Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.797

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 28 de maio de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 28 de maio de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 14 de maio de 2002, pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos ten como obxecto:

a) A realización de toda clase de estudios, a programación e desenvolvemento de conferencias, cursos, presenciais e a distancia, congresos e actividades dirixidas a promociona-la cultura, en xeral, a educación e a sanidade, en particular, co obxecto de levar a cabo accións tendentes á mellora das condicións da saúde da comunidade, e en xeral o fomento de actividades que teñan como fin a promoción humana e social.

b) A potenciación e desenvolvemento dos recursos humanos a través de actividades dirixidas ó fomento da investigación en materia de formación profesional, ocupacional e social dos traballadores, con especial atención á formación dos desempregados con necesidades especiais de reinserción no mercado de traballo.

c) Favorece-la mellora das condicións de traballo a través da participación na formación dos traballadores e no estudio das necesidades de formación destes, en particular, todo o referente á prevención de riscos laborais en tódolos ámbitos, incluído o sanitario.

d) Fomentar e prestar axudas ó estudio, investigación e asistencia nos aspectos legais, económicos, sociais, culturais, sanitarios, laborais de rehabilitación e integración das persoas que sufran enfermidade e marxinación social, procurando a mellora na súa calidade de vida, desenvolvemento humano e fomentar accións para que estas persoas sexan atendidas por calquera institución ou organismo público ou privado.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, ó cumpriren os

seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación de Estudios y Formación Sanitaria, no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento, ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade