Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 27 de xuño de 2002 Páx. 10.013

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xuño de 2002 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos que rematen os seus estudios universitarios no ano 2002, nas universidades do sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comu

nidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universalidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia, para os alumnos das universidades galegas que rematen os seus estudios no ano 2002.

O obxecto desta acción é facer un recoñecemento expreso da excelencia académica daqueles estudiantes matriculados no curso académico 2001/2002 en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamento xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, cunha contía máxima 132.222,66 A.

Artigo 3º.-Contía.

Concederase un premio por cada unha das titulacións distintas impartidas no Sistema Universitario de Galicia ó alumno con mellor expediente académico.

Os solicitantes que resulten premiados recibirán:

-Un diploma acreditativo desta distinción

-Unha contribución en metálico de 2.404,04 A.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2001/2002.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Las solicitudes segundo modelo ED 415A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo interesado, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixida á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Dirección Xeral de Universidades.

3. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de outubro de 2002 desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Posuíren a nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da Unión Europea.

-Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 2,7 puntos, para alumnos de facultades e escolas universitarias; e 2 puntos, para alumnos de escolas universitarias técnicas e escolas técnicas superiores.

-Teren rematada a carreira no ano 2002.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do DNI

b) Certificación académica persoal ou copia compulsada dela na que se fará consta-lo número de créditos superados segundo a valoración académica con especificación das convocatorias. En caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe. Os que accedan ó segundo ciclo desde unha titulación de primeiro ciclo presentarán, ademais, certificación académica desta.

c) Breve currículum vitae, no que se indiquen, se é o caso, os premios, bolsas, etc., que lle foran concedidos e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 8º.-Selección.

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función do expediente académico.

Para os efectos de selección, a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+...)/C1.N1+C2.N2+...).

Onde :

N1=número de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=número de convocatorias empregadas en cada materia.

A comisión avaliadora poderá ter tamén en conta, para matiza-la proposta, o currículum vitae dos solicitantes e os méritos acreditados. Naqueles casos en que a comisión avaliadora o considere oportuno, poderá propoñe-la concesión de accésit (sen dotación económica), ou deixa-lo premio deserto.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que a actuará como secretario con voz e voto.

Artigo 10º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provincias, e nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.xunta.es/ceoug/dxu/. As listas provisionais estarán expostas desde o día 6 ó 16 de novembro de 2002. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 11º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 2/2002, do 29 de abril, dos orzamentos da Comu

nidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, farase un pagamento único do premio concedido.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO