A evolución das circunstancias que operan nos acontecementos ligados ós vertidos do Prestige obriga a redefinir algúns conceptos da Orde do 30 de
decembro de 2002, pola que se establecen indemnizacións polo cesamento total da actividade de retallistas e vendedores ambulantes de peixe e mariscos que se subministren integramente en lonxas pechadas por decisións administrativas debido ós vertidos do Prestige (DOG do 31 de decembro).
Así mesmo, a Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, establece no seu artigo 43 unha modificación do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa regulación do prazo mínimo para a presentación de solicitudes de axudas e subvencións públicas, ampliándoo de 20 días hábiles a 40 días hábiles.
De igual modo, o citado artigo establece que as ordes de axudas e subvencións manteñan un escrupuloso respecto ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no que se refire á presentación de documentos que constan en poder da Xunta de Galicia.
Como queira que a orde que se modifica foi publicada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, require a súa adaptación ós anteriores mandatos legais.
Visto o anterior,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Os preceptos da Orde do 30 de decembro de 2002 pola que establecen indemnizacións polo cesamento total da actividade de retallistas e vendedores ambulantes de peixe e mariscos que se subministren integramente en lonxas pechadas por decisións administrativas debido ós vertidos do Prestige (DOG do 31 de decembro), quedan modificados nos seguintes termos:
Primeiro.-Modifícase o artigo 1º a), que queda como segue:
«Vendedores retallistas de peixe e marisco que exclusivamente vendan en mercados e prazas de abastos e se subministran en exclusiva en lonxas pechadas para o abastecemento dos productos que comercializa o solicitante, por decisións administrativas derivadas dos efectos dos vertidos do Prestige».
Segundo.-Modifícase o artigo 2º b), que queda como segue:
«O dereito a percibi-las indemnizacións cesará pasados sete días hábiles desde a data oficial de reinicio da actividade pesqueira e marisqueira».
Terceiro.-Modifícase o artigo 2º c), que queda redactado como segue:
«As indemnizacións previstas nesta orde imputaranse ó concepto orzamentario que se habilite e aboaranse quincenalmente de conformidade co procedemento aprobado por resolución da Consellería de Economía e Facenda do 15 de novembro de 2002».
Cuarto.-Modifícase o artigo 4º, número 3, que queda como segue:
«A data límite de presentación de solicitudes será o 18 de febreiro de 2003».
Quinto.-Modifícase o artigo 5º, que queda como segue:
«Artigo 5º.-Comprobación e control das indemnizacións.
Sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas, a Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá comproba-lo cumprimento dos requisitos da concesión das indemnizacións».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2003.
Juan Rodríguez Yuste
Conselleiro de Industria e Comercio
CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL
E TURISMO