Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2002 Páx. 4.563

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 119/2002, do 7 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de dourado e policromía artísticos, correspondente á familia profesional de artes aplicadas da escultura, así como o acceso ó dito ciclo formativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo 4, que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúa un dobre reparto competencial, atribuída por unha parte, ó Goberno a fixa-los aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado, coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes e, por outra, atribúe ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.

Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico de artes plásticas e deseño en dourado e policromía artísticos polo Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Por iso, o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados á ensinanza máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular variable tanto na duración destes como na diversidade de áreas de coñe

cemento teórico-prácticas en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento conxunto do alumno en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da competencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.

Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, deben ser medidos con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.

A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e da obra final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións, contribuirá á concreción de proxectos educativos, que anticipen solucións reais no mundo laboral.

Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación tendo en conta as características do alumnado, ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Asemade, o presente decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.

En virtude de todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia e logo de

deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

I. Título, perfil e currículo

Artigo 1º.-Identificación do título.

1. O presente decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de dourado e policromía artísticos, pertencente á familia de artes aplicadas da escultura, correspondente ó título de técnico de artes plásticas e deseño en dourado e policromía artísticos, de acordo co establecido no epígrafe 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e integra o establecido no Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.

2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son as que se establecen no apartado 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Perfil profesional.

A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional, que definen o perfil profesional do título son as que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de dourado e policromía artísticos o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como a obra final.

2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao medio de dourado e policromía artísticos son os que se establecen no punto 3.1 do anexo deste decreto.

3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo a que se refire o presente decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como a obra final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2, 3.3 e 3.4 do anexo do presente decreto.

II. Ordenación académica e impartición

Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.

1. As presentes ensinanzas organízanse en módulos, fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e obra final.

2. Para os efectos do disposto no presente decreto, o concepto «módulo» considerarase equivalente ó termo «materia teórica», «materia teórico-práctica» e «clases prácticas» a que se refire o Real decreto

389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.

Artigo 6º.-Admisión do alumnado.

Os criterios de admisión do alumnado para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no epígrafe 4.1. do anexo deste decreto.

Artigo 7º.-Avaliación.

1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura a ensinanza impartida no centro educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como da obra final.

2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e da obra final é a que se expresa no epígrafe 4.2 e 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º.-Profesorado.

As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no epígrafe 4.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º.-Espacios e instalacións.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no epígrafe 4.5 do anexo deste decreto.

Artigo 10º.- Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno, que se determina no epígrafe 4.6 do anexo deste decreto.

Artigo 11º.-Correspondencias.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica laboral dos módulos que se indican no punto 4.7 do anexo do presente decreto.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionada con este ciclo formativo.

Artigo 12º.-Acceso ó bacharelato e validacións.

O epígrafe 4.8 do anexo deste decreto recolle a modalidade de bacharelato á que da acceso este título, así como os módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias de bacharelato.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as validacións entre módulos deste ciclo cos doutros ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño da familia profesional de artes aplicadas da escultura ou, se é o caso, de diferente familia profesional, atendendo á correspondencia dos seus contidos.

Artigo 13º.-Distribución horaria.

1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no epígrafe 4.9 do anexo deste decreto.

2. As horas de libre disposición que se inclúen neste epígrafe serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Artigo 14º.-Proxecto curricular.

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de dourado e policromía artísticos mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.

3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.

4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.

5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Disposición transitoria

Única.-Ata tanto se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo, queda definida pola súa pertenza as especialidades que se indican no epígrafe 4.4 do anexo do presente decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, á promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

1. Identificación do título.

-Denominación: técnico de artes plásticas e deseño en dourado e policromía artísticos.

-Nivel: grao medio de artes plásticas e deseño.

-Duración: 1.600 horas.

2. Perfil profesional.

2.1. Competencia xeral:

Fabricar obxectos de notable calidade estética que a nosa sociedade demanda e nos que a policromía, o dourado ou o prateado dos seus soportes teñan unha grande relevancia.

2.2. Capacidades profesionais:

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se subministre, sexa gráfica ou corpórea, escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos deste taller.

* Analizar toda a información técnica dispoñible sobre máquinas, ferramentas e útiles propios da súa actividade para a súa aplicación práctica.

* Realizar, individualmente ou en equipo, as pezas e os procesos de traballo, aténdose ás especificacións dos planos, deseños ou bosquexos dun proxecto, co emprego adecuado das técnicas e dos útiles que lle son propios, tanto de tipo manual, como de tipo automático.

* Colaborar en equipos de traballo coordinados por técnicos superiores, co fin de establece-los procesos, as técnicas e as ferramentas máis adecuados para a realización dun proxecto.

* Analiza-las tecnoloxías tradicionais e actuais dentro do campo de acción desta especialidade, co fin de que poida adaptarse constantemente ós novos procedementos.

* Responsabilizarse dos medios que utiliza para o desenvolvemento do seu traballo.

* Ser capaz de organiza-lo propio taller, tendo en conta todos aqueles factores artísticos, técnicos, económicos e de seguridade no traballo que son imprescindibles, tanto nunha actividade asalariada como nunha autónoma ou en cooperativa.

2.3. Tarefas máis significativas:

Selecciona-lo material máis adecuado para a realización dun proxecto, con capacidade de asesorar sobre os procesos de realización, permanecendo fiel ás directrices recibidas.

* Prepara-las ferramentas, as máquinas ou os útiles necesarios para a realización dun proxecto.

* Verifica-las pezas durante el proceso de realización e executa-la súa montaxe e o seu derradeiro repasado.

* Aplica-las pátinas e os recubrimentos protectores necesarios para un bo acabado.

* Responsabilizarse do mantemento sistemático de máquinas, utensilios e ferramentas, con capacidade de efectuar traballos simples de reparación.

* Adquiri-los coñecementos elementais para rendibiliza-lo seu traballo.

2.4. Campo profesional:

O profesional deste nivel exercerá a súa actividade en empresas e talleres de carácter artesanal e artístico, sexan públicos ou privados, pequenos, medianos ou grandes, relacionados co campo propio do dourado e a policromía artísticos.

Pode tamén exercer como profesional independente ou asociado en cooperativa.

3. Currículo.

3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo:

* Analizar e desenvolve-los procesos básicos de realización de técnicas de dourado e policromía.

* Analiza-las técnicas tradicionais e actuais propias desta especialidade.

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se lle subministre, sexa gráfica ou corpórea, escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Resolve-los problemas artísticos e técnicos que se presenten durante o proceso de realización.

* Describir con detalle as especificacións técnicas dos materiais utilizados e organiza-las medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Analizar e utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no medio ambiente.

* Analiza-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona esta actividade profesional.

* Aplicar métodos de análise de tempo e óptimo aproveitamento de recursos ós plans de xestión do traballo.

3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos:

3.2.1. Módulo 1: historia da cultura e da arte: artes aplicadas da escultura:

Capacidades terminais

* Aplicar coñecementos humanísticos á evolución estética das artes aplicadas nos distintos períodos da historia.

* Recoñecer distintas morfoloxías nas artes aplicadas ó longo da historia e diferencialas visualmente.

* Analiza-las achegas e as innovacións tecnolóxicas que se reflicten na aparición dos distintos materiais, así como as solucións novas na concepción e o deseño artístico.

Contidos

* Concepto de cultura, de arte e de arte aplicada. Cultura e sociedade. Concepto de deseño, arte e artesanía. Deseño industrial e artes aplicadas.

* O mundo antigo. Principais sociedades e civilizacións. Evolución das artes aplicadas da escultura en Mesopotamia, Exipto, Grecia e Roma. A transición á Idade Media.

* O mundo medieval: estructuras sociais, políticas e económicas e o seu reflexo nas artes. A época das invasións. O Islam e Bizancio. As artes no período feudal: o Románico. O humanismo do Gótico. As novas técnicas artesanais.

* A época moderna. O nacemento do estado moderno. O humanismo e a ampliación do marco xeográfico. As artes aplicadas da escultura no Renacemento.

* O novo concepto político e social no Barroco: o estado absoluto. As artes nas súas principais variantes nacionais. Principais estilos e deseñadores. A estética Rococó como dexeneración do Barroco. O século XVIII: o Despotismo Ilustrado. Neoclasicismo e recuperación arqueolóxica. As manufacturas reais.

* A época contemporánea. Cambios socioeconómicos: a revolución industrial. Cambios políticos: o paso do antigo ó novo réxime. A xeneralización do deseño industrial e a época das grandes exposicións. As artes aplicadas no século XIX. As vangardas de principios de século e a súa influencia.

* Procura de relacións entre os feitos históricos, situándoos adecuadamente no tempo e no espacio e valorando a súa significación e as súas consecuencias posteriores na sociedade.

* Elaboración de esquemas gráficos e mapas para ordenar, contextualizar e secuenciar feitos históricos.

* Análise das relaciones entre as manifestacións e sensibilidades culturais e o seu contexto e acontecementos históricos.

* Análise da evolución dos medios de comunicación e novas tecnoloxías aparecidas, e da súa implicación no desenvolvemento da historia e da sociedade.

* Identificación, clasificación e contraste dos diferentes períodos históricos.

* Espírito de investigación sobre causas e efectos dos acontecementos históricos e a súa influencia no desenvolvemento das artes aplicadas e deseño.

Criterios de avaliación

* Recoñece-los distintos períodos históricos e as súas influencias nos feitos artísticos.

* Usa-la terminoloxía adecuada.

* Analiza-los estilos artísticos cos seus principais representantes e as obras máis importantes.

* Recoñecer e valora-los materiais, os procedementos e as técnicas, así como as súas posibilidades expresivas.

3.2.2. Módulo 2: debuxo artístico:

Capacidades terminais

* Elixir adecuadamente os materiais, as técnicas e os útiles de debuxo para empregar, en función dos resultados que se pretenden obter.

* Aplicar correctamente os materiais e as técnicas de debuxo.

* Aplicar correctamente nas composicións os elementos de análise visual e as súas relacións.

* Realizar bosquexos de obxecto do contorno, de memoria ou imaxinados.

* Interpretar correctamente planos e proxectos relacionados coa especialidade.

* Realizar proxectos de deseño de obxectos propios da especialidade, con tódalas súas partes, para que queden perfectamente definidos para a súa fabricación industrial ou artesanal.

* Elixir adecuadamente as cores para utilizar nos obxectos que se deseñan.

* Darlles acabado en cor ós proxectos dos obxectos.

Contidos

* Os materiais de debuxo: particularidades específicas de cada un deles.

* Técnicas de debuxo.

* As formas: figuración, estilización e abstracción.

* Proporción.

* A liña. O volume, o claroscuro, a luz e a sombra.

* As formas na natureza. O mundo vexetal e o animal. O corpo humano.

* Debuxo de adorno: formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* O obxecto artístico-artesanal. A linguaxe proxectual do dourado e da policromía.

* A cor aplicada ó volume.

* Aplicación correcta de técnicas e materiais de debuxo de liña e de mancha sobre diferentes soportes.

* Realización adecuada de bosquexos, apuntamentos rápidos e exercicios de retentiva.

* Análise e síntese das formas en repouso e en movemento, mediante diferentes recursos expresivos: de liña e mancha.

* Análise e síntese adecuada do debuxo de adorno en formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* Aplicación das formas da natureza no debuxo nas artes plásticas e deseño.

* Adestramento do ollo, da man e da memoria visual.

Criterios de avaliación

* Representa-las formas con abstracción da liña e da mancha.

* Aplicar adecuadamente as técnicas e os utensilios utilizados na expresión gráfica.

* Aplicar contidos compositivos: proporción, relacións espaciais e relacións tonais.

* Utiliza-los procedementos básicos do debuxo.

* Utiliza-lo claroscuro e a cor na representación do volume.

* Aplicar e resolver graficamente problemas xurdidos na práctica do dourado e a policromía artísticos.

* Presentar correctamente os traballos.

3.2.3. Módulo 3: volume:

Capacidades terminais

* Realizar composicións en relevo aplicando as técnicas de modelado, talla e baleirado.

* Elixir e manexar adecuadamente os materiais idóneos para obte-la maior expresividade da composición.

* Realizar composicións volumétricas derivadas dos volumes simples, por división, deformación, seriación, etc.; aplicando os principios compositivos: simetría, equilibrio, ritmo, proporción, etc.

* Construcción de formas tridimensionais exentas mediante calquera técnica, coas armazóns adecuadas á súa forma e dimensións.

* Realizar composicións volumétricas inspiradas na natureza, a través de series de simplificación sucesiva da forma.

* Realizar bosquexos volumétricos, de decoración de pezas da especialidade.

Contidos

* Os distintos materiais, ferramentas e técnicas.

* O relevo baixo, medio e alto.

* A forma exenta. Armazóns.

* Modelado, talla e construcción.

* Iniciación ó baleirado.

* A composición na creación volumétrica.

* As formas na natureza. Formas orgánicas, xeométricas e abstractas.

* A maquetación.

* Os materiais: plásticos (barro, escaiola, etc.) pétreos, orgánicos (madeira), sintéticos (plásticos, cementos, etc.), metálicos (ferro, aluminio, etc.), etc.

* Manexo adecuado dos diferentes tipos de materiais e ferramentas.

* Selección e aplicación dos diferentes procedementos volumétricos.

* Construcción de formas exentas e relevos a nivel básico, experimentando cos principios compositivos: simetría, equilibrio, ritmo, proporción, etc.

* Aplicación das formas da natureza na ornamentación volumétrica de pezas utilizables nas artes aplicadas da escultura.

Criterios de avaliación

* Utilizar correctamente os elementos que interveñen na composición, para a creación de formas volumétricas, dotadas de interese plástico.

* Aplica-los diferentes procesos escultóricos aprendidos, as súas ferramentas e os materiais propios.

* Realizar a nivel básico os procesos de baleirado e moldeado.

* Interpreta-la realidade con visión analítica e sintética aplicada ó estudio de formas volumétricas.

* Resolver de distintas maneiras e con orixinalidade os problemas formais que se presenten.

3.2.4. Módulo 4: debuxo técnico:

Capacidades terminais

* Utilizar correctamente os materiais, os métodos e as técnicas necesarias para a representación xeométrica no plano.

* Aplica-lo debuxo xeométrico á representación de formas planas relacionadas coa especialidade.

* Realiza-los trazados gráficos básicos utilizando métodos informáticos.

* Identificar e empregar correctamente os convencionalismos utilizados no debuxo técnico e na normativización.

* Representar graficamente, mediante os sistemas máis adecuados, pezas tridimensionais sinxelas do contorno e da especialidade.

Contidos

* Os útiles de debuxo. Formatos normalizados.

* Trazados básicos: perpendiculares e paralelas, triángulos, cuadriláteros, polígonos regulares, circunferencias e arcos, tanxenciais e enlaces, óvalos, ovoides e espirais, cónicas (elipse, hipérbole e parábola), arcos e molduras.

* Semellanzas e proporcionalidade. Escalas.

* Rotulación.

* Proxección cilíndrica e cónica. Introducción ós sistemas de representación.

* Sistemas obxectivos de representación: sistema diédrico (bosquexo, seccións, etc.), perspectivas paralelas (axonometrías, cabaleiras, militares, etc.), sistema acoutado e proxeccións estereográficas.

* Sistemas subxectivos de representación, sistema cónico e perspectiva lineal: simplificacións.

* Normas de acoutación e símbolos convencionais en superficies e cortes.

* Representación bidimensional mediante programas informáticos.

* Representación tridimensional mediante programas informáticos.

* Debuxo de formas xeométricas planas.

* Representacións gráficas nos diferentes sistemas: axonométricas, cabaleiras, diédricas, planos acoutados e cónicos.

* Representación de detalles constructivos e símbolos convencionais en superficies e cortes.

Criterios de avaliación

* Debuxar obxectos cos sistemas de representación máis idóneos.

* Selecciona-lo sistema de representación adecuado para un problema xeométrico.

* Aplicar programas informáticos na representación gráfica das artes plásticas da escultura.

3.2.5. Módulo 5: materiais e tecnoloxía: artes aplicadas da escultura:

Capacidades terminais

* Identificar, comparar, medir e calcular dimensións e magnitudes dos materiais relacionados coas artes aplicadas da escultura.

* Analiza-los conceptos e procesos tecnolóxicos propios desta actividade artesá e profesional, para a súa posterior aplicación.

* Aplica-los coñecementos dos diversos materiais utilizados nas artes aplicadas da escultura.

* Clasifica-los materiais de acordo coas súas características e propiedades.

* Utiliza-la análise e a estratexia lóxica e racional para a eficaz realización dos proxectos do sector.

* Potenciar materiais autóctonos e tecnoloxías e materiais novos.

Contidos

* Medidas e cálculo de magnitudes. Instrumentos.

* Corpos e superficies xeométricas.

* Proporcionalidade. Escalas.

* Útiles, máquinas e ferramentas.

* Materiais. Propiedades. Procesos de obtención, elaboración e transformación.

* Tecnoloxía dos procesos.

* Novos materiais e tecnoloxías.

Criterios de avaliación

* Describi-los materiais utilizados nas artes aplicadas da escultura e as súas propiedades.

* Aplicacións das materias específicas das artes aplicadas da escultura.

* Usar correctamente unha linguaxe científico-técnica e unha terminoloxía específica.

3.2.6. Módulo 6: taller de dourado e policromía:

Capacidades terminais

* Aplica-las técnicas de dourado e policromía con habilidade, destreza e corrección.

* Identificar e manexa-las ferramentas e os materiais habituais no taller, e establecer unha relación biunívoca entre eles.

* Planifica-los traballos de dourado e policromía e describi-los materiais e as ferramentas que se utilizan, así como os acabados para cada un dos elementos.

Contidos

* Exploración do valor artístico dos procedementos.

* Concepto de policromía.

* Dourados e prateados.

* Pátinas polícromas en xeral.

* Soportes e procedementos.

* Aplicacións xerais á escultura, ó moble, á madeira, á pedra e ós metais.

Criterios de avaliación

* Habilidade e destreza no uso de materiais, ferramentas, maquinaria e técnicas propias do taller de dourado e policromía artísticos.

* Organización e realización de exercicios individuais.

* Realización de tarefas en equipo.

3.2.7. Módulo 7: formación e orientación laboral:

Capacidades terminais

* Describi-lo marco legal do traballo identificando os dereitos e as obrigas que se derivan das relacións laborais.

* Adquiri-la sensibilización necesaria acerca da saúde laboral mediante a determinación de actuacións preventivas e de protección.

* Identifica-los procedementos de inserción na realidade laboral como traballador autónomo e por conta allea, así como as iniciativas para o traballo por conta propia.

* Recoñece-las actitudes e capacidades cada vez máis necesarias para o acceso e a permanencia no emprego: colaboración, participación, flexibilidade e dispoñibilidade.

* Localiza-los organismos e institucións, autonómicos, estatais e comunitarios, que prestan apoio á iniciativa empresarial e ó autoemprego, e distingui-las axudas económicas e as subvencións que se poden solicitar en cada caso.

* Adquiri-los coñecementos necesarios para xestionar e administrar unha pequena ou mediana empresa do sector: organización, localización, financiamento, producción, comercialización e rendibilidade.

* Distingui-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do quefacer profesional.

Contidos:

* Normativa básica das relacións laborais e regulamentación específica.

* Saúde laboral. Prevención ante os riscos profesionais.

* O proceso de busca de emprego. Técnicas de busca activa. Fontes de información e emprego.

* Conceptos básicos de economía e mercadotecnia.

* Iniciativas para o traballo por conta propia: tipos de empresas, plan de viabilidade, constitución dunha empresa. Institucións e organismos que prestan axuda e asesoramento.

* Administración e xestión dunha pequena empresa do sector. Obrigacións xurídicas e fiscais.

* Dereito aplicado á especialidade: lexislación en materia de obras de arte. Propiedade intelectual e propiedade industrial.

Criterios de avaliación

* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.

* Contrasta-lo interese por asumir adecuadamente o papel laboral.

* Desenvolver actitudes axeitadas que faciliten a inserción, permanencia e promoción no mundo do traballo.

* Argumenta-la importancia da saúde persoal e colectiva.

* Actitude emprendedora e creativa diante das propias necesidades e aspiracións.

* Valora-la utilización correcta dunha terminoloxía específica.

3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

Os seus obxectivos serán:

* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.

* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.

* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.

* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e a coordinación do traballo, propio da especialidade, como sobre a situación e as relacións do mercado laboral.

* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre útiles, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ó alcance do centro educativo.

* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.

* Aplica-los coñecementos e as habilidades adquiridas na formación teórica e práctica do alumno ou da alumna nos centros docentes.

* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.

3.4. Obra final:

A obra final ten como obxectivo comprobar se o/a alumno/a asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.

Nesta familia profesional a obra final consistirá na realización dun ou de varios obxectos pertencentes ó campo das artes aplicadas da escultura, sexa como peza illada ou como conxunto.

A obra final terá o seguinte contido:

* Información e comunicación.

-Memoria, onde se realizará unha análise dos procesos e das fases de realización do obxecto, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:

-Aspectos funcionais.

-Aspectos artísticos.

-Aspectos técnicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.

-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.

-Testemuña gráfica das diversas etapas do traballo conducentes á realización da obra e dos debuxos e bosquexos realizados.

* Realización da obra á que se refire o proxecto ou da maqueta, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.

-Representación gráfica: planos, detalles e instalacións. Incluirá unha memoria gráfica das diversas etapas da realización.

-Estudio económico: medicións e orzamentos.

-Programación e planificación da obra.

4. Ordenación académica e impartición.

4.1. Admisión do alumnado:

4.1.1. Acceso con requisitos académicos:

Para acceder ó ciclo formativo de grao medio ó que se refire o presente decreto, será preciso estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a ese título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, e superar unha proba de acceso específica.

4.1.2. Exencións da proba de acceso específica:

Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º do presente decreto:

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño nunha especialidade da mesma familia profesional á que pretenda acceder.

* Aqueles aspirantes que tivesen superados os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios de artes aplicadas e oficios artísticos que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro), que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

* Aqueles aspirantes que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18 de xullo).

4.1.3. Acceso sen requisitos académicos:

Non obstante o disposto nos epígrafes anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido no presente decreto sen estar en posesión do título de graduado en educación secundaria, superando unha proba na que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais da etapa educativa anterior relacionados coa ensinanza á que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, poderá consistir tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio estatal ou de carácter internacional.

A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos e alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produce mingua na capacidade das tarefas de recuperación.

A avaliación faraa o profesor titor ou a profesora titora do centro educativo, e nela colaborará a persoa responsable de formación do alumnado designado polo centro de traballo no período de estancia nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Será realizada polo titor do ciclo.

4.3. Obra final:

4.3.1. Fases de entrega e avaliación:

* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, o alumno presentará un proxecto da obra final da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido da obra que se vaia realizar.

* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

-O seu interese global, tendo en conta a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.

-A posibilidade de realización efectiva da obra final, nos prazos establecidos e tendo en conta os medios e as instalacións con que se conta.

No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.

* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.

* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización da obra final desenvolverase dentro do último trimestre do curso no que se superasen os módulos do ciclo formativo.

* Avaliación. A obra final avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.

O número máximo de convocatorias para a superación da obra final é de dúas. No suposto de que se dera algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.

Os tribunais considerarán na avaliación das obras finais a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións das obras finais.

4.3.2. Titoría e tribunal avaliador:

A titoría da obra final correrá a cargo do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.

A aceptación da proposta da obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación das obras, corresponderalle a un tribunal integrado por:

* Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.

* Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e encargarase de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, de se-lo caso, o centro poña ó dispor

dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

* Vocais: polo menos tres, nomeados polo director, dos que dous membros serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de dourado e policromía artísticos:

Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño impartirán con carácter preferente os módulos deste ciclo, de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) do presente anexo.

Non obstante, co fin de lograr un óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na súa organización, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios e funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na columna (B), sen que iso derive efectos na adscrición de especialidade.

MódulosEspecialidade do profesorado

(A)(B)

1Historia daProfesor APD de:

cultura e da arte-Cultura xeral cerámica-Historia da arte-Historia da arte e da cerámica

2Debuxo artísticoProfesor APD de:Profesor APD de:

-Debuxo artístico-Colorido e procedementos pictóricos-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa-Decoración sobre pastas cerámicas-Análise de forma e cor-Procedementos pictóricos-Técnicas de colorido aplicado á cerámica-Debuxo publicitario-Composición ornamental e proxectos-Composición ornamental-Estilización artística e colorido-Decoración elemental cerámica-Teoría e práctica do deseño-Proxectos de arte decorativo-Deseño de figurinos-Corte e confección

3Debuxo técnicoProfesor APD de:

-Debuxo lineal

4VolumeProfesor APD de:

-Modelado e baleirado-Imaxinería castelá-Moldeaxe de figuras-Moldes-Adorno e figura

5Formación eProfesor APD de:

orientación

laboral

-Dereito usual-Organización industrial

6Taller deMestre de taller APD de:

dourado e

policromía

-Dourado e policromía-Policromía-Imaxinería castelá

7Materiais eProfesor APD de:

tecnoloxía: artes

aplicadas da

escultura

-Matemáticas-Coñecemento de materiais

4.5. Espacios e instalacións:

As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, parágrafos k), l), m), do real decreto anteriormente citado, os módulos do presente ciclo formativo clasifícanse nos seguintes epígrafes:

* Teóricos:

-Historia da cultura e da arte: artes aplicadas da escultura.

-Materiais e tecnoloxía: artes aplicadas da escultura.

-Formación e orientación laboral.

* Teórico-prácticos:

-Debuxo artístico.

-Debuxo técnico.

-Volume.

* Talleres específicos:

-Taller de dourado e policromía.

Espacio formativoSuperficieGrao de utilización

Aula de informática30 m5%

Aula teórico-práctica80 m30%

Aula teórica45 m20%

Taller de dourado e policromía60 m45%

4.6. Relación numérica profesor/alumno:

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica entre profesor/profesora e alumno/alumna non superior a 1/15 no módulo seguinte: taller de dourado e policromía. Ó resto dos módulos aplicaráselle a ratio máxima 1/30.

En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.

4.7. Correspondencias:

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:

* Taller de dourado e policromía.

* Formación e orientación laboral.

Así mesmo, poderán quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

4.8. Acceso ó bacharelato e validacións:

4.8.1. Modalidades do bacharelato ás que dá acceso este título:

* Bacharelato de artes.

4.8.2. Módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias do bacharelato:

Módulo profesionalMateria do bacharelato

VolumeVolume

Debuxo técnicoDebuxo técnico

Debuxo artísticoDebuxo artístico I

4.9. Distribución horaria:

* Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse da seguinte forma:

Horas totaisDenominación dos módulos

1º, 2º e 3º trimestre

65Materiais e tecnoloxía: artes aplicadas da escultura

95Historia da cultura e da arte: artes aplicadas da escultura

130Debuxo artístico

160Volume

315Taller de dourado e policromía

130Debuxo técnico

65Horas de libre disposición

960Total

4º, 5º e 6º trimestre

390Taller de dourado e policromía

65Formación e orientación laboral

455Total

120Obra final

65Formación práctica en empresas, estudios ou talleres

185Total