Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 09 de xullo de 2002 Páx. 10.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de xuño de 2002 pola que se regula a prestación económica de pagamento único por fillo menor a cargo.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia establece no seu artigo 3.2º como principio rector da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11.3º aquelas prestacións económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xuño e 200/2001, do 27 de agosto, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúe a esta consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo estableceu hai algúns anos deduccións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos. Sen embargo, non tódalas persoas teñen obrigación de efectua-la dita declaración, e son precisamente as de menor capacidade económica. A través das axudas directas que hoxe se regulan a Xunta de Galicia pretende equiparar a este colectivo de persoas, con aqueles que gozan da correspondente deducción fiscal.

A Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo prevé na súa disposición adicional vixésimo sexta que aquelas persoas que, á data de entrada en vigor desta lei, tiveran ó seu cargo fillos menores de tres anos e, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2000, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estiveron obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período impositivo, terán dereito a percibir unha prestación de 300 euros por cada un dos fillos menores da dita idade.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

A presente orde segue o procedemento previsto con carácter xeral, sen ningunha especificación, no Decreto 287/2000, do 21 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos establecidos na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Con este fin, na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, na aplicación 14.02.212A.486.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 8.269.926 de euros para as prestacións que se establecen no articulado desta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-las bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar por fillo menor a cargo así como a convocatoria destas axudas para este ano.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios desta prestación aquelas persoas que teñan ó seu cargo fillos menores de tres anos á data do 2 de maio de 2002 e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2000, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estiveran obrigadas a presenta-la declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentencia de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos, ou se a tutela ou garda fora asumida por unha institución pública.

4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e os requisitos establecidos nesta norma e tiveran a condición de contribuíntes para os efectos do disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 3º.-Requisitos.

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

-Que os pais teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.

-Que á data da solicitude os nenos convivan co solicitante.

Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo menor de tres anos que o solicitante teña ó seu cargo.

A contía da prestación será de 300 euros por cada un dos fillos menores de tres anos que os beneficiarios teñan ó seu cargo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI/NIF do solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

2. Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada un dos fillos menores de tres anos.

3. Certificado de empadroamento do solicitante.

4. Copia da sentencia de nulidade, separación ou divorcio, de se-lo caso.

5. Os datos identificativos da conta na que se desexe percibi-la axuda (banco, oficina, díxito de control e código da conta do cliente) serán certificados pola entidade bancaria, tal e como se reflicte no anexo I.

Na presentación da solicitude de prestación, o interesado autorizará á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar e para o pagamento da prestación (anexo II).

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes

A solicitude maila documentación requirida presentarase no rexistro da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación sinalada, será requirido pola Dirección Xeral de Familia, o interesado, para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos perceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A continuación seguiranse os trámites previstos no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Correspóndelle á directora xeral de Familia, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contado desde o día seguinte ó da presentación da solicitude.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por estimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución. Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 10º.-Pagamento.

O pagamento das prestacións reguladas na presente orde farase segundo o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo as previsións correspondentes da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Así mesmo, antes do pagamento, deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios desta prestación quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 12º.-Revogación da prestación.

Procederá a revogación das axudas así como o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora devengado desde o momento do seu pagamento nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no sinalado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas prestacións terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para estes fins.

Segunda.- Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 30 de decembro.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na directora xeral de Familia para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión desta axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente norma.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude