Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.140

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 21 de marzo de 2002 pola que se convocan subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega, así como a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece as liñas de apoio ás diversas fases de producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria audiovisual.

A través das axudas ó desenvolvemento dos proxectos audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da producción audiovisual, como é a da posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de producción propiamente dita, a rodaxe dunha obra audiovisual. O devandito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da producción, e elaboración do plan de márketing e de distribución.

Para certos tipos de producción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun filme piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as produccións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para produccións multimedia).

Este procedemento de desenvolvemento culmina propiamente coa fase da producción polo que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece axudas para a producción audiovisual en lingua galega, co fin de fomenta-lo crecemento da industria audiovisual na nosa Comunidade Autónoma.

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-la lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega e a realización de produccións audiovisuais en lingua galega.

Polo tanto, as subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002, nos que existe un crédito por un importe de 2.633.385 euros.

Para aqueles proxectos que a empresa solicitante considere que teñen carácter plurianual, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprometer outras fases de realización dos proxectos para o ano 2003 destinando para o efecto o importe de 180.304 euros ó abeiro do disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia. En todo caso, nas bases específicas determinaranse os requisitos concretos que deben cumpri-los solicitantes para accederen a ámbalas modalidades.

Excepcionalmente, poderán concederse subvencións ás empresas productoras radicadas fóra da Comunidade galega sempre que se dea algunha das condicións seguintes:

a) Que a película teña por tema o desenvolvemento ou localización a Comunidade galega.

b) Que polo menos o 25 por 100 da rodaxe ou gravación se realice na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que as persoas integrantes dos equipos técnicos e artísticos que participen na elaboración sexan, polo menos, nun 30 por 100 residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Ademais, quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa foran beneficiarios dunha axuda para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores, convocadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Tanto para unha como para outra modalidade de axudas achegarase a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Copia cotexada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación cotexada e acreditativa da inscrición no correspondente Rexistro de Empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Copia cotexada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Documentación cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas de cada unha das modalidades de subvención.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, segundo os modelos que figuran nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presentar ó seguinte día hábil.

Artigo 6º.-Tramitación.

Os servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión das subvencións.

Así mesmo, correspóndelle á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual eleva-la proposta de cesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Comisión asesora.

Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora, de carácter consultivo, nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e informará única e exclusivamente sobre os criterios que figuran respectivamente nos artigos 17º e 23º desta orde, segundo a modalidade de subvención.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable (10 puntos), favorable (8 puntos), pouco favorable (6 puntos) e desfavorable (4 puntos), e elaborarán un informe conxunto sobre os proxectos presentados.

Artigo 8º.-Resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes previo ó recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas otorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a executa-lo proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Garantías que hai que presentar.

De conformidade co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais nos seguintes supostos:

a) Anticipos que superen os 30.050,61 euros.

b) Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros.

A garantía deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude y como mínimo aquela en que se cumpran dous meses do remate do prazo de xustificación. A presentación da garantía realizarase ante a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo de quince días a partir da notificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Obrigacións do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Así mesmo, en concordancia co disposto no artigo 4º g), no momento de xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administración públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se for o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza legalmente.

Artigo 12º.-Pagamento.

O pagamento das subvencións quedará condicionado ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Comisión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Para proceder a calquera pagamento, de acordo coas disposicións orzamentarias que lles sexan de aplicación, os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non teren pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa. As devanditas certificacións serán expedidas para efectos de subvención.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións para o desenvolmento de proxectos de producción audiovisual:

Artigo 14º.-Tipos de proxectos.

Será obxecto de subvención o desenvolvemento dos seguintes proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Telefilmes.

c) Series de televisión.

d) Produccións multimedia.

e) Documentais.

Os devanditos proxectos terán a consideración que se sinala no artigo 21º.

Artigo 15º.-Beneficiarios de subvención ó desenvolvemento.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas en Galicia e que teñan acordo ou contrato, como mínimo, cun guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Artigo 16º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 4º da presente orde, achegaranse sete exemplares encadernados de:

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sipnose, tratamento e/ou borrador de guión, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Orzamento das actividades de desenvolvemento incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

-Acordo ou contrato co guionista.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual polas productoras no prazo de catro meses desde a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 17º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

-Interese do proxecto e calidade artística (orixinalidade e creatividade del).

-Viabilidade da execución do proxecto unha vez desenvolvido no marco da industria audiovisual galega.

-Axuste entre o proxecto e o orzamento de desenvolvemento, así como a viabilidade do seu financiamento.

Artigo 18º.-Cuantía das axudas.

As axudas poderán alcanzar, con carácter xeral, o 50% do importe subvencionable. Considerarase importe subvencionable o gasto asociado ós proxectos os que refire o artigo 14º da orde, excluídos impostos.

Artigo 19º.-Xustificación.

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar antes do 1 de novembro do presente exercicio orzamentario, á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, xustificación do efectivo desenvolvemento do proxecto e de tódolos gastos realizados imputables a el e que constará da seguinte documentación:

a) Un exemplar do guión definitivo en galego.

b) Un exemplar do plan de producción definitivo.

c) Copia cotexada de tódalas facturas relativas ós gastos realizados na elaboración do plan de márketing e de distribución, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE, para o cal se relacionarán de maneira numerada os xustificantes dos gastos, desagregados por capítulos, incluíndo o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Artigo 20º.-Copias do proxecto.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da producción resultante farase constar que recibiu unha subvención ó seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Xunta de Galicia, coa súa imaxe corporativa.

B) Subvencións á producción audiovisual en lingua galega:

Artigo 21º.-Tipos de proxectos.

Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

c) Vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal.

d) Telefilmes, películas dirixidas á emisión en televisión.

e) Programas pilotos de series de televisión, os que mostren mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

f) Documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

g) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais interactivos tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 22º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 4º da presente orde, achegarase a seguinte documentación, en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Sete exemplares encadernados de:

a) Memoria explicativa (2 páx. máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páx. máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Historial da empresa e relación de membros do equipo.

e) Plan de producción co seu orzamento total, de acordo co modelo que estará ó dispor dos interesados na Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, incluíndo a incidencia no emprego existente e por crear, directo e indirecto.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario desagregado do gasto para a execución do traballo (gastos xerais, gasto de persoal, servicios contratados para as produccións, material, consumibles, márketing, outros), indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de proxectos plurianuais.

h) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual polas productoras no prazo de catro meses desde a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 23º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axuda).

b) Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

c) Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantido, porcentaxe de axuda solicitada, compromisos de distribución).

d) Capacidade empresarial do solicitante ou grupo de empresas que apoia o proxecto (facturación, proxectos realizados, persoal).

e) Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

Artigo 24º.-Contía da axuda.

Considérase importe subvencionable o gasto asociado ó proxecto, podendo alcanza-las axudas, con carácter xeral, as porcentaxes do importe subvencionado que se relacionan a continuación.

1. Proxectos de curtametraxe: ata o 50%, cun máximo de 30.000 euros.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40%.

3. Proxectos de documentais: ata o 50%.

4. Proxectos de vídeo-creación: ata o 50%, cun máximo de 15.000 euros.

5. Proxectos de telefilmes: ata o 40%.

6. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 50%.

7. Proxectos de producción multimedia: ata o 50%, cun máximo de 15.000 euros.

Artigo 25º.-Obrigacións do beneficiario.

1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

3. Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 26º.-Xustificación de gastos.

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual xustificación de tódolos gastos realizados, imputables á producción audiovisual subvencionada, antes do 1 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, a través da documentación seguinte:

-Copia cotexada de tódalas facturas relativas ós gastos realizados na anualidade que corresponda xustificar, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE, para o cal, se relacionarán de maneira numerada os xustificantes dos gastos, desagregados por capítulos, incluíndo o número de factura, o emisor, concepto, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Artigo 27º.-Copias da producción audiovisual.

Ademais da xusficiación anterior, as productoras deberán entregar unha copia da producción audiovisual resultante final en formato DVD antes do 1 de novembro.

En calquera caso, o beneficiario non poderá percibir máis do 80% da subvención total concedida ata a entrega definitiva, que se realizará antes do 31 de decembro da anualidade que corresponda, en lingua galega, e que constará de dúas copias no formato subvencionado de acordo coas seguintes modalidades:

-Curtametraxes: 35 mm ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Longametraxes: 35 mm.

-Documentais: 35 mm. ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Vídeo-creación : Betacam dixital ou SP.

-Telefilms: Betacam dixital ou SP.

-Programas pilotos de serie de televisión: Betacam dixital ou SP.

-Multimedia: CD Rom ou DVD Rom.

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe dependente da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para estes fins, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposición transitoria

A presente orde tramítase anticipadamente ó abeiro do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 19 de febreiro), modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, de conformidade co disposto no artigo 4.1º, da referida orde. A autorización do gasto e a contratación de obrigacións demorarase ata a aprobación definitiva do crédito que deba ampara-lo gasto. Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderase condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que se produciron aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo