa sección segunda do capítulo terceiro do título II, a instalación de boticas anexas nas parroquias e núcleos de poboación nos que non se cumpran os requisitos previstos para a instalación e apertura dunha oficina de farmacia, sempre que o fagan aconsellable circunstancias de afastamento ou incrementos estacionais da poboación, así como no caso de que concorran situacións de emerxencia.

As boticas anexas considéranse como establecementos de atención farmacéutica de dispensación de medicamentos e productos sanitarios ó público, vinculadas a unha oficina de farmacia, garantindo que a devandita dispensación se leve a cabo pola presencia e actuación profesional dun farmacéutico.

A presente orde establece en qué supostos poderán instalarse, segundo as distintas situacións e circunstancias que concorran, boticas anexas permanentes, de tempada e de emerxencia. Así mesmo, recóllense os requisitos técnicos sanitarios con que deberán contar e os seus horarios de atención ó publico, para o correcto desenvolvemento das funcións que se lles encomenda.

De acordo co disposto na devandita lei, correspóndelle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais establece-los requisitos e condicións para a instalación de boticas anexas, o procedemento de autorización e o réxime de funcionamento, así como a súa clausura e peche.

Polo exposto, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, y tralo dictame do 20 de setembro, nº 483/01, do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é o desenvolvemento da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, no relativo ó establecemento dos requisitos e condicións para a instalación de boticas anexas, o procedemento de autorización e o réxime de funcionamento, así como a clausura e o peche, agás as boticas de medicamentos veterinarios.

Artigo 2º.-Definición.

1. Enténdese por botica anexa o establecemento de atención farmacéutica vinculado a unha oficina de farmacia, destinado a garanti-la atención farma

céutica á poboación das parroquias ou núcleos e lugares onde non se poida instalar unha oficina de farmacia ó abeiro da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e se dean circunstancias de afastamento, difícil comunicación coa oficina de farmacia máis próxima, altas concentracións de poboación temporais ou cando concorran situacións de emerxencia que o fagan aconsellable.

2. A apertura e funcionamento, modificación e peche das boticas anexas reguladas nesta orde estarán suxeitas a autorización administrativa, de acordo co disposto no artigo 7.1º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Artigo 3º.-Tipos de boticas anexas.

Para os efectos da presente orde considéranse os seguintes tipos de boticas anexas:

a) Boticas anexas permanentes: son os establecementos autorizados para garanti-la atención farmacéutica ó longo do ano, por motivo do afastamento da oficina de farmacia máis próxima ou debido á difícil comunicación con ela.

A distancia entre a oficina de farmacia máis próxima e a zona onde se vaia situa-la botica anexa deberá exceder de cinco quilómetros, para o suposto de afastamento, e de tres quilómetros nos casos de difícil comunicación, medida polo camiño máis curto.

Así mesmo, nos supostos de difícil comunicación, deberá acreditarse a ausencia de transporte público regular ou outros factores que dificulten unha normal e regular comunicación.

b) Boticas anexas de tempada: son os establecementos autorizados para garanti-la atención farmacéutica polo menos durante dous meses consecutivos ó ano, nas parroquias, núcleos de poboación ou lugares nos que se produzan en determinadas épocas do ano, altas concentracións de poboación.

Nestes supostos é necesario que a poboación dos devanditos lugares, parroquias ou núcleos de poboación, supere alomenos en tres veces ó número de habitantes do resto do ano.

c) Boticas anexas de emerxencia: son os establecementos autorizados para garanti-la atención farmacéutica á poboación dunha determinada zona xeográfica, cando concorran situacións de emerxencia que impidan o acceso da poboación ós establecementos e servicios de atención farmacéutica habituais para a dita zona ou cando estes sexan insuficientes, ou cando resulte desatendida a zona farmacéutica por peche definitivo ou temporal dunha oficina de farmacia.

Artigo 4º.-Vinculación.

1. A botica anexa estará vinculada a unha oficina de farmacia. A vinculación establecerase coa oficina de farmacia máis próxima entre as existentes na zona farmacéutica e sempre que a Administración sanitaria considere que conta cos medios suficientes.

2. Cada oficina de farmacia só poderá ter vinculada unha botica anexa. Cando a oficina de farmacia máis próxima xa tivese adscrita unha botica anexa, non contase cos medios persoais suficientes ou o seu titular renunciase a ela, adscribirase sucesivamente á oficina de farmacia seguinte por orde de proximidade á botica anexa. En último lugar, podería ser asumida pola oficina de farmacia máis próxima doutra zona farmacéutica sempre que esta o acepte.

Artigo 5º.-Funcións.

1. Nas boticas anexas desenvolveranse as seguintes funcións:

a) Conservación e custodia de medicamentos e productos sanitarios.

b) Dispensación de medicamentos e productos sanitarios, de acordo coa prescrición médica ou veterinaria ou segundo as orientacións técnico-farmacéuticas para aqueles con autorización para seren dispensados sen receita.

c) Información farmacoterapéutica, que sempre debe ser dada por un farmacéutico, orientada á correcta utilización dos medicamentos e productos sanitarios e ó seu seguimento individualizado.

2. A adquisición dos medicamentos e productos sanitarios, así como a vixilancia, control e custodia das receitas dispensadas levarase a cabo desde a oficina de farmacia á que a botica anexa estea vinculada.

3. O farmacéutico titular da oficina de farmacia á que estea vinculada a botica anexa, deberá garanti-la presencia e actuación profesional dun farmacéutico na dispensación dos medicamentos ó público na devandita botica. No desenvolvemento desta tarefa o farmacéutico poderá contar coa colaboración dun técnico ou auxiliar en farmacia. En circunstancias excepcionais, debidas a catástrofes, nas que non sexa posible realiza-la dispensación de medicamentos por un farmacéutico, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá autorizar que a dita función poida ser realizada por persoal non farmacéutico expresamente autorizado, autorización que deberá limitar esta dispensación para a dita botica anexa e durante o tempo no que concorra tal circunstancia excepcional.

Artigo 6º.-Autorización previa de instalación.

O procedemento para a autorización de instalación dunha botica anexa poderá iniciarse:

a) Por instancia do concello ou entidade local menor a que pertenza o núcleo de poboación onde se pretende a instalación da botica anexa.

b) Por instancia do farmacéutico interesado.

Artigo 7º.-Documentación que se debe achegar nos supostos de boticas anexas permanentes e de tempada.

1. Cando o solicitante sexa un concello ou entidade local menor, xunto coa solicitude, achegará á dele

gación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a seguinte documentación:

a) Acordo favorable do concello ou entidade local sobre a instalación da botica anexa.

b) Plano elaborado por técnico competente onde se especifiquen os límites da zona proposta para a instalación da botica anexa.

c) Acreditación nos casos de afastamento, en que a distancia existente entre a oficina de farmacia máis próxima e a zona de instalación da botica anexa excede dunha distancia de cinco quilómetros, medida polo camiño máis curto.

d) Acreditación nos casos de difícil comunicación, da ausencia de transporte público regular ou outros factores que dificulten unha normal e regular comunicación e de que a distancia existente entre a oficina de farmacia máis próxima e a zona de instalación da botica anexa excede dunha distancia de tres quilómetros, medida polo camiño máis curto.

e) Nos casos de boticas de tempada, acreditación expedida polo concello de que, polo menos durante dous meses consecutivos ó ano, a poboación desa zona ou núcleo supera, polo menos en tres veces, o número de habitantes do resto do ano.

2. Cando o solicitante sexa un farmacéutico, ademais de achega-la documentación establecida nas letras b) e seguintes do punto 1 deste artigo, deberá achegar á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a seguinte documentación:

a) Oficina de farmacia da que é titular.

b) Proposta de local onde se instalará a botica anexa e plano elaborado por técnico competente no que se recolla o seu estado de construcción, superficie, distribución e accesos á vía pública.

c) Xustificación documental da dispoñibilidade xurídica do local.

d) Identificación do farmacéutico ou farmacéuticos que coa súa presencia garantirán a actuación profesional na dispensación de medicamentos na botica anexa, documentación acreditativa da súa titulación e da colexiación no colexio oficial correspondente, así como da vinculación coa oficina de farmacia da que dependa a devandita botica.

e) Acreditación do pagamento da taxa correspondente.

Artigo 8º.-Requirimento para completa-la documentación.

Se faltase algún dos documentos previstos nos artigos anteriores, ou os presentados estivesen incompletos, requirirá a Administración o interesado para que, no prazo de dez días, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se procederá de acordo co previsto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Traslado da solicitude.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dará traslado da solicitude de autorización previa de instalación das boticas anexas ós farmacéuticos que, por razón da súa proximidade, poidan verse afectados pola instalación e concederalles un prazo de dez días para que aleguen e presenten os documentos que consideren oportunos.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais autorizará ou denegará a instalación da botica anexa solicitada.

2. Cando a solicitude de instalación da botica anexa feita polo concello obtivese resolución favorable, darase traslado desta a tódolos farmacéuticos titulares de oficinas de farmacia existentes nese concello ou zona farmacéutica, para que no prazo de dous meses presenten, se o consideran oportuno, solicitude de apertura de botica anexa, que deberá ir acompañada dos documentos sinalados no artigo 7º.2 desta orde.

3. No caso de que a autorización sexa por concentración da poboación de carácter estacional, a resolución indicará a tempada e sinalará as datas concretas para as que se autoriza. A dita autorización deberá renovarse cada ano e deberá solicitala o farmacéutico que teña autorizada a botica anexa no prazo de dous meses previos ó inicio da tempada.

Coa solicitude de renovación, o farmacéutico deberá achega-la documentación esixida no artigo 7º.2.

Artigo 11º.-Autorización de funcionamento e apertura.

1. Con anterioridade á apertura e posta en funcionamento, así coma nos supostos de renovación da autorización das boticas anexas de tempada, o farmacéutico titular da oficina de farmacia á que estea vinculada a botica anexa, deberá solicitar no prazo de dous meses contados desde a firmeza da resolución administrativa de instalación, a visita de inspección á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a que ordenará que se efectúe a devandita visita, para comproba-lo cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios e demais condicións fixadas nesta orde.

2. Á vista do actuado, estenderase a correspondente acta de inspección que, de ser favorable, dará lugar, unha vez incorporada ó expediente, á autorización de funcionamento da botica anexa expedida pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 12º.-Autorización de boticas de emerxencia.

1. Cando se dean as circunstancias sinaladas no artigo 3º.1 letra c) desta orde, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá autorizar con carácter de urxencia a instalación, apertura e funcionamento dunha botica anexa, que estará vinculada a unha oficina de farmacia segundo

os criterios establecidos no artigo 4º da presente orde.

2. A resolución que autorice a botica anexa recollerá as causas que motivan a súa instalación.

3. Unha vez que desaparezan as causas excepcionais que motivaron a súa instalación, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará resolución clausurando a devandita botica anexa.

Artigo 13º.-Requisitos técnico-sanitarios.

A) Condicións do establecemento.

1. O local designado para a instalación da botica anexa contará cunha superficie útil mínima de 20 metros cadrados, nunha soa planta, con acceso libre, directo e permanente á vía pública.

2. As boticas anexas contarán coas seguintes zonas diferenciadas:

a) De atención e dispensación, que permita a atención individualizada ó usuario que solicite consello ou información sobre os medicamentos e productos sanitarios.

b) De recepción, almacenamento e custodia.

c) De aseo, para uso do persoal da botica anexa.

3. Así mesmo, deberán estar dotadas dos elementos necesarios para a conservación dos medicamentos e productos sanitarios que requiran de medidas específicas.

B) Sinalización do local.

Na fachada da botica anexa haberá un rótulo no que figure botica anexa ou en castelán botiquín. Así mesmo, deberá figura-lo nome do farmacéutico titular da oficina de farmacia á que a botica anexa estea vinculada e expresa-lo horario de atención ó público. No caso de boticas anexas de tempada, indicarase o período de tempo para o que estea autorizada a súa actividade.

Artigo 14º.-Horarios.

1. As boticas anexas estarán abertas ó público un mínimo de 22 horas semanais distribuídas entre tódolos días laborables da semana e dentro do horario de atención ó público das oficinas de farmacia.

Nas situacións nas que a oficina de farmacia da que dependa a botica anexa se encontre pechada temporalmente, só se permitirá que esta continúe en funcionamento cando quede convenientemente acreditado que outro farmacéutico títular de oficina de farmacia da mesma zona farmacéutica acepte a vinculación temporal da devandita botica anexa.

2. As boticas anexas non participarán nas quendas de urxencia que se establezan na zona farmacéutica na que estean situadas.

Artigo 15º.-Traslado e modificación.

1. En caso de modificación da botica anexa deberá presentarse solicitude ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, xunto

co plano que recolla a nova distribución, superficie, estado do establecemento, e accesos á vía pública.

2. As boticas anexas só poderán trasladarse dentro do mesmo núcleo de poboación onde estean situadas, sempre e cando o novo local cumpra cos requisitos establecidos na presente orde.

3. A solicitude de traslado indicará a nova localización da botica anexa e deberá acompañarse da documentación sinalada no artigo 7º.2 da presente orde.

Artigo 16º.-Extinción da autorización por cerramento.

O peche definitivo da oficina de farmacia á que estea vinculada a botica anexa suporá automaticamente o peche desta. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais adxudicará posteriormente a devandita botica anexa á oficina de farmacia máis próxima do mesmo concello ou, en último termo, á oficina de farmacia máis próxima doutro concello, sempre que así o solicite.

Artigo 17º.-Extinción por renuncia do farmacéutico.

1. A renuncia do farmacéutico como responsable da botica anexa deberá ser comunicada á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, polo menos, con tres meses de antelación á súa efectividade.

2. Recibida a comunicación de renuncia, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais notificarállela a mesma ós demais farmacéuticos do concello ou da zona farmacéutica, segundo os casos, para que no prazo de dous meses presenten, se así o desexan, a documentación prevista no artigo 7º e continuarase coa tramitación prevista na presente orde.

Artigo 18º.-Revogación da autorización de instalación.

1. No caso das boticas anexas de tempada, o esgotamento do prazo para o que foron autorizadas suporá a revogación da autorización concedida, agás nos supostos de que o farmacéutico responsable solicitase a súa renovación, de acordo co sinalado no artigo 10º.3 da presente orde.

2. Revogarase tamén a autorización por desaparición das causas que orixinaron a creación dunha botica de emerxencia ou pola instalación dunha oficina de farmacia nesa zona.

Artigo 19º.-Procedemento de clausura das boticas anexas.

O procedemento de clausura da botica anexa seguirá o establecido no artigo 50 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

Artigo 20º.-Competencia.

1. Correspóndelle a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais outorga-la

autorización previa de instalación e autorización de apertura, funcionamento, traslado, modificación, e peche das boticas anexas.

2. Contra as resolucións da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo cos prazos e requisitos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo máximo para tramitar e resolve-las solicitudes será de seis meses contados a partir da presentación da documentación referida no artigo 7º da presente orde. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 21º.-Tramitación.

Correspóndelles ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu respectivo ámbito territorial, tramita-los expedientes de autorización de novas boticas anexas. Así mesmo, formularán proposta de resolución, que elevarán co resto do expediente á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposición adicional

No relativo ás distancias, á súa medición e ó cómputo de poboación, observarase o disposto no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó mes da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais