Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Martes, 11 de febreiro de 2003 Páx. 1.527

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2003 pola que se anuncian cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ó ensino non universitario, buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades de relación, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto, cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para imparti-las clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellora-lo dominio que desa lingua teñen os alumnos.

A promoción e o ensino da lingua galega correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como o determina o Decreto 213/1998, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, e o 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas precisas para que o persoal ó seu servicio acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que se realizarán naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (Lei 6/2002, do 27 de decembro), por unha contía máxima de 44.550 A (corenta e catro mil cincocentos cincuenta euros).

3. As retribucións correspondentes son as establecidas no Decreto 202/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xuño).

Artigo 2º

1. Os cursos impartiranse durante o ano 2003. A data de comezo, o lugar de realización e o horario determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

4. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se efectuarán as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que teñan supe-

radas as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 3º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será o dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 4º

1. O número de asistentes a cada curso será de 35 como máximo e de 15 como mínimo.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). Ó formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º

Tódalas actividades que se realicen nos cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria