Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.023

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Os decretos 306/2001, do 15 de decembro, e o 310/2001, do 17 de decembro, establecen a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, polo que agora procede, a súa vez, determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, atendendo ós principios de economía, eficacia e celeridade administrativas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, co informe previo das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificado pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponde desenvolve-las competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores, industrias pesqueiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira con terceiros países, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias con incidencia no mundo da pesca e de ordenación de usos do litoral, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlle ós outros organismos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Recursos Mariños.

IV. Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

V. Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

VI. Centro de Control do Medio Mariño

VII. Delegacións territoriais.

I. O conselleiro

Artigo 3º

1. O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

2. Para o exercicio das súas funcións e con dependencia directa do conselleiro, este contará con dúas unidades administrativas:

2.1. Subdirección Xeral de Cooperación Pesqueira Internacional.

Correspóndelle atende-la xestión e evolución da pesca galega de altura e grande altura, en foros e organismos internacionais, desenvolver proxectos de cooperación con terceiros países e o seguimento de todas aquelas actuacións no ámbito internacional da pesca que teñan repercusión na flota galega.

A Subdirección Xeral de Cooperación Pesqueira Internacional estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Cooperación Pesqueira.

Encargarase das análises e estudio do alcance das decisións ou propostas que os foros e organismos internacionais elaboren e a súa incidencia na flota galega de altura e grande altura, a redacción dos proxectos de cooperación con terceiros países e calquera outra actuación no marco do ámbito internacional da pesca.

2.2. Subdirección Xeral de Control, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Correspóndelle a coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental, a prevención da contaminación mariña, funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de producción, transformación e consumo, así como no transporte dos productos, e, en xeral,

cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

A Subdirección Xeral de Control, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servicio de Protección de Recursos.

Correspóndelle:

-A coordinación, organización e seguimento dos medios materiais e persoais do Servicio de Protección de Recursos.

-O control dos partes, actas, informes, incidentes e demais actuacións do Servicio de Protección de Recursos.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia polo conselleiro.

2.2.2. Servicio de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Correspóndelle a coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, a elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental e a planificación de actividades de prevención da contaminación mariña.

II. A Secretaría Xeral

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

2. Para o exercicio das súas funcións a secretaría xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa.

-Corresponderalle a xestión do persoal; información administrativa ó cidadán, rexistro xeral e arquivo; coordinación administrativa das unidades periféricas en materias da súa competencia, a racionalización administrativa de tódolos servicios e tódolos asuntos referentes ó sistema de informatización e proceso de datos e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

A Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Persoal e Coordinación Administrativa.

Correspóndelle:

-A xestión, control e coordinación do persoal dos servicios centrais.

-A xestión de nóminas do persoal dos servicios centrais.

-A programación das necesidades do persoal.

-A elaboración da proposta da relación de postos de traballo.

-A coordinación das secretarías das delegacións en materia de persoal.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

2.1.2. Servicio de Planificación.

Correspóndelle:

-Velar pola correcta implantación dos sistemas informáticos dentro da consellería, sen prexuízo das competencias que nesta materia corresponden á Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Recollida e validación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños.

-Elabora-los estudios e proxectos de racionalización de procesos.

-Coordina-las actuacións que en materia de informática realizan as delegacións territoriais.

-Estudiar, en coordinación coa Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e propoñe-los sistemas informáticos que precise a consellería.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación.

Correspóndenlle as funcións de elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento, a xestión da contratación administrativa, segundo as competencias que na materia teña atribuídas o secretario xeral, a xestión económica e réxime interior.

A Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Contratación.

Correspóndelle:

-Prepara-lo anteproxecto do orzamento da consellería.

-Supervisa-la xestión económica e seguimento da execución do gasto.

-Coordinación das secretarías das delegacións territoriais en materia de gastos correntes en bens e servicios.

-Xestiona-la contratación administrativa.

-Asuntos xerais e réxime interior.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Secretaría Xeral.

2.2.2. Servicio de Supervisión e Control.

Correspóndelle as funcións de supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da consellería e da súa execución material, velar polo cumprimento das actuacións seguidas pola consellería, velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios e obras da consellería, tanto na súa esfera central coma periférica, informando sobre o grao de cumprimento e eficacia na súa prestación, e o adecuado emprego dos medios, así como a recepción das obras efectuadas e proporá, se é o caso, as medidas para a corrección das deficiencias que se observen.

2.3. Baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral existirá o Servicio Técnico Xurídico.

Correspóndelle:

-A elaboración, estudio e tramitación de tódolos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral.

-Efectua-los estudios e informes que lle sexan encomendados polo secretario xeral, así como o estudio, preparación e informes xurídicos dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios Xerais e ó Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

-A coordinación dos trámites para a publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería.

-O estudio e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións dos distintos órganos da consellería, así como a coordinación dos órganos que interveñan na súa tramitación.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola secretaría xeral.

2.4. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Intervención Delegada.

b) Asesoría Xurídica.

III. A Dirección Xeral de Recursos Mariños

Artigo 5º

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativo; ordenación do marisqueo e da acuicultura; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña; mellora e explotación equilibrada dos recursos naturais do medio mariño, así como o exercicio das funcións que derivan da lexislación estatal en

materia de costas, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Comunidade Autónoma en virtude da lexislación sectorial.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Mariños:

Correspóndelle:

-A programación e seguimento das actuacións en materia de ordenación do marisqueo e da acuicultura.

-A aplicación da normativa sobre actividades marisqueiras e de acuicultura mariña.

-A programación e seguimento das actuacións en materia de mellora e explotación equilibrada dos recursos mariños e da acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Pesca.

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa.

-A aplicación da normativa sobre alternancia de artes, así como o seu seguimento, control e avaliación.

-A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de pesca.

-A xestión dos plans de explotación pesqueira.

-A colaboración na defensa e promoción dos intereses pesqueiros galegos nos diferentes caladoiros.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

2.1.2. Servicio de Marisqueo.

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

-A aplicación da normativa sobre o marisqueo e zonas de explotación.

-A xestión dos plans de explotación marisqueira.

-A colaboración na defensa e promoción dos intereses marisqueiros galegos.

-A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de marisqueo.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servicio de Acuicultura.

Correspóndelle, en relación coa acuicultura:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para actividades de acuicultura.

-A aplicación de normativa sobre establecementos de acuicultura.

-A planificación, coordinación, execución e control das actuacións en materia de desenvolvemento e ordenación da acuicultura.

-A colaboración na defensa e promoción dos intereses galegos en acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión Administrativa e de Usos do Litoral.

Correspóndelle:

-A xestión económica-administrativa da dirección xeral.

-A coordinación en materia de dominio público marítimo e marítimo-terrestre e da zona de servidume.

-A coordinación da elaboración dos informes atribuídos pola lexislación sectorial estatal e autonómica á administración competente en materia de pesca.

-A coordinación das actividades de coidado, control, seguimento, vixilancia e mellora da productividade de bancos marisqueiros.

Para o desenvolvemento das súas funcións ésta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servicio de Usos do Litoral.

Correspóndelle:

-A elaboración de informes en materia de dominio público marítimo, marítimo-terrestre e zona de servidume, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da comunidade autónoma.

-A xestión, tramitación e proposta de resolución dos expedientes relativos ó dominio público marítimo, marítimo-terrestre e zona de servidume, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da comunidade autónoma.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servicio de Asesoría Técnica.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás unidades da Dirección Xeral de Recursos Mariños en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, mediante a realización de informes, estudios ou proxectos.

-A planificación, coordinación, execución, control e avaliación de plans piloto de pesca e marisqueo.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

IV. Dirección Xeral de Estructuras

e Mercados da Pesca

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca exercerá a dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de estructuras e mercados da pesca, de acordo coa política pesqueira galega mailas regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración Xeral do Estado.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estructúrase como segue:

2.1. Subdirección Xeral de Estructuras Pesqueiras.

Correspóndelle a execución de tódalas accións desenvoltas no eido da modernización e adecuación das estructuras pesqueiras galegas, en particular o desenvolvemento da flota pesqueira galega, da industria de transformación dos productos do mar, da industria da acuicultura mariña, mailas infraestructuras e equipamentos pesqueiros dos portos galegos, así como o control da xestión das axudas estructurais empregadas nas accións.

Para o desenvolvemento das súas funcións ésta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Flota.

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes medidas orientadas á reestructuración, renovación e modernización da flota pesqueira, así como a tramitación das autorizacións para construír, modernizar e reconverter buques.

-O control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da flota pesqueira galega.

-A xestión do rexistro do censo de buques de pesca con porto base na Comunidade Autónoma.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servicio de Desenvolvemento e Modernización do Tecido Productivo.

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos productos da pesca e da acuicultura.

-As accións destinadas a desenvolve-los equipamentos pesqueiros na transformación, conservación

e comercialización dos productos mariños, así como as infraestructuras nos portos pesqueiros.

-A xestión do rexistro oficial de industrias halioalimentarias situadas en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servicio de Xestión das Axudas Estructurais.

Correspóndelle:

-A coordinación coas delegacións territoriais mailas diferentes direccións xerais das axudas estructurais, o seguimento e control das diferentes accións.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Mercados da Pesca.

Correspóndelle a execución de accións encamiñadas ó estudio dos mercados e das canles de comercialización, o estudio e aplicación de novos mecanismos de comercialización, a regularización dos mercados pesqueiros na súa primeira venda e a acción de promoción dos productos da pesca.

Para o desenvolvemento das súas funcións ésta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servicio de Análise e Estudios do Mercado.

Correspóndelle:

-A programación e elaboración de estudios das canles de comercialización e distribución dos productos da pesca.

-O estudio e avaliación de novas propostas de implantación de diferentes mecanismos de comercialización que redunden nunha mellora e incremento do valor engadido dos productos da pesca.

-A regulación da primeira venda dos productos da pesca nas lonxas pesqueiras ou establecementos autorizados para os efectos.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servicio de Promoción e Mellora da Calidade dos Productos Pesqueiros.

Correspóndelle:

-A realización de accións dirixidas á promoción dos productos da pesca, a apertura de novos mercados e a procura da mellora do tratamento dos productos pesqueiros, buscando un incremento da calidade destes productos.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

V. Dirección Xeral de Innovación

e Desenvolvemento Pesqueiro

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro exercerá a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira; ensino e titulacións náutico pesqueiras e de lecer; as relacións coas organizacións profesionais e a elaboración de estatísticas pesqueiras, así como a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e de acordo coa política pesqueira galega mailas regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración Xeral do Estado.

2. Para o exercicio das súas funcións esta dirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Ensino e Desenvolvemento Pesqueiro.

Correspóndelle a programación e coordinación do ensino náutico pesqueiro, nos centros dependentes da consellería, a coordinación da formación e calquera outra actividade relacionada coa promoción ou extensión pesqueira; a asistencia técnica e a colaboración coas confrarías de pescadores, organizacións de productores e demais organizacións sectoriais da pesca.

Para o exercicio das súas funcións esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Fomento da Organización Sectorial.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás confrarías de pescadores, organizacións de productores de pesca e demais asociacións relacionadas co sector, así como a emisión de informes sobre as actuacións destinadas á mellora dos equipamentos pesqueiros básicos dos portos galegos.

-A programación e execución da extensión pesqueira.

-Recibir información das actividades das confrarías de pescadores.

-Coordina-las actividades dos funcionarios da escala de confrarías.

-Servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías.

-O asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servicio de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das ensinanzas náutico e marítimo pesqueiras nos centros

dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-A elaboración de estudios sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado.

-A elaboración da memoria das actividades dos centros.

-Servir de canle nas relacións entre os centros, a administración educativa e outras entidades públicas e privadas.

-A programación e execución da formación e a reciclaxe de pescadores nos portos.

-A emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro.

-A programación e execución de accións de fomento da economía social e das medidas de acompañamento social a plans de reestructuración no sector.

-A programación e execución das actividades de divulgación.

-A programación, supervisión e realización de publicacións e outro material divulgativo e didáctico.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión e Investigación Mariña.

Correspóndelle a coordinación e xestión do programa tecnolóxico sectorial de investigación mariña no marco do Plan Galego de I+D, a elaboración de estudios pesqueiros e das estatísticas propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes, segundo as pautas determinadas nas leis 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia, así como a coordinación, programación e xestión administrativa da dirección xeral.

Para o exercicio das súas funcións esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servicio de Coordinación e Xestión da Investigación Mariña.

Correspóndelle:

-O apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) así como a calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña en Galicia.

-A divulgación da actividade científica realizada e os resultados de interese obtidos para o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-A publicación dos traballos de investigación máis relevantes.

-A coordinación e seguimento das actividades de cooperación interinstitucional e co exterior.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servicio de Estudios Pesqueiros.

Correspóndelle a elaboración de estatísticas da consellería, estudio e elaboración de informes con base nas estatísticas, formular liñas de actuación en consonancia cos datos xurdidos das estatísticas e propoñe-las actuacións ou aspectos que se van mellorar, ampliar ou suprimir da toma de datos conseguidos para a elaboración das estatísticas.

2.3. Dependendo funcionalmente da dirección xeral e con rango de servicio, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. O CIMA está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova, o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e o Centro de Experimentación en Acuicultura de Couso-Aguiño.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das infraestructuras e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña.

-A tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas.

-A xestión e control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación.

-O fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.4. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro os centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras:

-Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

-Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

VI. Centro de Control do Medio Mariño

Artigo 8º

Con rango de dirección xeral, exercerá as funcións relativas á aplicación da normativa sobre calidade das augas e da producción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e, particularmente, as referidas ó control das condicións oceanográficas e fitoplancto, de biotoxinas mariñas, de contaminación química e de microbioloxía e patoloxía, tanto no referido ós productos como ás zonas de producción. Igualmente lle corresponde a coordinación, execución e control das actuacións relacionadas con prevención e loita contra as patoloxías de moluscos, peixes e outros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, e a elaboración de informes relativos á calidade do medio e sanidade animal, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da comunidade autónoma.

VII. As delegacións territoriais

Artigo 9º

1. En cada unha das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra existe unha delegación territorial, con sede na Coruña, Celeiro e Vigo respectivamente, de acordo co establecido no Decreto 351/1997, do 10 de decembro.

2. Á fronte de cada delegación territorial existirá un delegado do que dependerán organicamente tódolos servicios e unidades administrativas da consellería que radiquen no seu ámbito territorial de actuación.

3. Nos seus ámbitos territoriais de actuación corresponderalle ós delegados territoriais desenvolve-las competencias determinadas nos decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, modificado polo Decreto 244/1990, do 18 de abril, polo que se reorganiza a administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais, e 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous con data do 15 de febreiro, en materia de contratación administrativa e de concesión de axudas e subvencións e, en xeral, todas cantas lle sexan encomendadas legal o regulamentariamente.

4. En cada unha das delegacións territoriais existe unha secretaría, con nivel orgánico de servicio; correspóndelle ó secretario territorial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión do persoal, información ó público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación, administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen, elaboración de estatísticas dos servicios da delegación, e as competencias atribuídas ós delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sobre o exercicio de competencias en materia de costas, transferidas á consellería de Medio Ambiente e, en xeral, prestar asesoramento

e asistencia administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

5. En cada unha das delegacións territoriais existen, así mesmo, as seguintes unidades:

5.1. Servicio de Recursos Mariños.

5.2. Servicio de Estructuras e Mercados da Pesca.

5.3 Servicio de Usos do Litoral.

Disposición adicional

De conformidade co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente os servicios de conservación do litoral que figuran adscritos á consellería de Medio Ambiente, pasarán a depender da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, coa denominación de Servicios de Usos do Litoral.

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de traballo de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún suposto poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e

participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e o Decreto 218/1999, do 15 de xullo, que modifica o anterior e, en xeral, todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA