Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Xoves, 20 de febreiro de 2003 Páx. 1.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 12 de febreiro de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios do período 2000-2006 e se convocan para o exercicio orzamentario de 2003.

Dentro do Programa Operativo Integrado 2000-2006, incluíronse as actuacións relativas á mellora da transformación e comercialización dos productos agrarios, baseadas nos regulamentos (CE) 1257/1999 e (CE) 1750/1999. Na súa virtude, dentro do ámbito estatal, o Real decreto 117/2001, do 9 de febreiro, estableceu o marco normativo necesario para a xestión dos fondos que se achegaban para cofinanciar esta liña de actuacións.

En consecuencia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria dictou, con data do 4 de xuño de 2001, a orde pola que se establecían as condicións de concesión deste tipo de axudas para o período 2000-2006 e se convocaban as correspondentes ó ano 2001, baseándose as súas condicións e elaboración na antedita normativa comunitaria e estatal.

Con posterioridade confeccionouse o complemento do programa, segundo o disposto no artigo 9 do Regulamento (CE) 1260/1999, polo que foi necesario adapta-la orde xa publicada ó seu contido, dictándose consecuentemente con data do 20 de novembro de 2001 a orde pola que se modificaba a do 4 de xuño de 2001.

Por outra parte, a experiencia adquirida na xestión destas axudas fai conveniente introducir modificacións puntuais que afectan os conceptos subvencionables, prazos de solicitude e sistema de pagamento. Así mesmo, e co inicio do exercicio orzamentario 2003, procede realiza-la convocatoria correspondente a este ano.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983,

do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modifica-la Orde do 4 de xuño de 2001 pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006 e convoca-las correspondentes ó exercicio orzamentario do ano 2003.

Sección primeira: modificación da Orde do 4 de xuño de 2001.

Artigo 2º.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 4 de xuño de 2001 pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006:

1. Modificación do artigo 5º.5 da Orde do 4 de xuño de 2001.

O punto 5 do artigo 5º (condicionantes) quedará redactado como segue:

«5. A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural aprobará antes do 30 de abril de cada ano soamente aquelas peticións de axuda presentadas con data límite do 31 de xaneiro dese ano. No resto do ano aprobaranse peticións presentadas con anterioridade ó 1 de xuño dese ano».

2. Modificación do artigo 7º da Orde do 4 de xuño de 2001.

Engádese un punto 4 ó artigo 7º (pagamento das axudas) que terá a seguinte redacción:

«4. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos. Nese caso será necesario presentar unha garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ó remate do prazo de xustificación previsto.

A garantía deberá cubri-lo importe do anticipo xunto cos xuros deste calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas».

3. Modificación do anexo I da Orde do 4 de xuño de 2001.

Engádese un punto 4 no anexo I (investimentos que non poderán ser auxiliados) que terá a seguinte redacción:

«4. Independentemente das exclusións sectoriais sinaladas, non se considerarán subvencionables con ningún tipo de fondos os investimentos en novas instalacións de industrias de alimentación animal e matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que leven consigo o peche doutras instalacións da

mesma actividade en Galicia e se xustifique un abandono de capacidade equivalente».

4. Modificación do anexo II da Orde do 4 de xuño de 2001.

O punto 6 do anexo II (gastos non subvencionables) quedará redactado como segue:

«6. Traballos ou investimentos comezados con anterioridade á presentación da petición de axuda, agás os honorarios técnicos de proxectos, gastos de estudios de viabilidade económica, de solos, de mercado e semellantes e adquisición de patentes e licencias, sempre que sexan posteriores ó 1 de xaneiro de 2000».

Sección segunda: convocatoria de axudas para 2003.

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2003 as axudas reguladas pola Orde do 4 de xuño de 2001 (DOG nº 113, do 12 de xuño) pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006, modificada pola Orde do 20 de novembro de 2001 (DOG nº 228, do 26 de novembro), coas modificacións introducidas no artigo primeiro desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas para os investimentos en transformación e comercialización, deberanse cumpri-los requisitos establecidos na Orde do 4 de xuño de 2001 (DOG nº 113, do 12 de xuño) pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006, modificada pola Orde do 20 de novembro de 2001 (DOG nº 228, do 26 de novembro), coas modificacións introducidas no artigo primeiro desta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade contribuír ós investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de productos agrarios.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, documentación e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 4 de xuño de 2001 pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios durante o período 2000-2006, modificada pola Orde do 20 de novembro de 2001, coas modificacións introducidas no artigo 1º desta orde, salvo o modelo de solicitude (anexo A) que será o establecido na Orde do 30 de abril de 2002 (DOG nº 90, do 10 de maio). Para poder acollerse a esta convocatoria, as solicitudes de axuda deben estar presentadas antes do 1 de xuño de 2003.

2. Para acreditar estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda), o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para solicita-la expedición do certificado xustificativo correspondente, ou ben poderá autoriza-la Xunta de Galicia para que o solicite por vía informática. Neste último caso deberá cubri-la autorización que figura

como anexo B na Orde do 30 de abril de 2002 (DOG nº 90, do 10 de maio), e entregala co resto da documentación no momento de face-la solicitude de axuda.

Artigo 6º.-Financiamento.

Para facer fronte ás obrigas derivadas desta convocatoria, a concesión e pagamento das axudas no ano 2003 efectuaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.713A.770.0, dotada inicialmente con 7.500.000 euros, 09.04.714A.770.0 , dotada inicialmente con 50.000 euros, e 09.04.615A.770.0 dotada inicialmente con 50.000 euros, dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma para 2003, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural