Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2002 pola que se convocan unhas Xornadas sobre muller, Administración e poder político.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre muller, Administración e poder político, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Achegar unha visión actualizada da situación da muller española co fin de comprobar ata qué punto a conciencia de igualdade esbozada desde a Constitución Española ten reflexo no ámbito xurídico e social españois. En concreto, preténdese analiza-lo grao de integración da muller nas esferas de poder público e político, así como as técnicas e medios utilizados na actualidade para promociona-la súa participación nestes ámbitos.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Muller, feminismo e poderes públicos.

-Status e dereitos da muller nos Estados Unidos.

-O valor constitucional da igualdade.

-Dereito comunitario e promoción da muller na vida pública.

-A participación da muller española na toma de decisións políticas.

-Vida laboral versus vida familiar.

-Muller, función pública e altos cargos da Administración.

-As políticas de promoción da igualdade da muller en España.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta en Ferrol (praza Camilo José Cela, s/n, da citada cidade) os días 23 e 24 de abril de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 19 de abril de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por fax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 22 de abril, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública