Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Martes, 11 de febreiro de 2003 Páx. 1.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2003 pola que se anuncian cursos básicos e medios de linguaxe administrativa galega para o persoal das administracións públicas de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, mándalles ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando, progresivamente, no uso do galego o persoal que traballa ó servicio da Administración pública e das empresas de carácter público en Galicia.

Entre as funcións e competencias da consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 213/1998, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación de lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ó servicio das administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública, segundo o establece a Lei 10/1989.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, 29 cursos (básicos e medios) de linguaxe administrativa galega que se van realizar nas provincias de: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A distribución dos tipos de cursos (básico, medio) e das edicións de cada un dependerá do número de solicitudes para cada provincia. O número de prazas por curso oscilará entre 35 como máximo e 20 como mínimo.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en marzo/abril, en horario das 17 ás 20 horas, e a segunda en outubro/novembro, coa mesma distribución horaria.

2. O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (Lei 6/2002, do 27 de decembro), por unha contía máxima de 86.260 A (oitenta e seis mil douscentos sesenta euros).

3. As retribucións correspondentes son as establecidas no Decreto 202/2002, do 6 de xuño de 2002 (DOG 17 de xuño).

Artigo 2º

Os cursos van dirixidos ó persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. Reservarase o 75% das prazas para o persoal da Administración autonómica galega.

Artigo 3º

1. As solicitudes, utilizando o modelo de instancia que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, nos gabinetes de normalización das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das dependencias ás que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Poderase presentar unha única solicitude para as dúas quendas. No caso de que un candidato non sexa seleccionado para a primeira quenda, a solicitude terase en conta tamén para a segunda. Só se deberá indica-lo horario na solicitude, cando non se poida participar noutro distinto.

3. Os que aspiren a participar no curso básico de linguaxe administrativa engadiranlle ó modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación de lingua galega.

4. Os que aspiren a participar no curso medio de linguaxe administrativa engadiranlle ó modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega ou o de perfeccionamento de lingua galega.

5. O prazo de presentación das solicitudes será:

-Para os cursos que se inicien nos meses de marzo/abril, vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para os cursos que comecen en outubro/novembro, ata o 15 de setembro. Os solicitantes que non foran seleccionados na primeira quenda, non precisan presentar unha nova solicitude para participar na selección da segunda.

Artigo 4º

1. Os criterios de selección, de conformidade co establecido nas letras c) e d) do epígrafe C) da resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994, modificada pola Resolución

do 5 de xaneiro de 2001 (DOG nº 14, do 19 de xaneiro), serán os seguintes:

a) Para os cursos básicos de linguaxe administrativa galega, e por esta orde:

1º A antigüidade na finalización do curso de iniciación á lingua galega. No caso de que na certificación de validación do curso de iniciación de lingua galega non figure a data exacta de remate, terase en conta a data de expedición da certificación.

2º O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública.

3º Antigüidade na Administración.

Quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación de perfeccionamento de lingua galega ou de calquera dos certificados equivalentes, segundo o establecido na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1998, pola que se declaran as equivalencias entre os distintos cursos e probas de lingua galega (DOG nº 240, do 14 de decembro).

b) Para os cursos medios de linguaxe administrativa galega, e por esta orde:

1. A antigüidade na finalización do curso básico de linguaxe administrativa galega ou o de perfeccionamento de lingua galega. No caso de que na certificación de validación do curso de perfeccionamento de lingua galega non figure a data exacta de terminación, terase en conta a data de expedición da certificación.

2. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública.

3. Antigüidade na Administración.

Quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación ou diploma dos cursos de linguaxe administrativa, cursos de linguaxe xurídica galega e cursos de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta, expedidos pola Escola Galega de Administración Pública, ou homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera dos certificados ós que se refire o artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1998.

2. As listas de seleccionados para participar nos cursos faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública, da Oficina de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e nas delegacións provinciais desa mesma consellería.

3. A data exacta de comezo notificaráselles directamente ós seleccionados.

4. Os cursos que se realicen en Santiago de Compostela impartiranse nos locais da Escola Galega de Administración Pública. Os das demais localidades especificadas no artigo 1º impartiranse nos lugares que determine o gabinete de normalización lingüística de cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Sobre a admisión de solicitudes resolverá a Escola Galega de Administración Pública. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 5º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos e a asistencia. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 6º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria