Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2002 Páx. 550

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2001 pola que se lle outorga a Stolt Sea Farm, S.A., permiso de actividade e concesión para a posta en funcionamento dun establecemento de cultivos mariños no lugar de Vilano, concello de Camariñas, provincia da Coruña.

Examinado o expediente instruído para efectos de outorgamento do permiso de actividade e concesión para a explotación dunha granxa mariña, apreciáronse os seguintes

A) Feitos.

Primeiro.-Mediante escrito de data 14 de febreiro de 2001, Pablo García Rodríguez, en representación de Stolt Sea Farm, S.A., solicitou permiso de actividade e concesión para a explotación dunha granxa mariña para engorda de rodaballo, no lugar de Vilano, concello de Camariñas (A Coruña).

Segundo.-O interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de establecementos.

Terceiro.-No expediente figura a seguinte documentación, referida ó resultado da información pública e oficial:

-Anuncio de información pública, inserido no DOG.

-Informe técnico biolóxico da Delegación Territorial da Coruña.

-Informe urbanístico do concello de Camariñas.

-Informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente).

-Informe en materia de defensa, da Comandancia Militar de Mariña (Ministerio de Defensa).

-Informe en materia de navegación, da Dirección Xeral da Mariña Mercante (Ministerio de Fomento).

-Informe sobre cualificación ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente).

-Informe xurídico do Servicio Técnico-Xurídico.

B) Fundamentos de dereito.

Este órgano é competente para resolve-lo expediente de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142) e coa Orde do 17 de marzo do 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67).

Examinadas as disposicións citadas, a proposta de resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Outorgar a Stolt Sea Farm, S.A. (CIF: A28682987), permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación, e concesión para a ocupación duns 1.438 m de superficie de dominio público marítimo-terrestre, do establecemento de cultivos mariños que se indica a continuación.

-Tipo: granxa mariña.

-Nome: Stolt Sea Farm, S.A.

-Actividade: engorda.

-Especies: rodaballo (Psetta maxima), linguado (Solea solea, Solea senegalensis).

-Situación: lugar Vilano, concello de Camariñas, provincia da Coruña.

-Superficie ocupada pola totalidade da granxa:

Dominio privado: 87.000 m.

Dominio público: 1.438 m aprox.

-Características das instalacións:

Naves:

-1 nave de servicios: 746 m.

-1 nave de instalacións eléctricas: 352 m.

-1 nave cadro de bombas: 81,6 m.

-1 nave cadros osixenación: 80 m.

-1 nave taller de bombas: 45 m.

-1 nave hidráulicos: 20 m.

Piscinas:

Nº: 460.

Superficie total: 27.625 m.

-Capacidade: 1.080 tm/ano.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira.-Vixencia.

O permiso de actividade e a concesión outórganse por un prazo de dez (10) anos, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG.

Poderán prorrogarse por períodos máximos de outros dez anos, ata un máximo total de 30 anos, logo de petición do interesado presentada dentro dos 60 días anteriores ó vencemento da súa vixencia.

Segunda.-Obras e instalacións.

As obras e instalacións, que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña dos informes e autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo conforme o proxecto implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas subscrito en xaneiro do 2001, polo enxeñeiro de camiños Ángel Delgado Cid, visado polo colexio profesional correspondente o día 17-2-2001, e deberán quedar totalmente rematadas no prazo de tres anos, contados desde a día seguinte ó da publicación da presente resolución.

A execución das obras e instalacións e o inicio da actividade realizaranse de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000 citada.

Terceira.-Ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

Á concesión de ocupación do dominio público marítimo terrestre sonlle de aplicación na súa integridade as condicións e prescricións sinaladas no informe do 16-11-2001 da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente), notificadas á empresa con data 20-11-2001.

Terceira.-Declaración de impacto ambiental.

Coa finalidade de minimiza-los posibles impactos ambientais negativos e que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, deberanse de aplicar, xunto coas medidas incluídas no estudio de impacto ambiental, as establecidas pola declaración de impacto ambiental formulada por Resolución do 25-10-2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avalación Ambiental, notificadas ó promotor con data 5-11-2001.

Cuarta.-Modificacións.

O establecemento, nin o dominio público ocupado, nin as obras nel executadas poderán destinarse a usos distintos dos autorizados. Baixo ningún concepto se poderán modifica-las instalacións sen permiso expreso desta consellería.

Quinta.-Extinción.

O permiso de actividade e a concesión ós que se refire esta resolución extinguiranse polo incumprimento dalgunha das condicións dela, polos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia e no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, así como polo incumprimento da calquera das prescricións sinaladas no informe do 16-11-2001 da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) sobre a ocupación do dominio público.

Sexta.-Licencias doutros organismos competentes na materia.

O outorgamento deste permiso de actividade e concesión non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Sétima.-Impostos.

O titular xustificará o pagamento á Facenda pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non estar suxeito o acto do dito imposto, feita pola Delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso postestativo de reposición no prazo de un mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción conteciosa-administrativa, que se interporá no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2001.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS

LABORAIS