Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se dictan normas para a cesión en propiedade ós concellos galegos de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigro a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia: actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos, para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección civil da sús comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados ós concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar e aumenta-la eficacia dos concellos na súa misisón de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario á protección civil, cederalles en propiedade vehículos todoterreo ós concellos galegos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello e ademais estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Dispor de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

c) Que non dispoñan de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil.

d) De forma excepcional poderán solicitalo aqueles que xa dispoñan de vehículo cedido cando se dean os seguintes supostos:

-Sexa imprescindible a súa renovación.

-Sexa preciso un segundo vehículo dada as características singulares e índice de risco no concello.

Para este suposto excepcional (indicado no epígrafe d), dedicarase ata un máximo do 30% dos vehículos dispoñibles.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de 276.466 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.624.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2002, que se dedicarán á adquisición de vehículos todoterreo para cedérllelos en propiedade ós concellos.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común. 2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2002 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, ou ampliación deste, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:

-Os riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Se é o caso, estar en trámite de creación da Xunta Local de Protección Civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Medios materiais de transporte de que dispón actualmente o concello e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil destinados a tarefas de protección civil.

-Cumpri-los requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos Servicios de Protección Civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A proposta de resolución, será feita por unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e o subdirector xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Interior e Protección Civil.

4. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto anterior, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Os riscos potenciais existentes no concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

2. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente coa Central de Emerxencias 112-SOS-Galicia, e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no Sistema de Protección Civil de Galicia, así como a participación activa nos últimos anos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil en situación de urxencia e emerxencia.

3. Dispor de servicio de 24 horas na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

4. Situación xeográfica do concello.

5. Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello, e se é o caso, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil poida mobilizar ante unha emerxencia.

6. Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

7. Cantidade destinada polo concello, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección civil da súa comunidade de veciños.

8. Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade do vehículo todoterreo.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo e en todo caso a aqueles concellos ós que non se lles conceda vehículo notificaraselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello que se lle conceda o vehículo:

a) Aboar en concepto de achega compensatoria polos custos xerados no procedemento de cesión, a cantidade resultante de aplica-la porcentaxe do 15% ó importe unitario de licitación dos vehículos, por ser este importe certo, no correspondente procedemento de contratación.

b) Serán por conta dos concellos os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Os concellos comprométense a que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil.

d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

4. Contra a resolución do conselleiro, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese un vehículo, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior.

2. Considerase como medio de xustificación, para facer efectivo o pagamento da cantidade correspondente na entidade financeira que indique a Consellería de

Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicadión dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo referido no punto 1º deste artigo sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, asinarase un convenio no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación do cesionario.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán por conta dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o vehículo cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 7.3º a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utlizados na adquisición e na adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais