Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 26 de xuño de 2002 Páx. 9.883

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 10 de xuño de 2002 que modifica a do 21 de novembro de 2001, pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas a montaxe, mantemento e reparación de instalacións de productos petrolíferos.

A Orde desta consellería, do 21 de novembro de 2001, regula especificamente as características e requisitos que deben reunir tanto as empresas como os profesionais que se dediquen á realización de instalacións de productos petrolíferos, establecendo no seu artigo 8º, segundo parágrafo, que o certificado de empresa instaladora de productos petrolíferos líquidos (PPL) terá unha validez de tres anos prorrogables por períodos iguais de tempo en lugar dos dous anos que determina o artigo 4.2º do Regulamento estatal de instalacións petrolíferas.

Así mesmo, o segundo parágrafo da disposición adicional primeira da devandita orde esixe a autorización da correspondente delegación provincial para que os instaladores de productos petrolíferos autorizados polo organismo competente doutra Administración poidan traballar na nosa comunidade autónoma malia que, de conformidade co disposto no artigo 13.3º da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, as autorizacións concedidas pola autoridade competente en materia de industria terán ámbito estatal.

Polo tanto, resulta procedente modifica-lo prazo de validez do certificado de empresa instaladora reducíndoo a dous anos e substituí-la autorización esixida na disposición adicional primeira da mencionada orde pola inscrición dos instaladores en cuestión no rexistro de instaladores autorizados de productos petrolíferos nas mesmas especialidades que constan na autorización de orixe.

Na súa virtude e no uso das facultades que teño conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O segundo parágrafo do artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2001, pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas a montaxe, mantemento e reparación de instalacións de productos petrolíferos, queda redactado como segue:

«O devandito certificado terá validez por un prazo de dous anos prorrogables por períodos iguais de tempo logo de petición dos interesados antes do seu vencemento, sempre que se manteñan as condicións esixidas para a obtención daquel».

Artigo 2º.-O segundo parágrafo da disposición adicional primeira da devandita orde queda redactado nos seguintes termos:

«A delegación provincial de Industria e Comercio inscribirá o instalador no Rexistro de instaladores autorizados de PPL nas mesmas especialidades e coa esixencia que consta na autorización de orixe, sen que isto implique a expedición dun novo carné nin supoña equivalencia ningunha coas categorías establecidas nesta orde».

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director xeral de Industria, Enerxía e Minas queda facultado para dicta-las resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio