Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.850

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2002 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Monte Castelo e a compatibilidade do parque eólico denominado Monte Castelo e as solicitudes dos permisos de investigación denominados Penarredonda, número 2673, e Alberto I, número 2773, e a canteira Carrio, número 19. (Expediente IN661A 00/1-4).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos

de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña 201-A, 15705 Santiago de Compostela, sobre a utilidade pública das instalacións do parque eólico denominado Monte Castelo; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 14 de xaneiro de 2000, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Gamesa Energía, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Monte Castelo, de 31,68 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, de 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que

se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto, coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, someteuse a información pública por acordo da Delegación Provincial de Industria de Pontevedra do 6 de xuño de 2000, para os efectos previstos nos decretos 2617 e 2619/1966, xa mencionados, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e Decreto 205/1995 citado. A resolución foi publicada no DOG do 19 de xuño, no BOP de Pontevedra do 22 de xuño, no diario Faro de Vigo do 23 de xuño, no BOE do 1 de xullo de 2000 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lalín e Vila de Cruces, dándose coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Terceiro.-Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

1. O Concello de Vila de Cruces alega que se no transcurso da execución do parque eólico de Monte Castelo, ó perforar aparecese auga ou algún manancial a empresa promotora deberá facerse cargo da súa canalización.

2. O Concello de Lalín alega que o parque eólico ocasionará unha alteración do contorno paisaxístico xa que se vai a produci-la confluencia de varios

parques na zona, o cal non se ten en conta. Ademais produciranse limitacións e servidumes a unha parte do territorio e o ruído producido ocasionará efectos negativos á gandería e agricultura. Por outra banda observáronse unha serie de defectos no estudio de impacto e o proxecto sectorial non respecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal; ademais a serra de Carrío, onde se va a instala-lo parque eólico está clasificada como solo rústico de especial protección, polo que se terá que redactar previamente un plan especial de ordenación para as áreas afectadas polo parque.

3. Martiño Nercellas Méndez, en representación da Asociación Ecoloxista Sobreira, oponse á construcción do parque eólico e considera que vai ter unha incidencia negativa sobre as condicións naturais do enclave.

4. Jaime García Guerra e outros na súa calidade de presidentes das comunidades de montes veciñais en man común das parroquias de Asorei, Bermés, Busto, Madriñán, Méixome e O Carrio alegan que a declaración de utilidade pública das instalacións de producción, transporte e distribución de enerxía eléctrica non ten que entenderse como unha afirmación absoluta aplicable a calquera proxecto, senón como unha disposición de carácter xeral orientada a asegura-los obxectivos fundamentais de política enerxética definidos no artigo 1.2º da Lei 54/1997. Así mesmo, reclaman a prevalencia do monte veciñal sobre a instalación do parque eólico.

5. Ángel Fernández Presas, en nome de Manuel Riádigos García solicitou o permiso de investigación Penarredonda nº 2673, actualmente en fase de tramitación, que quedou reducido a 17 cuadrículas. Alega que a superficie solicitada para o parque eólico afecta a 13 das 17 cuadrículas solicitadas para a explotación derivada do permiso de investigación Penarredonda, polo que solicita que se denegue a autorización do parque.

6. Ángel Fernández Presas solicitou o permiso de investigación Alberto I nº 2773, que consta de 33 cuadrículas, das cales, 23 se ven afectadas polo parque eólico, polo que solicita se denegue a autorización do mesmo.

7. Estrella Quintero Crespo, presidenta da Asociación de Veciños do lugar do Carrio manifesta que os aeroxeradores que aparecen no predio 21 do parcelario non se emprazan no lugar do Carrio senón no lugar de Abonxo. Así mesmo, o lugar do Carrio vese afectado pola ampliación do vial de acceso do parque.

Cuarto.-O 31 de xaneiro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Quinto.-O 1 de agosto de 2001, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos

equipos electromecánicos e aproba-lo correspondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

XY

Monte CasteloVila de Cruces

Lalín

(Pontevedra)

1568.5004.733.500
2569.0004.733.500
3571.0004.732.000
4568.0004.729.500
5568.0004.731.500
6567.0004.732.000

Nº de aeroxeradores37

Potencia unitaria por aeroxerador850 kW

XeradoresG52-850 kW de Gamesa Eólica

Potencia total instalada31,45 MW

Producción anual estimada81.775 MWh

Investimento previsto23.495.756,16 A.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 centros de transformación de 900 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados no interior da torre cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de recollida de media tensión e subestación transformadora 20/220 kV.

-Subestación transformadora 20/220 kV para evacuación de enerxía, composta por un transformador principal 20/220 kV de 50 MVA de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,38 kV de 50 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Sexto.-Con data do 1 de outubro de 2001, ábrese por parte da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas dentro de expediente de declaración de utilidade pública peza separada co obxecto de determina-la compatibilidade ou incompatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Monte Castelo coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado. As partes presentaron durante o prazo establecido para o efecto as alegacións e xustificacións que estimaron pertinentes.

Sétimo.-Con data do 6 de maio de 2002, a Subdirección Xeral de Enerxía e Recursos Minerais, examinado o citado expediente, emite informe favorable sobre a compatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Monte Castelo coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado polos permisos mineiros, denominados Penarredonda, nº 2673, solicitado por Manuel Riádigos García; Alberto I, nº 2773, solicitado por Ángel Fernández

Presas e a canteira Carrio, nº 19, titularidade de Canteras del Arenal.

O citado informe manifesta textualmente canto segue: «Informe sobre o expediente de compatibilidade entre o parque eólico de Monte Castelo e diversos dereitos mineiros da provincia de Pontevedra».

1. Antecedentes.

Durante a tramitación da declaración de utilidade pública do parque eólico de Monte Castelo, solicitada pola sociedade Gamesa Energía, S.A., detectouse a posible interferencia das actuacións pretendidas neste proxecto coas previstas para outros dereitos mineiros solicitados e/ou existentes na zona, polo que dsta dirección xeral abriu o 28 de setembro de 2001 un trámite de audiencia coas partes interesadas, para así proceder a determina-la compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos públicos en xogo.

Para a realización deste informe examináronse, ademais das alegacións presentadas polas partes dentro do trámite de audiencia, os seguintes documentos:

* Proxecto de execución do parque eólico de Monte Castelo.

* Proxecto da solicitude de permiso de investigación Penarredonda nº 2673. Solicitado por Manuel Riádigos García.

* Proxecto da solicitude de permiso de investigación Alberto I nº 2773. Solicitado por Ángel Fernández Presas.

* Expediente autorización de recursos da sección A) Carrio nº 19. Autorizada a favor da sociedade Canteras del Arenal, S.L.

2. Resumo dos proxectos e alegacións presentadas.

Vanse resumir neste punto os proxectos e alegacións de cada unha das sociedades implicadas.

A. Gamesa Energía, S.A.

O proxecto de parque eólico de Monte Castelo ten as seguintes características:

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores37

Potencia unitaria por aeroxerador850 kW

XeradoresGamesa Eólica G52-850 kW

Potencia total instalada31,68 MW

Producción anual estimada81.775 MWh

Investimento previsto3.909.364.885 ptas. (3.495.756,16 A).

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 transformadores de 900 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV instalados no interior da torre cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Rede subterránea de interconexión entre as máquinas existentes, a 20 kV, que transportará a enerxía xerada ata a subestación transformadora de 20/220 kV.

-Subestación transformadora de 20/220 kV para evacuación de enerxía, composta por un transformador principal 20/220 kV de 35 MVA de potencia nominal e os correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Alegacións.

En resumo son as seguintes:

* Da posible compatibilidade ou prevalencia do parque cos dereitos mineiros afectados, para o cal presenta diversos informes elaborados para esa sociedade.

* Así con respecto ás solicitudes de permisos de investigación Penarredonda nº 2673 e Alberto I nº 2773, estima que a incidencia superficial do corredor do parque eólico cos mesmos é mínima (do 5,9% no caso do primeiro e aínda inferior no segundo), ademais de que o desenvolvemento dun parque eólico non interfire na actividade investigadora prevista.

* Con respecto á autorización de recursos da sección A) Carrio nº 19 considera que se o obxectivo da canteira segue sendo o beneficio dos ortogneises que actualmente explota, a explotación non chegará a interferir coas instalacións proxectadas para o parque eólico.

B. Manuel Riádigos García.

Titular da solicitude de permiso de investigación Penarredonda nº 2673.

Alegacións.

En resumo son as seguintes:

* Afección do parque eólico sobre 13 cuadrículas do permiso de investigación. A citada afirmación concrétase nun informe técnico no que se defende o seguinte:

-O parque eólico pisa máis do 50% da área do permiso de investigación.

-Afección das obras de construcción do parque, debido ó uso de explosivos, sobre zonas potenciais de explotación mineira, cos conseguintes prexuízos económicos para o solicitante do permiso.

* Prioridade do permiso de investigación por ser primeiro no tempo e por outorgar dereitos mineiros sobre bens de dominio público.

* Necesidade de instruír un expediente de compatibilidade e, no caso de que se estime a preferencia do parque eólico sobre os dereitos mineiros, se pro

ceda a declara-la expropiación forzosa para indemniza-lo dano emerxente e o lucro cesante derivado do permiso de investigación.

Características do proxecto.

* Preténdese realiza-la investigación de granito ornamental da variedade Silvestre Moreno, nunha superficie de 17 cuadrículas mineiras, prevéndose labores de investigación xeolóxica, cartografía, realización de sondaxes e apertura de pequenas frontes experimentais.

C. Ángel Fernández Presas.

Titular da solicitude de permiso de investigación Alberto I nº 2773.

Alegacións.

En resumo son as seguintes:

* Afección do parque eólico sobre 23 cuadrículas do permiso de investigación. A citada afirmación concrétase nun informe técnico no que se defende o seguinte:

-O parque eólico pisa aproximadamente o 50% da área do permiso de investigación.

-Afección das obras de construcción do parque, debido ó uso de explosivos, sobre zonas potenciais de explotación mineira, cos conseguintes prexuízos económicos para o solicitante do permiso.

* Prioridade do permiso de investigación por ser primeiro no tempo e por outorgar dereitos mineiros sobre bens de dominio público.

* Necesidade de instruír un expediente de compatibilidade e, no caso de que se estime a preferencia do parque eólico sobre os dereitos mineiros, se proceda a declara-la expropiación forzosa para indemniza-lo dano emerxente e o lucro cesante derivado do permiso de investigación.

Características do proxecto.

* Preténdese realiza-la investigación de granito ornamental da variedade Silvestre Moreno, nunha superficie de 33 cuadrículas mineiras, prevéndose labores de investigación xeolóxica, cartografía, realización de sondaxes e apertura de pequenos frontes experimentais.

Canteras del Arenal, S.L.

Sociedade titular da autorización de recursos da sección A) Carrio nº 19.

Características do proxecto.

* Trátase dunha explotación de areas graníticas, autorizada para unha superficie de 114.413 m. A súa producción anual ronda as 175.000 toneladas, estando previsto o aumento do ritmo de explotación.

Alegacións.

* Limítanse a deixar constancia da existencia do dereito mineiro da súa titularidade, solicitando a súa preservación.

3. Conclusión.

Ó se-lo parque eólico o punto común do expediente, vamos examinar por separado a súa posible compatibilidade con cada un dos dereitos mineiros por separado.

A. Canteira Carrio nº 19.

Autorización de explotación de recursos da sección A) da titularidade de Canteras del Arenal, S.L. A superficie autorizada para esta explotación non afecta a ningún dos aeroxeradores proxectados, polo que ambas actuacións son perfectamente compatibles.

B. Solicitudes dos permisos de investigación Penarredonda nº 2673 e Alberto I nº 2773.

En primeiro lugar hai que dicir que as alegacións presentadas polos solicitantes dos dous permisos parten dunha afirmación errónea, que é a de que son titulares duns dereitos mineiros, o cal non é certo, unicamente teñen unha expectativa de dereito como solicitantes deles. Unha vez deixado isto claro, atopámonos con tres solicitudes de utilidade pública, as dos permisos de investigación e a do parque eólico, polo que a Administración abre un expediente para determina-la compatibilidade dos aproveitamentos públicos en xogo, non procedendo á preferencia da utilidade pública do dereito mineiro que aducen os solicitantes do permiso.

En canto ó resto das alegacións, da análise da documentación existente despréndese que os labores de investigación reflectidos en ámbolos proxectos son perfectamente compatibles coa infraestructura eólica prevista, afectando unicamente aproximadamente un 5% da superficie dos permisos de investigación solicitados, non o 50%, como afirman os solicitantes dos permisos de investigación. Unicamente existe a posibilidade de que unha posible autorización de apertura de fronte experimental nas fases finais da investigación poida estar situada nas proximidades dos aeroxeradores. Ó estar sometida esta solicitude a autorización previa, en caso de producirse, a delegación provincial desta consellería deberá establece-las condicións necesarias para que non afecte oparque eólico xa aprobado.

Oitavo.-O 29 de maio de 2002 foi desestimado por esta consellería o recurso de alzada que interpuxo Ángel Fernández Presas, en nome e representación de Manuel Riádigos García, solicitante do permiso de investigación Penarredonda nº 2673, actualmente en fase de tramitación, contra a citada resolución de 1 de agosto de 2001.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, a Lei 54/1997, do 27 de novembro, Decreto 205/1995, do 6 de xullo e o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación obrante no expediente, queda de manifesto que:

1. As alegacións ambientais foron tidas en conta na Resolución do 31 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se aprobou a declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

2. As alegacións de carácter urbanístico serán consideradas no momento de proceder á resolución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. De todos modos tense que recordar que de acordo co establecido no Decreto 80/2000, que regula os plans e proxectos de incidencia supramunicipal, os plans municipais terán que adaptarse ó establecido nos ditos proxectos.

3. As alegacións dos concellos de Vila de Cruces e Lalín foron tidas en conta na resolución pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Monte Castelo.

4. En canto ás alegacións formuladas por Jaime García Guerra e outros na súa calidade de presidentes das comunidades de montes veciñais en man común das parroquias de Asorei, Bermés, Busto, Madriñán, Méixome e O Carrio cabe dicir que esta instalación cumpre co disposto no artigo 1.2º da mencionada Lei 54/1997. Por outra banda, con respecto á posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra, procederase á súa tramitación unha vez declarada a utilidade pública do citado parque.

5. En canto á alegación presentada pola Asociación de Veciños do Carrio, o promotor toma razón dela e achega ó expediente a desagregación da afección no predio 21 entre a Asociación de Veciños do Lugar do Carrio e o Monte dos veciños de Abonxo, dándoselle traslado dela ó alegante.

6. En canto á resolución da peza separada dentro deste expediente no que se estudia a compatibilidade

ou non dos distintos dereitos amparados pola utilidade pública que incide sobre un mesmo espacio é procedente declarar esta de acordo cos argumentos establecidos no informe da Subdirección Xeral de Enerxía e Minas de data do 6 de maio de 2002, que esta consellería acepta e que serve de motivación á presente resolución neste extremo ó incorporarse ó seu texto, tal e como establece o artigo 89.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, ten que de indicarse que no suposto das solicitudes dos permisos de investigación non nos encontramos aínda ante dereitos consolidados xa que non existe en ningún dos casos resolución que conceda o dito permiso, polo que no suposto do seu outorgamento deberá, como xa se expón no informe, ter en conta a existencia do parque eólico.

Terceiro.-O artigo 52 da Lei 54/1997, reguladora do sector eléctrico, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía, cos efectos que se determinan no artigo 54 da mesma norma.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Monte Castelo, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. Declara-la compatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Monte Castelo coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado pola canteira Carrio nº 19, titularidade de Canteras del Arenal, S.L., e as solicitudes de permisos de investigación Penarredonda nº 2673 e Alberto I nº 2773 das que os solicitantes son respectivamente Manuel Riádigos García e Ángel Fernández Presas.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da citada data, de acordo

co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2002.

P.D. (Orde 20-12-2001, DOG nº 250,

do 28 de decembro)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL