Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de febreiro de 2003 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio do ano 2003, e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exer

cicio das competencias e funcións que ata o momento correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de Programas de Coo

peración, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa.

A filosofía dos denominados Programas de Cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de seren mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado a través do mantemento do servicio.

Os programas de cooperación concíbense ademais como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servicios, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, poidan situarse en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen especificamente ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, non poden perderse de vista as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o Emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades, presentes no deseño dos programas regulados nesta orde, e que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas na presente orde, realizarase con fondos finalistas transferidos pola Administración do Estado e con fondos propios libres da Comunidade autónoma, con cargo

ás aplicacións 14.04.241A.419.0, 14.04.241A.440.0 e 14.04.241A.480.1 e 480.2 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un impor-

te de, respectivamente, 420.708 A, 2.606.036 A, 2.571.388 A e 1.620.708 A.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, Inspección Xeral de Servicios e da Intervención Delegada e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria dos distintos programas de axudas da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego no ámbito da colaboración coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

1. Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais subvencionará ás entidades que, estando previstas no artigo seguinte contraten traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e axentes de emprego e/ou unidades de apoio, nos termos establecidos, respectivamente, nos capítulos II e III da presente orde.

2. A subvención consistirá no financiamento dunha contía equivalente ós custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores que se van contratar e, cando estes sexan beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia que reúnan os requisitos para percibilo, no financiamento do incentivo á mobilidade xeográfica, previsto no artigo 16º da presente disposición.

3. Estas axudas e subvencións financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.241A.419.0, 14.04.241A.440.0 e 14.04.241A.480.1 e 480.2.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas na presente orde os órganos, organismos e entidades dependentes ou vinculadas ás administracións públicas distintas da local e as universidades, así como as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de recoñecida solvencia e capacidade técnica e de xestión suficientes para a correcta execución dos correspondentes proxectos.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades que, estando previstas no artigo anterior pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-la correspondente solicitude nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que se publican como anexo I, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación que desempeña a persoa que asina a solicitude e, no caso de entidades sen ánimo de lucro, ademais fotocopias compulsadas do seu documento nacional de identidade e da documentación do apoderamento.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución da entidade solicitante nos que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos nos que tivese esa natureza.

d) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VI.

e) Unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo VII.

f) Exclusivamente no caso das axudas e subvencións previstas no capítulo II:

-Se é o caso, proxecto global do conxunto de plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

-Unha memoria de cada obra ou servicio que se vai realizar, no modelo que se publica como

anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

g) Exclusivamente no caso das axudas e subvencións previstas no capítulo III, unha memoria, no modelo que se publica como anexo IV, fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as tarefas que teña que desempeña-lo axente de emprego e, se é o caso, a composición e funcións que vai desempeña-la unidade de apoio.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O último día hábil do prazo para a presentación de solicitudes será o día 30 de setembro do ano 2003.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento requirirá ó solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do servicio de Programas de Cooperación e un funcionario adscrito ó servicio, actuando este último como secretario.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase reso

lución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

2. A resolución administrativa que poña fin ó expediente conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) A pertenza dos traballadores que se van a contratar ó Programa Labora, se é o caso.

d) Duración e data de inicio.

e) Contía da subvención que se vai outorgar.

f) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

g) Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

h) Se é o caso, código que hai que incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

i) Referencia ó cofinanciamento polo Fondo Social Europeo da subvención concedida, cando proceda.

3. A determinación da contía da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos beneficiarios do Programa Labora que reúnan os requisitos para percibilo, realizarase mediante resolución complementaria de conformidade co previsto no artigo 8.2º.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto administrativo recorrido no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto. Neste caso, non

poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego co código que, se é o caso, figure no anexo á resolución da concesión da subvención.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social.

c) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) No caso das axudas e subvención recollidas no capítulo II, o certificado previsto no artigo 15º.3 desta orde, relativo á selección e contratación de traballadores.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. O aboamento da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos traballadores contratados que sexan beneficiarios do Programa Labora, previsto no artigo 16º, farase efectivo unha vez comprobado o número de beneficiarios contratados que reúnan os requisitos para acceder a el e dictada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención Delegada.

3. A documentación xustificativa deberá remitirse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa da súa ampliación por aquela,

logo de solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 9º.-Incompatibilidade e obrigas dos beneficiarios.

1. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para man de obra, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

2. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde estarán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás que lle poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento da solicitude e no da xustificación previa ó pagamento.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen.

f) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servicios subvencionados, especialmente as de carácter salarial, tendo en conta que a retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable. Todo isto con indepen

dencia de que se percibise con anterioridade á subvención concedida.

g) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 10º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou a normativa que a desenvolva, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de

traballadores desempregados para a realización

de obras e servicios de interese xeral e social

Artigo 11º.-Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. No caso de que os traballadores desempregados que se vaian contratar sexan beneficiarios do Programa Labora, teranse en conta as especificidades previstas no Decreto 148/2002, do 18 de abril, e nos artigos 2º.2, 6º.2 c), 6º.3, 8º.2, 12º.1 b), 14º.3, 16º e na disposición adicional cuarta desta orde.

Artigo 12º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:

a) Para efectos salariais, a equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador contratado, maila cotización empresarial á Seguridade Social derivada do dito salario, todo isto con independencia da retribución que finalmente perciba o traballador.

b) Para efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 A mensuais por cada beneficiario do Programa Labora contratado que reúna os requisitos para percibilo.

2. A contía da subvención prevista na letra a) do parágrafo anterior reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se vaian realizar deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a súa duración máxima sexa de 12 meses.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos, farase unha selección dando maior preferencia a:

a) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade beneficiaria á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

c) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

d) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como ós actores sociais presentes no territorio.

e) Os proxectos de maior interese xeral e social.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas institucións sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 14º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado

desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ó posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios de selección:

a) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

b) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

c) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

d) Idade e condición de muller.

Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego de Galicia.

3. Cando a concesión da subvención estea vinculada á contratación de beneficiarios do Programa Labora, a selección dos traballadores desempregados realizarase por parte das entidades subvencionadas contra a base de datos de incorporados ó programa, logo de presentación por parte daquelas da correspondente oferta de emprego específica nas oficinas de emprego e nos centros asociados do Servicio Galego de Colocación habilitados para o efecto.

Os modelos e características desta oferta específica estableceranse por resolución dos órganos competentes do Servicio Público de Emprego.

Artigo 15º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, necesariamente dentro do ano 2003, nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión de axudas, utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción. Os traballadores que sexan parte nestes contratos non poderán repeti-la súa participación ata transcorridos tres anos desde o remate do anterior contrato desta natureza, sempre e cando o traballador

fose contratado baixo esta modalidade por un período superior a nove meses nos últimos tres anos, de acordo co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades, debendo incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 8º desta orde, un certificado do órgano competente no que consten os seguintes puntos:

a) A formulación da correspondente oferta no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitados polo Servicio Público de Emprego de Galicia.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 16º.-Incentivo á mobilidade xeográfica.

1. Os beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia que resulten seleccionados e contratados percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 7.3º do Decreto 148/2002, do 18 de abril.

2. As oficinas de emprego, unha vez recibidos os contratos de traballo de conformidade co previsto no artigo 15º.2, comprobarán cales e cantos dos traballadores contratados reúnen os requisitos para a percepción do incentivo á mobilidade xeográfica. Unha vez determinados, o director da oficina de emprego deberá remitirlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, por cada expediente, unha relación certificada destes para os efectos de dicta-la correspondente resolución complementaria, nos termos previstos no artigo 8º.2.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o director xeral de Promoción do Emprego poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, logo de solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 18º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio subvencionado, a entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego un informe pormenorizado sobre as obras ou servicios realizados, características dos contratos celebrados e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados, así como sobre as súas perspectivas de integración laboral, reintegrando, se é o caso, as cantidades non aplicadas á actividade subvencionada.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servicios deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado que será facilitado pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de axentes

de emprego e unidades de apoio para a creación

de emprego

Artigo 19º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto regula-la concesión de axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, para a realización de funcións relacionadas coa dinamización e xeración de novas actividades, colaborando na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, desenvolvéndose a antedita colaboración no marco de actuación conxunta e acordada da entidade contratante e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Os axentes de emprego e as unidades de apoio realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais de promoción económica e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego.

b) Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.

3. As unidades de apoio estarán compostas polo persoal necesario para a realización das tarefas que van desenvolver.

Artigo 20º.-Contía.

1. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ó resultado de multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos que corresponderan ó dito salario mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5, ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1, ambos inclusive.

Artigo 21º.-Selección dos axentes de emprego e dos integrantes das unidades de apoio.

1. A selección dos axentes de emprego e dos traballadores que formen parte da unidade de apoio será realizada por un grupo de traballo mixto, a través da presentación da correspondente oferta de emprego ante o Servicio Público de Emprego.

2. Ó grupo mixto corresponderalle, entre outras, a realización das seguintes funcións:

a) O establecemento dos criterios para a formulación da oferta de emprego.

b) A determinación do procedemento para a realización da selección, de entre os candidatos remitidos polo Servicio Público de Emprego, procurando a maior adecuación ó posto de traballo, velando polo cumprimento dos requisitos sinalados no parágrafo seguinte.

3. Os axentes de emprego e o persoal integrante das unidades de apoio deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) No caso dos axentes de emprego, ademais, deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

-Ter superado con éxito os estudios de segundo ou primeiro ciclo dalgún dos seguintes estudios universitarios: economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da Administración, enxeñería de montes ou agrónoma, ciencias empresariais, relacións laborais ou enxeñería técnica forestal ou agrícola.

-Ter superado con éxito os estudios de segundo ou primeiro ciclo doutras disciplinas distintas das enumeradas no punto anterior e acreditar, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (masters ou de especialización), en ámbolos dous casos en materias relacionadas coas funcións propias dos axentes de emprego sinaladas no artigo 19º.2 desta orde.

4. Para os efectos previstos neste artigo, o grupo de traballo mixto estará integrado por:

a) Un representante da entidade subvencionada.

b) Un representante da Dirección Xeral de Promoción do Emprego que a presidirá.

c) Un funcionario da Dirección Xeral de Promoción do Emprego que exercerá de secretario con voz e sen voto.

Artigo 22º.-Contratación.

1. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados celebraranse, necesariamente dentro do ano 2003, baixo a modalidade contractual de obra ou servicio determinado e comunicaranse á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades.

2. A subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio concederase por un período máximo dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos. Transcorrida a citada duración máxima, a contratación dos mesmos traballadores non poderá ser subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 23º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste capítulo ó abeiro da Orde do 18 de marzo de 2002 poderán solicitar á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado e/ou unidade de apoio, no modelo que se publica como anexo V, achegando coa solicitude (anexo I) unha memoria das actividades desenvolvidas, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación, especificando os obxectivos a levar a cabo no período para o que se solicita a prórroga e tempo estimado da súa execución.

Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efectos retroactivos, sempre que o remate do período subvencionado se produza dentro do ano 2003 e non se interrompese a contratación e a prestación de servicios.

Artigo 24º.-Seguimento e publicidade.

1. As entidades beneficiarias deberán remitirlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva das actividades realizadas polos axentes de emprego en cada semestre natural do ano, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Esta memoria presentarase durante o mes de xullo e durante o mes de xaneiro do ano seguinte, agás que o axente de emprego remate a súa prestación de servicios. Neste caso, a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

b) Un informe sobre as actividades realizadas e os obxectivos acadados pola unidade de apoio. Este informe presentarase no mes seguinte ó da finalización do período subvencionado.

2. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servicio, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado que facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde estará supeditada á exis

tencia de crédito nas aplicacións 14.04.241A.419.0, 14.04.241A.440.0 e 14.04.241A.480.1 e 480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes de subvención, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Promoción do Emprego.

Cuarta.-As entidades que, ó abeiro da Orde do 18 de marzo de 2002, contrataran beneficiarios do Programa Labora que cumpriran os requisitos esixidos para percibi-lo incentivo á mobilidade xeográfica de conformidade coa normativa vixente no momento da contratación, poderán solicitarlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego a correspondente subvención para o seu aboamento, con efectos desde a data de inicio dos contratos.

Así mesmo, no caso das entidades que, ó abeiro da citada orde, contratasen beneficiarios do Programa Labora e, de conformidade coa normativa en vigor, o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras, poderán igualmente solicitarlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego a subvención para o seu aboamento, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2003.

Quinta.-As previsións establecidas nesta orde relativas ó Programa Labora poderán estenderse ós beneficiarios daqueloutros plans de emprego que se puideran establecer pola Xunta de Galicia dirixidos a colectivos específicos de desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como mulleres, parados de longa duración, persoas con discapacidade, etc.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais