Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 18 de xullo de 2002 Páx. 11.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 238/2002, do 4 de xullo, polo que se crea o Museo Massó dependente da Xunta de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 27.18º, a competencia exclusiva desta Comunidade Autónoma en materia de arquivos, bibliotecas e museos de interese para Galicia que non sexan de titularidade estatal; e no seu artigo 37.2º determina que lle corresponde á Xunta de Galicia a potestade regulamentaria nas materias da súa competencia exclusiva.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, establece a competencia exclusiva desta en museos de interese para Galicia e no fomento da cultura.

O Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, establece que é esta o órgano da Administración da Comunidade Autónoma competente en materia de patrimonio cultural e museos, correspondéndolle o seu exercicio á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Así mesmo, o Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma galega, establece no artigo 5

que a creación de museos propios se fará por decreto da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Pola súa parte, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, define os museos como institucións de carácter permanente, abertas ó público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu contorno natural, con fins de estudio, educación, aproveitamento e promoción científica e cultural.

Neste marco, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo propón a creación dun centro específico destinado a poñer á disposición do público en xeral e dos estudiosos en particular a colección de bens de carácter cultural propiedade da Xunta de Galicia, que constitúen o coñecido como Museo Massó.

Os fondos que integran o dito museo están estructurados en dúas partes, unha, máis erudita, é a extraordinaria colección bibliográfica; a outra é froito da evolución da actividade económica desenvolvida pola empresa familiar relacionada coa industria da salga e conserveira e por afinidade coa pesca. É por este último aspecto que esta colección está tan vinculada ó lugar onde está situada, unha antiga fábrica de conservas, en Bueu, dentro da comarca do Morrazo, onde as distintas artes de pesca, a industria da salga e conserveira condicionou a evolución social e económica dos seus pobos.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación, natureza e sede.

Créase o Museo Massó, coa finalidade de protexer e difundi-los seus fondos poñéndoos á disposición dos cidadáns en xeral e dos investigadores en particular. O carácter do museo abranguerá as seguintes temáticas: ciencia, técnica e etnografía relacionadas co mar e as industrias pesqueiras; o seu ámbito será local.

A súa sede queda establecida na vila de Bueu (Pontevedra), no edificio sito na rúa Montero Ríos, s/n.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Son obxectivos do Museo Massó a conservación, incremento, investigación, difusión e exhibición de xeito científico e didáctico do conxunto de bens que forman parte dos seus fondos, con fins de estudio, educación, desfrute e promoción científica e cultural.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións do Museo Massó:

1. A custodia e conservación dos seus fondos.

2. O tratamento documental adecuado e a catalogación científica dos fondos.

3. A exhibición ordenada da colección seguindo criterios científicos, de difusión e didácticos.

4. O incremento en bens culturais que enriquezan os seus fondos en calquera dos seus ámbitos.

5. A investigación dos fondos e do ámbito territorial e cultural do museo.

6. A organización de cantas actividades contribúan ó coñecemento e difusión do seu contido.

7. A elaboración ou promoción de publicacións científicas e divulgativas relacionadas cos seus ámbitos de investigación.

Artigo 4º.-Adscrición.

O Museo Massó está adscrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A consellería exerce, no ámbito deste decreto, as seguintes funcións:

1. A xestión xeral do museo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. A aprobación do plan xeral anual das actividades do museo.

3. A xestión económico-administrativa do centro.

4. A aprobación do regulamento interno de funcionamento.

5. As relacións do centro con calquera outro organismo ou entidade, así como a súa representación dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Tódalas atribuídas a esta consellería pola lexislación competente.

Artigo 5.- Acceso.

Sempre que non se poña en perigo a integridade dos fondos e se garanta a súa seguridade, o museo deberá facilita-lo acceso a eles ós cidadáns e investigadores, no horario que se considere máis axeitado, que se establecerá ou adaptará ás demandas que xurdan unha vez aberto ó publico.

En calquera caso, o horario de apertura deberá ser como mínimo de 30 horas semanais.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas de desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo