Vistos os escritos presentado pola sociedade Energía de Galicia, S.A. (Engasa), con CIF nº A-15046907
e con domicilio para efectos de notificacións no Po-
lígono das Fontiñas, rúa Londres 11-B baixo, San-
tiago de Compostela, solicitando autorización administrativa, aprobación do proxecto, declaración de utilidade pública e inclusión no réxime especial de enerxía eléctrica do aproveitamento hidroeléctrico arriba epigrafado, resultan os seguintes:
Antecedentes de feito.
Primeiro.-Mediante Resolución do 13 de decembro de 2000, o presidente de Augas de Galicia otorgou, á sociedade Energía de Galicia, S.A. (Engasa), a concesión dun aproveitamento hidroeléctrico no río Umia, nos concellos de Cuntis e A Estrada, Pontevedra, consistente na autorización para derivar un caudal de auga de ata 4.984 l/s entre as cotas 323 e 260 m do río Umia.
Segundo.-Por resolución do presidente de Augas de Galicia do 4 de setembro de 2001, publicada no BOP da provincia de Pontevedra do 2 de outubro de 2001, e debido a un erro material de tipo topográfico referido á cota de restitución do aproveitamento e tras remitir os estudios e informes pertinentes, procedeuse á oportuna rectificación, resultando o aproveitamento concedido comprendido entre as cotas 323 e 254,37 m do río Umia, en lugar de entre as cotas 323 e 260 m que se sinalaban na resolución do outorgamento inicial.
Terceiro.-Energía de Galicia, S.A. (Engasa), solicitou perante a Delegación da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada Central Hidroeléctrica no río Umia, nos concellos da Estrada e Cuntis (Pontevedra), achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, polo que se establece un procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kVA.
Cuarto.-O 14 de agosto de 2001 a sociedade concesionaria presenta o proxecto constructivo referido ó aproveitamento concedido, solicitando a súa aprobación definitiva. No dito proxecto obsérvanse certas variacións das características esenciais da concesión pretendéndose a aprobación dun incremento de caudal concesional de 4.984 l/s a 5.330 l/s e unha variación do tramo ocupado da cota 323-254,37 m á cota 320,5-250,1 m. Esta modificación concesional foi sometida a información pública mediante resolución do presidente de Augas de Galicia do 27 de agosto de 2001 publicada no DOG do 19 de setembro de 2001 e no BOP de Pontevedra do 27 de setembro de 2001.
Quinto.-O 11 de decembro de 2001, Benito Fernández González, en nome e representación de Energía de Galicia, S.A. (Engasa), solicitou o recoñecemento para a Central Hidroeléctrica do Umia da condición de instalación de producción de enerxía eléctrica acollida ó réxime especial previsto no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, e a súa inclusión no grupo b.4 definido no seu artigo 2.1º.
Sexto.-Para os efectos previdos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como no artigo 123 da Lei de augas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra acordou, por Resolución do 11 de xaneiro de 2002 publicada no BOP de Pontevedra do 4 de febreiro de 2002, no DOG do 13 de febreiro de 2002, no BOE do 1 de febreiro de 2002, no diario La Voz de Galicia do 7 de febreiro de 2002 e nos taboleiros de anuncios dos concellos da Estrada e Cuntis, someter a información pública a petición de autorización, aprobación do proxecto e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións e obras constructivas do aproveitamento, incluíndo a relación de afectados.
Durante o período de exposición pública recibíronse as seguintes alegacións:
1. Josefa Ferrín González, con DNI 76840896, Rosa Paz Portela, con DNI 76859163 e Josefa Fuentes Ferrín, con DNI 35392232, en calidade de presidenta, secretaria e tesoureira respectivamente da directiva da Comunidade de Montes en Man Común de Sebil, con enderezo para efectos de notificacións no lugar de Sebil nº 13, 36678 Cuntis, Pontevedra, presentan as seguintes alegacións:
a) Non queda claro a ribeira do río na que se vai instala-la toma de auga.
b) O aumento das dimensións da canle de alimentación non está xustificado e levará consigo un incremento nos prexuízos ecolóxicos ó derivar máis cantidade de auga en detrimento do caudal natural do río.
c) Nos pasos que se situarán, cada 400 m, sobre a canle de alimentación non se especifica se contarán con algún tipo de protección lateral que impida a caída de animais e persoas no seu interior.
d) A canle anterior, segundo o proxecto, vai estar valada polas súas dúas marxes constituíndo isto unha trampa mortal para os animais que puideran caer na devandita canle, ó ser imposible a súa saída. Ademais, este feito é aínda máis grave se se considera que a canle atravesará unha parcela reservada pola Comunidade de Montes de Sebil como zona de refuxio e aniñamento da fauna da flora.
e) No proxecto constructivo non se reflicten os motivos do aumento das dimensións, de lonxitude e diámetro, da tubaxe forzada.
f) Non se xustifican as modificacións das dimensións do edificio da central.
g) Existe unha contradicción respecto da marxe do río na que se situará o edificio da central, xa que no DOG do 12 de setembro de 2001 sitúase este na marxe esquerda e nos planos do proxecto sitúase na marxe dereita.
h) No estudio hidráulico xeral recóllense unhas táboas de caudais elaboradas a partir de datos obtidos no período 1990-1994, polo que non se tivo en conta o caudal que se desvía desde o ano 1998 a través da captación de auga para o abastecemento dos concellos de Cuntis e Moraña, instalada no mesmo punto onde se pretende a construcción do azude, polo que se considera necesario a elaboración dun estudio que se basee en datos recentes e no que se teña en conta o feito sinalado.
i) Non se xustifica o aumento de caudal máximo que pasa de 4.984 l/s a 5.330 l/s.
j) A minicentral proxectada é sensiblemente maior á solicitada no proxecto inicial pasando a potencia de 1.996 kW a 2.994 kW, cambio que tampouco se considera xustificado no proxecto constructivo, e que unicamente está encamiñado a unha maior producción de enerxía, un aumento dos beneficios da empresa e a un detrimento dos veciños de Sebil e Arca
k) Non se recolle a descrición do lugar nin a forma na que vai ser conducida a electricidade xerada na central ata as liñas xerais de consumo.
l) En ningún momento na tramitación do expediente se menciona, nin existen motivos que poidan xustifica-la urxente ocupación derivada da utilidade pública, xa que esta só está xustificada se concorren circunstancias de carácter excepcional que obrigue a Administración a recorrer a un procedemento extraordinario para a consecución dun fin.
2. Mediante escrito do 28 de febreiro de 2002, Ana Rodríguez Pereira, con DNI 52472699-Q, Elena Cerviño Ferrín, con DNI 76813491-T, e Manuel Campos Vilaverde, con DNI 52471178-J, en representación dos veciños integrados na Coordinadora Anti-Minicentral de Arca e Sebil, con domicilio para efectos de notificación no lugar de Carballal nº16, Arca, 36684 A Estrada (Pontevedra) presentaron, ademais das alegacións anteriores, as seguintes novas:
a) A instalación da minicentral suporía un forte impacto visual nesta zona privilexiada pola súa gran riqueza natural e paisaxística que ademais ofrece a posibilidade da práctica de deportes alternativos e outras actividades respectuosas co medio.
b) Cren necesaria a realización duna nova prospección arqueolóxica, cun estudio máis exhaustivo, e rigoroso que o realizado pola empresa, que incclúa as áreas non prospectadas debido ó enorme patrimonio etnográfico e arqueolóxico de gran valor situado na área de influencia da minicentral.
c) A instalación da central producirá cambios de temperatura e variacións no caudal que afectarán negativamente a fauna existente no río.
d) Ó mesmo tempo, a instalación da dita central afectará de forma negativa á mortalidade da fauna piscícola debido á tendencia da devandita fauna a subir pola canle de desaugadoiro.
Sétimo.-A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dictou Resolución do 10 de xuño de 2002, de modificación da declaración de efectos ambientais do 9 de agosto de 2000 derivada das variacións encontradas nas características esenciais da concesión no proxecto constructivo presentado pola sociedade concesionaria, que pretendía o incremento do caudal concesional a 5.330 l/s e a variación do tramo ocupado pasando á cota 320,5-250,1 m.
Oitavo.-As instalacións electromecánicas da Central Hidroeléctrica del río Umia, segundo o proxecto de execución dela, asinado polo enxeñeiro industrial Camilo José González Fernández, colexiado nº 1312, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia con número de rexistro 499/01, teñen as seguintes características:
-Caudal máximo derivado: 5.330 l/s.
-Cota de coroación: 320,50 m.
-Cota de restitución: 250,10 m.
-Salto bruto: 70,40 m.
-Salto entre a cámara de carga e canle de restitución: 67,75 m.
-Salto neto a caudal máximo: 64,85 m.
-Dúas turbinas tipo Francis de eixe horizontal de 2.665 l/s cada unha e 750 r.p.m. de velocidade de xiro.
-Dous xeradores síncronos trifásicos de eixo horizontal sen escobillas, de 1.800 kVA de potencia aparente cada un, 0,9 de factor de potencia, 50 Hz de frecuencia e unha tensión de xeración de 6 kV.
-Un transformador de 3.500 kVA e relación de transformación 6/20 kV.
-Un transformador de servicios auxiliares de 160 kVA, 380 V de tensión de xeración e 6 kV/380 V de relación de transformación.
-A potencia máxima en bornes será de 3.026 kW co que o rendemento do grupo será do 89% aproximadamente.
-Producción media anual estimada: 8.805 MWh/ano.
-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.
Noveno.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu infor
me favorable, propoñendo a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.
Fundamentos de dereito.
Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.
Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:
* Do exame dos planos, incluídos no proxecto constructivo, presentes nesta dirección xeral, despréndese que tanto a toma de auga, como o edificio da central, se atopan situados na marxe dereita do río Umia.
* O aumento das dimensións do edificio da central están derivadas do aumento do número de turbinas.
* O proxecto constructivo, e demais documentación requirida, remitiuse para a súa avaliación, por parte de Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que emitiu, mediante Resolución do 10 de xuño de 2002, que modifica a do 9 de agosto de 2000, a declaración de efectos ambientais na que resolveu a viabilidade ambiental deste proxecto e impuxo as condicións que obrigatoriamente deberán ser cumpridas polo promotor en materia ambiental.
* No que se refire as alegacións referentes ó aumento de caudal concesional e ás obras hidráulicas que hai que realizar, esta dirección xeral responde que o proxecto constructivo, onde se reflicten as diferentes modificacións introducidas respecto da concesión orixinal, recibiu informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Dirección Xeral de Urbanismo, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e dos concellos de Cuntis e A Estrada. Ademais o 5 de xullo de 2002 o servicio encargado, de acordo co establecido no artigo 112 do Real decreto 849/1986, emitiu informe favorable sobre a aprobación da petición de modificación concesional do aproveitamento e a aprobación do proxecto constructivo, feito que tivo lugar por Resolución do 18 de setembro de 2002 de Augas de Galicia.
* O caudal que se desvía para o abastecemento de auga de Cuntis e Moraña asegúrase e tense en
conta no condicionado da resolución de Augas de Galicia do 18 de setembro de 2002, xa citada, de obrigado cumprimento para o promotor.
* O aumento de potencia considérase xustificado polo aumento do caudal concesional.
* A declaración de utilidade pública realizada por Augas de Galicia ó outorga-la concesión inicial, trátase dun acto administrativo definitivo que impugnado en sede xurisdiccional. Como non se produciu suspensión da executividade da declaración, esta é plenamente efectiva sen prexuízo da resolución xudicial que no seu día dicten os tribunais.
* Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. A dita declaración, segundo o artigo 54 da mesma lei, leva implícita a necesidade de ocupación dos bens o adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación.
* A liña eléctrica será obxecto de proxecto específico onde se resolverán as cuestiones da alegación.
Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.
Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas
RESOLVE:
-Autoriza-las instalacións electromecánicas e declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto do aproveitamento hidroeléctrico do río Umia, Central Hidroeléctrica do Umia, que afecta os termos municipais da Estrada e Cuntis, provincia de Pontevedra.
-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da devandita central hidroeléctrica.
-Recoñecer, ó aproveitamento autorizado, a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.4 do artigo 2º do dito real decreto.
Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade e medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.
Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribilaa no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da
Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio de 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), no prazo de dous anos a partir da notificación desta resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no art. 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvovemento da dita orde.
A instalación adaptarase ó procedemento de captación e procesamento de datos de producción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde de 29 de xullo de 2002 (DOG do 13 de agosto).
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2002.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

