Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2002 Páx. 4.572

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, establece no seu artigo 25 que os directores dos centros públicos nomeados de acordo co procedemento establecido na propia lei, que exercesen o seu cargo, con valoración positiva, durante o período de tempo que cada Administración educativa determine, manterán, mentres permanezan en situación de servicio activo, a percepción dunha parte do complemento retributivo correspondente, de acordo co número de anos que exercesen o seu cargo.

Así mesmo, remite ás administracións educativas o establecemento das condicións e requisitos para a percepción deste complemento.

Na súa virtude, de acordo co artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Consolidación do complemento específico.

1. Os profesores de centros públicos que desempeñasen o posto de director do centro docente público nos termos previstos na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes consolidarán, ó cesaren no cargo, logo de valoración positiva desta función e mentres permanezan na situación de servicio activo, parte do complemento específico por tarefas de dirección na forma e condicións que se determinan neste decreto.

2. Os profesores que consolidaron a parte de complemento específico correspondente á función directiva terán dereito a percibilo cando cesen no cargo de director e mentres permanezan na situación de servicio activo.

3. Este complemento específico será incompatible coa percepción da compoñente singular do complemento específico pola titularidade de órganos unipersoais de goberno e polo desempeño de postos de traballo docentes singulares.

Artigo 2º.-Porcentaxe de consolidación.

A porcentaxe de consolidación con referencia ó importe do compoñente singular por tarefas de dirección, segundo o período de tempo de permanencia no posto, será acumulativamente o seguinte:

-Primeiros catro anos de permanencia: 25%.

-Segundos catro anos de permanencia: 15%.

-Terceiros catro anos de permanencia: 20%.

O total acumulado por estas porcentaxes non poderá exceder do 60%.

Artigo 3º.-Cambio de categoría do centro.

Cando, durante o período de desempeño da dirección, o centro vise modificada a súa categoría, a porcentaxe correspondente aplicarase sobre o importe asignado ó complemento específico do centro de maior categoría.

Artigo 4º.-Desempeño da dirección en dous ou máis centros.

Cando o período de permanencia de catro anos se complete polo desempeño da dirección en dous ou máis centros, a porcentaxe correspondente aplicarase sobre o importe asignado á categoría do centro que teña maior complemento específico.

Artigo 5º.-Intercambio das porcentaxes.

Unha vez consolidado o segundo ou o terceiro período de permanencia na dirección, o interesado poderalle solicitar ó delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria o intercambio das porcentaxes, de tal xeito que ó primeiro período se poderá aplicar un 15 ou 20% en lugar do 25%;

ó segundo un 25 ou 20% en lugar do 15% e ó terceiro un 25 ou 15% en lugar do 20, sen que en ningún caso se poida supera-lo 60% do total acumulado.

Artigo 6º.-Renuncia dunha porcentaxe.

Unha vez consolidados os tres períodos máximos previstos neste decreto, e se o interesado presta servicios como director outros catro anos, poderá renunciar a unha parte do complemento específico xa consolidado, solicitando que a porcentaxe correspondente se lle aplique sobre a contía do complemento específico da última dirección desempeñada.

Artigo 7º.-Criterios que deben informa-la avaliación.

1. A valoración positiva da función de director do centro é requisito previo e necesario para a consolidación do complemento que regula este decreto.

2. A avaliación da función directiva atenderá á evolución durante cada mandato do funcionamento do centro en relación co desempeño do cargo de director, e entre os criterios que a informen deberán incluírse os seguintes:

a) Dinamización dos órganos de goberno e de coordinación docente do centro, e o impulso da participación nestes dos diversos colectivos da comunidade educativa.

b) Xestión dos recursos humanos e materiais para proporcionar unha oferta educativa ampla e axustada ás demandas sociais.

c) Organización de actividades extraescolares que favorezan a apertura do centro, conectando este co seu contorno.

d) Dispoñibilidade para atende-lo alumnado e ás súas familias, ofrecendo información e respondendo ás súas demandas.

e) Impulso e posta en marcha de programas e iniciativas de innovación e formación que melloren o funcionamento do centro.

f) Dinamización da atención á diversidade dos alumnos con necesidades educativas especiais.

3. A avaliación da función directiva será realizada por unha comisión coa composición que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición adicional

Para os efectos do establecido no artigo 1º deste decreto, computaranse tódolos nomeamentos de director en vigor a partir do 1 de xullo de 1996.

Disposición derradeira

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Sobrado, vintedous de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria