Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 04 de febreiro de 2002 Páx. 1.326

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO do 11 de decembro de 2001, do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, das bases para a contratación, por concurso oposición, dun axudante de mantemento dentro do cadro de persoal deste instituto.

Obxecto da convocatoria.

A provisión dun posto de traballo vacante no cadro de persoal do Instituto Municipal dos Deportes de

Vigo do ano 2001, para cubrir por concurso-oposición.

1 posto de traballo de axudante de mantemento equiparado ó grupo E, cun complemento de destino 14 e un complemento específico 53.

Natureza e características.

Laboral fixo do organismo autónomo do Concello de Vigo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

Publicidade das convocatorias.

A convocatoria xunto coas súas bases publicarase no BOP, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos da casa do concello, sen prexuízo da publicación do seu anuncio na prensa local.

Condicións dos e das aspirantes.

a) Ser español/a.

Os nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea poderán acceder en idénticas condicións cás dos españois a aqueles sectores da función pública ós que, segundo o dereito comunitario, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

As reservas a aspirantes de nacionalidade española deberán estar motivadas en estar relacionadas específica e directamente co exercicio do poder público e farase constar expresamente en cada convocatoria específica.

b) Ter cumpridos 18 ou 16 anos sempre que o menor viva de forma independente, con consentimento dos seus pais ou titores, ou con autorización da persoa ou institución que os teña ó seu cargo.

c) Estar en posesión da titulación que se fixe nas bases específicas das respectivas convocatorias ou estar en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación de instancias.

No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse con certificado expedido polo organismo competente para establecelas.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desenvolvemento das funcións do cargo, sen prexuízo de que sexan admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas salvo que veñan establecidas por lei ou que sexan incompatibles co desenvolvemento das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou períodos de prácticas se estivesen previstos, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización. Os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para resolver, os tribunais poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos competentes da Administración laboral ou sanitaria da Xunta de Galicia.

Nas convocatorias específicas deberá reservarse un 3% das vacantes como mínimo, tanto en quenda libre como en promoción interna, para seren cubertas entre persoas con discapacidade en grao igual ou superior ó 33%, sempre que superen as probas selectivas e que, antes do nomeamento, acrediten o indicado grao de discapacidade e a súa compatibilidade co desempeño das funcións propias da praza.

e) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración local, nin atoparse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas.

f) Non atoparse incurso/a en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente.

g) Carta de pagamento acreditativa de ter ingresado na Tesourería municipal do Instituto Municipal dos Deportes a cantidade seguinte en concepto de dereitos de exame: prazas dos grupos E, 2.315 ptas.

h) Calquera outro requisito que se fixe nas bases específicas de cada convocatoria.

Tódolos requisitos anteriores deberán terse no momento de remata-lo prazo de admisión de solicitudes e conservarse, cando menos, ata a data do nomeamento.

Forma de presentación da documentación que hai que achegar para a fase de concurso.

Os aspirantes deberán presentar, xunto coa solicitude e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación de instancias, a documentación acreditativa dos méritos que aleguen dos establecidos no correspondente baremo, a través de orixinal ou copia compulsada.

Para a xustificación dos méritos, o/a aspirante que deba achegar documentación proveniente doutros organismos oficiais que non lla facilitasen antes da finalización do prazo de presentación de instancias, deberá achegar no devandito prazo a correspondente solicitude ou copia compulsada, xunto cunha declaracion comprometéndose a presentala nos dous días seguintes a aquel no que lle fose expedida. En todo caso non procederá a súa valoración se non fose achegada antes da data de realización da sesión de valoración do concurso.

O tribunal poderá solicitar que se complete ou aclare a documentación presentada para xustifica-los méritos alegados, pero non pedir nova documentación para acreditar méritos soamente alegados.

Como excepción se o mérito que se alega é ter prestados servicios no Concello de Vigo, bastará con facelo constar en declaración xurada que se achegará xunto coa solicitude e na que figure a data ou datas de inicio e finalización dos servicios ó concello e

o departamento, servicio ou unidade na que se prestaron. No caso contrario deberase achega-la correspondente certificación dos servicios prestados por parte do aspirante.

Presentación de solicitudes.

As instancias dirixiranse ó presidente do Consello de Administración do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, e presentaranse no Rexistro do IMD, avda. Castrelos nº 1 en Vigo, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte a aquel no que apareza o anuncio da convocatoria no BOP.

As instancias tamén poderán presentarse nas demais formas que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

No Rexistro do IMD facilitaranse modelos normalizados das devanditas instancias.

Admisión.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Presidencia do IMD dictará resolución no prazo máximo dun mes, aprobando a lista de aspirantes admitidos/as e excluídos/as cos motivos da exclusión, así como o lugar e data de realización das probas e a designación do tribunal cualificador.

A resolución publicarase no BOP e no taboleiro de edictos da Corporación, e conterá a indicación de que as listas certificadas completas de admitidos e excluídos se encontran expostas ó público no taboleiro do Instituto Municipal dos Deportes xunto coa composición do tribunal cualificador, concedéndose un prazo de 10 días, a partir do seguinte ó da publicación da resolución no BOP para a corrección por parte de quen fose excluído/a, dos defectos a que alude o art. 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e a abstención e recusación dos membros dos tribunais. A publicación da dita resolución no BOP será determinante, así mesmo, para efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na invocada lei.

Esta lista elevarase a definitiva polo transcurso do prazo de reclamacións, se non as houbese; no caso contrario, exporase de novo a lista definitiva, no mesmo lugar que a provisional, así como a resolución das solicitudes de abstención ou recusación, sen necesidade de novo anuncio nos diarios oficiais, nun prazo máximo dun mes a partir da finalización do prazo de reclamacións.

Tribunal cualificador:

O tribunal cualificador estará integrado polos seguintes membros:

-Presidente: o presidente do IMD, ou concelleiro/a en quen delegue.

-Secretario: o secretario xeral do concello, suplente o secretario delegado no IMD (con voz e sen voto).

-Vocais: tres membros do Consello de Administración do IMD, tres representantes dos delegados de persoal do IMD.

-Asesor: o xefe de servicio ou técnico cualificado (con voz e sen voto).

Xunto cos titulares designaranse os respectivos suplentes.

Tódolos membros do tribunal contarán con voz e voto, agás o secretario/a e o asesor, que só contará con voz.

Todos eles, agás o presidente, deberán contar coa titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ós postos.

O tribunal poderá autoriza-la presencia dun asesor/a, con voz e sen voto. Ademais, poderá autorizarse a participación doutro na proba de coñecemento de idiomas oficiais, experto no idioma correspondente o exercicio; tamén contará coa asistencia técnica-administrativa necesaria.

O tribunal non poderá declarar que superaron as probas un número de aspirantes superior ó de postos convocados.

En canto a actuación do tribunal e axudas de custo por asistencia, aplicaranse as mesmas previsións que para os tribunais de selección de persoal funcionarios.

Comezo dos exercicios.

O comezo dos exercicios deberá anunciarse con 15 días de antelación no BOP e no taboleiro do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, atrasándose a data de inicio das probas para cumpri-lo citado prazo, se fose preciso.

Os exercicios e probas practicaranse en chamamento único.

Nos concursos-oposicións comezarase pola fase de concurso, reuníndose o tribunal coa antelación necesaria para que se cumpra a data dos exercicios e probas.

A cualificación da fase de concurso e dos exercicios da oposición así como a relación de aprobados por orde de puntuación, publicaranse no taboleiro do IMD e no de anuncios do lugar onde se realicen.

Sistemas de selección.

Establécese o concurso-oposición.

1. Fase de concurso:

Para a cualificación da fase de concurso rexerá o seguinte baremo de méritos:

a) Coñecemento e experiencia profesional:

Valorarase con 0,20 puntos por ano, ata un máximo de 2 puntos. Deberase acreditar que corresponden a funcións propias da praza á que se aspira, e acreditaranse con certificación de servicios prestados expedida polo organismo oficial no que se prestaron; ou con contrato de traballo inscrito no INEM e certificación da Seguridade Social se os servicios se prestaron en empresas privadas, nos que se poida comprobar que as funcións ou tarefas realizadas se corresponden coas da praza.

b) Por participación en cursos impartidos polo Instituto Nacional de Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública, cursos oficiais derivados do cumprimento dos acordos de formación continua de administracións públicas (I e II AFCAP), dentro do seu labor de formación e capacitación permanente do persoal e cursos incluídos nos plans anuais de formación do concello, sempre que o certificado de asistencia o expida o concello.

-Por cada curso de 60 horas de duración ou, no seu defecto, 10 xornadas como mínimo: 0,60 puntos.

-Por cada curso entre 30 e 59 horas de duración ou, no seu defecto, de 5 a 9 xornadas: 0,40 puntos.

-Por cada curso entre 10 e 29 horas de duración ou, no seu defecto, entre 2 e 4 xornadas: 0,20 puntos.

-Por cada curso no que non se especifique a duración: 0,10 puntos.

A puntuación máxima por esta alínea non poderá exceder de 2 puntos.

c) Titulacións ou certificados de estudios que teñan relación coas funcións da praza.

-Por cada título ou certificado de estudios expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia, excluído o necesario para o acceso á praza e os que serviron para obte-los superiores que se alegan como mérito: 1 punto, se son superiores ós do grupo de titulación da praza; 0,50 puntos se son do mesmo nivel.

-Por cada título ou certificado de estudios expedido por outros organismos oficiais cos mesmos requisitos anteriores: 0,50 puntos.

Deberá acreditarse de maneira que faga fe que a duración dos estudios necesarios para obte-lo título ou certificado académico é como mínimo dun curso académico ou, no seu defecto, nove meses.

A puntuación por esta alínea non poderá exceder de 2 puntos.

2. Fase de oposición.

A fase de oposición constará de 2 exercicios, un teórico e outro práctico.

O exercicio teórico realizarase con carácter xeral por escrito. Así mesmo, o tribunal poderá acorda-la lectura dos exercicios polos/as aspirantes unha vez finalizada a súa realización, sempre en sesión pública.

A forma de practicarse o exercicio será acordada polo tribunal en cada caso en función das características da praza e o previsto nas bases específicas da convocatoria.

No exercicio práctico o tribunal poderá propoñe-los casos prácticos que se sinalen nas bases específicas da convocatoria, sempre relacionados coas materias do temario específico, e con base neles establece-la súa duración sen prexuízo do que poida establecerse nas bases específicas.

A solución dos casos prácticos, ou cando menos os criterios para a súa valoración, deberán ser fixados polo tribunal antes de iniciarse o exame e constar na correspondente acta.

Ademais, practicarase unha proba de coñecemento do idioma galego, que fixará o tribunal atendendo á categoría e funcións da praza, sen prexuízo do establecido regulamentariamente ou nas bases específicas de cada convocatoria.

Os exercicios teórico e práctico cualificaranse cun máximo de 10 puntos cada un, quedando eliminado o aspirante que non obteña un mínimo de 5 puntos en cada un deles, salvo que nas bases específicas se dispoña outra puntuación.

A proba de coñecemento de idioma galego cualificarase cun máximo de 2 puntos.

A/o aspirante que non obtivese 1 punto como mínimo nesta proba deberá participar no primeiro curso de idioma galego que realize o concello, co fin de obte-la debida capacitación.

A puntuación obtida polo/a aspirante na fase de concurso non poderá exceder do 40% do total da puntuación máxima alcanzable na fase de oposición, rebaixándose cando fose preciso para non exceder do dito tope.

A suma das puntuacións obtidas na fase de concurso -co límite máximo do 40% da puntuación total-, nos exercicios da oposición e nas probas de coñecemento do idioma galego, suporá a puntuación total da proba selectiva, que servirá para elabora-la relación de aprobados por orde de puntuación.

A puntuación de cada aspirante nos diferentes exercicios será a media aritmética das cualificacións de tódolos membros do tribunal asistentes á sesión. Non se valorarán a puntuación máis alta e a máis baixa (só unha delas en caso de empate), sempre que entre elas exista unha diferencia de 3 puntos ou máis.

O número de temas será como mínimo o seguinte:

-Grupo E: 10 temas.

No temario deberán figura-los temas a que fai referencia o R.D. 896/1991, do 7 de xuño.

Se os exames non foran corrixidos ó remate da proba, introduciranse nun sobre que se pechará e selará, asinando sobre o precinto tódolos membros do tribunal presentes, así como o mesmo número de aspirantes elixidos ó chou. O sobre quedará baixo a custodia do secretario/a para a súa apertura ó inicio da sesión na que se corrixan.

Os membros do tribunal só poderán cualifica-los exames daqueles aspirantes ós que corrixiran o exame, ou dos que presenciasen a súa lectura, no seu caso.

No caso de empate, o desempate resolverase a favor do/a aspirante con maior puntuación na fase de oposición; de persisti-lo empate, polo que obtivese maior puntuación polo epígrafe de coñecementos ou expe

riencia profesional; se seguira persistindo o empate, a/o de maior idade.

Naqueles exercicios en que sexa preciso establecer unha orde de actuación dos/as aspirantes, o tribunal, antes do primeiro exercicio da oposición e en sesión pública, efectuará o sorteo para establece-la devandita orde.

Calendario preciso para a realización das probas.

Para o seu inicio aplicarase ó disposto na base IX.

Entre a realización de cada un dos exercicios da oposición (excluídos os non eliminatorios), deberá transcorrer un mínimo de 72 horas e un máximo de 45 días.

Contratación.

Unha vez aprobada a proposta polo órgano competente, notificaráselle ó/á interesado/a para que subscriban o seu contrato laborai-fixo no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación do acordo.

Quen non o subscriba no citado prazo perderá o dereito a acceder ó posto de traballo.

Previamente deberan ter presentada na Oficina de Persoal toda a documentación esixida na base IV, no prazo máximo de 20 días naturais contados a partir da publicación da lista de aspirantes aprobados/as no taboleiro de anuncios.

No contrato farase consta-la manifestación da persoa interesada de non estar desempeñando ningún posto ou actividade no sector público, e que non realiza actividade privada remunerada, así como non atoparse percibindo pensión de xubilación, retiro ou orfandade por dereitos pasivos de calquera réxime da Seguridade Social público e obrigatorio.

Achega de documentos.

Tendo en conta que as/os aspirantes para tomar parte nas probas so precisan manifestar na súa instancia que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na base IV anterior -salvo a carta de pagamento dos dereitos de exame e os documentos que xustifiquen os méritos que deban ser tidos en conta na fase de concurso-os/as aspirantes propostos/as para ocupa-las prazas convocadas presentarán na Secretaría Xeral (Unidade de Persoal), dentro do prazo de 20 días naturais contados desde que se faga pública a relación de aprobados, os documentos que xustifiquen as condicións de capacidade e demais requisitos contidos na base IV.

A xustificación das condicións dos aspirantes acreditarase coa seguinte documentación: as das letras a) e b) mediante fotocopia do DNI ou tarxeta acreditativa da súa identidade no caso de extranxeiros, debidamente compulsados por ámbolos dous lados; a da letra c) con copia do título oficial ou no seu defecto resgardo de ter efectuado o depósito para obte-lo (no caso de titulacións expedidas por organismos extranxeiros, deberá xuntarse certificación do Ministerio de Educación e Ciencia na que se

faga consta-la súa equivalencia coa esixida para o acceso); a da letra d) deberá acreditarse a través da superación do correspondente recoñecemento médico que contará, con carácter xeral coa amplitude necesaria para acreditar que non padece enfermidade ou defecto fïsico que lle impida o desenvolvemento das funcións do cargo, e sen prexuízo das probas concretas que poidan esixirse nas bases específicas de cada convocatoria. Se non se esixise o anterior requisito, o aspirante deberá presentar certificado médico oficial para o efecto; as das letras e) e f) con declaración xurada para o efecto.

Se dentro do prazo indicado, e salvo causa de forza maior, as/os aspirantes propostos non presentaran a documentación ou non reunisen os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer por falsidade.

Quen tivese a condición de funcionario/a público/a está exento/a de presenta-la documentación acreditativa de condicións e requisitos xa acreditados no momento da súa toma de posesión, substituíndoa por un certificado para o efecto do organismo no que prestou os seus servicios.

Incidencias.

As convocatorias e as súas bases e cantos actos administrativos se deriven destas e da actuación dos tribunais poderán ser impugnadas polas e polos interesados nos casos, termos e forma que prevé a Lei de procedemento administrativo.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde da selección.

ANEXO

Axudante de mantemento

Número de prazas: 1.

Características.

Equiparada ó grupo E para os efectos da titulación. Estará dotada coas retribucións básicas que legalmente corresponden ó grupo E, e as complementarias seguintes CD 14 e CE 53.

Figurará incluída no réxime de dedicación exclusiva.

Sistema de selección.

Establécese o de concurso-oposición co baremo previsto para a fase de concurso nas bases xerais.

Condicións dos aspirantes.

Ademáis das que figuran na base IV das xerais, os aspirantes deberán estar en posesión do título de certificado de estudios primarios, de escolaridade ou equivalente.

Fase de concurso.

Efectuarase consonte o previsto na base IX e X das bases xerais desta convocatoria.

Exercicios da oposición.

Realizaranse consonte o previsto na base IX e X das bases xerais desta convocatoria, e constará de dous exercicios:

Primeiro exercicio: teórico. De carácter obrigatorio e eliminatorio.

Consistirá en contestar por escrito a un test de 20 preguntas como mínimo con 3 respostas alternativas, tamén como mínimo, que propoñerá o tribunal inmediatamente antes de iniciarse o exercicio e relacionado coas materias contidas no temario que figura como anexo a estas bases, no prazo que estableza como mínimo.

Neste exercicio teórico, cada resposta incorrecta penalizará a metade da puntuación de cada pregunta acertada.

Segundo exercicio: práctico. De carácter obrigatorio e eliminatorio.

Consistirá en resolver un suposto práctico ou realiza-las tarefas que propoñerá o tribunal, relacionadas coas materias obxecto do temario específico, no prazo que estableza o tribunal en función da natureza da proba.

A cualificación de cada exercicio e a final faranse de conformidade co previsto na base X das xerais.

Temario

Temas comúns:

Tema 1. A Constitución española de 1978: principios xerais e estructura.

Tema 2. O Estatuto de autonomía de Galicia: principios xerais e estructura.

Tema 3. Organización municipal e competencias municipais.

Temas específicos:

Tema 1. A limpeza das superficies deportivas dunha instalación cuberta.

Tema 2. Ferramentas e útiles para as pequenas reparacións en instalacións deportivas.

Tema 3.-Tarefas básicas de xardinería.

Tema 4. Os útiles deportivos nas modalidades de deportes de equipo.

Tema 5. Os útiles deportivos nas modalidades de deportes individuales.

Tema 6. Nomativa de utilización das instalacións deportivas municipais.

Tema 7. Ordenanza de prezos públicos para o uso das instalacións deportivas municipais.

Vigo, 11 de decembro de 2001.

Santiago Domínguez Olveira

Presidente do Instituto Municipal dos Deportes