Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2002 Páx. 394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 420/2001, do 29 de novembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía axeitada e conforme as normas de heráldica. Por iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa súa correspondente proposta de representación gráfica da súa insignia, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe do 16 de novembro de dous mil un, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo do Concello de Pontevedra, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito: de azur (azul) e sobre ondas de azur e prata (branco), unha ponte alombada de tres ollos, sumado á destra dunha porta defendida por dúas torres almeadas, á sinistra duhna muralla almeada, movinte do flanco e adestrada de torre-porta, tamén almeada, e no centro dunha cruz latina e piñonada, o todo de ouro (amarelo) e aclarado de gules (vermello). Ó timbre, a coroa real.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais