Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.815

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 14 de xuño de 2002 pola que se regulan axudas ás familias nas que se produce un parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia establece no seu artigo 3.2º, como principio rector da actuación dos poderes públicos de Galicia, o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regu

lando, segundo o artigo 11.3º c), aquelas prestacións, económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xuño, e 200/2001, do 27 de agosto, polo que se establece a estructura e competencias da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúe a esta consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores.

É unha realidade patente o cambio radical que supón para unha familia a chegada de varios nenos ó mesmo tempo, unido ó extraordinario gasto que xera esta situación (alimentación, roupa, gastos médicos, farmacéuticos, etc.). Para facer fronte a esta realidade a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude acordou establecer unha liña de axudas ás familias co obxecto de paliar, nalgunha medida, estes gastos.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Con este fin, na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, na aplicación 14.02.212A.486.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 84.142 A para as axudas que se establecen no articulado desta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás familias nas que se produza un parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores, así como a convocatoria destas axudas para este ano.

Para os efectos desta orde, considérase parto múltiple aquel no que se produza o nacemento de dous ou máis fillos e considérase adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores a integración de dous ou máis menores nunha familia por medio de auto xudicial ou resolución administrativa de acollemento preadoptivo. Entenderase como nados, para estes efectos, os que reúnan as condicións que expresa o artigo 30 do Código Civil.

A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico ás familias para contribuír a atende-las dificultades extraordinarias que sobreveñen nunha

familia cando se incrementa o número de membros en dous o máis membros como consecuencia dun parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo múltiple.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas familias nas que:

1. O nacemento dos nenos/as se produza entre o 1 de setembro de 2001 e o 31 de agosto de 2002, no caso de partos múltiples.

2. O auto de adopción ou resolución administrativa se acorde entre o 1 de setembro de 2001 e o 31 de agosto de 2002, no caso de adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores.

Artigo 3º.-Requisitos.

Serán requisitos necesarios para a concesión da axuda:

-Que os pais biolóxicos, adoptivos ou acolledores preadoptivos teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.

-A convivencia do/s solicitante/s destas axudas cos nenos.

Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.

A axuda consistirá nun pagamento único por neno/a nado/a, adoptado ou en acollemento preadoptivo, de acordo co establecido no artigo 1º desta orde.

A contía da axuda será a resultante de dividi-la totalidade do crédito consignado para esta orde entre tódolos nenos/as. En ningún caso esta axuda poderá ser superior a 450 A por neno/a.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

A solicitude poderá presentala calquera dos pais, por filiación natural ou adoptiva, que teñan atribuídas as funcións relativas ó exercicio da patria potestade sobre os fillos/as habidos nun parto múltiple, adoptados, ou ben polos acolledores na modalidade de acollemento preadoptivo.

A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI/NIF do solicitante.

2. No caso de parto múltiple, certificación literal da inscrición de nacemento no Rexistro Civil ou fotocopia compulsada do libro de familia.

3. No caso de adopción, copia compulsada do auto xudicial de adopción ou copia compulsada da resolución administrativa de acollemento preadoptivo.

4. Certificado de empadroamento do solicitante.

5. Copia compulsada da sentencia de separación ou divorcio, de se-lo caso.

6. Certificación oficial dos datos bancarios do solicitante.

7. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo fin das distintas administracións públicas competentes (anexo II).

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación sinalada, requirirase do interesado que nun prazo de 10 días emende

a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non se fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse no rexistro da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2002.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle á directora xeral de Familia, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a resolución destas axudas no prazo de seis (6) meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas a súas solicitudes.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución. Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, non poderán concorrer a esta convocatoria de axudas aquelas familias que recibisen axudas económicas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude, para este mesmo fin, con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase segundo o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Revogación da axuda.

Procederá a revogación das axudas así como o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no sinalado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para estes fins.

Segunda.-Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na directora xeral de Familia para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude