Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 04 de xuño de 2002 Páx. 8.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da extensión do convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña para os anos 2001, 2002 e 2003 ós traballadores do mesmo sector da provincia da Coruña.

Visto o expediente iniciado por instancia das centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG da extensión do convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña para os anos 2001, 2002 e

2003 ós traballadores do mesmo sector da provincia da Coruña, díctase a presente resolución baseada nos seguintes feitos:

Primeiro.-O 20 de decembro de 2001 Juan Trigo Espiñeira, en representación da Unión General de Trabajadores, Enrique Llames Pérez, en representación de Comisiones Obreras, e Lois Soto Sabio, en representación da Confederación Intersindical Galega, presentan nesta delegación provincial solicitude de extensión do convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña para os anos 2001, 2002 e 2003 -publicado no Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya do 12 de xullo de 2001 ós traballadores do mesmo sector da provincia da Coruña, argumentando o seguinte:

1º A inexistencia de convenio colectivo para empregados de predios urbanos na provincia da Coruña.

2º A inexistencia de asociacións empresariais lexitimadas para negociar, tal como acreditan na documentación que presentan.

3º A necesidade de regula-las condicións laborais do sector, e especialmente as percepcións económicas, dado o desfase derivado da inexistencia de negociación periódica.

4º A inexistencia de impedimento de tipo económico que impida a extensión solicitada.

Segundo.-Esta delegación provincial tramita o procedemento de extensión solicitado de conformidade co previsto nos artigos 6 a 8 do Real decreto 572/1982, do 5 de marzo, polo que se desenvolve o artículo 92.2º do Estatuto dos traballadores sobre extensión de convenios colectivos.

Terceiro.-O 15 de abril de 2002 recíbese nesta delegación provincial o informe emitido pola Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos sobre a extensión solicitada, ó abeiro do artigo 2.3º do Real decreto 2976/1983, do 9 de novembro. Esta comisión, na súa reunión plenaria celebrada o 8 de abril de 2002, adoptou o acordo polo que «procede estima-la petición de extensión do convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña, para os anos 2001/2003, ó mesmo sector de actividade da provincia da Coruña, por concorre-los requisitos previstos no artigo 92.2º do Estatuto dos traballadores, así como no artigo 3 do Real decreto 572/1982, do 5 de marzo, debendo surtir efectos no novo ámbito a partir do día 20 de decembro de 2001, con finalización destes, o día 31 de decembro de 2003, non afectando a aquelas empresas e traballadores que teñan convenio propio, e debendo quedar excluídos da extensión, por motivos de homoxeneidade económica, a antigüidade prevista no artigo

11 do convenio de predios urbanos de Cataluña e a gratuidade da vivenda como complemento en especie prevista no artigo 13 do dito convenio».

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 2 do Real decreto 572/1982 establece que a autoridade laboral «poderá estender

un convenio colectivo de ámbito superior ó de empresa a unha ou varias empresas ou a un sector, pertencentes ó mesmo ou similar ámbito funcional ou con características económico-laborais equiparables e non vinculadas polo dito convenio nin por ningún outro, sexa cal fora o seu ámbito». O convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña ten un ámbito funcional que se identifica plenamente co do que se pretende a extensión ó dispoñe-lo seu artigo 2 que «regulará as relacións laborais de traballo entre os propietarios de predios urbanos, sexan persoas naturais ou xurídicas (Cooperativas, comunidades de propietarios, etc.)... e os seus empregados».

Segundo.-No que atinxe ós motivos esixidos polo artigo 3.1º do citado real decreto para proceder á extensión solicitada, estímase, á vista da documentación presentada polos solicitantes e das actuacións seguidas nesta delegación provincial na ordenación do presente procedemento, que concorre a causa de extensión prevista na alínea a) daquel artigo, por considerar que existen circunstancias que dificultan especialmente a negociación por inexistencia de partes lexitimadas para negociar, conforme o artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Terceiro.-O artigo 9.2º do Real decreto 572/1982 establece o seguinte: «A aplicación do convenio estendido producirá efectos unicamente desde a data en que formalmente fose presentada a solicitude de extensión». Tendo en conta que a solicitude de extensión foi presentada nesta delegación provincial o 20 de decembro de 2001, os efectos da extensión comezarán a partir desa data.

Cuarto.-A Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos no seu Acordo do 8 de abril de 2002 dictamina excluír da extensión, por motivos de homoxeneidade económica, a antigüidade prevista no artigo 11 do convenio de predios urbanos de Cataluña e a gratuidade da vivenda como complemento en especie contemplada no seu artigo 13. Así, esta delegación provincial, seguindo o antedito criterio, considera inaplicables ó ámbito que nos ocupa os citados artigos 11 e 13, ó abeiro do artigo 9.1º do Real decreto 572/1982, que dispón que «a resolución que se dicte decidirá, se é o caso, os extremos do convenio inaplicables».

Por todo o exposto, e vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación,

RESOLVO:

Declarar procedente a extensión do convenio colectivo de empregados de predios urbanos de Cataluña para os anos 2001, 2002 e 2003 ós traballadores do mesmo sector da provincia da Coruña, nos seguintes termos:

1º Producirá efectos desde o 20 de decembro de 2001 ata o 31 de decembro de 2003.

2º Exclúese da extensión o contido dos artigos 11º e 13º do convenio.

3º Non afectará a aquelas empresas e traballadores que teñan convenio propio.

Inscríbase a presente resolución no Rexistro de Convenios Colectivos desta delegación provincial e publíquese no BOP e no Diario Oficial de Galicia, figurando como anexo o texto do convenio obxecto de extensión con excepción dos mencionados artigos 11º e 13º, e do artigo 4º referido á vixencia temporal.

Contra esta resolución poderán interpoñe-los interesados recurso de alzada perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado desde a súa recepción.

A Coruña, 18 de abril de 2002.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

ANEXO

Convenio colectivo de traballo para

empregados de predios urbanos de Cataluña para

os anos 2001, 2002 e 2003

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

É de aplicación á totalidade dos empregados dos predios urbanos de Cataluña (Barcelona, Tarragona, Lleida e Girona).

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regulará as relacións laborais de traballo entre os propietarios dos predios urbanos, sexan persoas naturais ou xurídicas (cooperativas, comunidades de propietarios, etc.) situadas na Comunidade Autónoma de Cataluña e os seus empregados.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Enténdese por empregados dos predios urbanos para efectos do presente convenio, os denominados empregados de predios urbanos, enténdase por tales aqueles que, baixo a directa dependencia dos propietarios dos predios urbanos ou representantes legais deles, teñen encomendada a vixilancia, coidado, conservación e limpeza destes e dos servicios comunais alí instalados.

Quedan excluídos do presente convenio:

a) O persoal de oficios varios que realice labores de conservación de predios urbanos por conta e baixo a dependencia dos propietarios deles, tales como, carpinteiros, calefactores, albaneis, fontaneiros e, demais oficios, os cales estarán sometidos para tódolos efectos, ós convenios correspondentes á súa peculiar actividade laboral.

b) O persoal dedicado á vixilancia, conservación e limpeza de predios urbanos, ocupados totalmente por unha institución, corporación ou entidades análogas ou por unha empresa para desenvolver nelas as súas actividades propias, quen se rexerá polas normas específicas concernentes a cada unha de tales actividades.

Artigo 4º.-Entrada en vigor e duración.

Este convenio entrará en vigor, para tódolos efectos, o día 1 de xaneiro de 2001 e a súa duración estenderase ata o 31 de decembro de 2003, prorrogándose de ano en ano, por tácita reconducción, agás que calquera das partes asinantes del solicitase a súa revisión por escrito cunha antelación mínima dun mes á súa expiración ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio colectivo compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza e orixe.

Os aumentos das retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afectar ás condicións pactadas no presente convenio, cando, consideradas no seu conxunto en cómputo anual, superen estas.

Artigo 6º.-Comisión paritaria do convenio.

Créase unha comisión paritaria do convenio como órgano mixto de arbitraxe, conciliación, interpretación, mediación e vixilancia, integrada por tres membros de cada representación, cun presidente, que será o do propio convenio.

Domicilios da comisión paritaria:

A) Sección social:

Asociación de Empregados de Predios Urbanos de Barcelona.

R/ Ausias March, nº 24, principal, Barcelona.

CC.OO.

Vía Laietana, nº 16, 2º, Barcelona.

UGT.

Rambla Santa Mónica, número 10, Barcelona.

B) Sección económica:

Associació Cambra d'Empresaris Titulars de Finques Urbanes.

R/ Diputació 256 (bis) 2º 2a, 08007 Barcelona.

Associació Empresarial de Bens Inmobles de Catalunya.

R/ Comte d'Urgell 70, 08011 Barcelona.

Artigo 7º.-Calendario laboral anual obrigatorio.

Cada ano o propietario do predio, comunidade de propietarios ou cooperativa confeccionará o obrigatorio calendario laboral de acordo coa normativa legal vixente en cada momento. No calendario deta

llarase, ademais do contido que lle é propio, o horario de cada unha das funcións do empregado, é dicir:

a) Limpeza.

b) Conservación.

c) Vixilancia.

Calquera modificación no calendario laboral serao de mutuo acordo das partes.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 8º.-Salario base inicial.

O salario base inicial para porteiros e conserxes de plena dedicación será o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento. O dito salario reducirase para os porteiros e conserxes de dedicación non plena en proporción á xornada que realicen.

Pagamento de salarios:

Pagaranse os salarios do empregado o último día de cada mes mediante transferencia bancaria ou concedéndolle ó empregado o tempo mínimo necesario dentro da súa xornada laboral, sempre á elección da propiedade, sen prexuízo do previsto no artigo 29.4º do texto refundido do Estatuto dos traballadores (Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo).

Artigo 9º.-Incrementos do salario base inicial.

Os incrementos por número de vivendas, calefacción central, auga quente, central telefónica, ascensores e escaleiras agás da escaleira de incendios calcularanse sobre o salario base inicial establecido no artigo anterior. O importe do incremento por calefacción e a auga quente, cando dependa daquela, poderá ratearse por doceavas partes iguais entre tódolos meses do ano.

1. Número de vivendas.

Establécese en función do número de vivendas de cada predio urbano, un complemento sobre o salario base inicial, de acordo coa seguinte escala:

Para o ano 2001:

De 1 a 10 vivendas o 7%.

De 11 a 20 vivendas o 17%.

De 21 a 40 vivendas o 22%.

De 41 a 60 vivendas o 26%.

De 61 a 70 vivendas o 28%.

De 71 vivendas en diante o 29%.

Para o ano 2002:

De 1 a 10 vivendas o 9%.

De 11 a 20 vivendas o 19%.

De 21 a 40 vivendas o 24%.

De 41 a 60 vivendas o 27%.

De 61 a 70 vivendas o 29%.

De 71 vivendas en diante o 30%.

Para o ano 2003:

De 1 a 10 vivendas o 10%.

De 11 a 20 vivendas o 20%.

De 21 a 40 vivendas o 25%.

De 41 a 60 vivendas o 28%.

De 61 a 70 vivendas o 30%.

De 71 vivendas en diante o 31%.

2. Calefacción central.

Cando o servicio de calefacción central estea ó coidado exclusivo do porteiro ou conserxe, o salario base inicial, incrementarase durante o tempo que realice este servicio nun 15%.

3. Auga quente central.

Cando o servicio de auga quente central estea ó coidado exclusivo do porteiro ou conserxe, o salario base inicial, incrementarase nun 15%. Se o servicio de auga quente depende do de calefacción, o incremento será tan só do 5%.

4. Central telefónica.

Cando exista central telefónica e esta estea ó coidado exclusivo do porteiro ou conserxe, o salario base inicial, incrementarase nun 10% se a central ten un número de extensións non superior a 40, se a central excede de tal número e por cada 20 extensións máis, incrementarase o citado salario inicial nun 5%.

A central telefónica de comunicación interior entre veciños terá a mesma consideración que a central telefónica normal, exceptuándose en todo caso deste complemento a existencia do denominado interfono.

5. Ascensores.

Cando o servicio de ascensor estea a cargo do porteiro ou conserxe, o salario base inicial, incrementarase polo primeiro ascensor, montacargas ou calquera outro motor, independentemente dos existentes nos servicios sinalados neste artigo, nun 10%, e nun 5%, por cada un dos demais.

6. Escaleiras.

Cando haxa máis dunha escaleira para uso común dos veciños ó coidado do porteiro ou conserxe, o salario base inicial increméntase nun 11% por cada unha das que existan no servicio á parte da primeira coa excepción da chamada escaleira de incendios.

7. Escaleira de incendios.

Cando a escaleira de incendios estea a cargo do porteiro ou conserxe coa obriga da súa conservación incluídos os elementos contraincendios anexos a ela e a súa vixilancia, o salario base inicial incrementarase nun 5%.

8. Purificador de auga.

Se o porteiro ou conserxe deben manipula-lo purificador de auga do edificio, percibirán un incremento do 10% do salario base inicial. Se o dito purificador corresponde exclusivamente á piscina, percibirán como complemento de posto de traballo, unha cantidade na contía que se pacte coa propiedade, que se fixará a razón da clase e extensión de tales servicios.

Artigo 10º.-Traballos especiais.

Cando o porteiro ou conserxe teñan ó seu cargo traballos especiais, tales como o coidado e limpeza dos xardíns anexos ó predio urbano en que presten servicios, ou do garaxe particular ou calquera outro servicio análogo, percibirán, como complemento de posto de traballo, unha cantidade na contía que se pacte coa propiedade, que se fixará a razón da clase e extensión de tales servicios.

Servicios extraordinarios non pactados coa propiedade.

Tódolos servicios extraordinarios non pactados coa propiedade do inmoble, os seus representantes legais, o presidente da comunidade de propietarios, cooperativa ou polo administrador do predio, realizaranse fóra do horario do servicio.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade computarase por quinquenios a razón de cada un deles do 6% do salario base inicial e os incrementos do artigo 9º deste convenio, cun máximo de sete quinquenios.

Data inicial do cómputo da antigüidade.

A data inicial do cómputo da antigüidade será o do ingreso do traballador na empresa e o importe de cada quinquenio comezará a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte ó do seu vencemento.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Como complemento periódico de vencemento superior ó mes establécense dúas gratificacións extraordinarias anuais, equivalentes cada unha delas a unha mensualidade do salario realmente percibido no mes anterior ó seu vencemento. As ditas gratificacións extraordinarias aboaranse nos días laborables inmediatamente anteriores ó 15 de xuño (verán) e 15 de decembro (Nadal), respectivamente.

O período de devengo das gratificacións extraordinarias calcularanse da seguinte forma: paga de xuño (verán), do día 1 de xullo ó 30 de xuño; paga de decembro (Nadal), do día 1 de xaneiro ó 31 de decembro.

O persoal que ingrese ou cese dentro do ano percibirá estas gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado, estimándose as fraccións superiores a 15 días como mes completo, establecéndose a súa contía de acordo cos períodos de devengo expresados no parágrafo anterior.

Capítulo III

Outros complementos

Artigo 13º.-Vivenda do porteiro de ocupación obrigatoria no predio ó seu cargo por razóns de seguridade e dispoñibilidade.

Segundo as respostas non vinculantes da Dirección Xeral de Tributos do Ministerio de Economía e Facenda ás consultas formuladas sobre se a utilización da vivenda dos porteiros é retribución en especie, interpretando o punto 1º do artigo 26 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, consideran a vivenda do porteiro incluído nos supostos previstos nos correspondentes artigos da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas e polo tanto retribución en especie.

Por todo o anterior, este artigo queda redactado da seguinte maneira:

A utilización polo porteiro de vivenda no predio ó seu cargo, a súa ocupación non vén determinada para fins particulares, senón pola condición de dispoñibilidade plena para atender calquera incidencia no predio ó seu cargo, implica unha obriga recíproca: por parte do porteiro, ocupala obrigatoriamente por razóns de seguridade, e por parte da propiedade, facilitar unha vivenda que debe reuni-las mínimas condicións de habitabilidade, non supoñer ningún custo para o porteiro (exceptuando a cotización desta como retribución en especie) e estar vinculada á especial transcendencia das súas funcións.

Durante a vixencia do contrato de traballo, a vivenda, facilitada pola propiedade ó porteiro, no predio ó seu cargo, terá a consideración de domicilio do porteiro, co só obxecto de non poder ser utilizada pola propiedade ou comunidade de propietarios para reunións desta ou para outros fins distintos.

As pequenas reparacións que esixa o desgaste polo uso ordinario da vivenda ocupada polo porteiro será ó seu cargo.

O porteiro desaloxará obrigatoriamente a vivenda ocupada por el no predio, deixándoa libre, vacua e expedita no prazo máximo de 30 días naturais, contados a partir do día da data en que se extinga o seu contrato de traballo.

Artigo 14º.-Supresión do servicio de portería.

Para o suposto de supresión do servicio de portería, o empregado terá a opción, se é o caso, ben para cobra-la indemnización que legalmente proceda, ben para desfrute gratuíto da vivenda por un período máximo de 2 a 4 anos como máximo. Igualmente se establece para o caso de amortización do posto de traballo do porteiro por causas obxectivas, previsto no artigo 52 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 15º.-Carbón.

Establécese un complemento de traballo pola utilización de carbón como combustible para a calefacción ou a auga quente central. Consistirá no valor en metálico de 20 kg de carbón por cada día que se realice o dito servicio.

Artigo 16º.-Auga e luz.

Auga: os porteiros que satisfagan eles mesmos os recibos polos servicios de auga da vivenda ocupada no predio por razóns de seguridade e dispoñibilidade, percibirán da propiedade as seguintes cantidades mensuais:

Ano 2001: 3.600 pesetas.

Ano 2002: 3.700 pesetas.

Ano 2003: 3.800 pesetas.

No suposto de que o contador da auga estea a nome do porteiro compensaráselle a este o importe do consumo da auga dedicado á limpeza do predio logo da comprobación deste.

Luz: os porteiros que satisfagan eles mesmos os recibos polos servicios de luz da súa vivenda ocupada no predio por razóns de seguridade e dispoñibilidade, percibirán da propiedade as seguintes cantidades mensuais:

Ano 2001: 3.600 pesetas.

Ano 2002: 3.700 pesetas.

Ano 2003: 3.800 pesetas.

En ningún caso poderá incluírse en tales cantidades o consumo de luz utilizado para iluminar puntos de uso común do predio, polo que deberán existir contadores separados.

Artigo 17º.-Calefacción central do edificio.

Naqueles casos en que exista calefacción central no edificio e que o porteiro dispoña de tal servicio na súa vivenda, estará exento de calquera clase de pagamento por tal servicio, sendo este de título gratuíto.

Artigo 18º.-Gratificación de transporte para conserxes.

Os conserxes percibirán polo concepto de gratificación de transporte as seguintes cantidades mensuais:

Ano 2001: 7.200 pesetas.

Ano 2002: 7.400 pesetas.

Ano 2003: 7.600 pesetas.

O complemento de transporte cobrarase unicamente durante once meses ó ano, non aboándose durante o mes de vacacións.

Artigo 19º.-Roupa de traballo, utensilios de limpeza e ferramentas.

A propiedade poderá decidir sobre uniformar ou non o porteiro ou conserxe, sendo a cargo dela, se é o caso, o custo do uniforme.

A propiedade debe prove-lo porteiro ou conserxe con dúas entregas anuais de funda ou peza de roupa similar, apta para os servicios que deberá efectuar, estando o empregado obrigado a utiliza-las pezas de roupa que se lle entreguen.

Naqueles casos en que a propiedade non provexa o empregado da roupa de traballo adecuada, satisfaráselle por este concepto a cantidade mensual de:

Ano 2001: 2.000 pesetas.

Ano 2002: 2.100 pesetas.

Ano 2003: 2.200 pesetas.

Os porteiros e conserxes deberán ser provistos pola propiedade dos utensilios de limpeza e ferramentas precisos para o coidado e a conservación dos edificios a eles encomendados.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 20º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada para porteiros e conserxes de plena dedicación será de 40 horas semanais de traballo efectivo, respectando o contido do artigo 34.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

A xornada laboral para porteiros e conserxes de dedicación non plena será de 5 horas diarias e 30 horas semanais, sen prexuízo, mediante pacto subscrito libremente entre as partes, de manter excepcionalmente a vixencia daquelas xornadas que se pactaron durante os anos 1979 e 1980 ó abeiro do disposto no parágrafo 2º do artigo 1 do laudo arbitral do 12 de xuño de 1979. Todo sen prexuízo do que proceda e, a resultas deste precepto, cos seguintes puntos:

a) Será tempo de servicio, para os porteiros con plena dedicación, o comprendido entre as horas sinaladas polas ordenanzas municipais para a apertura e peche dos portais, sempre que isto permita o descanso nocturno de 10 horas.

b) Para os porteiros sen plena dedicación rexerá o mesmo tempo de servicio, pero disporán, dentro del das horas precisas para a realización do labor que teñan autorizado. A propiedade poderá esixir un tempo de presencia mínimo de tres horas diarias para realiza-las funcións previstas no presente convenio.

c) Os conserxes e porteiros terán oito horas de traballo ó día que poderán ser ampliadas a dez, pagándose as que excedan de oito a pro rata.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

As horas de traballo que se realicen por riba da xornada ordinaria de traballo descrita no artigo ante

rior, teñen o carácter de horas extraordinarias, polo que serán retribuídas de acordo co disposto no artigo 35 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 22º.-Organización práctica do traballo.

Correspóndelle á propiedade do inmoble a facultade de organiza-lo traballo, sempre con suxeición ó presente convenio. As instruccións e as ordes sobre el serán dadas ó empregado única e exclusivamente polo propietario do inmoble ou os seus representantes legais, presidente da comunidade de propietarios ou cooperativa e, administrador do predio.

Artigo 23º.-Posto de traballo.

No caso dos porteiros non debe entenderse como posto de traballo habitual a estadía na propia vivenda cando exista o mostrador de conserxería no predio, que, deberá reuni-las condicións debidas para a súa utilización.

Capítulo V

Vacacións

Artigo 24º.-Vacacións.

Os traballadores suxeitos ó presente convenio terán unhas vacacións anuais de 30 días naturais, que serán desfrutadas preferentemente no verán e de mutuo acordo entre as partes. Retribuiranse a razón do salario base inicial máis complementos salariais, coa excepción do complemento de transporte, segundo o fixado no artigo 18º do presente convenio. As vacacións iniciaronse en día laborable.

Este período de vacacións computarase por ano efectivo de servicios. O traballador que cese durante o ano sen ter desfrutado delas recibirá o seu importe rateado entre as doce mensualidades, aboándose a parte correspondente ós meses transcorridos e computándose as fraccións superiores a quince días como mes completo.

Artigo 25º.-Substitucións.

A substitución ou suplencia do empregado durante o desfrute do descanso semanal, festas, vacacións, licencias e permisos, etc., serán realizadas por unha persoa maior de 18 anos.

O suplente será designado pola comunidade ou, se é o caso, pola propiedade, sen prexuízo de que poida ser proposto polo propio porteiro ou conserxe, tendo que ser unha persoa que reúna as condicións adecuadas.

Queda á decisión do propietario do predio, comunidade de propietarios, cooperativa ou inquilinos conxuntamente, se é o caso, ter cubertos os períodos de descanso, podendo optar entre e o pagamento do suplente ou prescindir do servicio.

O salario e a cota patronal da Seguridade Social do suplente serán por conta do propietario, debendo formalizarse o contrato de substitución por escrito.

Capítulo VI

Melloras da acción protectora da Seguridade Social

Artigo 26º.-Baixa no traballo por incapacidade temporal.

Naqueles casos en que se produza a baixa do empregado por IT derivada de accidente de traballo, a propiedade complementará as prestacións da Seguridade Social ata alcanza-lo 100% das percepcións salariais que, en réxime de xornada habitual recibise o empregado. Tal concepto aboaráselle ó empregado desde o primeiro día de baixa e ata un máximo de tres meses.

O mesmo complemento recibirán aqueles empregados que teñan unha baixa por IT sexa derivada de enfermidade común ou maternidade, sempre e cando requiran hospitalización e/ou intervención cirúrxica, recibindo o citado complemento polo tempo en que se prolongue tal situación de hospitalización, co límite de tres meses expresado no parágrafo anterior.

O porteiro que perciba gratificacións de auga, luz e roupa de traballo cobraraos integramente tódolos meses do ano e, no suposto de baixa por IT, a propiedade deduciralle do seu importe o percibido durante a prestación de IT co obxecto de evita-la duplicidade na citada prestación.

Artigo 27º.-Visita médica.

Os traballadores afectados polo presente convenio colectivo de traballo desfrutarán de permiso retribuído polo tempo necesario para asistir a consulta ante os servicios médicos da Seguridade Social, debendo xustifica-la súa asistencia mediante o correspondente volante de asistencia expedido polo médico.

Artigo 28º.-Asistencia social.

O porteiro de predios urbanos, con e sen plena dedicación, desfrutará da vivenda, mentres dure a situación de incapacidade derivada de enfermidade común ou accidente de traballo. Se como consecuencia desta incapacidade esgotase o período máximo de IT e/ou pasase á situación de invalidez provisional, seguirá desfrutando ata que sexa declarado en situación de invalidez permanente, e nese momento causará baixa na empresa. A partir desta data disporá de 30 días naturais para deixa-la vivenda libre, baleira e expedita á disposición da propiedade.

Como consecuencia desta concesión as substitucións de porteiros de predios urbanos nos supostos detallados no parágrafo anterior, serán feitos por conserxes, xa que estes non desfrutan de vivenda gratuíta.

Capítulo VII

Ingresos, períodos de proba, cesamentos e xubilación

Artigo 29º.-Período de proba.

Establécese para porteiros e conserxes un período de proba dun mes, que lles será retribuído co salario

previsto no presente convenio colectivo. Durante o período de proba o porteiro non terá dereito ó desfrute de vivenda gratuíta.

Artigo 30º.-Contratos eventuais.

De acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto 2720/1998, do 8 de xaneiro, en relación co artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, modificado polo artigo 1, punto 7º do Real decreto lei 5/2001, do 2 de marzo, a duración máxima destes contratos será de 12 meses dentro dun período de 18 meses. No caso de que se concerten por un prazo inferior a 12 meses, poderán ser prorrogados mediante acordo das partes, por unha soa vez, sen que a duración total do contrato poida exceder do mencionado límite máximo. O período de 18 meses computarase a partir da data do inicio da prestación laboral.

Fomento da contratación indefinida.

Facendo uso do que prevé a letra b) do número 2 da disposición adicional 1ª do Real decreto lei 5/2001, do 2 de marzo, as partes asinantes deste convenio colectivo chegan ó seguinte acordo.

A transformación en indefinido dun contrato, subscrito con anterioridade ó 31 de decembro de 2003, de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, sexa cal sexa a data de inicio do contrato que se transforma, dará lugar á aplicación a este novo contrato indefinido, daquilo que prevén os números 4, 5 e 6.

Artigo 31º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal suxeito ó presente convenio colectivo someterase antes do seu ingreso ó traballo a un recoñecemento médico previo, que se repetirá anualmente, sendo o custo del por conta da empresa.

Artigo 32º.-Xubilación.

Establécese como obrigatoria a xubilación ós 70 anos de idade, sempre e cando o traballador afectado teña acreditada a carencia mínima necesaria para acceder á prestación da Seguridade Social por xubilación. A xubilación ós 65 anos de idade nos termos legalmente establecidos serao por vontade do traballador ou, no seu defecto, co mutuo acordo coa empresa.

Artigo 33º.-Fianzas.

En ningún caso poderá esixírselles ós empregados de predios urbanos a prestación de fianza de ningunha clase para acceder ó posto de traballo.

Artigo 34º.-Aviso previo do cesamento.

O persoal comprendido no presente convenio que teña o propósito de cesar no servicio da empresa comunicarallo a esta por escrito e a empresa xustificará a recepción de igual forma. Esta comunicación, no caso dos porteiros, efectuarase coa antelación mínima dun mes e no dos conserxes, coa antelación mínima de quince días, en ambos supostos

sen abandona-lo posto de traballo ata a finalización do prazo de aviso previo.

Capítulo VIII

Clasificación e definición do persoal

Artigo 35º.-Clasificación funcional.

Os empregados de predios urbanos clasifícanse en:

a) Porteiros con plena dedicación.

Enténdese incluído na categoría de porteiro con plena dedicación a persoa maior de idade civil que, tendo casa-habitación no inmoble no que preste os seus servicios e, cumprindo os requisitos de capacidade determinados neste convenio, realice os cometidos sinalados nel en virtude do contrato de traballo e en forma de dedicación exclusiva. Para o cumprimento do seu cometido laboral entenderase que o posto de traballo será tanto na conserxería, mostrador, etc., como desenvolvendo as funcións propias do seu labor.

b) Porteiros sen plena dedicación.

Enténdese incluído na categoría de porteiro sen plena dedicación a persoa maior de idade civil que, tendo casa-habitación no inmoble no que preste os seus servicios e cumprindo os requisitos de capacidade determinados neste convenio realice os cometidos sinalados nel, en virtude do contrato de traballo e con posibilidade de compatibilizar estas tarefas con outra actividade retribuída. Para o cometido da súa actividade laboral como porteiro entenderase que o posto de traballo será tanto na conserxería, mostrador, etc., como desenvolvendo as funcións propias do seu labor.

c) Conserxe con plena dedicación.

Enténdese incluído na categoría de conserxe con plena dedicación a persoa maior de idade civil que, sen ter casa-habitación no inmoble no que presta os seus servicios e cumprindo os requisitos de capacidade determinados neste convenio, realice os cometidos sinalados nel en virtude do contrato de traballo. Para o cumprimento do seu cometido laboral entenderase que o posto de traballo será tanto na conserxería, mostrador, etc., como desenvolvendo as funcións propias do seu labor.

d) Conserxe sen plena dedicación.

Enténdese incluído na categoría de conserxe sen plena dedicación a persoa maior de idade civil que, sen ter casa-habitación no inmoble no que presta os seus servicios e cumprindo os requisitos de capacidade determinados neste convenio, realice os cometidos sinalados nel en virtude de contrato de traballo e con posibilidade de compabitilizar estas tarefas con outra actividade retribuída. Para o cumprimento da súa actividade laboral entenderase que o posto de traballo será tanto na conserxería, mostrador, etc., como desenvolvendo funcións propias do seu labor.

Artigo 36º.-Obrigas específicas dos empregados dos predios urbanos.

1. Limpeza, conservación e coidado do portal, portería, escaleiras (incluída a de incendios), corredores, patios, sotos e demais dependencias de uso común, unha vez por semana ou en casos de emerxencia, excepto a entrada ou vestíbulo que será diaria, así como os dos aparellos eléctricos ou doutros destinos que nela se atopen instalados, sen que se lles esixan actuacións propias do persoal especializado no tipo de aparello ou elemento que requira atención. Nos predios destinados a vivenda en que pola configuración do seu portal existan locais comerciais, considerarase como pasaxe comercial, sen que sexa obriga do empregado a súa limpeza e tampouco o será calquera que se derive do paso de animais domésticos polos elementos comúns do predio. Os traballos de limpeza deberán realizarse con preferencia nas primeiras horas do día, en beneficio do principal cometido, que é a vixilancia.

2. Vixilancia nestas mesmas dependencias, así como das persoas que entren no inmoble, velando por que non se perturbe a orde nel, nin o sosego e a seguridade dos que nel habitan.

3. Coidará os cuartos desalugados e acompañará as persoas que desexen velos (logo de autorización por escrito do propietario, presidente da comunidade ou representante da propiedade, no que se especificará se debe deixar aberta ou pechada a porta de entrada ó predio) facilitándolles cantas noticias concirnen a eles, de acordo coas instruccións previamente recibidas para o efecto; atenderá con toda amabilidade as persoas que soliciten noticias dos ocupantes das vivendas e outras dependencias do predio, sempre que non sexan de índole confidencial ou informativa que afecten a dignidade deles, debendo obrar sempre coa maior discreción.

4. Terá ó seu cargo a puntual apertura e peche do portal, así como o encendido e apagado das luces dos elementos comúns e farase cargo da correspondencia ou avisos que reciba para os ocupantes do inmoble e para a propiedade ou administración do predio, facéndoo chegar ás mans do destinatario coa maior dilixencia e prontitude.

5. Cumprirá os encargos, avisos e comisións encomendadas polo propietario do inmoble ou os seus representantes legais, presidente da comunidade de propietarios ou cooperativa e administrador do predio, e se fosen encargados do cobramento dos alugueiros ou contas da comunidade de propietarios ou cooperativa; cumprirano sen demora, entregando inmediatamente os fondos recadados na forma que lle fora sinalada, sendo por conta da propiedade os gastos de toda clase que nos ditos encargos, avisos, comisións ou cobramentos puidesen producirse.

6. Comunicará á propiedade calquera intento ou realización por parte dos inquilinos de situacións que poidan supoñer molestia para os demais ou que

de lugar a subarrendos ou ocupacións clandestinas ou traspasos fraudulentos, comunicando, así mesmo, calquera obra que se realice nas vivendas ou locais e que chegase ó seu coñecemento.

En ningún caso será cometido do empregado a retirada de entullos orixinados por tales obras, sen prexuízo das funcións que ten asignadas no presente artigo.

7. Ocuparase dos servicios de calefacción e auga quente central, agás que a propiedade os teña contratados a un terceiro, da central telefónica, se non houbese telefonista, e dos ascensores e montacargas que existan no predio, así como de cantos motores se usen para os seus servicios comúns.

8. Poranse urxentemente en coñecemento da propiedade ou administración e da casa conservadora cantas anormalidades ou avarías observen no funcionamento dos correspondentes aparellos, suspendendo o servicio afectado, baixo a súa responsabilidade, se puidese haber perigo na súa utilización.

9. Coidará dos cuartos de contadores e motores e das entradas de enerxía eléctrica, así como da conducción xeral de auga, baixantes e sumidoiros receptores de augas pluviais en terrazas, azoteas, patios, etc., de acceso por servicios comunais e que non entrañen perigosidade.

10. No caso de nevada, cumprirá os usos e costumes do lugar e canto dispoñan as ordenanzas municipais da localidade.

11. Terá a obriga do traslado de cubos colectivos de lixo do inmoble ata o lugar destinado polas ordenanzas municipais para a súa retirada polos seus servicios, non así a recollida de cubos, bolsas ou recipientes de cada andar ou do depósito colector, que será obxecto de pacto individual ou colectivo.

12. Os ocupantes das vivendas deberán autorizar por escrito ó porteiro ou conserxe a recollida de todo tipo de certificados e/ ou documentos ó seu nome.

Por razóns de salubridade e hixiene non se depositará lixo en ningunha forma nos relanzos das escaleiras e deberase fixar un lugar adecuado para tal depósito.

Artigo 37º

Os empregados de predios urbanos non poderán cobrar ningún emolumento polas funcións especificadas no artigo 36º do presente convenio e, en especial, os que se refiren os números 3 e 5 do citado artigo, agás pacto en contra.

Chamadas telefónicas:

Os porteiros de predios urbanos terán dereito a cobra-las chamadas telefónicas efectuadas ó servicio da propiedade do predio ó seu cargo, logo de xustificación destas.

Capítulo IX

Permisos

Artigo 38º.-Permisos.

Os empregados de predios urbanos suxeitos ó presente convenio colectivo terán dereito ás licencias e permisos que a continuación se expresan, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e duración seguintes:

1. Quince días naturais no caso de matrimonio, que non se poderán diferir, sendo por mutuo acordo, acumulables ó período de vacacións.

2. Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de catro días. Permiso dun día en caso de parto da filla ou da nora do empregado.

3. Un día por traslado do domicilio habitual.

4. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou privado.

5. Un día de permiso en caso de voda de fillo/a.

Capítulo X

Faltas, sancións e procedemento sancionador

Artigo 39º.-Faltas.

Correspóndelle ó propietario do inmoble, presidente da comunidade de propietarios, cooperativa ou administrador, sancionar, se é o caso, as accións ou omisións verificadas polos empregados de predios urbanos no exercicio das súas funcións.

As faltas clasificaranse en:

a) Leves.

b) Graves.

c) Moi graves.

Prescribindo, se é o caso, ós 10, 20 e 60 días, respectivamente, contados a partir da súa comisión ou, no seu defecto, desde a data en que se tivese coñecemento dos feitos.

a) Faltas leves.

Consideraranse faltas leves todas aquelas que produzan perturbación lixeira nos servicios por conta do traballador e as queixas reiteradas dos veciños ocupantes da casa, titulares do contrato de arrendamento, copropietarios, etc., xa sexa de vivenda ou local de negocio.

b) Faltas graves.

A falta de aseo, tanto na súa persoa como nas dependencias do seu cargo.

A desobediencia, indisciplina ou neglixencia inescusable no traballo.

A falta de respecto de palabra ou obra ó propietario, presidente da comunidade ou cooperativa, administrador, inquilinos, copropietarios do edificio e familiares que con eles convivan.

O quebranto da reserva obrigada en relación co bo nome do predio e os seus moradores.

A reiteración de faltas leves.

c) Faltas moi graves.

O abandono notorio da vixilancia do edificio, elementos comúns e demais deberes ó seu cargo (especificados no artigo 36º do presente convenio colectivo).

A reincidencia na comisión de faltas graves.

Os malos tratos de palabra ou obra ó propietario, presidente da comunidade ou cooperativa, administrador ou moradores do edificio ou os familiares que con eles convivan, así como os seus empregados.

A fraude, roubo ou furto ou a retención indebida dos obxectos entregados á súa custodia.

Calquera outra falta grave contra a moral, a propiedade e as persoas.

Queixas reiteradas por escrito da metade máis un dos veciños ocupantes da casa, copropietarios, titulares do contrato de arrendamento, xa sexa de vivenda ou de local de negocio.

Artigo 40º.-Sancións.

As sancións que proceda impor serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación verbal ou escrita.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de 7 a 15 días.

c) Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo de 30 e 60 días e despedimento.

Artigo 41º.-Procedemento sancionador.

Primeiro.-Contra as sancións graves ou moi graves que lle sexan impostas ó empregado de predios urbanos, pódese presentar recurso ante os xulgados do Social, logo da conciliación obrigatoria perante o SCI do Departamento de Traballo da Generalitat de Catalunya.

Segundo.-As sancións por suspensión de emprego e soldo imporanse con reserva do período de cumprimento delas e, no suposto de ser impugnadas polo traballador ante os xulgados do Social, non se cumprirán ata que estes dicten sentencia e de acordo cos termos dela.

Terceiro.-A sanción imposta cando os feitos causasen danos ou prexuízos patrimoniais, non impedirá o exercicio das accións de resarcimento pertinentes por quen resulte prexudicado.

Cuarto.-Cando os feitos sancionados poidan constituír falta ou delicto perseguibles de oficio, a propiedade deberá cumpri-la obriga xeral de formula-la correspondente denuncia ante a autoridade competente.

Capítulo XI

Dereitos sindicais

Artigo 42º.-Dereitos sindicais.

Os empregados de predios urbanos rexeranse en materia de dereitos sindicais polo previsto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical e polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Capítulo XII

Disposicións varias

Artigo 43º.-Seguridade e hixiene.

No que afecta a seguridade e hixiene no traballo haberá que aterse ó disposto na normativa legal nas ditas materias.

Artigo 44º.-Texto do convenio.

O texto do presente convenio colectivo redactarase en lingua catalana e en lingua castelá.

Artigo 43º.-Derrogación da ordenanza laboral de empregados de predios urbanos.

A previsión derrogatoria das ordenanzas de traballo contida na disposición transitoria 2ª do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada a ela pola Lei 11/1994, do 19 de maio, fai preciso, para que non se produza baleiro na normativa laboral e no funcionamento das empresas, que as materias reguladas polas referidas ordenanzas laborais sexan recollidas nun convenio colectivo, no que se integren os aspectos recollidos por aquelas, tendo en conta as modificacións introducidas no Estatuto dos traballadores pola Lei 11/1994, do 19 de maio.

As representacións asinantes do presente convenio colectivo de traballo acordan derroga-la ordenanza laboral de empregados de predios urbanos (orde do Ministerio de Traballo do 13 de marzo de 1974, coas modificacións establecidas nas ordes do mesmo departamento do 26-11-1976 e 29-12-1978), no ámbito de Cataluña, rexéndose no futuro polo presente convenio colectivo.

Dereito supletorio.

Para todo o non previsto no presente convenio colectivo haberá que aterse nos laudos dos anos 1979 e 1980, ó texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e á normativa de legal aplicación.

Disposicións transitorias

Primeira.-A percepción dos salarios derivados da aplicación do presente convenio colectivo de traballo produce efectos desde o día da sinatura del, sen prexuízo da súa publicación no Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya, considerándose como data de inicio da súa aplicación o día 1 de xaneiro de 2001.

Segunda.-As indemnizacións por concepto de baixa de IT por enfermidade ou accidente pagaránselle ó traballador a mes vencido, contado desde o inicio da baixa, de acordo coa normativa legal vixente ó respecto.

Terceira.-As variacións no salario que se deriven da aplicación do presente convenio colectivo deberán ser aplicadas polas empresas e poderán ser esixidas polo traballador con efectos desde a mesma data en que se modifique o salario mínimo interprofesional.

Cuarta.-As partes asinantes do presente convenio recomendan que nos supostos de conflicto se solicite de mutuo acordo a mediación do Tribunal Laboral de Catalunya.

Disposición adicional

Calquera referencia ó texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, recollida no texto, entenderase integrada nel como condición máis beneficiosa.