Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.323

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 95/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais, correspondente á familia profesional de esmaltes artísticos, e o acceso ó dito ciclo formativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo cuarto que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúa un dobre reparto competencial, polo que se lle atribúe, por unha parte, ó Goberno fixa-los aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado, coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes e, por outra, atribúelles ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.

Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais, polo Real decreto 1743/1998, do 31 de xullo, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Por iso, o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados ó ensino máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular variable tanto na duración destes como na diversidade de áreas de coñe

cemento teórico-práctico en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento conxunto do alumnado en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da competencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.

Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, deben ser medidos con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.

A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e da obra final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións contribuirá á concreción de proxectos educativos, que anticipen solucións reais no mundo laboral.

Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación tendo en conta as características do alumnado, ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Así mesmo, este decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.

En virtude de todo iso, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

I. Título, perfil e currículo

Artigo 1º.-Identificación do título.

1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais, pertencente á familia de esmaltes artísticos, correspondente ó título de técnico de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais, de acordo co establecido no punto 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e integra o establecido no Real decreto 1743/1998, do 31 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.

2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son as que se establecen no punto 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Perfil profesional.

A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional que definen o perfil profesional do título son as que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como a obra final.

2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao medio de esmaltado sobre metais son os que se establecen no punto 3.1 do anexo deste decreto.

3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo a que se refire este decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como a obra final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2, 3.3 e 3.4 do anexo deste decreto.

II. Ordenación académica e impartición

Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.

1. Estas ensinanzas organízanse en módulos, fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e obra final.

2. Para os efectos do disposto neste decreto, o concepto «módulo» considerarase equivalente ós termos «materia teórica», «materia teórico-práctica» e «clases prácticas» a que se refire o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.

Artigo 6º.-Admisión do alumnado.

Os criterios de admisión do alumnado para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no punto 4.1. do anexo deste decreto.

Artigo 7º.-Avaliación.

1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura a ensinanza impartida no centro educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como da obra final.

2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e da obra final é a que se expresa nos puntos 4.2 e 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º.-Profesorado.

As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no punto 4.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º.-Espacios e instalacións.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición deste ciclo formativo son os que se determinan no punto 4.5 do anexo deste decreto.

Artigo 10º.-Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno, que se determina no punto 4.6 do anexo deste decreto.

Artigo 11º.-Correspondencias.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica laboral dos módulos que se indican no punto 4.7 do anexo deste decreto.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionada con este ciclo formativo.

Artigo 12º.-Acceso ó bacharelato e validacións.

O punto 4.8 do anexo deste decreto recolle a modalidade de bacharelato á que dá acceso este título, así como os módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias de bacharelato.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as validacións entre módulos deste ciclo cos doutros ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño da familia profesional de esmaltes artísticos ou, se é o caso, de diferente familia profesional, atendendo á correspondencia dos seus contidos.

Artigo 13º.-Distribución horaria.

1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no punto 4.9 do anexo deste decreto.

2. As horas de libre disposición que se inclúen neste punto serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados ás unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado, e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Artigo 14º.-Proxecto curricular.

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.

3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.

4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.

5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Disposición transitoria

Única.-Ata que se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo, queda definida pola súa pertenza ás especialidades que se indican no punto 4.4 do anexo deste decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, á promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

1. Identificación do título.

-Denominación: técnico de artes plásticas e deseño de esmaltado sobre metais.

-Nivel: grao medio de artes plásticas e deseño.

-Duración: 1.600 horas.

2. Perfil profesional.

2.1. Competencia xeral:

Realizar operacións de fabricación de esmaltes sobre metais, control de materiais, procesos e productos efectuando a preparación e conducción ou preparación de fornos, esmaltes e instalacións nas condicións de calidade, seguridade e medio ambiente establecidas, responsabilizándose do mantemento en primeiro nivel dos medios de producción e control.

2.2. Capacidades profesionais:

* Habilidade para analizar e desenvolve-los procesos básicos utilizando os métodos e os sistemas de creación e elaboración de productos.

* Resolver problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de proxectación, realización e producción.

* Aplica-las medidas de prevención ambientais e da saúde de forma axeitada a cada proceso.

* Interpreta-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional.

* Elabora-la información e a documentación artístico-técnica, gráfica ou corpórea, escrita ou oral, referente ós procesos de traballo.

2.3. Tarefas máis significativas:

* A concepción, a execución e o acabamento de esmaltes sobre metal para as produccións industriais, para a decoración arquitectónica, de interiores e da moblaxe e dos equipamentos, de carácter tanto utilitario como artístico ou decorativo, e para a producción de complementos de moda, xoiería, ourivería, praterías, etc.

* A concepción, a proxección, a execución e o acabamento de esmaltes sobre metal para a realización de exposicións persoais en galerías de arte, encargos específicos de carácter suntuario, como a creación de pezas artísticas únicas, obxectos artísticos, murais, plafóns, etc., controlando todo o proceso.

* A realización de prototipos e mostrarios para deseñadores ou empresas.

* A aplicación dos fundamentos científicos e técnicos dos materiais que interveñen nos procesos de preparación, producción e acabamento, a selección e a correcta utilización das instalacións e dos equipamentos idóneos.

* Producir esmaltes tanto funcionais como decorativos que, no plano técnico, se adapten ás prestacións do equipamento de que se dispón e, no plano estético, teñan en conta as tendencias de estilo e colorido.

* Realiza-lo raport do debuxo, a colocación de pallóns e fíos, o manexo de ácidos, o escavado dos metais segundo os diferentes procedementos, a colocación de fundentes e cores, o manexo de fornos e os procesos de cocción.

* Exercer labores de mantemento da maquinaria e útiles, control de calidade, conservación, limpeza, embalaxe e almacenamento da producción.

2.4. Campo profesional:

O profesional deste nivel exercerá a súa actividade:

* En empresas do sector das artes aplicadas e do esmalte sobre metais e naquelas outras que, enmarcadas noutros sectores de producción industrial, requiran dos servicios deste profesional, dado que utilizan entre os seus compoñentes elementos propios ou afíns da producción de esmaltes sobre metais.

* En empresas e talleres de carácter artesanal e artístico, sexan públicos ou privados, pequenos, medianos e grandes, relacionados coa xoiería, ourivería, pratería e o campo profesional relativo á ornamentación e á producción suntuaria.

* Como profesional independente, en réxime de sociedade ou asociado en cooperativa.

* Baixo a dirección de técnicos de niveis superiores, deste ou doutros ámbitos académicos, para a execución de proxectos que requiran dos servicios destes profesionais.

* Na realización de proxectos de carácter artístico creados por el, por outros titulares ou por artistas.

3. Currículo.

3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo:

* Desenvolve-las actitudes, destrezas e habilidades que permitan analizar, comprender e desenvolve-los procesos básicos de realización propios da especialidade.

* Utiliza-los métodos e sistemas de creación e elaboración de productos propios da especialidade, no referente tanto a tendencias plásticas como ás técnicas que se integren dentro deste campo profesional.

* Valorar de forma idónea as necesidades formuladas na proposta de traballo, así como os aspectos artísticos, técnicos, organizativos e económicos, para configura-lo proxecto e selecciona-las especificacións plásticas e técnicas oportunas para conseguir un óptimo resultado no seu traballo profesional.

* Resolve-los problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de proxectación, realización e producción.

* Detalla-las especificacións técnicas dos equipos e da maquinaria utilizados, organizando as medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente na saúde e no ambiente.

* Investiga-las formas, materiais, técnicas e procesos creativos e artísticos relacionados coa especialidade e buscar solucións novas, aplicando

correctamente materiais e técnicas, tanto tradicionais como actuais, propias desta especialidade.

* Analiza-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional no campo propio da especialidade.

* Analizar, interpretar, adaptar e, de se-lo caso, xerar información e documentación artístico-técnica, xa sexa gráfica ou corpórea, escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Seleccionar e valorar con rigor crítico as situacións artísticas, técnicas e culturais derivadas do avance tecnolóxico e cultural da sociedade, de xeito que lle permita desenvolve-la súa capacidade de autoaprendizaxe co fin de evolucionar adecuadamente na profesión.

3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos:

3.2.1. Módulo 1: debuxo artístico:

Capacidades terminais

* Elixir adecuadamente os materiais, as técnicas e os útiles de debuxo para empregar, en función dos resultados que se pretenden obter.

* Aplicar correctamente os materiais e as técnicas de debuxo.

* Aplicar correctamente nas composicións os elementos de análise visual e as súas relacións.

* Realizar esbozos de obxecto do contorno, de memoria ou imaxinados.

* Interpretar correctamente planos e proxectos relacionados coa especialidade.

* Realizar proxectos de deseño de obxectos propios da especialidade, con tódalas súas partes, para que queden perfectamente definidos para a súa fabricación industrial ou artesanal.

* Elixir adecuadamente as cores para utilizar nos obxectos que se deseñan.

* Darlles acabado en cor ós proxectos dos obxectos.

Contidos

* Os materiais de debuxo. Particularidades específicas de cada un deles.

* Técnicas de debuxo.

* As formas: figuración, estilización e abstracción.

* Proporción.

* A liña. O volume, claroscuro, a luz e a sombra.

* As formas na natureza. O mundo vexetal e o animal. O corpo humano.

* Debuxo de adorno: formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* O obxecto artístico-artesanal. A linguaxe proxectual da ebanistería artística.

* A cor aplicada ó volume.

* Aplicación correcta de técnicas e materiais de debuxo de liña e de mancha sobre diferentes soportes.

* Realización adecuada de bosquexos, apuntamentos rápidos e exercicios de retentiva.

* Análise e síntese das formas en repouso e en movemento, mediante diferentes recursos expresivos: de liña e mancha.

* Análise e síntese adecuada do debuxo de adorno en formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* Aplicación das formas da natureza no debuxo nas artes plásticas e deseño.

* Adestramento do ollo, da man e da memoria visual.

Criterios de avaliación

* Representa-las formas con abstracción da liña e da mancha.

* Aplicar adecuadamente as técnicas e os utensilios utilizados na expresión gráfica.

* Aplicar contidos compositivos: proporción, relacións espaciais e relacións tonais.

* Utiliza-los procedementos básicos do debuxo.

* Utiliza-lo claroscuro e a cor na representación do volume.

* Aplicar e resolver graficamente problemas xurdidos na práctica da ebanistería artística.

* Presentar correctamente os traballos.

3.2.2. Módulo 2: historia da arte e da ourivería e a xoiería:

Capacidades terminais

* Analiza-los factores esenciais das etapas culturais e artísticas da humanidade e dos factores sociais, económicos e ideolóxicos nos que se encadran, como medio de desenvolvemento intelectual e preparación técnica e artística.

* Integrar artes afíns ó ámbito da ourivería e da xoiería, con especial referencia á xoiería, con capacidade de establece-las necesarias relacións de espacio e de tempo.

Contidos

* Concepto de cultura, de arte e de arte aplicada. Valoración da xoiería, da súa relación coa ourivería e dos factores socioeconómicos que a configuran. O home e o seu contorno na Prehistoria: primeiras manifestacións de xoiería. Configuración cultural e artística das civilizacións antigas e das súas formulacións no campo do adorno persoal. O clasicismo e a súa transcendencia. Xoiería grega e romana.

* Aspectos que distinguen a cultura e a arte da alta Idade Media: caracteres da xoiería na Europa oriental e na occidental. O occidente dos séculos XI ó XV: evolución política, socioeconómica e artística. Representacións relixiosas e mestres da xoiería.

* A Idade do Humanismo: caracterización política, social, cultural e económica. Conceptos plásticos renacentistas. O italianismo e as súas repercusións. Valores sociais, plásticos e ornamentais da xoiería e as súas peculiaridades nacionais.

* A cultura aristocrática do Barroco e as súas manifestacións artísticas. Racionalismo e Despotismo Ilustrado. O mundo ornamental do Rococó. Centros

de xoiería europeos en ámbolos períodos: caracteres distintivos.

* O novo clasicismo. Consecuencias políticas, económicas e sociais da Revolución Industrial e da Revolución Francesa. Panorama cultural e artístico do século do Liberalismo. A industrialización na xoiería. Novos materiais. Renovación artesanal da fin de século.

* Novos valores da cultura do século XX: formas de expresión artística e procura doutras linguaxes plásticas. O deseño e as súas formulacións na arte do xoieiro. A xoiería popular e a súa repercusión no gusto actual.

Criterios de avaliación

* Comprensión razoada dos comportamentos histórico-culturais da humanidade no pasado e no presente, e capacidade de relacionalos cos fenómenos e acontecementos artísticos que tivesen lugar.

* Percepción visual e sensibilidade ante as crenzas, a evolución histórica e a situación espacio-temporal da xoiería.

* Uso dunha linguaxe clara e dunha terminoloxía específica idónea.

3.2.3. Módulo 3: taller de esmaltes:

Capacidades terminais

* Prepara-los fornos, programando a temperatura axeitada en función do material, do esmalte e do acabamento do producto desexado.

* Analiza-las características físico químicas dos esmaltes, tendo en conta os efectos que se producen na súa fusión cos metais.

* Moer esmaltes clasificando os materiais e operando cos equipos para obte-la calidade establecida.

* Realizar esmaltes sobre metal mediante procedementos manuais ou automáticos, coidando tanto o aspecto artístico como o técnico

* Realiza-la cocción do producto esmaltado efectuando a programación, carga e descarga do forno de acordo coas instruccións técnicas recibidas, de maneira que se asegure a calidade do producto e se respecten as medidas de seguridade e ambiente.

Contidos

* O taller de esmaltes: ferramentas e fornos.

* Coñecemento e manexo dos distintos materiais específicos do taller.

* Técnicas clásicas adaptadas a proxectos contemporáneos.

* Adaptación dos debuxos artísticos a estas técnicas.

Criterios de avaliación

* Coñecemento e manexo do material e das ferramentas.

* Habilidade para resolver problemas.

* Coñecemento e utilización correcta das diferentes técnicas do esmalte.

* Correcta aplicación de deseños clásicos e actuais.

3.2.4. Módulo 4: materiais e tecnoloxía: ourivería e xoiería:

Capacidades terminais

* Manexo de útiles, máquinas e ferramentas propios da especialidade, así como das diferentes técnicas.

* Aplicar técnicas e métodos sobre os materiais e as pedras preciosas e ornamentais en procesos de fabricación industrial e artesanal.

Contidos

* Medida e cálculo de magnitudes. Instrumentos.

* Os metais: concepto e características. Propiedades físicas e químicas. Aplicacións.

* Metais preciosos, aliaxes e leis.

* Outros materiais: características. Usos e aplicacións.

* Xemas: propiedades descritivas.

* A calor: fontes e aplicacións.

* Tecnoloxía dos procesos relacionados co obxectivo productivo e artesanal.

* Propiedades, manexo e aplicacións dos principais productos químicos utilizados no taller.

Criterios de avaliación

* O coñecemento sobre as propiedades dos materiais utilizados.

* O coñecemento das máquinas e das ferramentas propias da especialidade.

* A realización correcta do cálculo aplicado.

* O coñecemento teórico dos procesos de fabricación e das súas características.

* O uso correcto do vocabulario específico.

3.2.5. Módulo 5: informática básica:

Capacidades terminais

* Explica-lo proceso electrónico de datos e a estructura física e lóxica do ordenador.

* Describi-lo sistema de xestión interna do ordenador e analizar en qué dispositivos e cómo se almacena a información.

* Diferencia-los diversos sistemas de codificación da información.

* Analiza-la estructura, funcións e características básicas dun sistema operativo monousuario.

* Instalar e aplica-los comandos dun sistema operativo monousuario.

* Distinguir e identifica-los tipos de redes de transmisión de datos.

* Realizar operacións no contorno de traballo dunha rede de área local.

* Operar cun procesador de texto, distingui-las partes que forman un documento e crealo cun deseño preestablecido.

* Manexar a nivel de usuario as técnicas utilizadas para intercambiar datos, documentos ou gráficos entre programas.

Contidos

* Introducción á informática.

* Sistemas operativos.

* Dispositivos de entrada e de saída.

* Ofimática.

* Introducción ó software de deseño e ilustración.

Criterios de avaliación

* O coñecemento e a capacidade do alumno para utilizar correctamente o material e os equipos informáticos.

* A capacidade para selecciona-lo medio informático axeitado, os seus resultados, alcance e posibles combinacións con outros medios.

3.2.6. Módulo 6: formación e orientación laboral:

Capacidades terminais

* Describi-lo marco legal do traballo e identifica-los dereitos e as obrigas que se derivan das relacións laborais.

* Adquiri-la sensibilización necesaria acerca da saúde laboral, mediante a determinación de actuacións preventivas e de protección.

* Identifica-los procedementos de inserción na realidade laboral como traballador autónomo e por conta allea, así como as iniciativas para o traballo por conta propia.

* Recoñece-las actitudes e as capacidades cada vez máis necesarias para o acceso ó emprego e a permanencia nel: colaboración, participación, flexibilidade e dispoñibilidade.

* Localiza-los organismos e institucións, autonómicos, estatais e comunitarios que presten apoio á iniciativa empresarial e ó autoemprego, e distingui-las axudas económicas e subvencións que se poden solicitar en cada caso.

* Adquiri-los coñecementos necesarios para xestionar e administrar unha pequena ou mediana empresa do sector: organización, localización, financiamento, producción, comercialización e rendibilidade.

* Distingui-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade, co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do labor profesional.

Contidos

* Normativa básica e regulamentación específica das relacións laborais.

* Saúde laboral. Prevención ante os riscos profesionais.

* O proceso de procura de emprego. Técnicas de procura activa. Fontes de información e de emprego.

* Conceptos básicos de economía e de mercadotecnia.

* Iniciativas para o traballo por conta propia: tipos de empresas, plan de viabilidade e constitución dunha empresa. Institucións e organismos que prestan axuda e asesoramento.

* Administración e xestión dunha pequena empresa do sector. Obrigas xurídicas e fiscais.

* Dereito aplicado á especialidade: lexislación en materia de obras de arte. Propiedade intelectual e propiedade industrial.

Criterios de avaliación

* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.

* Contrasta-lo interese por asumir adecuadamente o papel laboral.

* Desenvolver actitudes axeitadas que faciliten a inserción, a permanencia e a promoción no mundo do traballo.

* Argumenta-la importancia da saúde persoal e colectiva.

* Actitude emprendedora e creativa ante as propias necesidades e aspiracións.

* Valora-la utilización correcta dunha terminoloxía específica.

3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

Os seus obxectivos serán:

* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.

* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.

* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.

* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e coordinación do traballo propio da especialidade, como sobre a situación e as relacións do mercado laboral.

* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre útiles, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non estean ó alcance do centro educativo.

* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.

* Aplica-los coñecementos e as habilidades que se adquiriron na formación teórica e práctica do alumno ou alumna nos centros docentes.

* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.

3.4. Obra final:

A obra final ten como obxectivo comprobar se o alumno asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.

Nesta familia profesional, a obra final consistirá na realización dun ou varios obxectos pertencente ó campo de esmaltes artísticos, xa sexa como peza illada ou xa como conxunto.

A obra final terá o seguinte contido:

* Información e comunicación.

-Memoria, na que se realizará unha análise dos procesos e das fases de realización da obra, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:

-Aspectos funcionais.

-Aspectos artísticos.

-Aspectos técnicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.

-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final, e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.

-Testemuño gráfico das diversas etapas do traballo conducentes á realización da obra e dos debuxos e bosquexos realizados.

* Realización: realización da obra a que se refire o proxecto ou da maqueta, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.

-Representación gráfica: planos, detalles, instalacións. Incluirá unha memoria gráfica das diversas etapas da realización.

-Estudio económico: medicións e orzamentos.

-Programación e planificación da obra.

4. Ordenación académica e impartición.

4.1. Admisión do alumnado:

4.1.1. Acceso con requisitos académicos:

Para acceder ó ciclo formativo de grao medio ó que se refire este decreto será preciso estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a aquel título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, e superar unha proba de acceso específica.

4.1.2. Exencións da proba de acceso específica:

Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º deste decreto:

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño nunha especialidade da mesma familia profesional á que pretenda acceder.

* Aqueles aspirantes que tivesen superado os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios de artes aplicadas e oficios artísticos que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro), e que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

* Aqueles aspirantes que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18 de xullo).

4.1.3. Acceso sen requisitos académicos:

Non obstante o disposto nos puntos anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido neste

decreto sen estar en posesión do título de graduado en educación secundaria, superando unha proba na que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüística, de razoamento e de coñecementos fundamentais da etapa educativa anterior relacionados co ensino ó que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres poderá consistir, tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada, como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio estatal ou de carácter internacional.

A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderalles autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos e alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produce mingua na capacidade das tarefas de recuperación.

A avaliación faraa o profesor titor ou a profesora titora do centro educativo, e nela colaborará a persoa responsable da formación do alumnado designada polo centro de traballo no período de estancia nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Será realizada polo titor do ciclo.

4.3. Obra final:

4.3.1. Fases de entrega e avaliación:

* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, o alumno presentará un proxecto da obra final da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido da obra que se vaia realizar.

* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto, o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

-O seu interese global, tendo en conta a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.

-A posibilidade de realización efectiva da obra final, nos prazos establecidos e tendo en conta os medios e as instalacións con que se conta.

No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.

* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.

* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización da obra final desenvolverase dentro do último trimestre do curso no que se superasen os módulos do ciclo formativo.

* Avaliación. A obra final avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.

O número máximo de convocatorias para a superación da obra final é de dúas. No suposto de que se dese algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.

Os tribunais considerarán na avaliación das obras finais a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións das obras finais.

4.3.2. Titoría e tribunal avaliador:

A titoría da obra final correrá a cargo do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.

A aceptación da proposta da obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación das obras corresponderalle a un tribunal integrado por:

Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.

Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e se encargará de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, se é o caso, o centro poña ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

Vocais: polo menos tres, nomeados polo director, dos que dous membros serán profesores do ciclo. O director poderá designar, ademais, un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de esmaltado sobre metais:

Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño impartirán, con carácter preferente, os módulos deste ciclo, de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) deste anexo.

Non obstante, co fin de lograr un óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na súa organización, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios e funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na

columna (B), sen que iso derive efectos na adscrición de especialidade.

MódulosEspecialidade do profesorado

(A)(B)

1Historia da arte

e a ourivería e a

Corpo: profesores de artes plásticas e deseño.

xoiería

Especialidades:
-Historia da arte
-Historia da arte e da cerámica
-Cultura xeral cerámica

2Debuxo artísticoCorpo: profesores de artes plásticas e deseño.Corpo: profesores de artes plásticas e deseño.

Especialidades:Especialidades:
-Debuxo artístico-Proxectos de arte decorativa
-Colorido e procedementos pictóricos-Teoría e práctica do deseño
-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa
-Decoración sobre pastas cerámicas
-Análise de forma e cor
-Procedementos pictóricos
-Técnicas de colorido aplicado á cerámica
-Debuxo publicitario
-Composición ornamental
-Estilización artística e colorido
-Decoración elemental cerámica

3Formación e

orientación laboral

Corpo: profesores de artes plásticas e deseño.

Especialidades:
-Dereito usual
-Organización industrial

4Taller de esmaltesCorpo: profesores de artes plásticas e deseño.

Especialidades:
-Esmaltes

5Materiais e tec-

noloxía: ourive-

Corpo: profesores de artes plásticas e deseño.

ría e xoiería

Especialidades:
-Matemáticas
-Coñecemento de materiais

6Informática básicaCorpo: profesores de artes plásticas e deseño.

Especialidades:
-Deseño asistido por ordenador
-Taquigrafía

4.5. Espacios e instalacións:

As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, parágrafos k), l), m), do real decreto anteriormente citado, os módulos deste ciclo formativo clasifícanse nos seguintes epígrafes:

* Teóricos.

-Historia da arte e da ourivería e a xoiería.

-Materiais e tecnoloxía: ourivería e xoiería.

-Formación e orientación laboral.

* Teórico-prácticos.

-Debuxo artístico.

* Talleres específicos.

-Taller de esmaltes.

-Informática básica.

Espacio formativoSuperficieGrao de utilización

Aula teórica45 m20%

Aula teórico-práctica80 m19%

Taller de esmaltación60 m57%

Aula de informática30 m4%

4.6. Relación numérica profesor/alumno:

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica entre profesor e alumno non superior a 1/15 no módulo seguinte: taller de esmaltes. Ó resto dos módulos aplicaráselle a ratio máxima 1/30.

En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.

4.7. Correspondencias:

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:

* Taller de esmaltes.

* Formación e orientación laboral.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

4.8. Acceso ó bacharelato e validacións:

4.8.1. Modalidades do bacharelato ás que dá acceso este título:

* Bacharelato de artes.

4.8.2. Módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias do bacharelato:

Módulo profesionalMateria do bacharelato

Debuxo artísticoDebuxo artístico I

4.9. Distribución horaria:

* Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse do seguinte xeito:

Horas totaisDenominación dos módulos

1º, 2º e 3º trimestre

415Taller de esmaltes

255Debuxo artístico

95Historia da arte e da ourivería e a xoiería

130Materiais en tecnoloxía: ourivería e xoiería

65Horas de libre disposición

960Total

4º, 5º e 6º trimestre

350Taller de esmaltes

65Informática básica

Horas totaisDenominación dos módulos

65Formación e orientación laboral

480Total

110Obra final

50Formación práctica en empresas, estudios ou talleres

160Total