Visto o texto do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. (servicio de recollida de RSU da mancomunidade do Morrazo), con nº de código 3603671, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-9-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 25-6-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 14 de outubro de 2002.
Antonio Coello Bufill
Delegado provincial de Pontevdra
Convenio colectivo do servicio de recollida de RSU
da mancomunidade do Morrazo, adscrito á empresa
Urbaser, S.A.
Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.
O presente convenio colectivo afecta a todo o persoal do servicio de recolida de RSU da mancomunidade do Morrazo adscrito á empresa Urbaser, S.A..
Artigo 2º.-Duración e vixencia.
O presente convenio colectivo terá unha vixencia de dous anos, e contarase a partir do 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2003. Non obstante, seguirase a aplicar ata a sinatura do novo convenio colectivo que o substitúa e entrará en vigor no momento da súa sinatura.
O presente convenio colectivo considérase automaticamente denunciado unha vez rematada a vixencia prevista, sen necesidade de aviso previo ningún.
Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.
Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio colectivo teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas pola empresa e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores verbo do presente convenio colectivo subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas teña que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio colectivo.
Artigo 4º.-Absorción.
As mellores económicas contidas no seu conxunto no presente convenio colectivo compensarán ou absorberán aquelas melloras que se producisen voluntariamente e que veñan así cualificadas na nómina pola empresa desde a sinatura do último.
Artigo 5º.-Comisión mixta paritaria.
Estará formada por 2 representantes da parte económica e 2 da parte social. Ambas partes poderán contar con asesores e reuniranse por instancia de calquera delas cantas veces sexa necesario, debendo realizarse a reunión dentro das 72 horas seguintes á convocatoria.
As súas funcións serán:
a) Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio colectivo.
b) Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio colectivo que puidesen afectar ó seu contido.
c) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio colectivo e a unha mellor solución interna dos conflictos.
As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.
Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.
As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio colectivo serán sometidas á comisión paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente no organismo competente.
A comisión paritaria deberá emiti-lo seu informe nun prazo máximo de 72 horas, a partir da realización da reunión.
As funcións e actividades da comisión paritaria non obstruirán en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lei.
Artigo 7º.-Xornada laboral.
Establécese unha xornada anual de 1.683 horas de traballo efectivo, que corresponden a unha xornada diaria de 6,33 horas (38 horas semanais), que inclúe os 20 minutos de bocadillo diarios.
A xornada de traballo do servicio de recollida distribúese de luns a sábado; os días 24 e 31 de decembro non se realizará o servicio de recollida.
Artigo 8º.-Descanso.
Cando os traballadores presten servicios nun día festivo e, en lugar da súa remuneración, os traballadores opten polo día de descanso, o día que para o efecto sinale a empresa terá que ser necesariamente un día laborable por lei.
Artigo 9º.-Vacacións.
1. Todo o persoal afectado polo presente convenio colectivo gozará dun mes ininterrompido de vacacións anuais retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función do tempo traballado. O tempo no que o traballador estea en situación de IT, contará como tempo efectivamente traballado para o cálculo das vacacións.
2. As vacacións terán lugar nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O seu inicio será en día laborable que non sexa nin sábado, domingo, festivo ou día de descanso. A rotación de cada ano establecerase a través dun sorteo público o primeiro ano, establecéndose o calendario vacacional de partida. Para os anos seguintes, entrará en vigor a rotación.
3. Os traballadores da mesma categoría profesional poderán cambiar entre si a súa quenda de vacacións, logo de notificación á empresa, tendo sempre en conta que para efectos da rotación do ano seguinte computará a quenda asignada e non a desfrutada en caso de cambio.
4. Aboamento: a partir do ano 2002 farase en función do salario base do convenio colectivo, antigüidade, complemento penoso e complemento de actividade.
5. A empresa concederalle ó persoal que o solicite o desfrute das vacacións fóra do período establecido neste convenio colectivo. Por petición do traballador, este período poderá fraccionarse nun máximo de dous prazos, con independencia da duración de cada un deles.
6. Os traballadores que durante todo ou parte do período vacacional se encontren en situación de IT, terán dereito ó desfrute destas sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.
7. O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa, estará obrigado a liquida-la parte proporcional que lles corresponda ós traballadores no concepto de vacacións.
Artigo 10º.-Licencias.
1. Licencias: logo de solicitude dos traballadores afectados considérase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:
En materia de licencias, será de aplicación o disposto no Estatuto dos traballadores. Sen prexuízo
do anterior, establécense as seguintes excepcións esta normativa:
-Asuntos propios: 3 días laborables.
-Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parentes que convivan co traballador: 1 día natural se se necesitase desprazamento fóra de Galicia.
-Os traballadores que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído do tempo necesario para asistir a exames, logo de comunicación do traballador á dirección da empresa con 15 días de antelación e xustificación correspondente.
As referencias que este artigo fai ó conxuxe, entenderanse feitas tamén ó compañeiro ou compañeira que en situación estable e acreditada conviva co traballador.
Igualmente, e solicitándoo coa debida antelación, o traballador terá dereito a dispoñer de ata 15 días de permiso e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.
2. Asistencia a consultorios médicos.
Tódolos traballadores terán dereito a unha licencia retribuída polo tempo necesario para asistir a médicos especialistas.
O traballador que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente a empresa, debendo xustificar, por outra parte, que foi atendido polo facultativo correspondente.
Igualmente, terán dereito a asistir a consultorio médico con fillos menores ou fillos minusválidos, calquera que sexa a idade, cun máximo de tres veces ó mes. Este punto será de aplicación calquera que sexa a súa xornada laboral (ou quenda na que traballe).
Artigo 11º.-Incapacidade temporal.
No caso de IT, derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, a empresa completará ata o 100% do salario real desde o primeiro día de baixa.
Do mesmo modo, complementarase o 100% de salario real desde o primeiro día, en caso de accidente in itinere, entendendo como tal aquel que se produce durante o desprazamento entre o domicilio habitual e o centro de traballo, sempre e cando o accidente que derive o feito causante se produza nunha hora (60 minutos) antes do inicio da xornada e ó rematar esta.
No caso de IT derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará segundo a seguinte escala:
Primeira baixa no ano: 100% de salario real desde o primeiro día de baixa.
Segunda baixa no ano: 75% de salario real desde o primeiro día de baixa.
Terceira baixa e sucesivas no ano: segundo a lexislación vixente.
Artigo 12º.-Roupas de traballo.
A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e incluirá a entrega de dous chalecos reflectantes.
A empresa facilitará cada 2 anos as seguintes pezas de roupa:
Roupa de inverno:
-Conductores:
2 pantalóns.
2 camisas.
1 par de calzado.
1 anorak.
1 roupa de augas.
1 cazadora.
1 gorra.
2 xerseis.
-Peóns:
3 pantalóns.
2 camisas.
1 par de calzado.
1 par de botas de auga.
1 anorak.
1 roupa de auga.
1 gorra.
2 xerseis.
1 cazadora.
3 pares de guantes e un de reserva no camión.
Roupa de verán:
-Conductores:
2 pantalóns.
2 camisas.
1 par de calzado.
1 xersei.
-Peóns:
2 pantalóns.
2 camisas.
1 par de calzado.
1 xersei.
A roupa de verán entregarase ó longo do mes de maio, e a roupa de inverno entregarase ó longo do mes de outubro.
Cando a roupa rompa ou quede inservible como consecuencia de realizar un traballo, a empresa deberá cambiala por outra nova, logo de entrega da peza deteriorada.
Condicións sociais
Artigo 13º.-Póliza de seguro.
A empresa subscribirá unha póliza de seguros que garanta as seguintes indemnizacións:
a) No caso de defunción por accidente laboral ou accidente profesional, a cantidade de 24.040 euros.
b) No caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual derivada de accidente laboral ou accidente profesional 24.040 euros.
c) No caso de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional 30.050 euros.
Para os efectos deste título considérase accidente de traballo e enfermidade profesional o sufrido con ocasión da prestación dos servicios para a empresa, incluíndo cando se produza in itinere.
O titular poderá designar ante a entidade aseguradora e por escrito os seus propios beneficiarios.
Artigo 14º.-Bolsa de cancelación diferida.
A empresa comprométese á creación dun fondo de 2.500 euros para que aqueles traballadores que o necesiten poidan solicitar anticipos de cancelación diferida nas seguintes condicións:
-A cantidade máxima que se poderá anticipar por traballador non poderá exceder de 600 euros.
-Estes anticipos deberán solicitarse dentro dos 5 primeiros días hábiles de cada mes, facendo a concesión unha vez aprobada pola comisión paritaria o día 15 do mes no que se solicita.
-O anticipo será cancelado nun prazo máximo de 12 meses, reténdose dos haberes mensuais de cada traballador os importes dos distintos vencementos.
-A primeira retención farase efectiva no mes seguinte a aquel no que se concede o anticipo.
-Se o traballador, antes da total cancelación do anticipo, causase baixa na empresa por calquera motivo, descontaráselle da liquidación que puidese corresponderlle a cantidade que lle quedase pendente de amortizar. No suposto de que non alcanzase, o traballador comprométese a liquida-la cantidade pendente nun prazo máximo de dous meses contado a partir da data pendente da baixa.
Artigo 15º.-Excedencias.
1. O traballador que teña como mínimo unha antigüidade dun ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza unha excedencia voluntaria de 1 a 5 anos. A empresa reservará o posto de traballo ó traballador nesta situación, concertando para o efecto o contrato de interinidade ou substitución correspondente.
2. Se a excedencia fose solicitada por un prazo inferior a 5 anos, o traballador poderá, logo de comunicación á empresa, prorrogar esta excedencia anualmente ata chegar ós 5 anos. O traballador avisará a empresa con dous meses de antelación á data prevista para a súa reincorporación ó seu posto de traballo.
3. Este dereito só poderá ser exercido de novo polo mesmo traballador unha vez transcorridos catro anos desde o remate da anterior excedencia.
4. En todo o non previsto neste artigo, aplicarase o establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.
Artigo 16º.-Cobertura pola retirada do carné de conducir.
No suposto da retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o conductor afectado a outro posto de traballo conservando a súa categoría e salario durante o prazo que dure a retirada do permiso de conducir; este artigo será de aplicación no suposto de que a infracción que derive a retirada do permiso de conducir se produza no desenvolvemento das funcións que lle foran encomendadas. Estes beneficios non terán lugar cando a infracción que derive na retirada do permiso de conducir sexa debida a embriaguez, drogadicción ou exista reincidencia. Ó remate da retirada do permiso de conducir, será reintegrado á súa anterior categoría e posto de traballo.
O resto das categorías que desempeñan as labouras de conductor rexeráse por este artigo.
Artigo 17º.-Saúde laboral.
Dada a importancia que lle recoñecen os asinantes á prevención de accidentes, inclúese este capítulo dedicado a saúde laboral. E considerando de obrigada aplicación ambalas dúas partes a lexislación sobre saúde laboral para tal efecto, elixirase un delegado de prevención, co obxecto de velar polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias, así como a posta en práctica do estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Artigo 18º.-Medidas de seguridade e hixiene.
A dirección da empresa adoptará as medidas de seguridade e hixiene pertinentes como consecuencia do control do lugar de traballo e as instalacións e instrumentos que pon á disposición dos traballadores.
Disporá de servicios e vestiarios de homes de mulleres, debidamente hixienizados.
As medidas de prevención afectarán igualmente os traballadores que se obrigarán a traballar con seguridade e a coidar que os locais e instrumentos de traballo se atopen en perfectas condicións, debendo poñer en coñecemento do delegado de prevención, ou no seu defecto do delegado de persoal, tódalas anomalías que se detecten para que se adopten as medidas oportunas.
Artigo 18º bis.-Función do delegado de prevención.
1. As funcións do delegado de prevención serán as seguintes:
a) Promove-la observancia das disposicións vixentes para a prevención de riscos profesionais.
b) Fomenta-la colaboración de todo o persoal na práctica e observancia das medidas preventivas e estimula-lo ensino, divulgación e propaganda de saúde laboral e riscos laborais, fundamentalmente do representante dos traballadores.
2. A empresa facilitará os medios de propaganda que considere necesarios por medio do delegado de prevención, co fin de que todo o persoal estea ó día sobre as recomendacións, obrigas e prácticas en materia de saúde laboral ou prevención de riscos laborais.
Artigo 19º.-Recoñecemento médico e vacinación.
Anualmente faráselles a tódolos traballadores un recoñecemento médico de carácter obrigatorio. O recoñecemento médico consistirá como mínimo en:
-Audiometría.
-Control da vista.
-Análise de sangue.
-Análise de orina.
-Espirometría.
-Exploración clínica.
Os resultados do recoñecemento médico entregaránselle ó traballador.
A campaña de vacinación consistirá como mínimo no seguinte:
-Vacina contra o tétano.
-Vacina contra a hepatite B con análise de sangue previo.
-Vacina contra a gripe.
Dereitos sindicais
Artigo 20º.-Acción sindical e garantías de cargos sindicais.
En todo o relacionado con este tema aplicarase o disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberá comunicalo o día anterior, salvo situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.
A representación dos traballadores correspóndelle ó delegado de persoal.
Este terá as garantías e competencias establecidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores. Do mesmo xeito seranlle de aplicación as normas sobre sixilo profesional establecidas no artigo 65 do Estatuto dos traballadores.
Ante posibles modificacións substanciais das condicións de traballo efectuadas pola empresa, ó amparo do establecido nos artigos 40 e 41 do Estatuto dos traballadores a empresa notificará ó delegado de persoal para que nun prazo de tres días presente as alegacións que en dereito estime oportunas antes do aviso ó traballador afectado. No caso de presentación ou non de alegacións, a empresa actuará conforme o establecido na lexislación vixente.
Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para información sindical, que se axustará ó disposto no Estatuto dos traballadores.
Así mesmo, o delegado de persoal disporá dun crédito de 18 horas sindicais mensuais retribuídas para realiza-lo seu cometido, debendo xustificalas adecuadamente así como solicitalas cunha antelación mínima de 25 horas, salvo casos excepcionais nos que poderá solicitalas fóra do prazo establecido.
Condicións salariais
Artigo 21º.-Salarios.
As retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio colectivo serán as seguintes:
-2002: salario base ano 2001 máis 5% máis IPC real.
-2003: salario base ano 2002 máis 6% máis IPC real.
A empresa aplicará no seu incremento salarial do ano 2002 e ano 2003 o IPC previsto polo Goberno coa cláusula de revisión entre IPC real e IPC previsto, sempre que o IPC real sexa maior có previsto.
O incremento afectará a tódolos conceptos salariais das distintas categorías.
O aboamento dos salarios deberá efectuarse o derradeiro día hábil de cada mes.
Os recibos de nómina deberán ser entregados no centro de traballo.
Artigo 22º.-Concepto de antigüidade.
Tódolos traballadores que no ano 2004 alcancen 3 anos de antigüidade (trienio) na empresa, terán dereito ó aboamento do citado concepto de antigüidade. A empresa comprométese a negocia-la contía ano 2004.
Aqueles traballadores que alcancen un trienio en anos sucesivos ó 2004, terán igualmente dereito ó aboamento do citado concepto de antigüidade nas mesmas condicións.
Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.
O persoal afectado por este convenio colectivo terá dereito a percibir tres gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo, Nadal, e paga de beneficios na contía, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base do convenio colectivo máis complemento de antigüidade, se é o caso.
Estas pagas extraordinarias de xullo e Nadal percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador estivera en situación de IT durante o período de devengo de cada unha delas. Tales pagas de xullo e de Nadal aboaranse entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.
Igualmente percibirán no día 10 de marzo unha paga de beneficios, na contía dunha mensualidade de salario base do convenio colectivo máis a antigüidade, se é o caso. Esta paga haberá de referirse
ó ano natural anterior, aboándose a pro rata dos días traballados. Esta paga percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador estivera en situación de IT durante o período de devengo da dita paga.
Artigo 24º.-Complemento de transporte.
Os traballadores percibirán un complemento de transporte na contía de:
-Ano 2002: complemento ano 2001 máis 5% máis IPC real por día efectivo traballado.
-Ano 2003: complemento ano 2002 máis 6% máis IPC real por día efectivo traballado.
Artigo 25º.-Complemento de actividade.
Os traballadores percibirán un complemento de actividade na contía de:
-Ano 2002: complemento ano 2001 máis 5% máis IPC real por día efectivo traballado.
-Ano 2003: complemento ano 2002 máis 6% máis IPC real por día efectivo traballado.
Este complemento aboarase durante o período vacacional como se este período fose efectivamente traballado.
Artigo 26º.-Complemento tóxico, perigoso e penoso.
Os traballadores percibirán un complemento tóxico, perigoso e penoso na contía de:
-Ano 2002: complemento ano 2001 máis 5% máis IPC real por día efectivo traballado.
-Ano 2003: complemento ano 2002 máis 6% máis IPC real por día efectivo traballado.
Este complemento aboarase durante o período vacacional como se este período fose efectivamente traballado.
Artigo 27º.-Complemento de nocturnidade.
Os traballadores percibirán un complemento de nocturnidade na contía de:
-Ano 2002: complemento ano 2001 máis 5% máis IPC real por día efectivo traballado.
-Ano 2003: complemento ano 2002 máis 6% máis IPC real por día efectivo traballado.
Artigo 28º.-Festivos traballados.
Os festivos traballados serán aboados na contía de 51,09 euros para tódalas categorías, ou ben se compensarán en día de descanso, a elección do traballador. Este concepto será cotizable.
Durante o período estival, 15 de xuño ó 15 de setembro, no que se ampliará o cadro de persoal para o reforzo do verán, a realización de traballo en festivos e domingos polo persoal fixo do cadro non será obrigatorio e o seu aboamento deberá ser negociado independentamente do establecido ó principio deste epígrafe, referido exclusivamente para o resto dos festivos do ano.
Artigo 29º.-Xubilación.
Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, estando as empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar do xubilado outro traballador que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.
Artigo 30º.-Anticipos.
O persoal que o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo á conta do traballo realizado durante a mensualidade na que o solicita, por importe máximo de ata un 80% do salario devengado.
Outras condicións
Artigo 31º.-Adscrición do persoal.
Co fin de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción do persoal entre quen se suceden, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional do presente convenio colectivo, levarase a cabo nos termos indicados no presente artigo e seguintes.
No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.
a) En tódolos supostos de remate, perda, rescisión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que levan a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública (ou privada) que vaia realiza-lo servicio, repectando esta os dereitos e as obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:
1. Traballadores en activo que presten os seus servicios na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo do servicio, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballaran noutra contrata.
2. Traballadores, con dereito á reserva do posto de traballo, que no momento do remate efectivo da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.
3. Traballadores que con contrato de interinidade substituíran algún dos traballadores citados no punto segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.
4. Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores ó remate daquela.
5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen, tendo cumprido 64 anos dentro dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo da contrata e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1191/1985, do 17 de xullo.
b) Tódolos supostos anteriormente recollidos deberá acreditalos verídica e documentalmente a empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no artigo 30, no prazo de dez días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante ou a saínte, comunique veridicamente á outra empresa o cambio na adxudicación do servicio.
c) Os traballadores que non desfrutaran as vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación deberán desfrutalas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá facelo na correspondente liquidación.
d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes as que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria, cliente e traballador.
Se o cliente rescindira a contrata a unha empresa para deixar de presta-lo servicio, ou realizalo por si mesmo operará a subrogación para o propio cliente nos termos sinalados neste artigo.
División de contratas
No suposto de que unha ou varias contratas a actividade das cales vén sendo desenvolvida por unha ou distintas empresas ou entidades públicas se fragmente ou divida en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a ser adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fora a súa modalidade de contrato de traballo, e todo iso aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.
Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 e 5, ámbolos dous inclusive, do artigo 30º e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións e servicios resultantes.
Agrupación de contratas
No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou división daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación do persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses e todo iso aínda cando con anterioridade prestaran os seus servicios nas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.
Obrigatoriedade
A subrogación de persoal, así como os documentos que se facilitarán, operarán en tódolos supostos de sustitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división destas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas ou entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e iso aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servicio por unha banda e a empresa que resulte adxudicataria pola outra, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de persoal, nos termos indicados, e iso con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas á que é obxecto de sucesión.
Documentos que lle deberá facilitar a empresa saínte á empresa entrante
A empresa saínte deberalle facilitar á entrante os seguintes documentos:
-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento á Seguridade Social.
-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.
-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.
-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións. Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o período de mandato.
-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.
-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.
Artigo 32º.-Altas na Seguridade Social.
A empresa estará obrigada a lles entregar ós traballadores as fotocopias de alta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.
Artigo 33º.-Asembleas.
Os traballadores dunha mesma empresa terán dereito a reunirse en asemblea, unha vez ó mes por un tempo máximo de dúas horas durante a xornada, debéndolle comunicar á empresa a súa realización cunha antelación de 48 horas, salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, na que bastará con avisar con 24 horas de antelación.
Artigo 34º.-Axuda familiar.
Os traballadores afectados por este convenio colectivo que teñan ó seu cargo unha persoa diminuída síquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social, e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial de 39,07 euros (6.500 pesetas) por doce pagas.
Artigo 35º.-10 de marzo, día da clase traballadora galega.
Este día considérase non laborable e terá carácter de festivo.
Se o día coincide en festivo ou en domingo, os traballadores desfrutarán o festivo no día anterior ou posterior.
Ámbalas partes acordan substituí-lo día do patrono San Martiño de Porres polo día 10 de marzo, día da Clase Obreira Galega.
Artigo 36º.-Partes asinantes.
As partes asinantes do presente convenio colectivo son a representación dos traballadores.
Disposicións adicionais
Primeira.-Plan de emprego. A empresa e traballadores teñen como obxectivo nun futuro próximo a total estabilidade social e laboral dos traballadores adscritos ó servicio de recollida de lixo na mancomunidade do Morrazo. Para iso comproméntense a deseñar e traballar diariamente no seu perfeccionamento, un plan de emprego, que terá como base inicial de traballo os seguintes puntos:
a) Para consegui-la total estabilidade do emprego, a empresa comprométese, nos anos 2002 e 2003, a facer en cada un deles a tres traballadores fixos do cadro de persoal entre aqueles que tiveran contrato temporal.
b) Co ánimo de manter unha certa relación de futuro entre a empresa e os traballadores que de forma temporal ou ocasional por necesidades puntuais do servicio prestaran os seus servicios e causasen baixa, establécese a denominada bolsa de emprego. Esta consistirá basicamente en que aqueles
traballadores que prestaran o seu servicio na empresa e causaran baixa, pasarán a formar parte dunha relación ou quenda de espera, coa obriga por parte da empresa de chamalos para todas aquelas necesidades que foran xurdindo nun futuro (vacacións, IT, absentismo, etc.). A citada lista estará sempre ó dispor do delegado de persoal para o seu seguimento e control.
Como condicións mínimas de funcionamento deste mecanismo establécense as seguintes: 1) Haberá unha lista de conductores e outra de peóns, na que se anotarán voluntariamente tódolos traballadores no instante da baixa. 2) Un mesmo traballador non poderá figurar en dúas listas diferentes. 3) A incorporación á empresa levarase a cabo por rigorosa orde temporal da baixa.
b) Empresa e traballadores comprométense a realizar, antes do 15 de setembro do ano 2002, o estudio necesario para adecua-la situación real do servicio á oferta de Urbaser, S.A. coa mancomunidade do Morrazo, con todo o que iso supón en canto a recursos humanos e materiais e á súa distribución no servicio.
Será inmediata a aplicación destas conclusións.
Segunda.-En todo o non previsto no vixente convenio colectivo aplicarase o disposto no convenio xeral do sector, Estatuto dos traballadores e demáis lexislación vixente na materia.

