Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2002 Páx. 602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de xaneiro de 2002 pola que se regula a extracción e comercialización de vieira (Pecten maximus).

A Directiva do Consello 91/492/CEE, do 15 de xullo de 1991, modificada pola Directiva do Consello 97/61/CE, do 20 de outubro, que fixa as condicións sanitarias para a producción e posta no mercado de moluscos bivalvos vivos, trasposta ó noso ordenamento xurídico polo Real decreto 571/1999, establece que a concentración total do veleno amnésico dos moluscos (ASP) na parte comestible dos moluscos (o corpo enteiro ou calquera parte consumible por separado) non debe excede-los 20 microgramos por gramo de ácido domoico (AD) empregando cromatografía líquida de alta eficacia (CLAE) como método para a súa determinación.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia vén regulando o control de biotoxinas en moluscos bivalvos, equinodermos e tunicados mediante a publicación do Decreto 116/1995, modificado polo Decreto 98/1997, do 14 de marzo, e a Orde do 14 de novembro de 1995 da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura onde se define o sistema de control de presencia de biotoxinas en moluscos bivalvos, equinodermos e tunicados establecéndose os plans de mostraxe, a delimitación das zonas de producción en función dos organismos (moluscos cultivados en viveiros flotantes, moluscos infaunais, pectínidos) e as condicións para a autorización ou prohibición da extracción e posta no mercado destes organismos.

A toxicidade tipo ASP ten unha incidencia especialmente relevante na vieira, na que o proceso de intoxicación-desintoxicación é radicalmente distinto ó resto das especies de moluscos bivalvos con interese comercial cultivados nas augas da Comunidade Autónoma, caracterizándose por un proceso de intoxicación rápido e un proceso de eliminación da toxicidade extremadamente lento respecto a outras especies de moluscos.

Pero é un feito constatado que as poboacións de fitoplancto productoras de toxicidade tipo ASP, pertencentes ó xénero de diatomeas Pseudo-nitzschia, están presentes nas augas da Comunidade Autónoma dunha maneira case continuada e presentan importantes incrementos poboacionais en épocas concretas do ano e esta dinámica poboacional vén provocando que a vieira sufra sucesivas reintoxicacións que impiden que os niveis de toxicidade ASP acumulados cheguen a diminuír por debaixo do límite legalmente establecido. Por todo iso e como consecuencia das características do proceso de intoxicación-desintoxicación e a dinámica poboacional do fitoplancto productor de toxicidade, a extracción da vieira nas augas da Comunidade Autónoma vén estando prohibida de maneira

continuada desde o ano 1995 na maioría das zonas de producción de Galicia.

Aínda que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos emprendeu unha serie de alternativas para paliar esta situación, tales como o traslado de vieiras das zonas de producción máis afectadas pola toxicidade ASP a outras zonas con menor probabilidade de intoxicación ou a aceleración do proceso de desintoxicación que se produce pola estabulación das vieiras en viveiros flotantes, se ben poderían constituír unha solución parcial para determinados anos e zonas, non se amosaron eficaces para dar unha solución xeral á prohibición continuada de extracción deste molusco.

Tendo en conta que a flota dedicada á extracción da vieira ten unha especial importancia socioeconómica en determinados portos de Galicia e que o cultivo de vieira en viveiros flotantes constitúe unha actividade da acuicultura de certa relevancia en Galicia, non obstante esta actividade estase a ver especialmente dificultada como consecuencia da prohibición de extracción e, polo tanto, a imposibilidade de obtención de exemplares salvaxes para o seu cultivo.

A existencia de evidencias científicas poñen de manifesto que na vieira o AD se concentra preferentemente no hepatopáncreas de tal xeito que concentracións de AD entre 20 e 250 microgramos por gramo en corpo enteiro se corresponde, en determinadas condicións, con concentracións de AD por debaixo de 20 microgramos por gramo no músculo aductor e/ou as gónadas. Todo isto leva a admitir que a evisceración da vieira, previa á posta no mercado dos músculos aductores e gónadas, permitiría a extracción da vieira con niveis de toxicidade ASP superiores ós establecidos respecto ó corpo enteiro.

A posta no mercado de vieira eviscerada, procedente de zonas de producción con niveis de toxicidade ASP superiores ós legalmente establecidos para o corpo enteiro, suporía un incremento do risco para a saúde pública respecto á súa venda en fresco (corpo enteiro) de tal forma que a presente orde trata de garantir que non se comercialicen vieiras nas que a parte comestible supere os 20 microgramos por gramo de AD.

Esta orde atopa o seu fundamento na normativa anteriormente citada e na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, que recolle a competencia da Administración autonómica a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en materia de extracción e comercialización de productos pesqueiros así como no que se refire ó establecemento das condicións técnicas das empresas de transformación de productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. De acordo co anteriormente exposto, por proposta da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e da Consellería de Sanidade, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regula-la extracción e comercialización dos músculos abductores e gónadas das vieiras con concentracións de ácido domoico (AD)

en corpo enteiro entre 20 e 250 microgramos por gramo, procedentes de zonas de producción sometidas a esta orde, tralo seu procesado nunha planta de evisceración.

2. Para os ditos efectos, e co fin de garanti-la saúde pública e asegura-la viabilidade do proceso de evisceración, establécese o sistema de actuación para a extracción de vieira de zonas afectadas por toxicidade ASP, que se conteñen nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Condicións para a autorización da extracción.

1. Cando a concentración de AD en corpo enteiro de 10 exemplares de vieira, en dúas mostraxes consecutivas cun mínimo dun día e un máximo de 7 días de diferencia entre elas, sexa inferior a 20 microgramos por gramo, autorizarase a extracción para a súa comercialización directa polas canles legalmente establecidos.

2. Cando a concentración de AD en corpo enteiro de 10 exemplares de vieira sexa superior a 20 microgramos por gramo e inferior a 250 microgramos por gramo e, simultaneamente, a concentración de AD sexa inferior a 4,6 microgramos por gramo en cada un dos dous homoxeneizados correspondentes un ás gónadas e outro ós músculos de 10 exemplares, poderase autoriza-la extracción trala obtención de dous resultados negativos consecutivos en cada un dos homoxeneizados realizados cun mínimo dun día e un máximo de 7 días de diferencia ente eles.

3. Cando a concentración de AD en corpo enteiro de 10 exemplares de vieira sexa superior a 250 microgramos por gramo, prohibirase a extracción de vieira na zona autorizada para a extracción controlada.

4. Mentres dure o proceso de extracción controlada nunha zona de producción, o Centro de Control do Medio Mariño realizará controis semanais sobre a zona de producción para asegurar que se seguen cumprindo as condicións que permitiron asegura-la extracción controlada. Cando non se cumpran as condicións establecidas no punto 2 decretarase o peche inmediato da zona de producción para a extracción de vieira.

5. Cando se detecten cambios nas condicións do medio que favorezan a presencia de especies fitoplanctónicas productoras de toxicidade ASP ou se detecte a presencia nas augas de especies do xénero Pseudo-nitzschia en concentracións consideradas perigosas, poderase decreta-lo peche cautelar da zona de producción seguindo o procedemento establecido para este tipo de peches na Orde do 14 de novembro de 1995.

Artigo 3º.-Sistema de extracción controlada.

1. Autorizarase a extracción controlada por zonas de producción segundo os puntos de control que se establecen no anexo da presente orde. O Centro de Control do Medio Mariño poderá establecer outros puntos de mostraxe complementarios cando, debido ás características do episodio tóxico, se consideren necesarios para garanti-la homoxeneidade da zona para a cal se autorice a extracción controlada.

2. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de solicitude das plantas de evisceración, autorizará a extracción de cantidades determinadas de vieira nas zonas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 2º. En colaboración coas confrarías implicadas, establecerá os períodos aptos para a extracción así como a relación de embarcacións autorizadas e tamén establecerá, de acordo coas confrarías e plantas de evisceración, as quendas de extracción nas distintas zonas de producción que se declaren como aptas.

3. Mentres duren os labores de extracción, estes serán directamente controlados por persoal do Servicio de Protección de Recursos.

4. Os exemplares recolectados nunha mesma xornada e zona terán a consideración dun lote e o traslado da zona de producción ó punto de descarga será supervisado directamente por persoal do Servicio de Protección de Recursos.

5. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos fixará un único punto de descarga para cada zona de producción.

6. Unha vez no punto de descarga, a vieira será trasladada en vehículos, adecuadamente acondicionados, que serán precintados por persoal do Servicio de Protección de Recursos, quen acompañará os ditos vehículos de transporte ata a planta de evisceración. Durante o seu traslado deberá acompañarse dun documento de rexistro, emitido polo centro expedidor correspondente. En ningún caso poderán emitirse autorizacións de transporte permanentes.

7. O antedito traslado deberá cumprir, en todo caso, as normas previstas no capítulo II do anexo do Real decreto 571/1999, do 9 de abril, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á producción e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

Artigo 4º.-Da evisceración.

1. A vieira procedente de zonas de producción con niveis de toxicidade ASP en corpo enteiro superiores ós límites legalmente establecidos unicamente poderá ser comercializada tras un proceso de evisceración que elimine o hepatopáncreas, branquias e outros tecidos brandos diferentes do músculo aductor e a gónada, que serán as únicas partes susceptibles de ser postas no mercado, e de acordo coa presente orde.

2. A vieira deberá ser eviscerada de tal maneira que unicamente se poñan no mercado, de maneira conxunta e inseparable, os músculos e gónadas (con ou sen cuncha) garantindo así que uns e outras non van ter niveis de toxicidade prohibidos.

Artigo 5º.-Das plantas de evisceración.

1. A instalación de plantas de evisceración será autorizada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimas conforme o artigo 21 a).2 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, e será inscrita no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias. A Consellería de Sanidade establecerá un rexistro de empresas autorizadas para o procesado de vieira procedente de zonas de producción con niveis de toxicidade superiores a 20 microgramos por gramo e inferiores a 250 microgramos por gramo de ácido domoico.

2. As plantas de evisceración deberán establecer un sistema de control para cada lote de producto final que garanta que cumpre cos límites legalmente establecidos, de tal xeito que a parte comestible non supere os 20 microgramos por gramo de AD detectado mediante cromatografía líquida de alta eficacia. Calquera mostra que exceda este límite implica a destrucción de todo o lote. A análise do lote farase por homoxeneizado de 10 exemplares de vieira unha vez evisceradas.

3. As plantas de evisceración, ademais do recollido no R.D. 1437/1992, do 27 de febreiro, polo que se fixan as normas sanitarias aplicables á producción e comercialización dos productos pesqueiros e da acuicultura, e no R.D. 2207/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas de hixiene relativas ós productos alimenticios, estarán suxeitas ás seguintes condicións:

a) Para a evisceración deberán dispoñer dunha zona perfectamente delimitada e destinada exclusivamente a este fin; evitarase en todo momento o contacto dos materiais tóxicos procedentes da evisceración con outros productos.

b) Deben dispoñer dun sistema de autocontrol de toxicidade tipo ASP en producto final mediante cromatografía líquida de alta eficacia. O organismo encargado das análises deberá estar debidamente autorizado mediante inscrición no Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados para a realización de ensaios de control sobre productos alimenticios relacionados co consumo humano, alomenos, na modalidade de autocontrol.

c) Deberán ter perfectamente establecido un plan de almacenamento e destrucción dos restos orgánicos derivados do proceso de evisceración así como daqueles lotes cun control de producto final no que se detecten toxicidades superiores a 20 microgramos de AD por gramo. Estes restos deberán ser destruídos non sendo susceptibles de ningún tipo de utilización alternativa; a eliminación destes residuos deberá realizarse por xestores autorizados de residuos. A autorización de xestores de residuos será outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, logo de informe técnico favorable da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, respecto do sistema de eliminación.

d) Todo o persoal encargado do procesado da vieira deberá estar debidamente cualificado para este tipo de actividade; a planta de evisceración deberá establecer un plan de formación específico que garanta a homoxeneidade das técnicas de procesado respecto ó persoal implicado.

e) A planta de evisceración deberá levar un libro de rexistro que garanta a trazabilidade de cada un dos lotes recibidos para ser sometidos ó proceso de evisceración.

f) Deberá garantir que o producto final cumpre co establecido na Directiva do Consello 91/492/CEE e posteriores modificacións.

g) Debera informa-la Consellería de Sanidade sobre os resultados de producto final que non cumpran o establecido no capítulo V do anexo da Directiva do Consello 91/492/CEE e posteriores modificacións e proceder á súa destrucción segundo o establecido na alínea c).

Artigo 6º.-Producto final.

1. O producto deberá ser debidamente etiquetado mediante a colocación dunha marca sanitaria que conterá tódolos datos necesarios para a identificación precisa tanto da orixe e lote de procesado como do establecemento emisor. Estas etiquetas, de única utilización e intransferibles, deberán ser resistentes á humidade e tracción e a información contida nelas será indeleble e perfectamente lexible.

2. A etiquetaxe debe cumpri-lo disposto no Real decreto 1437/1992, do 27 de novembro, polo que se fixan as normas sanitarias aplicables á producción e comercialización dos productos pesqueiros, modificado polo Real decreto 1840/1997, do 5 de decembro, así como no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, que aproba a normativa xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade, e no Real decreto 331/1999, do 26 de febreiro, de normalización e tipificación dos productos da pesca, frescos, refrixerados ou cocidos.

3. O producto final, debidamente etiquetado, deberá ser envasado en recipientes adecuados para garanti-la hixiene do molusco. Deberá, pola súa vez, ser debidamente precintado de tal xeito que se asegure a inviolabilidade do seu contido e debidamente etiquetado de tal xeito que sexa necesaria a ruptura da etiqueta para proceder á apertura do envase garantindo así a integridade do seu contido ata a súa entrega ó destinatario final.

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

1. O incumprimento de calquera das condicións previstas nos artigos anteriores será obxecto de infracción e sanción segundo o previsto na Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros ou, se é o caso, segundo o previsto na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. O incumprimento das disposicións desta orde no que se refire á xestión de residuos será sancionado conforme o previsto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública