Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.671

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 4 de decembro de 2001 polo que se convoca un curso de prevención de riscos laborais de nivel intermedio para o ano 2002.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 19 de decembro de 1997, autorizou a constitución da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), aprobando os seus estatutos e facultando ó Sergas para aporta-lo patrimonio fundacional. O obxecto da fundación consiste basicamente na formación nas materias de saúde pública e Administración sanitaria, desenvolvendo toda a súa actividade con suxeición ós criterios de planificación e as directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas sendo os seus beneficiarios todas aquelas persoas que, dun modo ou outro, traballen ó servicio da sanidade en Galicia.

O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), por unha banda, e a FEGAS, pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola FEGAS do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como do Sergas.

Entre as distintas actividades docentes que se impartirán no ano 2002 entre ámbalas dúas partes atópase a edición do curso de Prevención de Riscos Laborais de nivel intermedio, promovido pola División de Asistencia Sanitaria do Sergas e organizado pola FEGAS no marco do devandito convenio de colaboración.

A celebración do curso foi autorizada pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, adaptándose os seus obxectivos, metodoloxía e programación docente ás directrices emanadas dela.

O curso, que será gratuíto, vai dirixido ós traballadores das institucións sanitarias dependentes do Sergas, así como ós das fundacións públicas sanitarias de carácter asistencial adscritas á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, que serán seleccionados conforme o baremo que se especifica no presente acordo por unha comisión de selección na que estarán presentes representantes do Sergas, da FEGAS e das organizacións sindicais.

O obxectivo xeral do curso é que os profesionais adquiran a cualificación necesaria para desempeñaren as funcións de nivel intermedio recollidas no Regulamento dos servicios de prevención (R.D. 39/1997, de 17 de xaneiro). Entre os obxectivos

específicos do mesmo pódense citar os de coñece-los riscos laborais dos traballadores e adquirir coñecementos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, métodos de avaliación dos riscos laborais, métodos e técnicas preventivas de actuación fronte ós riscos laborais, métodos de protección individual e colectiva fronte ós riscos laborais e as súas características de utilización, métodos e técnicas de formación e información para a prevención de riscos laborais, a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais e a metodoloxía de deseño, elaboración e implantación dun plan de emerxencia e saber xestiona-las primeiras actuacións en emerxencias e primeiros auxilios.

Por todo isto, a Escola Galega de Administración Sanitaria convoca o curso Prevención de Riscos Laborais de nivel intermedio conforme as seguintes bases:

Primeira.

Convócase un curso de Prevención de Riscos Laborais de nivel intermedio, edición do ano 2002, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria, acreditado pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e que ten por obxecto a formación a nivel intermedio, en materia de prevención de riscos laborais dos traballadores vinculados ás institucións sanitarias do Sergas ou ás fundacións adscritas á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

O dito curso será financiado integramente pola FEGAS con cargo ó convenio de colaboración asinado para o ano 2002 entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e mailo Sergas coa Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), de xeito que os participantes non deberán aboar cota de inscrición ningunha.

Segunda.

1. O curso de prevención de riscos laborais de nivel intermedio terá unha duración de 300 horas acreditadas, das que 220 terán carácter presencial, agrupadas en 5 módulos temáticos; 40 corresponderán a prácticas e as 40 restantes á execución e presentación dun traballo práctico relacionado cos contidos do curso, que será valorado na avaliación final do alumnado.

2. O curso desenvolverase conforme o seguinte programa docente:

Módulo 1: conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

Módulo 2: técnicas xerais de análise, avaliación e control dos riscos.

Módulo 3: promoción da prevención.

Módulo 4: avaliación, seguimento e control dos riscos.

Vixilancia dos danos á saúde.

Módulo 5: organización e xestión da prevención.

3. Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes de carácter presencial realizaranse en Santiago de Compostela entre os meses de marzo e novembro de 2002, xeralmente os xoves pola tarde e os venres pola mañá e tarde, e débese ter rematado o proceso de avaliación e certificación dos participantes no mes de decembro de 2002.

4. O director do curso será nomeado pola Escola Galega de Administración Sanitaria por proposta da División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Terceira.

1. O número máximo de participantes no curso será de 32, coa seguinte distribución por centros:

C.H. Juan Canalejo: 2; C.H. Arquitecto Marcide-Novoa Santos: 1; C.H. Universitario de Santiago de Compostela: 2; C.H. Xeral-Calde: 2; Hospital da Costa: 1; Hospital Comarcal de Monforte: 1; C.H. de Ourense: 2; Hospital Comarcal de Valedorras: 1; C.H. de Pontevedra: 2; C.H. Xeral-Cíes: 2; Hospital do Meixoeiro: 1; Hospital Nicolás Peña: 1; X.A.P. A Coruña-Ferrol Área de A Coruña: 1; X.A.P. A Coruña-Ferrol Área de Ferrol: 1;X.A.P. de Santiago de Compostela: 1; X.A.P. de Lugo: 1; X.A.P. de Ourense: 1; X.A.P. de Pontevedra-Vigo Área de Pontevedra: 1; X.A.P. de Pontevedra-Vigo Área de Vigo: 1; Fundación Pública Hospital de Verín: 1; Fundación Pública Virxe da Xunqueira: 1; Fundación Pública Hospital da Barbanza: 1; Fundación Pública Hospital do Salnés: 1; Fundación 061 Urxencias Sanitarias de Galicia: 1; Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A. (MEDTEC): 1; Fundación Centro de Transfusión de Galicia: 1.

2. Os destinatarios do curso serán os traballadores das institucións sanitarias do Sergas e das fundacións públicas sanitarias da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais relacionadas no punto anterior que cumpran o requisito de ter contrato laboral ou estatutario, fixo ou temporal, ou equivalente, que pertenzan ós grupos C, D ou E no caso do persoal estatutario, e que non teñan xa realizado o curso de técnico superior e/ou intermedio en Prevención de Riscos Laborais.

3. A distribución das plazas asignadas farase por concurso de méritos se o número de aspirantes por centro excede da citada cifra.

4. Os méritos valorables no concurso serán os seguintes:

4.1. Formación académica.

Dos epígrafes relacionados neste apartado só se terá en conta para efectos de baremación o que resulte máis favorable para o candidato, sendo excluíntes entre eles.

a) Titulacións universitarias, superiores ou medias, técnicas ou experimentais ou as licenciaturas de psicoloxía ou socioloxía: 5 puntos.

b) Formación profesional de grao superior ou equivalente en especialidades técnicas: 3 puntos.

c) Formación profesional de grao medio ou equivalente en especialidades técnicas: 2 puntos.

4.2. Experiencia profesional en institucións sanitarias en áreas afíns á prevención de riscos laborais: 0,05 puntos por cada mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

4.3. Formación recibida en prevención de riscos laborais: 0,1 puntos por cada 10 horas, ata un máximo de 1 punto.

4.4. Formación impartida en prevención de riscos laborais: 0,1 puntos por cada 10 horas, ata un máximo de 1 punto.

5. As certificacións nas que conste o vínculo xurídico de ter contrato laboral ou estatutario fixo ou temporal, ou equivalente e pertenza ós grupos C, D ou E no caso do persoal estatutario do aspirante, deberán ser emitidas polos servicios de persoal das institucións que corresponda, e a acreditación de formación académica, experiencia profesional en institucións sanitarias en áreas afíns á prevención de riscos laborais e formación recibida ou impartida en prevención de riscos laborais á que se refire o parágrafo anterior acreditaranse coa certificación académica oficial en orixinal ou en fotocopia debidamente legalizada ou compulsada.

Cuarta.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

2. Os interesados en seren admitidos dirixirán o modelo de instancia e demais documentación esixida para participar no curso á Escola Galega de Administración Sanitaria. O dito modelo de instancia poderase coller na propia sede da Escola, no rexistro do novo edificio administrativo do Sergas de San Lázaro, na División de Recursos Humanos do Sergas e nos departamentos ou áreas de formación das institucións sanitarias relacionadas no número 1 da base terceira do presente acordo.

3. De existiren máis solicitudes ca prazas, segundo o establecido na base 3.3., a selección dos aspirantes ó curso será realizado por unha comisión de selección

valorando os méritos da base 3.4. da presente convocatoria que, debidamente acreditados, sexan achegados polos solicitantes. No caso de empate, terá prioridade o aspirante que conte con maior puntuación no número 4.2. da base 3 da convocatoria. De persisti-lo empate, resolverase sucesivamente, en función da maior puntuación obtida nos seguintes números da dita base 3 e por este orde: 4.4., 4.3. e 4.1. De persistir aínda o empate, este resolverase ó chou.

4. A comisión de selección será nomeada polo director da FEGAS e estará formada por representantes das divisións de Recursos Humanos e Asistencia Sanitaria do Sergas, das organizacións sindicais e da FEGAS, publicándose os seus nomes no taboleiro de anuncios da FEGAS unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

5. A dita comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos do curso. A dita publicación farase nos taboleiros de anuncios das divisións de Recursos Humanos e Asistencia Sanitaria do Sergas, nos das institucións sanitarias relacionadas no número 1 da base 3 do presente acordo e no da propia escola, podendo reclamar contra eles os interesados a partir do día siguiente ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 10 días hábiles, mediante escrito dirixido á propia comisión.

Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamacións presentadas, a dirección da FEGAS acordará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares descritos no parágrafo anterior.

Quinta.

1. A asistencia ás actividades docentes presenciais é obrigatoria, permitíndose un máximo do 10% das horas lectivas de ausencia xustificadas.

2. Ó remate do curso os participantes serán avaliados cunha proba obxectiva individualizada sobre os contidos do curso e un traballo de campo no que deberán aplicalos.

3. Os traballos prácticos que van realiza-los aspirantes deberán ser propostos para a súa aprobación á dirección do curso.

4. A proba obxectiva e o traballo práctico serán avaliados por un tribunal, no que estarán representadas a División de Asistencia Sanitaria do Sergas e a Escola Galega de Administración Sanitaria. Actuará como presidente o director do curso.

O dito tribunal poderá solicitar, de se-lo caso, a asesoría dos expertos e especialistas que estime oportunos, que se limitarán a presta-la súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

5. No caso de que na cualificación do tribunal resultase non apto, o alumnado terá dereito á realización duna nova proba de avaliación, coincidente coa do próximo curso que se convoque.

6. Rematada a actuación do tribunal, confeccionarase a relación de aptos e serán expedidos os correspondentes diplomas polo órgano competente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e pola FEGAS.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2001.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración

Sanitaria