Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de febreiro de 2003 pola que se convocan bolsas para coordinación e tratamento documental do inventario e catalogación de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confecciona-lo inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentar cientificamente estas e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidado e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento polos mesmos dos fins e obrigas que lles son propios.

En cumprimento destas funcións convócanse bolsas de formación para a realización do inventario de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego. Estas bolsas precisan de coordinación técnica para controla-lo traballo desenvolvido polos bolseiros e resolve-las dúbidas que xurdan no seu quefacer diario. Para realizar estes traballos precísanse persoas con experiencia neste tipo de tarefas de inventario, polo que se estipula como requisito indispensable ter desfrutado, con anterioridade de dúas ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para inventario e catalogación de fondos de museos.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócase unha bolsa para coordinación e tratamento do inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.352B-480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2003. O importe total das axudas en ningún caso excederá a cantidade de 7.312 A.

2. O bolseiro realizará o seu traballo nos servicios centrais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos centros museísticos de Galicia que se van coordinar.

3. Os traballos terán unha duración de 8 meses, a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

4. O bolseiro seleccionado quedará obrigado a:

-Ter dispoñibilidade horaria. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo coas necesidades do seu traballo. En todo caso o horario non excederá as 30 horas semanais.

-Segui-las indicacións técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Dispoñibilidade para desprazarse polos centros museísticos de Galicia.

-Entregar ós servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, mensualmente, informe do traballo realizado e ó finaliza-la bolsa a memoria explicativa resultado do seu traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Licenciados universitarios con formación académica en historia ou historia da arte e con coñecementos de museoloxía.

-Ter desfrutado, con anterioridade, de dúas ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para inventario e catalogación de fondos de museos.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no Rexistro Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que hai que presentar:

-Anexo I debidamente cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Só se contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

4. Unha vez outorgada a bolsa, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitarlle ó seleccionado a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán ser presentados nun prazo non superior a tres días, contados a partir do momento do seu requirimento público.

5. En caso de renunciar á bolsa o interesado deberá comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no prazo de tres días despois da notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nas súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no prazo estipulado quedará sen efecto o seu nomeamento e será motivo de exclusión na próxima convocatoria.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario para efectos de presentación na próxima convocatoria.

6. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada.

Artigo 3º

O importe da bolsa non excederá da cantidade de 7.312 A.

Artigo 4º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderán reclamar, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días hábiles, desde a notificación de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, farase segundo o seguinte baremo:

a) Especialidades:

-Especialidade en historia da arte: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en historia ou etnografía: 3 puntos.

b) Experiencia de traballo:

-Experiencia de traballo remunerado en catálogos e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en museos. Por cada mes: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

c) Cursos relacionados coa especialidade do campo ó que opta:

-Por cursos de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,60 puntos. Ata un máximo de 2,40 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 250 ou máis horas: 1,25 puntos. Ata un máximo de 2,50 puntos.

d) Congresos relacionados coa especialidade do campo ó que opta:

-Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

e) Publicacións relacionadas coa especialidade do campo ó que opta, impresas antes do remate do prazo de presentacións de solicitudes:

-Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

-Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación, asistencia a congresos ou traballo realizado.

f) Doutoramento:

-Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1,5 puntos.

-Pola realización da tese de doutoramento: 1,5 puntos.

g) Cursos de galego:

-Iniciación: 0,5 puntos.

-Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

h) Cursos de informática:

-Informática en xeral: 0,10 puntos por curso. Ata un máximo de 1 punto.

-Informática aplicada ós museos: 0,25 puntos por curso. Ata un máximo de 1,50 puntos.

3. A lista provisional de bolseiros farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición da lista será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte á súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

4. Serán convocados, ante o Servicio de Arquivos e Museos, as 3 primeiras persoas da lista con motivo de selecciona-la persoa máis axeitada para levar a cabo os labores que ten encomendada a dita bolsa.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais nun prazo que non excederá de 3 meses tralo remate do prazo de presentación de instancias.

Calquera notificación ou requirimento ós interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, dando así cumprimento ó disposto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

7. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación da mesma ós interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados así mesmo desde a data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 5º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ó adxudicatario da bolsa poderáselle requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 6º

1. No caso de que o beneficiario da bolsa incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presenta orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo expedirá ó remata-los traballos, logo do informe favorable dos servicios técnicos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

3. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

4. Os traballos resultantes serán propiedade da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A utilización deles deberá contar coa autorización expresa e previa da dita consellería e do centro onde se realizaron os traballos.

Artigo 7º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo