A disposición adicional décimo cuarta da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 crea un fondo para a atención de gastos polas actuacións necesarias para palia-las consecuencias derivadas do accidente do buque Prestige, que se xestionará extraorzamentariamente.
Con este fondo extraorzamentario preténdese consegui-la máxima urxencia e axilidade nos citados pagamentos, sendo o seu carácter transitorio ata a súa posterior imputación orzamentaria, conforme determina a mencionada disposición adicional.
En consecuencia, faise preciso desenvolve-lo procedemento para a súa xestión, coa finalidade de homoxeneiza-lo tratamento dos expedientes administrativos das distintas consellerías.
A disposición derradeira da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 autoriza o Consello da Xunta de Galicia para dictar, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do previsto nela.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo 1º
As consellerías que precisen incorrer en gastos para atende-las actuacións ás que se fai referencia no artigo 2 deste decreto, motivadas polo accidente do buque Prestige, incoarán os oportunos expedientes de gasto, de conformidade co previsto no capítulo III do título III do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia en concordancia coa disposición adicional décimo cuarta da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.
Artigo 2º
Os gastos que poderán tramitarse por este procedemento serán todos aqueles ós que deba facer fronte inicialmente a Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da súa posterior repercusión cara a outras entidades ou administracións incluíndose, con carácter xeral, tódolos tendentes a palia-las consecuencias derivadas do accidente e particularmente os motivados polas tarefas de limpeza, a solución ós vertidos, as perdas consecuentes nos sectores afectados, a reactivación da actividade nas zonas
e nos mencionados sectores e a recuperación ambiental que conduza ó restablecemento do equilibrio ecolóxico e á rexeneración do ecosistema.
Artigo 3º
A Consellería de Economía e Facenda establecerá a asignación da dotación inicial do fondo que corresponda a cada consellería, e, se é o caso, as posibles reasignacións posteriores para os efectos de que a mencionada dotación inicial, de 60.000.000 de euros, dea cobertura ás actuacións que, por razón competencial, deban ser acometidas polos distintos centros xestores.
Os gastos que sexa necesario realizar, unha vez superada a dotación inicial, darán lugar á incoación do oportuno expediente de incremento do fondo que se someterá ó acordo do Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 4º
Os documentos contables dos expedientes de gasto indicados no artigo 1º deste decreto dilixenciaranse en formalización con desconto na conta extraorzamentaria 311.009 Fondo para a atención de gastos Prestige, sen asinarse ata o momento en que deban imputarse ó orzamento.
Artigo 5º
Os expedientes xunto cos seus documentos contables serán remitidos, por cada consellería, á súa intervención delegada, que os revisará con carácter de urxencia e, en caso de consideralos completos e conformes, coa única salvidade da existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente, conformará o documento de proposta de gasto.
No caso contrario devolveraos á consellería para os efectos de resolve-las anomalías detectadas.
Os expedientes que resulten conformes serán custodiados pola intervención delegada da consellería ata que se proceda á súa imputación ó orzamento.
Un exemplar da proposta de gasto conformada, unha copia dos documentos contables ADOK e o orixinal do mandamento de pago extraorzamentario remitiranse á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda que tramitará o dito pagamento coa maior brevidade.
Artigo 6º
A totalidade dos expedientes tramitados imputaranse ó orzamento coa data límite do 31 de decembro de 2003, logo da información á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.
Artigo 7º
A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro notificará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma os pagamentos realizados por este concepto, con indicación dos conceptos orzamentarios afectados.
De existir crédito suficiente, imputaranse ó orzamento, e, se non existe crédito suficiente notificarase esta circunstancia á Dirección Xeral de Orzamentos para a instrumentación dos expedientes de modificación necesarios.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte tódalas disposicións que considere precisas para a eficacia e desenvolvemento deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2003.
Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda
CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E
DESENVOLVEMENTO RURAL