Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 12 de novembro de 2002 Páx. 15.846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de novembro de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión de axudas para a realización de tres proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia.

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, contémplanse outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste punto encádrase a presente convocatoria e con ela a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento pretende, en coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a realización de proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitarios de Galicia, por parte de equipos de investigación integrados nunha institución pública da Comunidade Autónoma, co fin de estimula-la investigación sectorial no ámbito educativo.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Un.-Convócase concurso público para a concesión de axudas para a realización de tres proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia, que versarán sobre os seguintes temas:

Proxecto A: «Educación electrónica e innovación estratéxica: o reto da sociedade dixital na escola», que contemplará os seguintes obxectivos:

1. Obxectivos xerais:

a) Analiza-los avances realizados en educación electrónica na escola.

b) Identificar e definir orientacións estratéxicas de carácter europeo, nacional, autonómico e local que favorezan o desenvolvemento de sinerxias e redes de educación electrónica nas escolas.

c) Determina-las novas necesidades educativas xeradas pola implantación da educación electrónica.

d) Indaga-las medidas de organización e de xestión destinadas a asegura-la identificación e utilización eficaz do sistema de educación electrónica.

2. Obxectivos específicos:

a) Xerar estratexias de globalización desde a perspectiva de favorecer con éxito sinerxias institucionais.

b) Analiza-las consecuencias de organización ligadas ás modificacións das tradicionais constantes de espacio e tempo na educación electrónica.

c) Diferencia-lo espacio académico adecuado para a educación.

d) Aplica-los principios de calidade total ás propostas de educación electrónica.

e) Promove-la competencia e o rendemento da institución escolar respecto da educación electrónica.

f) Fortalece-lo carácter de sistema rexional no contorno administrativo da educación electrónica.

g) Favorece-la alfabetización dixital.

Proxecto B: «Eficiencia en educación secundaria en Galicia», que contemplará os seguintes obxectivos:

1. Obxectivo xeral:

Coñece-la situación e funcionamento dos centros de ensino público de educación secundaria en Galicia especialmente no que se refire ó grao de aproveitamento dos recursos tendo en conta os múltiples aspectos que interveñen na provisión educativa.

2. Obxectivos específicos:

a) Valora-lo grao de aproveitamento técnico dos recursos postos ó servicio da provisión educativa.

b) Distingui-lo papel que xogan no comportamento dos centros os factores relacionados co medio social e familiar dos estudiantes, así como as características persoais destes.

c) Estima-los posibles efectos derivados da localización (rural ou urbana) e do tamaño.

d) Identifica-los aspectos fortes e débiles de cada unha das unidades analizadas.

e) Establece-las pautas para mellora-la eficiencia do sector cara á implantación de posibles estratexias de mellora nos centros.

Proxecto C: «Análise da situación do ensino bilingüe na Comunidade Autónoma de Galicia», que contemplará os seguintes obxectivos:

1. Obxectivos xerais:

a) Avalia-la competencia lingüística en galego e castelán dos rapaces do último curso do ensino obrigatorio.

b) Avalia-la situación lingüística dos nenos que entran no ensino obrigatorio.

c) Medi-los usos e as actitudes lingüísticas dos mozos do último curso do ensino obrigatorio.

d) Medi-los usos e as actitudes lingüísticas dos profesores de primaria e secundaria.

2. Obxectivos específicos:

a) Avalia-la comprensión escrita en galego e castelán ó final do ensino obrigatorio.

b) Avalia-la producción oral en galego e castelán ó final do ensino obrigatorio.

c) Avalia-la producción escrita en galego e castelán ó final do ensino obrigatorio.

d) Avalia-la influencia de variables como: natureza do centro (público ou privado), lingua habitual, lingua materna, lugar de residencia, hábitat de nacemento, nivel socioeconómico, competencia percibida, etc.

Dous.-Para a concesión das axudas obxecto desta convocatoria destinaranse, como máximo, un total de douscentos trinta e seis mil euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.06.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2002, 2003 e 2004, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2002Ano 2003Ano 2004Total

Proxecto A:25.000 euros15.000 euros 8.000 euros 48.000 euros
Proxecto B:35.000 euros10.000 euros 3.000 euros 48.000 euros
Proxecto C:35.000 euros56.000 euros49.000 euros140.000 euros

Artigo 2º

As solicitudes, no modelo oficial PXI-11 do que se publica a primeira páxina como anexo á presente orde e dispoñible na Internet nos enderezos: http://www.sxid.org e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no da Secretaría Xeral de

Investigación e Desenvolvemento, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levará a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-O equipo investigador deberá dispoñer de tempo para a realización do proxecto solicitado; para tal efecto, indicaranse os proxectos vixentes de que dispoñen os seus membros así como a data de finalización destes, utilizando para isto o impreso de declaración de financiamento vixente que figura no modelo de solicitude.

-Metodoloxía que se vai empregar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan do traballo.

-Prazo de execución do traballo (o traballo deberá estar acabado antes do 31 de decembro de 2004).

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As solicitudes presentaranse no prazo de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Non adaptarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

Artigo 3º

Por parte dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e, no caso de que a solicitude non estivese convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, requeriráselle ó solicitante para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta e engada os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, será considerado desistido da súa petición e procederase, logo de resolución, ó arquivo desta de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A selección dos beneficiarios das axudas logo da súa valoración por expertos, será realizada por unha

comisión constituída por cinco membros dos que tres serán designados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (un deles actuará como presidente e outro como secretario), e os outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para resolveren conxuntamente.

A comisión terá en conta os seguintes criterios:

-O informe técnico elaborado polos expertos: 50 puntos.

-A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que formen equipo en proxectos realizados anteriormente: 20 puntos.

-Os medios de que dispón o equipo: 15 puntos.

-O plan de traballo: 15 puntos.

Artigo 5º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo, logo da presentación das correspondentes certificacións de gasto e de acordo coa normativa vixente.

Antes do derradeiro pagamento, os beneficiarios presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Ó finaliza-lo proxecto, os beneficiarios das axudas deberán presenta-lo informe final no que se resuma a totalidade do traballo realizado.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo cos termos do proxecto presentado e coas bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa.

Artigo 6º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 7º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 8º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión destas.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2002.

Jaime Pita VarelaCelso Currás Fernández

Conselleiro da Presidencia,Conselleiro de Educación

Relacións Institucionaise Ordenación Universitaria

e Administración Pública