Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.731

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2003 pola que se convocan para o ano 2003 as axudas ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario, fixando as regras xerais de procedemento e os criterios básicos polos que se rexerá a concesión de axudas ás devanditas organizacións profesionais. No mesmo decreto habilítase a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolve

mento Rural para que o desenvolva, tanto en materia de subvencións como no relativo á subscrición de convenios de colaboración.

En consecuencia, e de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las subvencións ás entidades representativas do sector agrario para a realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse beneficiar das axudas establecidas na presente orde as organizacións profesionais agrarias, que estean legalmente constituídas e que no seu obxecto social recollan a representación profesional dos seus asociados.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. Poderanse subvenciona-las solicitudes de axuda para actividades que se realicen durante o ano en curso, sempre que se cumpran as condicións esixidas nesta orde.

2. Consideraranse subvencionables os gastos derivados das seguintes actividades:

a) Representación dos intereses dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo e outros órganos colexiados que, para a defensa dos dereitos dos seus representados, constituíse a Administración.

c) Formación dos asociados e demais membros familiares, así como dos xerentes e persoal técnico das entidades asociativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 4º.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria, poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións beneficiarias desta axuda para a realización de actividades concretas que solicitasen os interesados e que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización peticionaria, xunto coa documentación que se detalla no artigo 7º desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do modo pre

visto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicita-la subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.

2. Memoria explicativa e suficientemente detallada das actividades que teña previsto desenvolver cada organización profesional durante o ano 2003.

3. Copias compulsadas do CIF da organización solicitante e do DNI do seu representante.

4. Certificación bancaria do número de conta.

5. Certificación sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e dos compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ó abeiro desta orde.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

As axudas outorgaránselles ás organizacións profesionais agrarias de xeito proporcional ós representantes que acadaron nas eleccións a cámaras agrarias, que tiveron lugar en Galicia o 26 de maio do ano 2002, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 195/1994, do 16 de xuño, que establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario, en concordancia co disposto no artigo 40 da Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias.

Artigo 9º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que se proceda á súa revisión e tramitación, comprobando se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos establecidos nesta orde e que as actuacións e actividades incluídas na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se o impreso de solicitude non está debidamente cuberto, se non se achega a documentación esixida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requiriranse os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os

documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, consideraranse desistidos da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para esta liña de axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería. Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, como órgano competente para resolver.

2. A consellería notificaralles ás organizacións beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das peticións presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. O prazo para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse entender desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 11º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 12º.-Financiamento.

As subvencións concedidas e os convenios de colaboración que se poidan establecer, segundo a presente orde, imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.480.0 Axudas ó asociacionismo agrario, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe máximo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros, (150.253 A).

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. Para proceder ó pagamento da axuda concedida é imprescindible que, previamente, a organización beneficiaria presente a seguinte documentación:

-Certificación da organización na que se detalle a súa aceptación expresa da axuda nos termos en que se lle concedeu.

-Memoria da organización, debidamente asinada, na que se detallen as accións e actividades obxecto de subvención que se desenvolveron durante o ano 2003.

Tamén se desagregarán en capítulos os gastos que tiveron lugar como consecuencia da súa realización.

-Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da organización. A suma do seu importe non poderá supera-lo 70% do total de gastos presentados.

-Facturas orixinais dos gastos, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización beneficiaria. As facturas deberán leva-lo IVE desagregado correctamente.

-Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización.

2. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, o seguimento e o control desta axuda.

3. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deberanse presentar no prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención. O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás organizacións beneficiarias.

4. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente no Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, con enderezo na rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela.

5. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas, documentación e demais xustificantes que se presenten ó respecto, de acordo co establecido nesta orde e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos, unha vez descontado o IVE, sexan inferiores ó importe da subvención concedida, practicarase a reducción proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. As organizacións profesionais beneficiarias deberán comunicarlle obrigatoriamente á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da subvención concedida.

Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afectar para a concesión desta axuda será causa suficiente para a súa denegación ou posterior devolución.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a citada dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As organizacións profesionais beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as organizacións beneficiarias desta axuda non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas dictadas en aplicación da presente orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, os beneficiarios da presente orde de axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural