Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 09 de xullo de 2002 Páx. 10.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2002, do Consello Galego de Cooperativas, pola que se dispón a publicación do acordo do Consello Galego de Cooperativas sobre premios á cooperación.

O Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión do 16 de abril de 2002, acordou crea-los premios á cooperación e aproba-las bases reguladoras destes para o ano 2002.

En uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro de cooperativas de Galicia e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo referido.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2002.

Antonio Pillado Montero

Presidente do Consello Galego de Cooperativas.

Acordo do 16 de abril de 2002 do Consello Galego de Cooperativas polo que se crean os premios á cooperación

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles ós poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia dictouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma, co encargo de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

Coa finalidade de fomentar e difundi-lo cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, o Consello Galego de Cooperativas, considera axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

Polo que antecede, o Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión con data do 16 de abril de 2002,

ACORDOU:

Primeiro.-Crea-los premios á cooperación co fin de dar a coñecer e prestixia-lo labor realizado neste

ámbito, e para que sirva de acicate e estímulo de comportamentos que favorezan o desenvolvemento do cooperativismo.

Segundo.-Aproba-las bases polas que se regulan os premios á cooperación para o ano 2002, segundo o anexo que se xunta.

ANEXO

Bases polas que se rexerá a convocatoria dos premios á cooperación 2002

Primeira.-Destinatarios.

Poderán optar a estes premios as cooperativas, as súas asociacións e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizaran un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma Galega.

Segunda.-Modalidades.

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

Premio á excelencia cooperativa.

Premio á innovación cooperativa.

Premio á intercooperación cooperativa.

Premio á promoción do cooperativismo.

Premio á comunicación.

Terceira.-Premio á excelencia cooperativa.

1. Outorgarase á cooperativa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a traxectoria das candidatas, especialmente a aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ó marco socioeconómico galego.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Cuarta.-Premio á innovación cooperativa.

1. Outorgarase ó proxecto empresarial máis innovador ou ó mellor traballo de investigación sobre materias relacionadas co cooperativismo.

2. O xurado terá en conta a relevancia do proxecto ou traballo para o futuro do desenvolvemento do cooperativismo, así como o seu carácter innovador.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros. No caso de que o premio recaia nun traballo de investigación, o interesado poderá optar pola súa publicación polo Consello Galego de Cooperativas ou pola percepción da devandita contía.

Quinta.-Premio á intercooperación.

1. Outorgarase á mellor experiencia de intercooperación ou integración cooperativa na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a influencia da experiencia no seu ámbito territorial e funcional, o seu adecuado dimensionamento empresarial e a súa viabilidade e efectos nos eidos económico, social e laboral.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Sexta.-Premio á promoción do cooperativismo.

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo.

2. O xurado valorará a actividade ou actividades realizadas polos candidatos e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Sétima.-Premio á comunicación.

1. Outorgarase ó mellor artigo, reportaxe ou calquera outro labor informativo sobre cooperativismo, difundido polos medios de comunicación xeneralistas de Galicia no ano 2002.

2. O xurado terá en conta o tratamento singularizado do cooperativismo e o grao de difusión acadado, valorando especialmente a súa contribución para achega-lo coñecemento da fórmula empresarial cooperativa á sociedade galega.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Oitava.-Candidaturas, documentación e prazo.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou persoa que o propoña, por calquera medio que acredite a súa constancia, perante o Consello Galego de Cooperativas acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 2002.

Novena.-Xurado.

Para efectos de concesión dos premios, actuará como xurado a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e a súa decisión será inapelable.

O xurado poderá declara-los premios desertos ou conceder premios compartidos.

Décima.-Entrega dos premios.

A decisión do xurado darase a coñecer no transcurso dun acto público, no que se procedera á entrega dos premios.

Décimo primeira.

A participación nestes premios supón a aceptación incondicional das presentes bases.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE