A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:
A. Posto: responsable de productos externos. Centro Superior de Hostalería de Galicia.
REF: PE-0702.
1) Funcións principais: centrándose na área de consultoría e formación externa, encargarase da captación de clientes no sector, análise de necesidades do cliente, deseño da intervención e, se é o caso, implementación e seguimento desta, así como de coordinar e supervisa-lo persoal implicado nesta actividade.
2) Prazas: 1 - xornada completa.
3) Requisitos:
-Formación relacionada coa hostalería, administración de empresas e/ou marketing.
-Experiencia de 1 ano en postos de responsabilidade en consultoría ou empresas relacionadas coa hostalería ou turismo.
-Inglés ou francés, falado e escrito.
-Dispoñibilidade para viaxar.
4) Valorarase:
-Currículum vitae.
-Coñecementos sobre dirección e administración de empresas, marketing, recursos humanos e xestión de calidade, así como de empresas hostaleiras.
-Ofimática.
-Coñecementos doutros idiomas.
-Capacidade comercial.
-Capacidade de integración en equipos de traballo.
5) Probas que se realizarán:
-Exame eliminatorio de coñecementos de:
- Estructura e organización de empresas hostaleiras.
- Marketing estratéxico e operativo.
- Xestión financeira.
- Sistemas de calidade no sector hostaleiro.
-Probas prácticas de ofimática (Microsoft Word e Excel).
-Proba de inglés e/ou francés oral e escrito.
-Entrevista persoal.
-Cuestionario de personalidade.
B. Documentación a presentar:
-Currículum vitae.
-Fotografía tamaño carné.
-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite os requisitos esixidos, así como a formación complementaria (os títulos oficiais obtidos no estranxeiro deberán estar validados en España) e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada, xunto co certificado de vida laboral.
D. Lugar e prazo de presentación de solicitudes:
-As solicitudes, dirixidas ó director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, faránse chegar ó seguinte enderezo: estrada Santiago-Noia, km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto ó que se opta.
-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
E. Selección:
Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado para a praza ofertada publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.
O mecanismo de selección consistirá na realización das probas especificadas no punto A.5., cunha puntuación máxima do 50% sobre o total posible, valoración de méritos cunha puntuación máxima do 40% e unha entrevista persoal cunha puntuación máxima do 10%.
F. Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais.
A lista da praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións de cada un dos exercicios superados
polos candidatos, con todos aqueles que aprobasen alomenos dúas das probas do proceso de selección, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.
Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará ó primeiro da lista, mediante telegrama, para que compareza nas súas dependencias, e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedéndose por parte da sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou á praza, en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.
Os candidatos que sexan chamados para unha contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato, e, unha vez finalizado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó derradeiro lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.
En tódolos contratos temporais superiores a seis meses, establecerase un período de proba.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2002.
Mª Ángeles Antón Vilasánchez
Conselleira-delegada de Turgalicia

