Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2003 Páx. 356

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 10 de decembro de 2002 polo que se convoca un curso de diplomado en enfermería de empresa.

A Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS) é unha entidade sen ánimo de lucro adscrita á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que exerce as funcións propias do seu protectorado.

Entre os fins da fundación atópase a formación continua e reciclaxe profesional de tódalas persoas que dun modo ou outro traballan ó servicio da sanidade en Galicia ou que estean interesadas en recibi-la dita formación, podendo levar a cabo os ditos fins, ben directamente, ou ben a través de convenios, acordos ou contratos con outras institucións públicas e privadas.

Neste senso, a FEGAS asinou un acordo de colaboración co Colexio Oficial de Enfermería da Coruña para a celebrar na Coruña un curso de diplomado en enfermería de empresa promovido conxuntamente por ámbalas dúas entidades.

Esta iniciativa de ofertar no ámbito da Comunidad Autónoma de Galicia un curso de diplomado en enfermería de empresa xustifícase pola forte demanda de formación existente nesta materia do colectivo profesional de ATS/DUE percibida tanto pola FEGAS como polo Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

O curso conta coa autorización expresa da Escola Nacional de Medicina do Traballo, por adaptarse os seus contidos ás súas directrices; os diplomas acreditativos, que lles serán expedidos ós participantes por ela teñen validez en todo o territorio nacional, e rexerase conforme as seguintes bases:

1. Normas xerais.

1. Convócase un curso de diplomado en enfermería de empresa organizado pola FEGAS e o Colexio Oficial de Enfermería da Coruña. O curso realizarase na sede do citado Colexio Oficial de Enfermería entre os meses de abril a xuño do ano 2003.

2. O número de prazas convocadas para o curso é de 45 como máximo, que se cubrirán por concurso de méritos se o número de aspirantes excede da citada cifra; sen prexuízo do anterior, o curso non se celebrará no caso de que non se alcance un mínimo de 30 participantes. Terá unha duración de 300 horas, 200 teóricas e 100 prácticas, que se realizarán en empresas.

3. Os méritos valorables no concurso serán os que se establecen no baremo que figura como anexo I da presente convocatoria.

4. Non serán valorables os méritos alegados que non se xustifiquen ou acrediten da forma prevista neste acordo. Ademais, a presentación da documentación acreditativa deles deberá achegarse, inescusablemente, no prazo e xunto coa solicitude e demais documentación esixida para participar no curso, sen que sexa posible utiliza-lo prazo previsto na base V.4 do presente acordo para achegar calquera tipo de documentación relativa ós ditos méritos alegados.

2. Requisitos.

1. Será requisito común para tódolos aspirantes posuí-lo título de ATS/DUE, que se acreditará mediante a presentación de fotocopia compulsada do correspondente título ou do certificado de depósito de ter satisfeitos os dereitos.

2. Os aspirantes ás prazas deberán posuí-la nacionalidade da Unión Europea, o que se acreditará coa presentación da fotocopia do documento nacional de identidade do país comunitario que corresponda.

3. Os dous requisitos anteriores ter cumpridos polos aspirantes no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias.

3. Solicitude.

1. A solicitude para participar no curso constará dunha instancia, segundo modelo oficial, e dun modelo de autobaremación de méritos académicos e profesionais que poderá ser recollida polo aspirante nos seguintes lugares:

a) Na sede da FEGAS en Santiago de Compostela.

b) Na sede do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

2. Xunto coa solicitude, os aspirantes presentarán a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos específicos da base II, así como a documentación acreditativa dos méritos alegados.

3. Os interesados en ser admitidos dirixirán a solicitude á FEGAS, situada no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP: 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), mediante a súa entrega na sede dela ou mediante correo certificado dirixido á FEGAS nun sobre cerrado, sempre que na solicitude conste a data de envío debidamente cuberta pola correspondente oficina de correos.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contado a partir do día seguinte ó da publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

5. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Dirección da FEGAS fará pública a lista provisional de admitidos e excluídos ó curso que se publicará nos taboleiros de anuncios da FEGAS e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, con indicación das causas de exclusión.

Coa dita lista preténdese que tódolos aspirantes a participar no curso teñan acreditados os requisitos esixidos na base II e nos puntos 1, 3, e 4 da base III.

6. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista, para emenda-lo defecto que motivase a súa exclusión. Transcorrido o dito prazo e á vista das alegacións dos interesados, a Dirección da FEGAS acordará a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos que se publicará nos mesmos lugares establecidos no punto anterior. Neste senso, a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas alegacións, entenderanse implícitas no acordo que publique a dita lista definitiva.

4. Comisión de selección.

1. A selección dos aspirantes ó curso convocado faraa por unha comisión de selección paritaria formada por representantes da FEGAS e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

2. A composición da comisión de selección, que presidirá o director da FEGAS, publicarase nos taboleiros de anuncios da FEGAS e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

5. Proceso de selección.

1. A comisión de selección procederá a valora-los méritos que, debidamente acreditados, sexan achegados polos solicitantes, na forma prevista no punto 4 da base I do presente acordo, aplicando o baremo que figura como anexo I desta convocatoria.

2. En caso de empate, terá prioridade o aspirante que conte con maior puntuación no capítulo 2 do baremo establecido que figura como anexo I: méritos profesionais en saúde laboral, e, no caso de novo empate, o aspirante decidirase ó chou.

3. Rematado o proceso de valoración, a comisión de selección elaborará unha lista provisional dos aspirantes por orde correlativa da puntuación obtida por cada un deles no curso convocado.

4. Esta comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos ó curso. A dita publicación farase nos taboleiros de anuncios da FEGAS e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, e contra ela poderán reclama-los interesados a partir do día seguinte ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 10 días hábiles, mediante escrito dirixido á propia comisión.

5. Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamacións presentadas, a comisión de selección acordará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos ó curso, que se publicará nos lugares descritos no parágrafo anterior.

6. O custo dos dereitos de inscrición no curso ascenderá á cantidade de 1.500 euros por participante, que deberá ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma e prazo que se comunique individualmente ós aspirantes admitidos.

7. Se algún dos aspirantes inicialmente seleccionados non satisfai no prazo que se lle indique os dereitos de inscrición, a comisión de selección, de xeito automático, ofertará a participación no curso que corresponda ós aspirantes non seleccionados, utilizando para iso o criterio sinalado no baremo do anexo I deste acordo.

6. Desenvolvemento do curso.

1. O curso se desenvolverá por medio de ensinanzas teóricas e prácticas de trescentas horas e nas materias establecidas no anexo II.

2. Os alumnos matriculados estarán obrigados a asistir ás clases teóricas e prácticas. A ausencia superior ó 10% das horas lectivas dará lugar á perda de tódolos dereitos do alumno incluíndo o importe da matrícula.

3. A FEGAS e o Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, de acordo coa comisión de seguimento, determinarán o tipo de probas que terán que supera-los aspirantes ó diploma, que será expedido pola Escola Nacional de Medicina do Traballo.

7. Comisión de seguimento.

1. Co fin de establece-la necesaria coordinación, vixilancia e arbitraxe da convocatoria e determina-los criterios para o desenvolvemento e avaliación do curso, crearase unha comisión de seguimento.

2. A comisión de seguimento constituirase no Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, e será presidida polo director do curso, e dela formarán parte os coordinadores dos módulos correspondentes ó programa del.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2002.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de

Administración Sanitaria

ANEXO I

Baremo de méritos académicos e profesionais

1. Méritos académicos correspondentes ós estudios de diplomado en enfermería ou axudante técnico sanitario ou practicante ou enfermeira.

Cualificación por curso, nota media:

Puntuación.

Sobresaliente con matrícula de honra: 2.

Sobresaliente: 1.

Para a obtención da nota media non se terán en conta as cualificacións obtidas nas materias de relixión, moral profesional, deontoloxía e ética, educación física, formación política, ensino de fogar e idiomas.

Estes méritos acreditaranse coa certificación académica oficial orixinal ou fotocopia, debidamente legalizada ou compulsada.

2. Méritos profesionais en saúde laboral.

2.1. Cursos de saúde laboral: valoraranse os desenvoltos na Escola Nacional de Medicina do Traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, escolas profesionais de medicina do traballo da Universidade e da Escola Nacional de Sanidade, así como aqueles organizados por institucións privadas acreditadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Valoraranse as horas lectivas acreditadas por diploma ou certificado orixinal ou fotocopia debidamente legalizada ou compulsada (especificando a duración total do curso), con 0,2 puntos cada dez horas, ata un máximo de 3 puntos.

2.2. Traballos científicos en saúde laboral: valoraranse os traballos científicos sobre saúde laboral publicados en revistas científicas españolas ou extranxeiras, así como comunicacións sobre saúde laboral aceptadas e presentadas en congresos. Para a súa valoración deberanse presentar separatas ou fotocopias legalizadas ou compulsadas dos traballos xa publicados.

Concederase unha puntuación de 0 a 1 punto por traballo publicado, a criterio da comisión de selección, ata un máximo de 3 puntos.

2.3. Servicios prestados en servicios de prevención das empresas, como ATS, diplomado en enfermería ou pertenza ó corpo de ATS-visitador da Seguridade Social, Sistemas Autonómicos de Saúde ou do Instituto Social da Mariña.

Valoraranse os servicios prestados en servicios médicos de empresa, ou en actividades de prevención de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais con carácter interino, eventual ou contratado, que se desempeñaran na data en que se publica esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Os devanditos servicios acreditaranse con certificación oficial, na que consten de xeito expreso os anteriores requisitos, ou coa demostración dun vínculo laboral fidedigno (TC2, nómina oficial, etc.), e a súa validez será determinada pola comisión de selección.

Os aspirantes que pertenzan ó corpo de ATS-visitadores da Seguridade Social (Insalud ou Instituto Social da Mariña ou Sistemas Autonómicos de Saúde), deberán atoparse en activo no desempeño da súa praza e realizando funcións relacionadas coa saúde laboral, o que se acreditará coa presentación de certificacións expedidas pola autoridade correspondente, que asuma as competencias en materia de saúde laboral en cada ámbito territorial.

Valorarase con 0,1 punto por mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

Temario do curso

(300 horas lectivas)

1. Módulo 1. Normativa xeral de aplicación en saúde laboral.

1.1.Fundamentos legais e organismos implicados.

1.2. Ley de prevención de riscos laborais.

1.3. Regulamento e normativas asociadas dos servicios de prevención.

1.4. Actuacións da Comunidade Autónoma galega. Normativa nacional e europea.

1.5. A incapacidade temporal e a incapacidade permanente.

1.6. O accidente de traballo e a enfermidade profesional.

1.7. Medicina legal e saúde laboral.

2. Módulo 2. Saúde laboral, conceptos xerais e ámbito de actuación.

2.1. Saúde e traballo: risco laboral, dano e prevención.

2.2. A seguridade no traballo.

2.3. A hixiene industrial.

2.4. Ergonomía e a psicosocioloxía do traballo.

2.5. A enfermería do traballo.

2.6. A saúde laboral no Sergas e no Sistema Nacional de Saúde.

Módulo 3. Patoloxía relacionada coa actividade laboral.

3.1. Psicopatoloxía do traballo.

3.2. Toxicoloxía laboral.

3.3. Traumatoloxía laboral.

3.4. Oftalmoloxía laboral.

3.5. Otorrinolaringoloxía laboral.

3.6. Enfermidades respiratorias no eido laboral.

3.7. Dermatoloxía laboral.

3.8. Enfermidades infecciosas no eido laboral.

3.9. O cancro e a actividade laboral.

3.10. Trastornos cardiovasculares e a actividade laboral.

Módulo 4. Métodos de intervención en prevención de riscos laborais.

4.1. A emerxencia no medio laboral.

4.2. Emerxencias médicas e reanimación cardiopulmonar.

4.3. A vixilancia médica e epidemioloxía da saúde.

4.4. A educación sanitaria e a promoción da saúde.

4.5. A prevención postural e cinética no eido laboral.

4.6. A rehabilitación e readaptación no eido laboral.

4.7. A investigación en saúde laboral.

4.8. A informatización en saúde laboral.

4.9. Riscos laborais no persoal sanitario.

4.10. Estudio e prevención do absentismo laboral.

4.11. A historia clínica en saúde laboral.

Módulo 5. Prácticas que se realizarán en diversas empresas.

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA

DE GALICIA, S.A.