Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2002 Páx. 6.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 19 de abril de 2002 pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais de Pena Trevinca.

A Lei 9/2001 de Galicia, do 21 de agosto, de conservación da natureza e a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres teñen como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas deberán planifica-la xestión dos recursos naturais. Os plans de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que considere os distintos graos de intensidade de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así como os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.

Pena Trevinca é un macizo montañoso situado na zona máis oriental da provincia de Ourense, no que se atopa a maior altitude de Galicia (Pena Trevinca Sur 2.124 m). Abrangue varios espacios naturais que, xuntos, suman unha superficie de 28.678 ha. Nas zonas altas existen representacións puntuais de turbeiras ácidas de esfagnos, hábitats extraordinariamente fráxiles e fragmentados. Os de Trevinca son os únicos existentes na zona mediterránea galega. A riqueza botánica destes espacios é realmente grande, non soamente pola súa diversidade senón tamén pola presencia de numerosos taxóns cun maior ou menor grao de endemismo (Agrostis tileni, Genista sanabriensis, etc.). De tódalas formacións vexetais existentes, pega a pena salienta-la presencia dun bosque de teixos, coñecido como Teixedal de Casaio, un dos máis importantes da Península Ibérica. No referente á fauna contabilízanse 162 especies de vertebrados, na súa maioría aves, entre as que destaca a presencia da aguia real (Aquila

crhysaetos), aguia albela (Circaetus gallicus), ou falcón peregrino (Falco peregrinus). Entre os endemismos máis salientables danse cita o picafontes común (Triturus boscai) e a ra patilonga (Rana iberica). Ademais, existen algunhas especies características de zonas de montaña do norte peninsular como a perdiz charrela (Perdix perdix hispaniensis) e rata de auga norteña (Arvicola terrestris), esta última detectada recentemente nestas serras.

Por todo isto, na proposta galega de espacios para integrar na Rede Natura 2000, incluíase Pena Trevinca cunha superficie de 24.860 ha, polo que se deben establece-las medidas necesarias de conservación para evita-la deterioración dos seus hábitats naturais e as alteracións das especies, establecendo medidas preventivas para o efecto, para elimina-los riscos e ameazas de degradación. Por medio da Orde do 28 de outubro de 1999, foi declarada provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, prorrogándose esta figura de protección pola Orde do 7 de novembro de 2000. Por último, esta proposta foi revisada e ampliada por instancia da Comisión Europea e incluída cos novos límites e provisionalmente como espacio en réxime de protección xeral por medio da Orde do 11 de xuño de 2001. Nestes momentos trátase de acomete-la ordenación dos recursos naturais do espacio proposto como lugar de importancia comunitaria, aínda que nalgunhas das súas partes se amplía o ámbito territorial

da zona de estudio co obxecto de analiza-los valores, fundamentalmente ornitolóxicos, que puideran facer aconsellable a designación dunha ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

Por todo o anterior, e en virtude do establecido nos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro, 1234/1983, do 20 de abril e 1535/1984, do 20 de xuño, que transfiren a Galicia as competencias en materia de conservación da natureza; no Decreto

310/2001, do 17 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e polo Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente; e polas atribucións conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 205/1990, que a desenvolve, e demais normativa concordante,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co disposto no artigo 4º da Lei 9/2001, de conservación da natureza, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Pena Trevinca, pertencente ós municipios de Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda e O Bolo.

Artigo 2º

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 3º

A elaboración e tramitación do dito plano encomendaráselle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segundo o previsto no Decreto 14/2002, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º

Durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non se poderán realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do Plan.

Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación de Recursos Naturais, non se poderán conceder autorizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, así como o Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Artigo 5º

Os actos que contraveñan o presente decreto serán sancionados conforme o disposto na Lei 9/2001, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA