Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 21 de marzo de 2002 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, dedica o seu capítulo II ás actividades de fomento do sector audiovisual.

En consonancia co espírito recollido na citada lei, e tendo en conta que á Administración autonómica lle corresponde promover e potencia-lo ensino do audiovisual e das novas tecnoloxías interactivas así como a actividade profesional no sector audiovisual, considera necesario colaborar na formación de todos aqueles que se inicien neste sector, mediante axudas ó desenvolvemento de guións orixinais e axudas que permitan poñer en práctica as creacións de novos realizadores.

Na súa virtude

DISPOÑO:

1. Bases xerais para a concesión das subvencións.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse axudas, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-lo desenvolvemen

to de guións e para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

Polo tanto, para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 150.253 euros que se imputarán ó crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 10.04.353.B 770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

En relación co establecido no artigo 88 do Tratado CE o réxime de axudas é o previsto no Regulamento (CE) número 69/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE as axudas de mínimis.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións:

a) No caso de axudas ó desenvolvemento de guións en lingua galega, as persoas físicas residentes en Galicia que teñan prevista a escritura dun guión para proxectos como os sinalados no artigo 13º.

b) Para a realización de proxectos de producción en lingua galega que incorporen novos realizadores, tanto persoas físicas residentes en Galicia, como productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia que incorporen para a dirección do proxecto en cuestión un novo realizador. No caso de productoras cinematográficas deberán estar inscritas no rexistro oficial do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Ademais, quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa foran beneficiarios dunha subvención para o desenvolvemento e para a producción audiovisual das convocadas anualmente pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentaranse no rexistro xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No caso de persoas físicas xuntarase a seguinte documentación:

a) Copia cotexada de alta no IAE.

b) Copia cotexada do DNI.

c) Currículum vitae do solicitante.

No caso de persoas xurídicas xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia cotexada do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Copia cotexada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación cotexada e acreditativa da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Documento cotexado e acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Tanto para persoas físicas como xurídicas, documentación cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Tanto para personas físicas como xurídicas, declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas de cada unha das modalidades de subvención.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presenta-lo seguinte día hábil.

Artigo 6º.-Tramitación.

Os servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión da subvención.

Así mesmo, correspóndelle á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual eleva-la proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Comisión Asesora.

Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora, de carácter consultivo, nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e informará, única e exclusivamente, sobre os criterios que figuran respectivamente nos artigos 15º e 20º desta orde, segundo a modalidade de subvención.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable (10 puntos), favorable (8 puntos), pouco favorable (6 puntos) e desfavorable (4 puntos), e elaborarán un informe conxunto sobre os proxectos presentados.

Artigo 8º.-Resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes previo ó recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa acep

tación comprometéndose a executar os proxectos subvencionados no prazo e condicións establecidas. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino de axudas.

Así mesmo, en concordancia co disposto no artigo 4º g), no momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada que deberá desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 11º.-Pagamento.

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa. As devanditas certificacións serán expedidas para efectos de subvención.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto

no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. Bases específicas para a concesión da subvención.

A) Subvencións para o desenvolvemento de guións en lingua galega:

Artigo 13º.-Tipos de proxectos.

Serán obxecto de subvención ó desenvolvemento de guións os seguintes tipos de proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Películas para TV.

c) Produccións multimedia.

Non se poderán presentar á presente convocatoria adaptacións de obras preexistentes.

Artigo 14º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 4º, xuntaranse sete exemplares encadernados de:

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sipnose argumental, 1 páx. máximo.

-Tratamento cinematográfico do proxecto de guión, cunha extensión mínima de 30 páx.

-Declaración subscrita polo solicitante de que o proxecto non foi desenvolvido.

-Documento que acredite, se é o caso, o compromiso dunha producción das sinaladas no artigo 13º baseada no guión, por parte de empresas de producción audiovisual ou empresas de producción multimedia.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual polas productoras no prazo de catro meses dende a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 15º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

-Interese do guión e calidade artística (orixinalidade e creatividade do guión).

-Viabilidade da execución do proxecto unha vez desenvolvido o guión no marco da industria audiovisual galega.

Artigo 16º.-Xustificación.

A entrega dos guións debe facerse antes do 1 de novembro do presente exercicio orzamentario.

A documentación que integrará a xustificación do desenvolvemento do guión constará dun exemplar do guión definitivo en lingua galega.

Artigo 17º.-Copias do proxecto.

Nos títulos de crédito da producción resultante, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que recibiu unha subvención para desenvolvemento de guións por parte da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

B) Subvencións para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores:

Artigo 18º.-Tipos de proxectos.

Serán obxecto de axudas a realización das seguintes produccións audiovisuais:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Vídeo-creación, os proxectos que expresen una clara vontade de experimentación formal.

c) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración como no seu consumo.

As devanditas axudas destinaranse a proxectos que, tendo un investimento inferior a 60.101 euros, incorporen novos realizadores, entendéndose por tales, quen á data da presente convocatoria dirixise menos de tres proxectos de producción audiovisual das características que se especifican anteriormente.

Artigo 19º.-Documentación técnica que hai que presentar.

Ademais da documentación sinalada no artigo 4º na presente orde xuntarase a seguinte documentación, en calquera dos idiomas oficiais de Galicia:

Sete exemplares encadernados de:

a) Memoria explicativa (2 páx. máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páx. máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Relación de membros do equipo.

e) Plan de producción co orzamento total deste, de acordo co modelo que estará á disposición dos interesados na Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, incluíndo a incidencia no emprego existente e que se vai crear, directo e indirecto.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario desagregado do gasto para a execución do traballo (gastos xerais, gasto de persoal, servicios contratados para as produccións, material, consumibles, márketing, outros).

h) Declaración subscrita polo solicitante, de que dirixiu menos de tres proxectos á data da convocatoria.

i) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Esta documentación poderá ser recollida nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual polas productoras no prazo de catro meses dende a publicación da convocatoria. Transcorrido este prazo, a documentación será destruída co obxecto de garanti-la confidencialidade dos datos.

Artigo 20º.-Criterios de valoración.

A proposta da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual elaborarase tendo en conta, os seguintes criterios:

-Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axudas).

-Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

-Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantido, porcentaxe de axuda solicitada, compromisos de distribución).

-Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

Artigo 21º.-Contía da axuda.

Cando se trate de axudas dadas en concepto de mínimis por calquera Administración pública e para calquera tipo de gasto, non poderá superarse o límite de 100.000 euros, nun período de tres anos para o mesmo beneficiario.

Considérase importe subvencionable, o gasto asociado ó proxecto, podendo alcanza-las axudas, con carácter xeral, as porcentaxes do importe subvencionado que se relacionan a continuación.

a) Proxectos de curtametraxes: ata o 60% do custo total, cun máximo de 30.000 euros.

b) Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total, cun máximo de 15.000 euros.

c) Proxectos de produccións multimedia: ata o 60% do custo total, cun máximo de 15.000 euros.

Artigo 22º.-Obrigacións do beneficiario.

1. As produccións subvencionadas deberán axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación do proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen nas previsións do proxecto.

3. Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 23º.-Xustificación de gastos.

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual xustificación de tódolos gastos realizados, imputables á producción audiovisual subvencionada, antes do 1 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, a través da documentación seguinte:

-Copia cotexada de tódalas facturas relativas ós gastos realizados na anualidade que corresponda xustificar, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no orzamento presentado, excluído o IVE. Para o cal, relacionaranse de maneira numerada os xustificantes dos gastos, desagregados por capítulos, incluíndo o número de factura, o emisor, concepto, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Artigo 24º.-Copias da producción audiovisual.

Ademais da xustificación anterior, as productoras deberán entregar unha copia da producción audiovisual resultante final en formato DVD antes do 1 de novembro.

En calquera caso o beneficiario non poderá percibir máis do 80% da subvención total concedida ata a entrega definitiva, que se realizará antes do 31 de decembro da anualidade que corresponda, en lingua galega, e que constará de dúas copias no formato subvencionado de acordo coas seguintes modalidades:

-Curtametraxes: 35 mm ou Betacam dixital ou SP, segundo proxecto.

-Vídeo-creación: Betacam dixital ou SP.

-Multimedia: CD Rom ou DVD Rom.

As copias entregadas, en perfecto estado, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para estes fins, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposición transitoria

A presente orde tramítase anticipadamente ó amparo do previsto na orde da Consellería de Eco

nomía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 19 de febreiro), modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, de conformidade co disposto no artigo 4.1º da referida orde. A autorización do gasto e a contratación de obrigas demorarase ata a aprobación definitiva do crédito que deba ampara-lo gasto. Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderase condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momentos no que se produciron aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo