Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.779

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 209/2002, do 13 de xuño, polo que se modifica o Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago.

Polo Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, procedeuse a unificar unha normativa en moitas ocasións dispersa na materia de referencia, estructurando, nun total de seis capítulos, o marco xurídico do Camiño de Santiago.

Esta modificación obedece a unha triple necesidade. En primeiro lugar, acompasa-la normativa vixente á modificación operada no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, polo Decreto 72/2002, do 7 de marzo, no tocante á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago. En segundo lugar, introducir algunha modificación no relativo ó Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago. E por último, suprimi-lo procedemento de declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago, xa que para percibi-las subvencións previstas nas ordes que anualmente publica a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de subvencións ás entidades e ás empresas privadas que realizan actividades para a promoción do Camiño de Santiago, é preciso estar inscrito no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, polo que resulta superfluo o mantemento doutro rexistro. Cómpre, pois,

proceder á modificación do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse o parágrafo primeiro do artigo 19 e o artigo 23 do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, que quedan redactados nos seguintes termos:

Artigo 19º, parágrafo «Primeiro.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago estructúrase do seguinte xeito:

O xerente de Promoción do Camiño de Santiago con rango de subdirector xeral. Esta xerencia poderá ser provista con persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto».

«Artigo 23º.-Para a súa inscrición no rexistro, as entidades solicitantes deberán ter como finalidade,

expresa e prioritariamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste».

Disposición derrogatoria

Derrógase o capítulo V do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, que leva por rúbrica Procedemento de declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Disposicións derradeiras

Primeira .-Facúltase o conselleiro competente en materia de promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL