No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.
Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado movemento nas empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste senso cabe dicir que nos últimos anos o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos, sen embargo é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde hai xa algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios na nosa Comunidade Autónoma. Por todo isto nos pasados exercicios económicos, a Administración turística galega, dentro das súas liñas de obxectivos, puxo en marcha unha serie de medidas de fomento destinadas á mellora dos sinalados establecementos hoteleiros e como queira que tal medida alcanzou basicamente os obxectivos inicialmente previstos pero existindo aínda necesidades de mellora dos establecementos no sector
hoteleiro, faise preciso articular no exercicio de 2002 unhas novas medidas de fomento, na liña das dos pasados así como unha nova destinada á implantación de sistemas de calidade.
En consecuencia e con cargo ós créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade e seguindo as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á mellora da infraestructura
hoteleira que pola súa conceptuación como actividade turística se considera incentivable ó abeiro do antedito Decreto 172/2001 e, polo tanto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Destinatarios.
A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo concederá, con cargo á aplicacións orzamentarias 10.05.751A.770.2 e 10.05.751A. 770.5 subvencións ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, en calquera das formas de posesión que determina o Código civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Ás ditas concesións destínase un crédito de 2.066.084 euros, distribuídos en 4 anualidades, a saber: no ano 2003, 810.335 A, no 2004, 507.961 A, no 2005, 431.483 A e no 2006, 316.305 A. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, seguirase o que dispoñen os artigos 16.dous e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2003, 2004, 2005 e de 2006 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do 40% do investimento subvencionable segundo o legalmente establecido no artigo 15 do Decreto 172/2001, do 12 de xullo,
sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2º.-Obxecto.
Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os seguintes investimentos:
* As accións que permitan a conversión dos establecementos hoteleiros comprendidos nos grupos 2, 3 e 4 e en establecementos hoteleiros do grupo 1 (hoteis).
* As accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis.
* As actuacións nas infraestructuras encamiñadas á adaptación de hoteis, abertos con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 267/1999, do 30 de setembro, pola que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros.
* As accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.
Abarcan estas accións a modernización e remodelación de tódalas instalacións, a creación ou mellora da oferta complementaria. Considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan dentro do obxecto desta orde así como os honorarios técnicos. Non se considera subvencionable ningún tipo de equipamento nin a lencería, enxoval, vaixelas e análogos así como tampouco a adquisición de terreos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.
Artigo 3º.-Condicións particulares.
1. Os establecementos para os que solicita subvención deberán de estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.
2. O investimento subvencionable non poderá ser inferior a noventa mil (90.000) euros. Non obstante, a comisión técnica poderá exceptuar este investimento mínimo subvencionable nos investimentos destinados á implantación de sistemas de calidade e de adaptación de hoteis ó Decreto 267/1999, do 30 de setembro, pola que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros.
3. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.
4. Os proxectos que se subvencionen terán que:
a) Comeza-la súa execución durante o ano 2003 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.
b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.
c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.
5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas:
a) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e mante-los durante un período de 5 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se teña xustificado correctamente o investimento subvencionado.
b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
c) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos nacionais ou internacionais.
d) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
* Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.
* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.
* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.
* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
* Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
* Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento mínimo subvencionable.
Artigo 4º.-Contía das subvencións.
Os proxectos que se contemplan nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 30% sobre o investimento subvencionable cando este teña por obxecto accións que permitan a conversión dos establecementos hoteleiros dos grupos 2, 3 e 4 en establecementos hoteleiros do grupo 1 (hoteis) e do 25% no caso das accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes, á adaptación de hoteis e á implantación de sistemas de calidade. Á dita cantidade engadiráselle 6.000 euros por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. A porcentaxe máxima de axuda non poderá superar, en ningún caso, o 40% do investimento subvencionable.
Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación pro
vincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia de localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.
b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.
c) Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente e visado no correspondente colexio profesional, que conterá memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50. Por resolución motivada da directora xeral de Turismo, visto o informe técnico correspondente, e tendo en conta a natureza do investimento pódese eximi-lo solicitante, logo de petición razoada deste, de presenta-lo proxecto básico; neste caso deberase presentar memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica.
d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.
e) Para os proxectos promovidos por personas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.
f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
g) Anexo II asinado e debidamente cuberto.
h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se lle solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.
2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite e logo de resolución, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.
3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.
As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo e no que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a súa data de autorización así como un informe de valoración da prestación do servicio, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída pola titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes do Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.
1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:
1º. A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras con elementos configuradores de producto turístico náutico o pola súa fisionomía tradicional mariñeira; a interese do espacio en relación a figuras de protección ambiental ou a declaración oficial como turístico do municipio.
2º. Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestructuras básicas e a oferta de servicios de utilización turística.
3º. O estado actual e as características da edificación conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.
4º. Número de postos de traballo que se vaian crear e o grao de estabilidade deles.
5º. As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.
6º. A oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento así como o aumento de categoría previsto para o establecemento.
7º. Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñecidos nos mercados, en particular os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.
8º. A relación entre a oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.
9º. Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.
10º. A incidencia que nos recursos turísticos ten na área do investimento consonte estudios e análises aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.
11º. Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.
2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará á directora xeral de Turismo os acordos adoptados. Dos ditos acordos redactarase a correspondente acta.
3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ámbolos prazos desde a recepción da notificación da resolución.
A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2003, 2004, 2005 e 2006 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.
4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.
Artigo 7º.-Das condicións xerais para as subvencións concedidas.
No prazo dun mes desde a notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:
a) Aceptación da subvención segundo modelo anexo III.
b) Proxecto definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión, agás nos casos de que o beneficiario estea eximido do requisito do proxecto.
Este proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá contar co informe favorable do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.
c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.
d) Proxecto definitivo de execución asinado polo técnico facultativo competente e visado no correspondente colexio profesional.
Se transcorrido o sinalado mes non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen
máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.
Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.
1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:
Fase de 2003: 1 de novembro de 2003.
Fase de 2004: 30 de xuño de 2004, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro do 2004.
Fase de 2005: 30 de xuño de 2005, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro do 2005.
Fase de 2006: 30 de xuño de 2006.
Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2003, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2003.
En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.
2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado. No caso de que o investimento xustificado fose menor do investimento mínimo subvencionable (90.000 euros) a Dirección Xeral de Turismo valorará as circunstancias que motivaron esta minoración e non fosen previsibles coa solicitude, e poderá, se é o caso, logo de audiencia ó interesado, revoga-la subvención concedida.
3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:
3.1 Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.
3.2 Facturas e certificación por conceptos, Modelo oficial, que se compón de cara, certificación en orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos contemplados no proxecto de execución e resumo xeral, elaborada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.
Cando o investimento subvencionable se referise ás accións contempladas no artigo 5º.1.c).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.
En calquera dos casos, nas facturas deberá especifica-lo interesado a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.
3.3 Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara. Poderase apraza-la presentación deste documento ata a derradeira solicitude de pagamento sempre e cando se teñan iniciados os trámites para a súa concesión, o que deberá xustificarse.
3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3º.5 e no anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.
3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación:
1. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
2. Informe da correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de se teren cumprido tódolos trámites administrativos relativos ás modificacións efectuadas.
3.7. No caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 30.050,60 A, cando se solicite o pagamento da anualidade de 2003 ou, se é o caso, de 2004, 2005 ou 2006, ademais da presentación da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén deberán concorre-las seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Deberá solicitalo o interesado.
b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.
c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.
d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.
3.8. En calquera caso os pagamentos parciais teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.
A garantía ou aval deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo
de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.
Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.
Disposición transitoria
Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderase condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, subsistan as mesmas circuntancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvención reguladas na presente orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.
Disposiciones adicionais
Primeira.
A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.
A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.
Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 60.101 A.
En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segunda.
As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:
I. Autoemprego.
II. Indefinidos.
III. Fixos-descontinuos.
Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.
Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.
O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.
Terceira.
De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector
ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.
Cuarta.
Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.
Quinta.
Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Sexta.
No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2006. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención conforme o sinalado no artigo 6º.3 desta orde.
Sétima.
No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.
Disposicións derradeiras
Primeira.
As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.
Segunda.
En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura, Comunicación Social
e Turismo